culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Patricio Borobio Díaz

Un pioneiro da Pediatría

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Bugallo, Ánxela
  • Data de alta: 18/10/2012

Extras sobre Patricio Borobio Díaz:

Galeria


Retrato de Patricio Borobio Díaz. Óleo sobre lenzo de Elías García Martínez (1926).

Como citar esta páxina:

  • Bugallo, Ánxela ([2012], “Patricio Borobio Díaz”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 24/06/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=364
Untitled Document

Retrato de Patricio Borobio Díaz. Óleo sobre lenzo de Elías García Martínez (1926).

Datos biográficos:

  • Nacemento: Santiago de Compostela 1856
  • Falecemento: Zaragoza 1929
Despois de estudar bacharelato no Instituto da súa cidade natal, Borobio ingresa na Universidade compostelá en 1871 para cursar a carreira de Medicina. Obtén o premio extraordinario polo grao de licenciado en 1877 e doutórase en Madrid ao pouco tempo. Sendo aínda moi novo fixo oposicións á cátedra de Medicina legal de Valencia e, a pesar de obter o primeiro lugar na terna, non se lle adxudicou a praza. Presentouse logo a médico da Sanidade Militar e acadou tamén o primeiro posto, desempeñando a praza durante sete anos. En decembro de 1887 ingresa por fin no profesorado oficial, sendo nomeado catedrático numerario da materia “Enfermedades de la infancia y su clínica” na Universidade de Zaragoza, na que desempeña, por nomeamento do Claustro, os cargos de Decano da Facultade de Medicina, dende 1918, e de Director de clínicas, a partir de 1890. Foi co fundador da Obra de la Tuberculosis en 1904, e director do Sanatorio de Niños Tuberculosos dende 1915. Xubilouse en 1926.

A súa integración social na provincia foi profunda: presidiu o Ateneo de Zaragoza dende 1900, o Patronato de Colonias Escolares dende 1904, a Sección zaragozana da Sociedad Española de Historia Natural, o Tribunal Tutelar de Menores de Zaragoza (constituído en 1921) e a Deputación Provincial en 1928. Ademais, foi membro e directivo dun numeroso grupo de entidades da cidade.

Medicina, Infancia e Educación

A traxectoria profesional de Borobio estivo estreitamente ligada á atención á infancia. Foi o primeiro médico que instalou en Zaragoza unha consulta exclusivamente pediátrica, visitando tamén nenos no hospital clínico, policlínicas e dispensario antituberculoso. Estudou a mortalidade infantil durante 15 anos en Zaragoza e formou a varios discípulos que colaboran con el na consolidación da Pediatría nesa cidade.

Non é de estrañar que unha das obras máis interesantes de Borobio sexa o seu discurso de ingreso na Real Academia de Medicina y Cirugía de Zaragoza, La mortalidad de los niños en Zaragoza. Sus causas y sus remedios (Borobio, 1893). O libro contén cadros estatísticos da relación natalidade/mortalidade infantil clasificados por doenzas, sexo, idade, etc., e 11 gráficos referidos aos anos 1886 ao 1891. Este relevante estudo analiza as consecuencias das enfermidades máis comúns na época, e temas como a mortalidade urbana/rural, a regulamentación das amas de cría, a necesidade de sociedades protectoras da infancia e de hospitais infantís. Trata tamén as condicións xerais de hixiene en profundidade, unha materia sobre a que desenvolverá traballos posteriores. Este estudo foi tamén a base doutra das súas publicacións, Cuadro gráfico de mortalidad infantil y cinco planos sanitarios de Zaragoza, que acompañados dunha memoria titulada Causas y remedios mereceu o grande premio da Exposición Hispano-Francesa de 1908.

