culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Marceliano Álvarez Muñiz

Un pioneiro na experimentación agropecuaria en Galicia

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fernández Prieto, Lourenzo
  • Data de alta: 14/09/2012

Galeria


Casa do director da Granxa Agrícola-Experimental da Coruña.

Como citar esta páxina:

  • Fernández Prieto, Lourenzo ([2012], “Marceliano Álvarez Muñiz”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 03/06/2023] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=342
Untitled Document

Casa do director da Granxa Agrícola-Experimental da Coruña.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Descoñecida
  • Falecemento: Descoñecida
Descoñecemos datos básicos da biografía deste técnico, que tivo unha puntual relación con Galicia. Segoviano de nacemento, formou parte dunha das primeiras promocións da Escola de Enxeñeiros Agrónomos. Pertence, polo tanto, ao grupo inicial do corpo de enxeñeiros agrónomos, que quedou impresionado polas transformacións técnicas que no derradeiro cuarto do século XIX experimentaron algunhas agriculturas europeas e, sobre todo, a norteamericana. Os seus esforzos, como os do patriarca dese grupo, Eduardo Abela y Saínz de Andino, dirixíronse preferentemente a divulgar insistentemente os progresos técnicos das agriculturas máis avanzadas, buscando a sensibilización sobre a súa posibilidade de aplicación nas agriculturas peninsulares.

Álvarez Muñiz chegou á Coruña no 1897, precedido dun gran prestixio profesional, para dirixir a Granxa Agrícola-Experimental, de anormal funcionamento desde a súa creación once anos atrás. Se ben fugaz, o seu paso pola Coruña foi decisivo, tanto polo momento no que se produce: no abrollar do rexeneracionismo a resultas do desastre de fin de século, cando aínda se sufrían no agro galego os efectos da crise finisecular, e nun momento de aguda preocupación pola agricultura por parte de sectores destacados da intelectualidade galega; como polo cometido que se lle encarga: a posta en marcha definitiva do primeiro centro de experimentación agropecuaria creado polo Estado en Galicia. Durante o curto espazo de tempo que estivo á fronte do mesmo —ata 1904; logo pasou a ocupar a xefatura da Rexión Agronómica de Galicia—, Álvarez Muñiz estableceu unha ruptura substancial co período anterior.

A dirección de Álvarez Muñiz na Granxa-Escola (1897-1904)

Actuando con firmeza inusitada logrou achandar as dificultades administrativas que lastraban á Granxa e axiña puxo en marcha un ambicioso plano de traballo que intentou adaptar ás circunstancias económicas e físicas da agricultura do país, que el sitúa nun grao de incrible atraso. Os eixos desa proposta, que guiarán todo o seu traballo deica 1904, son os seguintes: renovación e especialización gandeira; en relación con isto un plan de cultivos pecuarios e outro dedicado en exclusiva ás producións máis solicitadas polos grandes mercados; por riba disto, a mellora xeneralizada dos procedementos de cultivo, asentada principalmente no emprego de maquinaria agrícola, para dirixir a agricultura galega por rutas máis racionais, en harmonía cos novos adiantos e lograr que os labregos galegos “camiñen pola senda do progreso”. A súa estancia na Granxa Agrícola experimental é lembrada polos ensaios con cruzamentos de gando, mellora dos prados e da maquinaria, así como polo labor de divulgación a través do Boletín.

Sobre estes presupostos articulou o traballo de experimentación aplicada, na procura a maioría das veces de solucións inmediatas, propósito ambicioso en demasía para as posibilidades e medios da Granxa. No plano zootécnico ensaiou numerosos tipos de cruces diferentes das razas do país con razas estranxeiras de diferentes aptitudes —suíza, holandesa, bretona e durham, entre outras. En canto á mantenza, realizou experiencias de alimentación de vacún, cabalar, porcino e galiñas con tortas de coco e liñaza, logrando apreciables aumentos de peso e da densidade do leite. Ademais deste penso fixo ensaios para corroborar as propiedades nutritivas do toxo e da herba seca e, entre as forraxes, puxo especial interese na substitución dos nabos pola remolacha, realizando diversas experiencias demostrativas da superioridade nutritiva da segunda para as vacas leiteiras e do seu maior rendemento medio —triplo que o do nabo. Tamén dedicou certa atención ao ensaio de distintas variedades de alfalfa, prados artificiais e trevos. A busca de maiores rendementos no cultivo de millo, trigo, centeo e patacas presidiu os ensaios de gran número de variedades foráneas —corenta no caso das patacas—, sempre acompañado dun esmerado cultivo e o emprego de fertilizantes, para os que ensaiou diversas fórmulas e mesturas. Pero quizabes foi a nova maquinaria a que mereceu máis atención por parte de Álvarez Muñiz, quen realizou os primeiros ensaios minuciosos, destinados a determinar a rendibilidade do seu emprego, comparando custos coa fórmula tradicional. Na Granxa experimentouse en especial coa máquina de mallar, a debulladora de millo, os cortapallas, machucadores de coxo, segadoras mecánicas e sachadoras, deixando en segundo plano os arados de veso.

