culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

César Sobrado Maestro

O primeiro micólogo en Galicia

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Bugallo, Ánxela
  • Data de alta: 22/09/2012

Extras de César Sobrado Maestro: 

Extras sobre César Sobrado Maestro:

Galeria


Exemplar de "Morchella rotunda", da micoteca de César Sobrado Maestro. Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago.

Como citar esta páxina:

  • Bugallo, Ánxela ([2012], “César Sobrado Maestro”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 11/12/2023] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=347
Untitled Document

Exemplar de "Morchella rotunda", da micoteca de César Sobrado Maestro. Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Aguilar de Campóo (Palencia) 1876
  • Falecemento: Santiago de Compostela 1935
Estudou a carreira de Farmacia na Universidade de Madrid, licenciándose en 1898 con premio extraordinario e doutorándose, no ano 1902, na mesma Facultade con idéntica distinción. Durante eses anos foi un dos discípulos predilectos de Blas Lázaro Ibiza, un dos máis destacados representantes da Botánica española no tránsito entre os séculos XIX e XX.

A Botánica como vocación

A súa tese doutoral foi publicada en Madrid (Sobrado, 1902) baixo o título Observaciones sobre la estructura de algunos líquenes e trata das estruturas e das técnicas seguidas para o estudo dalgúns liques, así como das súas aplicacións medicinais, industriais e económicas (Roldán, 1975).

Foi auxiliar da Cátedra de Mineraloxía e Zooloxía de Madrid ata que conseguiu, a principios de 1902, por oposición, a mesma Cátedra na Universidade de Santiago. Neste destino permanecerá ata o seu pasamento. Dende 1909 compatibilizou este cargo co de Farmacéutico do Hospital Militar de Santiago e tivo acumulada á súa cátedra a de Botánica descritiva aplicada á Farmacia durante dous períodos sucesivos, de 1918 a 1922 e de 1923 a 1925.

Segundo Roldán (1975), o Ministerio de Instrucción Pública encomendoulle a Sobrado o estudo da flora das Illas Canarias e do Noroeste de África nos anos 1905 a 1906. Con este motivo formaría un magnífico herbario que pasou á Facultade de Farmacia de Santiago e redactou unha Memoria que permaneceu inédita.

Foi o catedrático encargado de dar o discurso inaugural do curso 1910-11: La división del trabajo en las colonias animales (SOBRADO, 1910). Sobre este tema peculiar realiza un estudo comparativo entre as colonias e as sociedades de animais, afondando na organización colonial dos celentéreos. Recoñece na generación ágama a causa primeira da formación das colonias, nacendo o primeiro individuo dun ovo fecundado e o resto a expensas do primeiro, sen necesidade de ovo nin fecundación. A división do traballo, ou solidariedade biolóxica, sería consecuencia da propia vida social.

Contribucións á Micoloxía galega

A pesar da súa cátedra de Zooloxía, Sobrado Maestro mergúllase no estudo dos fungos superiores en Galicia, publicando catro traballos sobre os macromicetos galegos no Boletín de la Real Sociedad Española de Historia Natural entre 1909 e 1912. A pesar diso non é citado por P. Unamuno (1933) nin por M. Losa (1944) cando publican as súas contribucións á micoloxía galega. Ambos si citan ao seu mestre Lázaro Ibiza, que xunto con Teixidor, consideran autores das primeiras citas de fungos galegos, correspondentes ao grupo de Ustilaginales e Uredinales.

Precisamente nas súas publicacións baixo o título de “Datos para la Flora Micológica Gallega”, Sobrado indica que se dedica ao estudo dos fungos nos arredores de Santiago por indicación do seu mestre Lázaro (Sobrado, 1909, p. 345). Consideraba ademais que “el clima fresco y húmido de este país se presta … para el desarrollo de estas plantas, á lo que se debe que durante todo el año, y muy especialmente en el otoño se disponga de abundante material de estudio.”

A maioría das especies citadas no primeiro traballo foron recollidas polo mesmo Sobrado, principalmente nos bosques de piñeiros, resaltando que presentaban “inmejorables condiciones para la vida de gran número de hongos, a juzgar por la abundancia con que éstos aparecen en los pinares”. Uns poucos exemplares debíanse á actividade doutro catedrático da Facultade de Farmacia, o profesor Eleicegui, amigo de Sobrado.

No seu estudo, Sobrado dá referencias útiles e precisas sobre as localidades e datas da recollida, principalmente Santiago e Pontevedra, incluído Lourizán, detallando ás veces o hábitat e dando conta de citas anteriores noutras partes da Península. Na publicación de 1911 apunta ademais o descubrimento dun número relevante de especies non citadas con anterioridade na Botánica española.

