culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Ricardo Escauriaza del Valle

Un especialista na cría de aves

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fernández Prieto, Lourenzo
  • Data de alta: 18/10/2012

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Fernández Prieto, Lourenzo ([2012], “Ricardo Escauriaza del Valle”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 17/08/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=362
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Córdoba 1888
  • Falecemento: A Coruña 1952
Ricardo Escauriaza del Valle era fillo dun empregado do ferrocarril, circunstancia esta pola que naceu en Córdoba. Aos poucos anos, por traslado do seu pai, foi vivir a Madrid, onde rematou o bacharelato e comezou a universidade na Escuela Superior de Ingenieros Agrónomos, licenciándose en 1917. Un ano despois ingresou no Corpo de Enxeñeiros Agrónomos destinado ao Ministerio de Fomento. Tras este primeiro paso, foi enviado a Albacete, primeiro en Fomento e logo no Servicio Agronómico provincial. En 1926 foi nomeado xefe interino da Granja-Escuela de Capataces Agrícolas de Valladolid.

En 1928 ocupou o cargo de director da Granxa da Coruña ata os anos cincuenta. As liñas de traballo que desenvolveu foron, na súa grande maioría, a proxección da orientación xa determinada na etapa anterior, moi consolidada e difícil de romper, polo menos ata 1936-39, cando a guerra provoca unha ruptura doadamente perceptible. Así, foi continuador do proceso de mellora gandeira dirixido desde a Granxa a partir de 1905 e completado baixo a súa dirección coa introdución dunha orientación láctea. En dous informes, realizados en 1938, realiza unha valoración final dese proceso de mellora e dos seus resultados. Desenvolveu tamén un substancial traballo de divulgación como director do Centro de Galicia do INIA, da Cátedra Ambulante da Estación de Química agrícola, Agrología y Biología de los Suelos de Coruña, dos Campos de Demostración de Galicia da Escuela de Formación Agrícola (EFA) e como presidente da Cámara Agraria provincial. Así mesmo, foi o creador e primeiro dirixente da Sociedad Española de Fomento del Lúpulo durante a ditadura franquista. Profesionalmente, destacou polos coñecementos, especialmente importantes en avicultura, representando a España en varios congresos e asembleas con varias relatorios onde daba conta das súas investigacións.

Labor como investigador

Ademais de continuar e consolidar os proxectos iniciados en etapas anteriores na Granxa da Coruña, Escauriaza introduciu determinados matices e primou algunhas liñas de traballo diferentes. Así, verbo dos fertilizantes foi promotor incansable durante os anos trinta do uso de novos adubos non fosfatados, como nitratos e potasas. Combateu ademais a hexemonía dos fabricantes de fosfatos, situada por riba de razóns científicas, e o fraude dos comerciantes de adubos. Nas súas propostas, en función das experiencias que realiza, defende un adubado equilibrado para o que recomenda non prescindir do uso do esterco, que xa estaba empezando a ser desprezado nalgúns casos polos propios labregos por mor dunha euforia renovadora que non sempre tiña consecuencias positivas.

Escauriaza destaca sobre todo na súa preocupación polo cultivo do lúpulo, en relación co que ten varias publicacións, e polo que entón se denominan “industrias rurais”: avicultura, cunicultura e apicultura. Especial atención dedicou á avicultura, na que el era un reputado especialista. Amais de participar en varios congresos internacionais sobre estas cuestións, foi un dos poucos membros españois da World Poultry Science Association e creou un Sindicato Avícola na provincia da Coruña, moi activo antes da guerra civil. Mesmo se lle debe a invención dun galiñeiro modelo de madeira, adecuado para criar unha ducia de aves, que tivo unha cerca difusión comercial.

Labor como divulgador

A respecto das actividades de divulgación realizadas por Ricardo Escauriaza del Valle hai que salientar, en primeiro termo, as publicacións baseadas nas investigacións que el mesmo levaba a cabo, amais de facerse eco doutras que se estaban a desenvolver fóra da Granxa-Escola. A súa principal característica era o seu carácter práctico, de xeito que o contido podía ser posto en práctica sen dificultade. Empregaba unha linguaxe sinxela, sen tecnicismos, coa intención de facela comprensible a labregos e gandeiros. A maioría dos seus traballos apareceron en boletíns e publicacións de organismos oficiais, de tirada escasa e limitada a centros especializados. Incluso moitas foron obxecto de publicación privada.

Todas elas, amais dos relatorios, cursos e representacións, eran a consecuencia da súa actividade científica e investigadora; trátase, xa que logo, de traballos punteiros, manténdose á cabeza da investigación científica da época, non só a nivel nacional, senón tamén no estranxeiro. Colaborou moi activamente desde 1928 até 1936 coa prensa agraria católica, Galicia Agraria e Galicia Social y Agrícola, na que escribiu un gran número de artigos de divulgación.



Bibliografía:



Fontes impresas:

ESCAURIAZA DEL VALLE, R. (1922): Cultivo de la veza, Catecismos del agricultor y del ganadero, nº 8.

ESCAURIAZA DEL VALLE, R. (1923): La veza para el forraje, Catecismos del agricultor y del ganadero, nº 95.

