culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Jesús Andreu Lázaro

A mellora gandeira e a Misión Biolóxica de Galicia

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fernández Prieto, Lourenzo
  • Data de alta: 04/10/2012

Extras de Jesús Andreu Lázaro: 

Extras sobre Jesús Andreu Lázaro:

Galeria


Misión Biolóxica de Galicia, centro do que foi constante fiador Jesús Andreu Lázaro.

Como citar esta páxina:

  • Fernández Prieto, Lourenzo ([2012], “Jesús Andreu Lázaro”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 22/07/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=352
Untitled Document

Misión Biolóxica de Galicia, centro do que foi constante fiador Jesús Andreu Lázaro.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Descoñecida
  • Falecemento: Descoñecida
Formado como enxeñeiro agrónomo, Jesús Andreu Lázaro, desenvolveu en Galicia —aínda que non era galego de nacemento— a maior parte da súa actividade profesional desde a primeira década do século XX deica os anos corenta, agás os períodos nos que desempeñou responsabilidades no Ministerio de Agricultura. Foi primeiro axudante, arredor de 1910, e, axiña, xefe do Servicio Agronómico Provincial de Pontevedra, cargo que exerceu durante varias décadas. Pero, en todo caso, a vinculación con Galicia, e en especial coa provincia de Pontevedra, vaina manter de por vida.

O labor teórico de Andreu Lázaro

En colaboración coa deputación pontevedresa, pioneira entre as galegas no fomento da renovación técnico-productiva, iniciou programas de mellora gandeira, tanto do vacún como do porcino. O seu opúsculo La mejora de la ganadería foi en orixe unha memoria elaborada polo Servicio Agronómico Provincial para o comité de mellora pecuaria constituído pola Deputación Provincial. Outro traballo seu máis completo en relación coa mellora xenética, Sobre la mejora del ganado bovino (1927), contribuíu a facer doutrina oficial do ministerio algunhas das propostas de mellora que estaban a ser executadas en Galicia desde anos antes. A colaboración entre a deputación e o Servicio Agronómico en canto á mellora pecuaria, permitiu realizar na provincia pontevedresa un labor semellante ao que levaba a cabo no norte a Granxa da Coruña.

O traballo práctico na mellora xenética

O máis substantivo e innovador do traballo realizado por Andreu Lázaro foi a posta en práctica dun programa para a mellora xenérica do porcino, baseado no cruce xeneralizado da raza do país coa Large-White. Así, nos anos vinte, estableceu un cruzamento absorbente usando reprodutores Large-White, seguido da selección xenealóxica correspondente, pero abandonando a selección en pureza que viña sendo propugnada por outros técnicos. O porco é, para o agrónomo, o animal máis importante da economía labrega xa que a relación entre o que produce e o que gasta é considerablemente favorable ao produtor. Así, establece nas súas reflexións —publicadas na revista oficial do Ministerio de Fomento— a cantidade idónea de alimentos que o animal debía inxerir para establecer unha relación adecuada entre peso e tempo de mantenza. As conclusións ás que chega prodúcense grazas á experiencia directa con animais en graxas de experimentación porcina e aos estudos que se realizaban nos anos vinte en Inglaterra. Tamén establece a relación entre alimentación e patoloxías do porco, o que facilita a prevención de enfermidades e a mellora da carne.

A mesma experimentación é a que aplica ao gando bovino, establecendo unha relación entre a alimentación dos animais e a carne que produce: “cómo el animal bien criado contiene en sus tejidos hasta el doble de energía que el flaco, que es tanto como decir que su poder alimenticio para el hombre está en la misma relación”. Neste caso, para documentar os resultados, Andreu bota man de experiencias realizadas en Estados Unidos na década dos vinte, xusto cando el realiza os seus estudos. Isto amosa a importancia deste persoeiro, atendo aos avances que na materia agronómica se estaban a levar a cabo en diferentes países.

Este mesmo esquema, aplicado con todo rigor, será levado a cabo pola Misión Biolóxica nos anos trinta. Mais cóubolle a Andreu Lázaro o mérito, tanto de centrar a súa atención no porcino, cando os esforzos se dirixían case en exclusiva cara ao bovino, como de pór xa en práctica unha fórmula de mellora que axiña foi xeralmente admitida e empregada a través da Misión.

Andreu Lázaro foi un dos que máis apoiou ao asentamento da Misión Biolóxica en Salcedo, animando neste sentido á Deputación de Pontevedra. Desde entón mantivo unha colaboración abondo fluída con Gallástegui, sendo un constante fiador deste centro, especialmente cando ocupou postos políticos en Madrid. Desde o ministerio procurou máis dunha vez apoio orzamentario para a Misión e os seus proxectos, tan necesitados sempre de seguridade económica. Ademais, mentres estivo en Pontevedra, traballou decote coa Misión nos seus diferentes proxectos, como pode apreciarse polas súas colaboracións no Boletín do Sindicato de Productores de Semillas.



Bibliografía:



Fontes impresas:

ANDREU LAZARO, J. (1920).: La mejora de la ganadería. Pontevedra.

ANDREU LAZARO, J. (1927): Sobre la mejora del ganado bovino, Madrid:. Dirección General de Ganadería.

ANDREU LAZARO, J. (1927): Crianza de terneros, Hojas divulgadoras de la Dirección General de Agricultura y Montes, 22-23: 1-16.

ANDREU LAZARO, J. (1928): La alimentación de los bovinos en crecimiento, Hojas divulgadoras de la Dirección General de Agricultura y Montes, 1-2: 1-16.

ANDREU LAZARO, J. (1928): Notas sobre la alimentación del ganado de cerda, Hojas divulgadoras de la Dirección General de Agricultura y Montes, 13-14: 1-16.

ANDREU LAZARO, J. (1942): Notas sobre la alimentación del ganado de cerda, Madrid: Ministerio de Agricultura, 3ª ed.

ANDREU LAZARO, J. (1942): El ganado vacuno en Galicia, Agricultura, l28: 496-497.

ANDREU LAZARO, J. y ODRIOZOLA, M. (1942): Crianza de terneros, Madrid: Ministerio de Agricultura.

ANDREU LAZARO, J. (1942): Consideraciones sobre la alimentación de los bovinos en crecimiento, Madrid: Ministerio de Agricultura.

ANDREU LAZARO, J. (1943): Alimentación de la vaca lechera, Madrid: Ministerio de Agricultura, Sección de Publicaciones, Prensa y Propaganda.

ANDREU LAZARO, J. (1946): Defensa del suelo agrícola, Madrid.


Bibliografía secundaria:

CABO VILLAVERDE, M. (1997): O labor da Misión Biolóxica de Pontevedra ata 1936 e a reforma da agricultura galega en Cruz Gallastegui Unamuno, Cuadernos de estudios gallegos, 43, 109: 103-152.

FERNANDEZ PRIETO, L. (1992): Labregos con ciencia,Vigo: Xerais.