A colección de César Sobrado Maestro e a Sección de Santiago

O seu cuarto traballo publicado sobre os macromicetos aparece en 1912, baixo o título de “Notas para la flora micológica gallega”. No artigo Sobrado manifesta a súa intención de formar unha colección que sexa testemuña dos seus traballos. Comprende a dificultade da tarefa, dados os problemas de conservación dos fungos e polo cara que resultaría. Anuncia feliz, que o profesor García Varela puxo a súa disposición os recursos necesarios no Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago, onde deposita os primeiros 100 exemplares da futura colección.

Empregaron para a súa conservación solucións acuosas de formol, o que permitía que a forma xeral do fungo se mantivera, aínda que perdendo as súas cores. Mais na etiqueta orixinal indicaban as coloracións en fresco e os abondosos datos rexistrados por Sobrado nas súas publicacións sobre hábitat e data de recollida.

Esta colaboración co Museo universitario tiña ademais outro obxectivo. César Sobrado Maestro, que xa era socio da Real Sociedad Española de Historia Natural dende 1901, fora un dos impulsores da fundación da Sección de Santiago, na que ocupou o cargo de tesoureiro en 1910. Creada o 2 de marzo de 1909, a Sección estaba constituída case exclusivamente por profesionais das ciencias: Antonio Eleicegui, César Sobrado, Ruperto Lobo, Cándido Rios Rial, Armando Cotarelo Valledor, César Fernández Garrido, Eugenio Labarta, o Padre Merino e José Deulofeu, entre outros. Na súa sesión de constitución, celebrada no laboratorio de Zooloxía, tomaron unha decisión transcendental para o futuro do gabinete universitario, xa que deciden a formación de coleccións de Historia Natural de Galicia que sirvan de base para a constitución do que eles denominan o Museo Regional (Bugallo, 2003).

Todos estes datos de investigación e colaboración danlle un especial valor ás 88 mostras que quedan actualmente da colección elaborada por Sobrado. Na actualidade as mostras seguen conservadas en formol diluído e en frascos independentes para cada especie. Algunhas especies da micoteca non aparecen citadas nas publicacións do autor por terse recollido con data posterior.

O listado orixinal de Sobrado foi revisado por González Sangregorio e outros autores (1984), chegando á conclusión que 54 especies estaban correctamente citadas, 23 precisaron revisión e 11 non se podían identificar con seguridade, dado o seu estado de conservación, pois debido ás propiedades do medio conservante e ao paso do tempo, as mostras da micoteca perderon algunhas das características importantes para o seu recoñecemento.

Nunha segunda parte os mesmos autores fixeron un estudo taxonómico das especies citadas por Sobrado que non están na micoteca. Nas súas catro publicacións Sobrado sacou á luz 172 especies, co cal medrou o catálogo micolóxico galego en 121 especies.
En definitiva, datos que apuntan claramente ao catedrático Sobrado Maestro como o verdadeiro iniciador do estudio dos fungos superiores en Galicia e a colección que entrega para o Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago pode considerarse a primeira micoteca de Galicia.



Bibliografía:



Fontes impresas:

SOBRADO MAESTRO, C. (1902): Observaciones sobre la estructura de algunos líquenes. Discurso presentado para el grado de doctor en Farmacia, Madrid: Establecimiento Tipográfico de Idamor Moreno Cruzado.

SOBRADO MAESTRO, C. (1909a): Datos para la Flora Micológica Gallega, Boletín de la Real Sociedad Española de Historia Natural, IX: 345-348.

SOBRADO MAESTRO, C. (1909b): Datos para la Flora Micológica Gallega, Boletín de la Real Sociedad Española de Historia Natural, IX: 491-494.

SOBRADO MAESTRO, C. (1910): La división del trabajo en las colonias animales. Discurso leído en la Universidad de Santiago en la solemne inauguración del Curso Académico de 1910 a 1911, Santiago: Universidad.

SOBRADO MAESTRO, C. (1911). Datos para la Flora Micológica Gallega, Boletín de la Real Sociedad Española de Historia Natural, XI: 474-476.

SOBRADO MAESTRO, C. (1912): Notas para la flora micológica gallega, Boletín de la Real Sociedad Española de Historia Natural, XII: 168-170.


Bibliografía secundaria:

BUGALLO RODRÍGUEZ, Ánxela (2003): O Museo de Historia Natural "Luis Iglesias" da Universidade de Santiago, Santiago: Universidade.

GONZÁLEZ SANGREGORIO, M. V.; FREIRE, L.; CASTRO CERCEDA, M. L. (1984): Revisión de la micoteca de Sobrado Maestro, Anales de Biología, 1: 21-23.

LOSA ESPAÑA, M.(1944): Aportaciones a la flora micológica gallega, Anales del Jardín Botánico de Madrid, 4, 1: 195-240.

ROLDÁN GUERRERO, R. (1976): Sobrado y Maestro (César), Diccionario biográfico y bibliográfico de autores farmacéuticos españoles, Madrid: IMPHOE; T IV: 528-529.