Cómpre destacar a comunicación presentada por Borobio con motivo do II Congreso da Asociación Española para el progreso de las Ciencias, celebrado en Valencia en 1910. Baixo o título “Revisión de la semiótica y terapéutica en las bronco-pneumonías y pneumonías infantiles”, destaca o valor da semiótica como corazón da clínica, isto é, revisión, simplificación e formación de criterio clínico persoal como proceso posterior á instrución, entendendo así a medicina como un proceso de aprendizaxe continuo. Finalmente define a semiótica da pneumonía e da broncopneumonía expondo os sinais sintomáticos de primeira e segunda orde, e determina que a terapéutica da pneumonía debe ser expectante nos casos normais, mentres que a da broncopneumonía ten que ser activa, intervindo sobre o proceso a través dos síntomas.

Borobio vai máis alá do plano médico, pois asume as concepcións da medicina social propias de comezos do XX. Dentro dese contexto, Borobio defende a relación entre a hixiene e a educación, opinando que sen ambas non podía existir unha sociedade perfecta: “Higiene y Educación se buscan, atraen y completan. La Higiene educa, la Educación higieniza; sin Educación no hay Higiene, sin Higiene, la educación es deficiente. La Higiene persigue esencialmente la salud, la Educación tiende a poseer la verdad, ambas por su acción moral, que se llama virtud. Si el individuo es sano y bueno, los pueblos serán fuertes, adelantados, grandes y prósperos, que fortaleza, progreso, grandeza y prosperidad son los frutos con que Higiene y Educación premian a los que rinden fervoroso y racional culto (Borobio, 1915; p. 188-189). Borobio reforza a idea de que a resolución dos problemas hixiénicos non podía ser patrimonio individual, senón que era competencia de toda a sociedade nun esforzo común, baixo a dirección do Estado (Ruiz, 2003). Este discurso da perspectiva médico social é o que difunde cando preside o I Concurso de Educación e Higiene Popular, celebrado en Santiago en 1915, por iniciativa da Liga de Amigos de Santiago, no marco dun período no que as escolas se estaban convertendo en lugares para impartir os principios e a adquisición de hábitos de hixiene, ao tempo que valores sociais.

Outras obras de Borobio entran máis dentro do campo histórico e social relacionado coa Medicina, como Psicología popular de los sitios (Borobio, 1909), discurso de inauguración do curso 1908-09 na Academia Médico-Quirúrgica Aragonesa, no que o autor proponse demostrar psicoloxicamente o heroísmo dos zaragozanos durante o sitio da cidade en 1808. As súas excelentes dotes como orador tiveron eco difusor en sociedades, ateneos e, como non, na propia Universidade: Acción social de la Universidad, discurso de apertura do curso 1910-11 na Universidade de Zaragoza; La medicina en el fuero de Teruel, discurso na sesión inaugural da Real Academia de Medicina de Zaragoza en 1915; Origen del hombre según Santo Tomás, discurso lido en 1918 na festividade de Santo Tomás na Facultade de Medicina de Zaragoza.

Patricio Borobio promoveu numerosas publicacións médicas. Foi redactor da revista La Clínica Moderna, que inicia a súa publicación en 1902, en Zaragoza. Contiña xeralmente varios artigos orixinais, con ilustracións, notas de práctica médica e crónicas dos avances clínicos en París, Londres e Munich. Entre os seus artigos nesta revista aparece “La Raqui-Cocainización en el niño”, dedicado ao tema da aplicación de sales de cocaína para a raquianestesia. Era o paso á medicina infantil dunha técnica na que fora un dos pioneiros, a anestesia raquídea en España. Borobio realizara o ensaio o 8 de novembro de 1900, só seis meses despois de que Rusca introducira a raquianestesia en España. Logo esta técnica anestésica tivo unha rápida expansión, ensaiada por moitos cirurxiáns nas súas clínicas.

Dende o seu cargo de Decano da Facultade de Medicina edita Anales de la Facultad de Medicina de Zaragoza, no curso 1819-20, con textos seus e de Ricardo Lozano Monzón, Juan Bastero Lerga, Víctor Fairén, Enrique Pastor Guillén e outros. Esta publicación, que continuou nos cursos seguintes, contén abondosos datos e estatísticas sobre o traballo desenvolvido polos distintos departamentos, cunha conferencia introdutoria sobre cada unha das especialidades médicas.

