culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Abelardo Gallego Canel

Discípulo de Cajal e pioneiro da histoloxía veterinaria española

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Sisto Edreira, Rafael e Díaz-Fierros Viqueira, Francisco
  • Data de alta: 11/10/2012

Extras de Abelardo Gallego Canel: 

Extras sobre Abelardo Gallego Canel:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Sisto Edreira, Rafael e Díaz-Fierros Viqueira, Francisco ([2012], “Abelardo Gallego Canel”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 28/06/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=357
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Torrelaguna (Madrid) 1879
  • Falecemento: Madrid 1930
Despois de estudar veterinaria na escola de Madrid, na que se licenciou en 1898, e de exercer profesionalmente durante algúns anos, en 1903 obtivo a cátedra de Patoloxía médica e Terapéutica da Escola de Veterinaria de Santiago de Compostela, onde comeza a afeccionarse á patoloxía estimulado por algúns compañeiros e polo seu íntimo amigo, o médico Nóvoa Santos. Na súa formación hematolóxica colabora Miguel Gil Casares, ademais de Ruperto Lobo no campo da química biolóxica e os doutores Alsina, Varela Radío, Blanco Rivero, Puente e Baltar na histopatoloxía cirúrxica.

A partir de 1912 comezaron as súas investigacións e o seu labor na técnica histolóxica, o que posibilitaría que un ano máis tarde fose nomeado catedrático interino de Histoloxía, realizándose no seu laboratorio ao menos seis cursiños de ensinanzas prácticas destinadas, fundamentalmente, a médicos e veterinarios. Outros moitos das mesmas características foron impartidos por Gallego na chamada “cátedra ambulante de histoloxía" en Barcelona, Salamanca, Santander, Bilbao, Gijón, etc., realizando unha intensa labor divulgadora das técnicas de análise histolóxica e anatomopatolóxica. Cando no 1921 se crean as cátedras de Histoloxía, Anatomía patolóxica e Patoloxía Xeral nas escolas de Veterinaria, Gallego consegue por unanimidade o número un das oposicións diante dun tribunal presidido por Cajal, o que lle permite marchar para a cátedra de Madrid ao ano seguinte.

Abelardo Gallego sentiu unha profunda preocupación pedagóxica que o levou a practicar, sempre, un ensino baseado en métodos obxectivos, conferíndolle especial importancia á visión da Anatomía microscópica. Así, improvisou primeiro, e logo perfeccionou, un sinxelo aparello de proxeccións microscópicas que lle permitía proxectar as súas preparacións con obxectivo de inmersión, obtendo imaxes o suficientemente grandes e iluminadas para empregalo diariamente na clase. En 1916 entra ademais en relación con Rafael Dieste, daquela alumno da Escola Normal de Santiago, que coa súa habilidade para o debuxo convértese no seu máis fiel colaborador na representación gráfica dos cortes microscópicos. Especial relevancia ten a compoñente práctica das súas clases, nas que os alumnos debían confeccionar as súa propias coleccións de preparacións para despois superar un exame práctico no que se lles requiría descifrar os órganos, tecidos e detalles das preparacións.

A súa actividade investigadora cotiá realizouna no laboratorio da Escola de Veterinaria, aínda que con asiduidade asistía ao laboratorio de Hisatopatoloxía da Junta de Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas (JAE), onde levou adiante os proxectos máis importantes. Gurriarán (2006) reflicte a ansiedade de Gallego por incorporarse ao laboratorio de Del Río-Hortega e as xestións dos persoeiros vinculados á JAE para conseguilo, ao tempo que recolle dous traballos de laboratorio publicados en 1912 e 1913 no Boletín da RSEHN e dez publicacións dos seus traballos feitos nos centros da rede formativa primaria das JAE ao longo da década de 1920. Pola súa banda, Madariaga (1973) xa recollía unha incompleta relación de case medio cento de artigos. Unha boa parte dos seus traballos histolóxicos, vinte catro incluíndo o seu descubrimento fundamental sobre o tinxido con fuchina, foron realizados durante a súa estadía en Santiago.

Realizou unha extensa e produtiva labor científica, sendo unha das súas primeiras publicacións a obriña Técnica Histológica (Trabajos del Laboratorio de Histología y Anatomía Patológica de la Escula de Veterinaria de Santiago), editada en León en 1913. Xa nas súas primeiras épocas de laboratorio, illado dos centros científicos importantes, descubriu un novo método de tinxido histolóxico que, posteriormente modificado, permitiulle atopar técnicas selectivas e doadas de executar para o tinxido de fibras elásticas, de bacilos de Koch nos tecidos, de coloración dos corpúsculos de Negri nos animais rábicos, etc., técnicas moi apreciadas polos modernos investigadores nacionais e do estranxeiro. Así, o método descrito no artigo “La fuchina básica y el formol en la técnica histológica. Nuevos métodos de coloración de los tejidos y especialmente de las fibras elásticas” (Gallego, 1919), usado no medio médico e veterinario, aparece recollido en todos os tratados de técnica histolóxica dende Romeis (1928), a McManus, Martoja (1970), ou Dualde (1971).

