culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Cipriano Vimercati Benítez

Militar e matemático, director da Academia de Gardas Mariñas de Ferrol

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Xosé A. Fraga Vázquez e Fco. Javier Dosil Mancilla
  • Data de alta: 04/10/2012

Extras de Cipriano Vimercati Benítez: 

Extras sobre Cipriano Vimercati Benítez:

Galeria


Detalle da zona do plano de Ferrol onde estaba situada a Academia de Gardas Mariñas, que dirixiu Cipriano Vimecarti (Fonte: José Alonso López, “Consideraciones generales...”, 1820).

Como citar esta páxina:

  • Xosé A. Fraga Vázquez e Fco. Javier Dosil Mancilla ([2012], “Cipriano Vimercati Benítez”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 23/11/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=353
Untitled Document

Detalle da zona do plano de Ferrol onde estaba situada a Academia de Gardas Mariñas, que dirixiu Cipriano Vimecarti (Fonte: José Alonso López, “Consideraciones generales...”, 1820).

Datos biográficos:

  • Nacemento: Jerez de la Frontera (Cádiz) 1730
  • Falecemento: Santiago de Compostela 1808
O pai, Agustín de Capitani Vimercati, procedía de Milán, e a nai, Úrsula Benítez Cumplido, era orixinaria de Jerez de la Frontera. Por un escrito de setembro de 1777 do seu irmán Juan (crego na provincia de Toledo), dando o consentimento para que Cipriano casara, temos unha idea bastante exacta do ano de nacemento deste, pois aseguraba que nese momento contaba con 47 anos.

Inicio da carreira militar, primeiros pasos e profesor na Academia de Segovia

Ingresou no Exército como cadete do Rexemento de Artillería en 1754, saíndo subtenente en 1760 e acadando o cargo de tenente en 1766. Asemade, obtivo o grao de tenente de infantería en 1762 e de capitán en 1776. En 1762 realizou unha comisión secreta en Portugal, visitando diversas localidades, chegando ata Lisboa, “cuya situación, estado y contornos reconoció, conforme a las instrucciones que se le dieron”. En 1768 foi destinado ás Brigadas da nova Fundición de Artillería de bronce, formando parte, en 1769, dunha comisión que realizou un estudo comparativo de diferentes armas de artillería e despois, no ano 1770, na que, por encargo de El-Rei, elaborou unha ordenanza sobre o “Cuerpo General de Artillería del Exercito”.

Nomeado en 1771 profesor segundo da Academia de Caballeros Cadetes do Colegio Militar de Segovía e en 1772 profesor primeiro e director deses estudos, cargo que ocupou cinco anos. Impartiu un curso de Álxebra e tivo o encargo da redacción do libro de texto destinado ao ensino desa disciplina. Estaba composto por oito tratados relativos a aritmética, xeometría, álxebra, aplicación do álxebra á xeometría, cálculo infinitesimal e mecánica, porén non chegou a imprentarse (Hidalgo, 1990). Un manuscrito dun alumno do Colexio no curso 1873-74, que recolle a explicación de álxebra recibida, é analizado en Navarro Loidi (2012).

Na Academia de Gardas Mariñas de Ferrol

A Compañía e Academia de Gardas Mariñas, creadas en Cádiz en 1717, foron unha peza básica nos primeiros pasos institucionais da política científica dos Borbóns. Pretendían atender ás necesidades de formación dunha oficialidade instruída en consonancia coas novas esixencias da navegación e da guerra. Estableceuse unha dobre estrutura, militar, Compañía, e docente, Academia, supeditada á primeira, pois o capitán da Compañía exercía o mando superior. En 1776, co novo ministro Pedro González de Castejón, tomouse a decisión de dividir a Academia en tres, Cádiz, Ferrol e Cartaxena. Este feito provocou a creación da academia ferrolá e axudou a impulsar a actividade do Departamento, favorecendo que á cidade acudiran pilotos, astrónomos, matemáticos e outros especialistas. Así, Ferrol converteuse no foco fundamental da cultura científica da Galicia do momento e principal núcleo de poboación (Fraga, 1997), constituíndo o Arsenal o complexo científico-técnico e industrial máis relevante do país.

Nomeado primeiro mestre da Academia de Gardas Mariñas de Ferrol o 23 de decembro de 1776, en xaneiro de 1777 foi ascendido a tenente de navío e nomeado para dirixir a nova institución. Dos directores da tres Academias só el ocupou o posto de Comandante, ou sexa, tiña a responsabilidade xeral da Compañía e da Academia de Gardas Mariñas.

O plan de estudos da Academia ferrolá era de 13 de marzo de 1777, de Vicente Tofiño (Salvá, 1948). Para o ensino de Xeografía utilizaban o tratado de 1787 de José Mendoza Ríos y Ríos, Tratado de Navegación. O libro viña precedido dun comentario previo de Vimercati, de corenta páxinas, asinado en Ferrol o 30 abril de 1787: “Análisis de este tratado, con que Don Cipriano Vimercati, Director de la Academia de Guardias Marinas de Ferrol, acompañó su censura”.