Recoñecido profesionalmente como docente, algunhas das leccións de Borobio teñen aparecido na sección “La voz de los maestros” da revista España Médica, editada en Madrid. Granjel (1986) inclúe a Borobio dentro da primeira promoción española de pediatras, citando o seu labor fundamentalmente clínico e a súa contribución á diferenciación da especialidade pediátrica. Para valorar debidamente este feito e toda a obra do autor, cómpre consignar que a primeira cátedra de Pediatría foi creada en Madrid en 1886 e que o primeiro congreso da asociación médica desta nova especialidade non se celebrou ata 1914. A achega de Borobio ao avance científico e social da Medicina infantil foi pioneira e, ao tempo, logrou chegar ata os nosos días.


Bibliografía:



Fontes impresas:

BOROBIO DÍAZ, P. (1893): La mortalidad de los niños en Zaragoza: sus causas, sus remedios, Discursos leídos ante la Real Academia de Medicina y Cirugía de Zaragoza para la pública recepción del Dr. Patricio Borobio Díaz, Zaragoza: Imp. C. Ariño.

BOROBIO DÍAZ, P. (1903): La Raqui-Cocainización en el niño, La Clínica Moderna, 2: 107-109.

BOROBIO DÍAZ, P. (1909): Psicologia popular de los sitios: Discurso leido en la inauguración del curso de 1908 a 1909 de la Academia Médico Quirurgica Aragonesa, Zaragoza: Ed. Emilio Carañal.

BOROBIO DÍAZ, P. (1912): Revisión de la semiótica y terapéutica en las bronco-pneumonías y pneumonías infantiles, Asociación Española para el Progreso de las Ciencias, Congreso de Valencia 1910, Madrid; T VIII: 305-315.

BOROBIO DÍAZ, P. (1915a): Discurso leído en la sesión inaugural de la Real Academia de Medicina de Zaragoza el año 1915, Zaragoza: Ed. Andrés y Ca.

BOROBIO DÍAZ, P. (1915b): La Educación y la Higiene, Revista Pro Infantia, 76: 89-100.

BOROBIO DÍAZ, P. (1915c): La Educación y la Higiene, Revista Pro Infantia, 76-77: 188-197.

BOROBIO DÍAZ, P. (1923): Memoria del Tribunal para Niños de Zaragoza, Zaragoza: Talleres Editoriales El Noticiero.

BOROBIO DÍAZ, P. (1924): El niño delincuente, Archivos Españoles de Pediatría, 8: 129-154.


Bibliografía secundaria:

HORNO LIRIA, R. (1973): Un siglo de periodismo médico en Aragón (1850-1950), Cuaderno de Historia Jerónimo Zurita, 25-26: 85-116.

ESPILDORA, M.; NIEVES, M. (1994): Patricio Borobio y los inicios de la pediatría zaragozana, Navarra: Universidad de Navarra.

GRANJEL, L.S. (1986): Historia General de la Medicina Española, Salamanca: Universidad; T V: 170.

MORENO MARTÍNEZ, P.L. (2009). La educación y la higiene. Patricio Borobio y el Primer Concurso de Educación e Higiene Popular (Santiago de Compostela, 1915), Historia de la Educación, 28: 299-320.

RUIZ RODRIGO, C. (coord.) (2003): Educación social: viejos usos y nuevos retos, Valencia: Universidad.

VIÑAO FRAGO, A. (2010): Higiene, salud y educación en su perspectiva histórica. Educar, 36: 181-213. Curitiba, Editora UFPR.

VV.AA. (1920): Anales de la Facultad de Medicina. Trabajos Clínicos y de Laboratorio de los Departamentos de Clínica de Enfermedades de la Infancia, Clínica Quirúrgica, Laboratorio de Medicina Legal y Toxicología, Clínica de Enfermedades del Oído, Nariz y Garganta, Laboratorio de Electricidad y Rayos X y Laboratorio Clínico. Curso 1918-1919, Zaragoza: Talleres Editoriales Heraldo de Aragón.