culturagalega.org

Domingo Antonio Camiña Fortes

Catedrático de anatomía con responsabilidades na xestión académica e nos planos de estudos

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Sisto Edreira, Rafael
  • Data de alta: 22/09/2012

Extras de Domingo Antonio Camiña Fortes: 

Extras sobre Domingo Antonio Camiña Fortes:

Galeria


Visita ao Hospital dun médico. Fonte: Historia de España de Menéndez Pidal (XXXV,2: 411).

Como citar esta páxina:

  • Sisto Edreira, Rafael ([2012], “Domingo Antonio Camiña Fortes”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 12/12/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=346
Untitled Document

Visita ao Hospital dun médico. Fonte: Historia de España de Menéndez Pidal (XXXV,2: 411).

Datos biográficos:

  • Nacemento: Descoñecida Santiago de Compostela
  • Falecemento: Descoñecida
Domingo Camiña asistiu na súa cidade natal, Compostela, aos cursos de lóxica, física e metafísica antes de iniciar, en 1766, os estudos de Medicina. Durante catro anos seguiu as cátedras de Prima, impartida por Francisco del Río Maldonado, de Método, rexida por Joseph Carrera, de Vísperas, a cargo de Lorenzo Bonet, e de Anatomía, impartida por Pedro Bedoia. Unha vez rematados os estudos teóricos en 1770, seguiu durante dous anos unha cátedra "en tempo de práctica", tamén impartida por Joseph Carrera. O Grao de Licenciado en Medicina foille outorgado o 23 de setembro de 1779.

Domingo Camiña foi nomeado en 1792 catedrático de Anatomía da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago. Nese mesmo ano noméase a Marcos Marín para a cátedra de Cirurxía, completándose así o proceso que se iniciara en 1751 coa creación dunha única cátedra de Medicina e Cirurxía. Domingo tivo unha actuación relevante no campo académico e unha activa opinión e participación nas reformas universitarias da época. Así, sendo decano da Facultade en 1806, asinou cos outros tres catedráticos de Medicina o informe contestación ao reitor Visitador citado por García Guerra, no que se expón polo miúdo a situación da facultade e se propoñen unha serie de melloras. Con todo, a súa actuación académica máis significativa tivo lugar trala guerra contra os franceses cando, sendo decano da facultade e argumentando a falta de médicos no exército e nos pobos, así coma a imposibilidade de seguir o plano de estudos de Salamanca tal e como se acordara no plano de 1807, propuxo, en colaboración con Ramón Herrera e co seu fillo Juan Camiña, un Plano de enseñanza de la Medicina para esta Universidad mientras SM no dispone otro general.

Este plano provisorio ven moi marcado polas difíciles circunstancias económicas que se viven despois da guerra, e só nese sentido se xustifica a escasa dotación de profesorado -cinco catedráticos- cos que se pretende desenvolver a ensinanza da medicina. Na práctica reléganse as ensinanzas da Historia da medicina, da Medicina legal, da Botánica e doutras materias "interin a universidade non poida establecer para elas cátedra nova". Aínda considerando as adversas circunstancias, o plano semella agachar unha posición bastante tradicional destes profesores con respecto á incorporación das materias científicas modernas, como o feito de encargar a Clínica ao catedrático de Prima. As consideracións máis modernas reflíctense no interese de que esta materia se impartise no Gran Hospital, pasando visita diaria aos enfermos, e na intención de contar cunha peza no propio hospital destinada ás diseccións anatómicas.

Consérvanse diversas testemuñas da súa actividade académica, referidas principalmente ás leccións públicas de anatomía baseadas en diseccións anatómicas feitas polo catedrático de Cirurxía. Estas convocatorias públicas que se recollen nas fontes impresas refírense aos anos 1799, 1800 e 1806, e nelas anúnciase que o disector Marcos Marín procederá nos días sinalados, sobre cadáveres e esqueletos, a realizar as diseccións. Mantense así a vella idea do "traballo sucio" que supoñen as diseccións e nas que o catedrático só intervén explicando as manipulacións do disector e os órganos e funcións que este deixa a vista. Barreiro (1998) referencia anuncios similares de demostracións anatómicas públicas nos anos 1784, 1795 e 1797.