Por Real Orde de 14 de outubro de 1790 pasou a ser Director das tres Academias de Gardas Mariñas de España. Na morte de El-Rei Carlos III leu un Elogio fúnebre (Vimercati, 1789). Salienta a obra do monarca e afirma: "El verdadero origen de la fuerza, y el principio de la grandeza son la Agricultura y la Industria, manantiales perpetuos de la población y del comercio que todo lo fomenta y enriquece" (Vimercati, 1789: 75). Identificado coas ideas da Ilustración, entendía que era preciso o desenvolvemento da riqueza natural, ligada ao estudo da natureza e atribuía á industria un papel básico nese proceso, en contraste coas posicións dalgúns contemporáneos seus.
O prestixio científico de Vimercati ponse de manifesto en feitos como os diversos encargos do Goberno e o seu nomeamento para formar parte dalgún tribunal de oposición para a cátedra de matemáticas da Universidade de Santiago, concretamente interveu na oposición de José Rodríguez González á substitución da cátedra de matemáticas.

A medición da temperatura da auga do mar

A Coroa encargoulle a edición en castelán dunha interesante Memoria sobre o uso do termómetro na navegación, presentada por Jonathan Williams na American Philosophical Society o 19 de novembro de 1790 e publicada tres anos despois, “Memoir of Jonathan Williams, on the use of the Thermometer in discovering Banks, Soundings, etc.” (Williams, 1793). O coronel Jonathan Williams (1751-1815) era sobriño neto de Benjamin Franklin e chegou a ser enxeñeiro xefe do Corpo de Enxeñeiros no Exército norteamericano. Viviu entre 1770 e 1785 en Inglaterra como asistente de Franklin, a quen acompañou e axudou en diversos experimentos. Na Memoria sobre o uso do termómetro na navegación pretendía establecer unha relación entre a temperatura do mar e a profundidade dos fondos, a efectos de evitar problemas na navegación. A utilidade da obra levou a que as autoridades españolas decidiran a súa case inmediata tradución, en 1794, acompañada da “censura” (comentario), de Vimercati.

As medicións de temperatura da auga do mar inscríbense no interese dos científicos da época polo establecemento de unidades de medición universais e o rexistro de datos do medio natural. Alexander von Humboldt, na súa visita a Galicia en 1799, realizou medicións termométricas na baía de Ferrol sobre “la temperatura del océano y el decrecimiento del calórico en las capas de agua superpuestas unas sobre otras”, e fíxose eco da Memoria de Williams: “El célebre Franklin y el Sr. Jonathan Williams (…) han dirigido por primera vez la atención de los físicos sobre los fenómenos que ofrece la temperatura del océano encima de los bajíos” (Humboldt, 1995: 42). O prusiano repetiría medicións da temperatura da auga do mar en América, descubrindo a corrente fría que hoxe denominamos de Humboldt ou Corrente Peruana, orixinada polo ascenso de augas profundas. O coruñés Ramón de la Sagra realizaría medicións na viaxe a Cuba en 1823, "Memoria de las observaciones metereológicas y físicas hechas por el autor, durante la travesía de La Coruña a la Habana en julio de 1823" (Sagra, 1823), aludindo a Humboldt. Sagra contara coa axuda de Domingo Fontán, con quen probou en A Coruña os instrumentos construídos en Santiago de Compostela polos irmáns Domingo e Xosé Lareo (termómetros, higrómetros, densímetros e barómetros).

Cóengo en Santiago

En 1777, ao inicio da súa estancia en Ferrol, casou con María Manuela Recarey, veciña de A Coruña e filla de Francisco Recarey e Josefa de Ares. Viúvo pronto, ordenouse sacerdote en 1781, cesando no seu posto militar, tenente de navío, pero continuando como director da Academia departamental. O 27 de marzo de 1799 tomou posesión dunha coenxía vacante na catedral de Santiago de Compostela, por falecemento de Gregorio Ignacio Crestar. Fora nomeado no 3 de setembro de 1798, por Real Cédula de Carlos IV, mais non estivo presente e tomou colación por el o cóengo penitenciario Simón Díaz de Rábago, a quen lle cedeu a xestión de todos os seus intereses. Empezou a acudir a coro o 14 de xuño de 1800 e parece que asistiu aos cabidos asiduamente.
A nova ocupación debeu influír para que o seu amigo, colega e antigo discípulo en Ferrol, José Alonso López, fose designado polo arcebispo de Santiago para levantar o plano do Arcebispado. Nos momentos previos á morte foi asistido polo doutor Domingo Ribes. En Santiago tamén vivía a súa filla Dionisia.