ESCAURIAZA DEL VALLE, R. (1924): Cómo debe seleccionar sus semillas el agricultor, Hojas Divulgativas, nº 11.

ESCAURIAZA DEL VALLE, R. (1926): Conservación y preparación de granos para la siembra, Hojas Divulgativas, nº 21-22.

ESCAURIAZA DEL VALLE, R. (1927a): La producción huevera en España y manera de mejorarla, Hojas Divulgativas, nº 1.

ESCAURIAZA DEL VALLE, R. (1927b): Cultivo del azafrán en España, Hojas Divulgativas, nº 3-4.

ESCAURIAZA DEL VALLE, R. (1927c): Cómo debe seleccionar sus semillas el agricultor, Hojas Divulgativas, nº 24.

ESCAURIAZA DEL VALLE, R. (1930): Ensayos mendelianos de avicultura. Los huevos de dos yemas. La selección rural del trigo. Crianza del pavo real. Valor fertilizante de los ramos de pino y de los helechos, Revista Agricultura, nº 24.

ESCAURIAZA DEL VALLE, R. (1931): La selección natural del trigo. El cultivo de la acelga, Hojas Divulgativas, nº 11.

ESCAURIAZA DEL VALLE, R. (1932): El cultivo del lúpulo en España. Instalación de industria avícola. Alimentos de gallinas. El cultivo de la remolacha forrajera en Galicia. Instalación de gallineros. Para favorecer el emplume de los pollos, Revista Agricultura, nº 48.

ESCAURIAZA DEL VALLE, R. (1933): Destrucción de los helechos. Alimentación de ponedoras. Fabricación de harina de pescado para fines avícolas. La semilla de girasol como alimento de las gallinas, Revista Agricultura, nº 60.

ESCAURIAZA DEL VALLE, R. (1934): El cultivo del lúpulo en España, A Coruña: Junta Administrativa de los Servicios agrícolas de la Diputación provincial de La Coruña.

ESCAURIAZA DEL VALLE, R. (1935a): Cultivo de la remolacha forrajera, A Coruña: Diputación Provincial.

ESCAURIAZA DEL VALLE, R. (1935b): El cultivo del lúpulo en España, A Coruña: Diputación Provincial.

ESCAURIAZA DEL VALLE, R. (1935c): Instrucciones para el cultivo del maíz, A Coruña: Diputación Provincial, Junta Administrativa de los Servicios Agrícolas.

ESCAURIAZA DEL VALLE, R. (1938a): Informe sobre el estado actual de la cabaña bovina gallega.

ESCAURIAZA DEL VALLE, R. (1938b): Informe sobre el resto de la cabaña gallega.

ESCAURIAZA DEL VALLE, R. (1944): Plan de mejora inmediata del ganado vacuno. Estudio sobre la instalación de industrias derivadas, A Coruña: Jefatura Provincial del Movimiento.

ESCAURIAZA DEL VALLE, R. (1945): Cultivo del lúpulo, Madrid.

ESCAURIAZA DEL VALLE, R. (1946a): El sorgo azucarado, Revista Agricultura, nº 174.

ESCAURIAZA DEL VALLE, R. (1946b): Hinchazón de pollos después del caponaje. El sorgo azucarado, Revista Agricultura.

ESCAURIAZA DEL VALLE, R. (1947a): Cuestiones referentes a la Avicultura. Cultivo del Lúpulo. Ensilaje de leguminosas. Adquisición de semilla de sorgo, Revista Agricultura.

ESCAURIAZA DEL VALLE, R. (1947b): Plantación de frutales, Hojas Divulgadoras, nº 25.

ESCAURIAZA DEL VALLE, R. (1947c): El cultivo del lúpulo, Madrid: Ministerio de Agricultura.

ESCAURIAZA DEL VALLE, R. (1952a): Manual del labrador gallego, Madrid: Ministerio de Agricultura.

ESCAURIAZA DEL VALLE, R. (1952b): Cultivos. Memoria Estación de Praticultura y cultivos de Vega, Madrid: Instituto Nacional de Investigaciones Agronómicas.


Bibliografía secundaria:

CABO VILLAVERDE, M. (2003): Prensa agraria en Galicia, Ourense: Duen de Bux.

FERNÁNDEZ PRIETO, L. (1988): A Granxa Agrícola-Experimental da Coruña, 1888-1928, Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.

FERNÁNDEZ PRIETO, L. (1992a): Labregos con ciencia. Estado, sociedade e innovación tecnolóxica na agricultura galega, 1850-1939, Vigo: Xerais.

FERNÁNDEZ PRIETO, L. (1992b): Breve historia da granxa agrícola da Coruña: da creación á plenitude (1888-1939), 100 anos de investigación agraria 1888-1988: conmemoración do centenario da creación da Granxa Escola Experimental de A Coruña, actualmente CIAM, Santiago de Compostela: Consellería de Agricultura, Gandería e Montes; p. 11-25.

FERNÁNDEZ PRIETO, L. e FRAGA VÁZQUEZ, X. A (2011): A Granxa Agrícola Experimental de Galicia, A Coruña: Museos científicos coruñeses / Consellaría do Medio Rural.