Nas mencionadas diseccións anatómicas, que nos primeiros anos se concentran en dous días e posteriormente se distribúen ao longo do curso, os materiais empregados son unha libra de espliego, tres botellas de vinagre de cuartillo e medio e varías libras de xabón, se ben os gastos máis considerables corresponden aos mozos que se ocupan dos cadáveres, á lavandeira das catro sabas que se usan e ao pago da misa aplicada pola ánima do defunto, segundo se relaciona en forma manuscrita na parte posterior do impreso conservado no seu expediente persoal.

Domingo Camiña, que tiña o seu domicilio na Porta da Pena, foi membro da xunta da biblioteca universitaria dende 1810 a 1813 e escribiu unha obra titulada Sobre el uso de la leche de burra y de la utilidad de la paracentesis en la curación de la hidropesía aescitis, informada en 1791 pola Real Academia de Medicina. Barreiro (2003) atribúelle tamén un manuscrito perdido titulado Descripción de las plantas que crecen en las inmediaciones de Santiago, o que lle presume un importante interese na botánica.



Bibliografía:



Fontes documentais:

Arquivo Histórico da Universidade de Santiago. Serie Expedientes persoais, cartafol 184, doc. nº 11

CAMIÑA, Domingo Antonio (1799): El Dr. D. Domingo Antonio Camiña, perpetuo Cathedratico de Anathomia ... demonstrará en quatro Lecciones Anathomicas la extructura de algunas partes del Cuerpo humano por el siguiente orden. 1ª [Aorta Ascendente] 2ª [Aorta Descendente] 3ª [Caba Ascendente] 4ª [Caba Descendente] Cuyas partes manifestará D. Marcos Marin, ... en un Cadaver que estará patente al Public en la Real Universidad. [Leccións e data manuscrita: Los dias 30 de Abril y 4 de Mayo del año 1799]

CAMIÑA, Domingo Antonio (1800): El Dr. D. Domingo Antonio Camiña, perpetuo Cathedratico de Anathomia ... demonstrará en quatro Lecciones Anathomicas la extructura de algunas partes del Cuerpo humano por el siguiente orden. 1ª [Tegumentos del casco] 2ª [Casco y Dura mater] 3ª [Pía y Cerebro] 4ª [Nervios y oblongada] Cuyas partes manifestará D. Marcos Marin, ... en un Cadaver que estará patente al Public en la Real Universidad. [Leccións e data manuscrita: Los dias 24 y 29 de Enero de 1800]

Fontes impresas:

CAMIÑA, Domingo Antonio (1806): El Dr. D. Domingo Antonio Camiña, perpetuo Cathedratico de Anathomia ... disertará anatomicamente en ella acerca de las materias siguientes en este curso de 1806 a 1807. Día 20 Nov. [De la osteología de todo el tronco del cuerpo humano], Día 22 Enero [De la de los extremos superiores e inferiores], Día 5 de marzo [De los músculos del Abdomen, parte anterior del pecho, posterior del tronco, cabeza del húmero, brazo y mano], Día 16 de Abril [De las partes anterior y posterior del cuelo y de los extremos inferiores"]. Todas estas partes las manifestará D. Marcos Marin en esqueletos y cadáveres a las 9 de la mañana y a las 3 de la tarde en los días señalados. Santiago: D. Ignatii Aguayo.


Bibliografía secundaria:

BARREIRO FERNÁNDEZ, X. R. (1998): Historia da Universidade de Santiago de Compostela. Das orixes ó século XIX, Santiago: Universidade.

BARREIRO FERNÁNDEZ, X. R. (2003): Historia da Universidade de Santiago de Compostela. O século XIX, Santiago: Universidade, Parlamento de Galicia.

GARCÍA GUERRA, Delfín (2001): La Facultad de Medicina de Santiago en el siglo XIX, Santiago: Universidade.