Bibliografía:



Fontes documentais:

Cipriano Vimercati, Archivo General Militar, Segovia. Sección 1a, cartafol B-2936; 31 pp.

Cipriano Vimercati, Archivo-Museo Don Alvaro de Bazán (El Viso del Marqués, Ciudad Real), Cuerpo General. Cartafol 620/1284.

Expediente de Ordenación Sacerdotal, Arquivo Diocesano, Santiago de Compostela.

Actas do Cabildo, anos 1800-1808. Posesións e vacantes, Cipriano Vimercati.

Protocolo, Cipriano Vimercati, Arquivo Capitular, Santiago de Compostela.

VIMERCATI, C. (1768): Memoria sobre la melificación y medios de fomentarla. Describense el instinto prodigioso, industria y policía de las abejas, Arquivo do Reino de Galicia, A Coruña, manuscrito datado a 19 de xaneiro de 1768; 10 follas, 21 cm; cartafol 7 (128).

Fontes impresas:

VIMERCATI, C. (1787): Análisis de este tratado, con que Don Cipriano Vimercati, Director de la Academia de Guardias Marinas de Ferrol, acompañó su censura, y que S.M. ha mandado imprimir en este lugar, como propio para dar una idea del contenido de la obra a quien no pueda examinarla en sí misma, o necesite únicamente alguna parte de ella, José de Mendoza y Ríos, Tratado de Navegación, Madrid: Imprenta Real.

VIMERCATI, C. (1787): Discurso sobre arquitectura naval antigua y moderna. Prolusión académica en la abertura de los ejercicios públicos de matemáticas, análisis finita e infinitesimal, mecánica y astronomía, celebrados en Ferrol desde el día 5 hasta el 10 de febrero y presididos de orden de S.M. por el Excmo. Sr. Don Antonio de Arce, capitán general de aquel departamento, Madrid.

VIMERCATI, C. (1789): Elogio fúnebre dedicado a la memoria del Señor don Carlos III rey de España y de las Indias. Pronunciado en las solemnes exequias con que explicó su dolor, y su gratitud el Cuerpo de Oficiales, y el de Guardias Marinas de la Real Armada en el Departamento de ferrol el día 13 de Febrero de 1789. Por D. Cipriano Vimercati, Presbítero Director de Guardías Marinas del mismo Departamento, Madrid: Antonio Muñoz del Valle.

VIMERCATI, C. (1790): Prolusión académica. Discurso sobre el origen y progresos de la astronomía hasta nuestra edad: en abertura a los certámenes de matemáticas superiores, que tuvieron los oficiales agregados para su estudio a la compañía de Guardias Marinas de Ferrol en los días primeros del mes de marzo del presente año, Madrid: José Urrutia.

VIMERCATI, C. (1794): Memoria sobre el uso del termómetro en la navegación, presentada a la Sociedad Filosófica Americana de Filadelfia, para promover los conocimientos útiles, por Jonathan Williams uno de sus secretario, sacada del volumen tercero de sus Transacciones filosóficas. Traducida del idioma inglés de orden de S. M., Madrid: Vda. de Joaquín Ibarra (traducción do autor orixinal, Jonathan Williams, 1793).


Bibliografía secundaria:

FRAGA, X. A. (1997): Efectos en Galicia da renovación científica promovida por Sarmiento e outros ilustrados. A constitución da Academia de Gardas Mariñas e dos Colexios prácticos, O Padre Sarmiento e o seu tempo. Actas do Congreso, Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, Universidade de Santiago; t. II: 405-425.

HIDALGO, E. (1990): La etapa fundacional de la Academia de Artillería de Segovia: 1764-1779, Fernández Pérez, J. & González Tascón, I. (ed.) Ciencia, Técnica y Estado en la España ilustrada, Zaragoza: MEC-SEHCYT; p. 13-29.

HUMBOLDT, A. de (1995): Viaje a las Islas Canarias, Edición de Manuel Hernández González, Santa Cruz de Tenerife: Francisco Lemus Editor.

NAVARRO LOIDI, J. (2012): La enseñanza del Álgebra en el Real Colegio de Caballeros Cadetes de Segovía en la etapa de Cirpiano Vimercati (1772-1777), XI Congreso SEHCYT, José María Urkía editor, Donostia: Real Sociedad Bascongada de Amigos del País; p. 397-410.

SALVÁ, J. (1948): La Compañía de Guardias Marinas de El Ferrol y su Cuartel, Revista General de Marina, suplemento 19.

SAGRA, R. de la (1823): Memoria de las observaciones metereológicas y físicas hechas por el autor, durante la travesía de La Coruña a la Habana en julio de 1823, Memorias de la Real Sociedad Económica de La Habana, 46: 211-213.

WILLIAMS, J. (1793): Memoir of Jonathan Williams, on the use of the Thermometer in discovering Banks, Soundings, etc., Transactions of the American Philosophical Society, 3: 82-100.