Máis transcendencia que as propias experiencias, se cabe, tivo a publicación do Boletín de la Granja Experimental de Coruña, destinado a divulgar os resultados do traballo empírico. En realidade, como esta publicación mostra, máis que investigación aplicada Muñiz fixo empirismo e, sobre todo, divulgación de novidades. Este labor de divulgación prendeu en capas da fidalguía e da pequena burguesía de recente pero obsesiva preocupación polo mundo rural, no marco da difícil conxuntura finisecular. No ano en que apareceu (1899) constituíu a primeira publicación de carácter técnico-agrícola de Galicia, pero cando sae o último número en 1904, xa perdera ese carácter exclusivo. A través do Boletín, Muñiz logrou comprometer nas súas experiencias a numerosas persoas procedentes dos sectores sociais indicados que pasaron a actuar como colaboradores seus. Uns eran técnicos de fonda formación científica, como J. M. Hernansáez, e outros agraristas-experimentalistas afeccionados, como Valeriano Villanueva.

A característica máis destacada dos traballos e propostas de Álvarez Muñiz foi o impulso da innovación pola innovación, determinada polo intento de adopción indiscriminada de novidades estranxeiras. A continua reprodución de traballos foráneos no Boletín, acompañábase de ensaios orixinais tinguidos de empirismo, que decote non encaixaban nunha economía campesiña como a galega. Muñiz deu lugar a importantes erros e desenfoques que serían corrixidos anos despois e indicarían en negativo algúns dos camiños a seguir por futuros investigadores. O caso máis característico foi o do seu intento de mellora pecuaria, que acabou por derivar nunha babel de cruces indiscriminada con múltiples razas foráneas, a xuízo dos seus coetáneos. O certo foi que os seus sucesores tiveron que desandar os pasos que el dera para sentar as bases do proceso de mellora realizado a partir de 1905.

O maior logro da actuación de Álvarez Muñiz non ten que ver tanto coa investigación agropecuaria como coa consolidación definitiva dos marcos institucionais que a posibilitarán desde 1905. Baixo a súa dirección a Granxa Experimental da Coruña entrou ao fin en funcionamento: o Boletín ilustrou e puxo ao día a algúns inquietos sectores intelectuais galegos sobre as posibilidades da aplicación da ciencia á agricultura e constituíu unha canle esencial para a difusión, neste ámbito restrinxido, de novidades técnicas.



Bibliografía:



Fontes impresas

ÁLVAREZ MUÑIZ, M. (1884): Reseña de las enfermedades más comunes entre los animales de una explotación agrícola, y su curación por medicamentos y operaciones al alcance del ganadero, Madrid: Victoriano Suárez.

ÁLVAREZ MUÑIZ, M. (1887): El ramio : instrucciones prácticas para su cultivo, Madrid: Tipografía de los Huérfanos.

ÁLVAREZ MUÑIZ, M. (1899): Cultivo de la alfalfa, Boletín de la Granja Experimental de Coruña, 4.

ÁLVAREZ MUÑIZ, M. (1901): Esterilización de la leche, Boletín de la Granja Experimental de Coruña, 24.

ÁLVAREZ MUÑIZ, M. (1903): Dos nuevos piensos para el ganado, Boletín de la Granja Experimental de Coruña, 44: 19-21.

ÁLVAREZ MUÑIZ, M. (1903): Alimentación de las vacas lecheras, Boletín de la Granja Experimental de Coruña, 48.

ÁLVAREZ MUÑIZ, M. (1903): Cultivo comparativo de maices de gran rendimiento, Boletín de la Granja Experimental de Coruña, 54: 180-184.

ÁLVAREZ MUÑIZ, M. (1904): Cultivo de la patata, Boletín de la Granja Experimental de Coruña, 56: 28-31; 57: 37-38.

ÁLVAREZ MUÑIZ, M. (1904): Solidificación de la leche, Boletín de la Granja Experimental de Coruña, 58: 53-55.


Bibliografía secundaria:

ANÓNIMO (1897): Noticias, Madrid científico, 119: 659.

CABO VILLAVERDE, M. (1998): O agrarismo, Vigo: A Nosa Terra.

CABO VILLAVERDE, M. (2003): Prensa Agraria en Galicia, Ourense: Duen de Bux.

FERNANDEZ PRIETO, L. (1992): Labregos con ciencia, Vigo: Xerais.

FERNANDEZ PRIETO, L. e FRAGA VÁZQUEZ, X. A (2011): A Granxa Agrícola Experimental de Galicia (1888-1964), A Coruña: Museos Científicos Coruñeses.

LLOVERAS VILAMANYA, J. e GÓMEZ-IBARLUCEA SEMPERE, C. (1988): Cultivos anuales y sus rotaciones, Agricultura. Revista agropecuaria, 672: 494-496.