Ademais dos seus traballos técnicos, Gallego fixo importantísimos estudos sobre histoloxía normal e patolóxica de diversas enfermidades dos animais domésticos, tratando por exemplo as pseudotuberculoses verminosas, as granulacións eosinófilas, as cirroses hepáticas nas distomiases, os carcinomas canaliculais do páncreas da vaca, os disembriomas, as lesións do fígado na tiflohepatite dos pavos e moitos outros. Preocupado polo problema do cancro, dedicoulle varios anos de estudo e ten publicados numerosos traballos sobre a estrutura fina de varios tumores dos animais domésticos. Como exemplo destes traballos pode consultarse “Sobre la presencia de corpúsculos fusiformes en las células gigantes en un caso de tuberculosis perlada” (Gallego, 1924), no que supón que a natureza destes corpúsculos, non citados por outros histopatólogos que estudaran a enfermidade, é a de verdadeiras inclusións celulares, chegando á conclusión de que se trata de cristais proteicos. Salientar tamén a “Contribución a la histopatología de los centros nerviosos en el moquillo del perro” (Gallego, 1926), na que mediante o estudo de máis de vinte casos aplicando novas técnicas, conclúe que as modificacións que experimenta a microglia no moquillo son moito máis importantes que as alteracións vasculares.

Cando acaeu a súa morte tiña en curso varios traballos experimentais encamiñados a determinar a verdadeira natureza do tumor contaxioso do can, descrito por Sticker, e xa escribira o capítulo sobre tumores no Tratado de Patología General de Nóvoa Santos. Publicou os seus artigos fundamentalmente na Revista de Higiene y Sanidad Pecuarias e tamén nos Treballs de la Societat de Biologia, na Revista de Higiene y Tubercolosis, nos Trabajos del laboratorio de investigaciones biológicas de la Universidad de Madrid, no Boletín de la Sociedad Española de Biología e nas Memorias de la Real Sociedad Española de Historia Natural. Coñecido entre os investigadores mundiais, revistas estranxeiras tamén publicaron os seus traballos, por exemplo a Zeitschr. F. Infektionskr. Parasit. Krankh. U. Hyg. der Haustiere.

Relacionado con Cajal xa cando traballaba en Santiago, ao chegar a Madrid mantivo unha estreita colaboración con Del Rio-Hortega, que dirixía o laboratorio de Histoloxía do Instituto nacional de Oncología, e do que logo sería nomeado xefe da sección de investigacións biolóxicas.

O seu carácter adusto e seco, e a súa independencia de criterio, fixeron que Gallego Canel non encaixara ben nunha sociedade conservadora como a de Santiago, e así o reflicte Novoa (1917): “me cantan al oído que es un rebelde, un hombre peligroso y perverso que a venido a la ciudad triste y desconfiada a predicar una nueva doctrina...”. Isto non impediu que, xa de volta en Madrid, preparara unha colección dos seus traballos para enviala como doazón á escola de veterinaria de Santiago na que desenvolvera boa parte da súa vida investigadora.

Despois da súa morte, as técnicas de tinxido deseñadas por Gallego seguíronse utilizando dentro e fora de España como técnicas clásicas no campo dos estudos histolóxicos. Baste dicir que tres dos seus artigos na revista catalá Treballs de la Societat de Biologia, figuraban entre os seis máis consultados da revista ao longo do ano 2011.



Bibliografía:



Fontes impresas:

GALLEGO CANEL, A. (1919): La fuchina básica y el formol en la técnica histológica. Nuevos métodos de coloración de los tejidos y especialmente de las fibras elásticas, Revista de Higiene y Sanidad Pecuaria, IX: 253.

GALLEGO CANEL, A. (1924): Sobre la presencia de corpúscolos fusiformes en las células gigantes en un caso de tuberculosis perlada, Boletín de las Sociedad Española de Biología, XI, I: 51-54.

GALLEGO CANEL, A. (1926): Contribución a la histopatología de los centros nerviosos en el moquillo del perro, Boletín de la Sociedad Española de Biología, XII, I: 33-42.

Bibliografía secundaria:

COSTERO, I. (1930): Archivos Españoles de Oncología y Boletín de la Liga Española contra el Cáncer, I, Caderno 2º, Madrid.

GURRIARÁN, Ricardo (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Santiago, Universidade.

MADARIAGA DE LA CAMPA, B. (1973): Abelardo Gallego Canel (1879-1930), Semblanzas Veterinarias, I: 229-255.

NOVOA SANTOS [Asinado como Max] (1917): El Prof. Abelardo Gallego Canel, El Eco de Santiago, 16/02/1917.

OLIVA ALDÁMIZ, H. (1984): Cajal y la anatomía patológica española, una historia compartida, Barcelona: Editorial Salvat.

ORTIZ-HIDALGO, C. (2011): Abelardo Gallego (1879–1930) and his contributions to histotechnology: The Gallego stains, Acta Histochemica, 113, 2: 189-193.