culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Francisco Antonio Mourelle de la Rúa

Explorador do Pacífico

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Xosé A. Fraga Vázquez
  • Data de alta: 09/11/2012

Extras de Francisco Antonio Mourelle de la Rúa: 

Extras sobre Francisco Antonio Mourelle de la Rúa:

Galeria



fotografia02-MourelledelaRua9.jpg
fotografia02-MourelledelaRua9.jpg
fotografia-MourelledelaRua8.jpg
fotografia-MourelledelaRua8.jpg

Como citar esta páxina:

  • Xosé A. Fraga Vázquez ([2012], “Francisco Antonio Mourelle de la Rúa”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 28/07/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=371
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Corme (A Coruña) 1750
  • Falecemento: Cádiz 1820
Excelente piloto e home de carácter peculiar, decidido e soberbio, viviu unha época marcada pola presenza de grandes navegantes e exploradores (James Cook, Jean François La Pérouse, Louis Antoine de Bougainville, Alesandro Malaspina, etc.). Esa circunstancia puido limitar algo a visibilidade das súas contribucións. Tampouco lle axudou na súa proxección o carácter reservado das exploracións que realizou, se ben iso tamén afectou a outros navegantes. En todo caso, as novidades do mariño de Corme foron chegando ao público interesado, sobre todo estranxeiro, se ben o seu nome adoita aparecer reproducido erroneamente, como Maurelle, en publicacións e denominacións xeográficas.

Formación

Segundo a partida de bautismo (reproducida en García González-Ledo, 2004) naceu o 17 de xuño de 1750. Sen embargo, no expediente persoal figura o 21 de xuño de 1755. Ese “erro” beneficiou a Mourelle, ao permitirlle incrementar a vida activa profesional cinco anos.

Ingresou na Academia de Pilotos de Ferrol en 1763, a pesar de que, segundo el, o seu desexo era acceder á Real Compañía de Guardias Marinas, que daquela só existía en Cádiz (en Ferrol creouse en 1776). Adoita argumentarse a falta de recursos económicos por parte da familia para explicar esa decisión, pero tamén hai que considerar outro factor: que non cumpría cos requisitos esixidos. O acceso á oficialidade do Exército e a Mariña no Antigo Réxime estaba limitado á nobreza. Concretamente, no caso da Academia de Guardias Marinas, os aspirantes debían xustificar a orixe nobre, canto aos catro avós, sen que estes exerceran ningún oficio “impropio” de tal condición, non abondaba coa fidalguía. Posteriormente, cando Mourelle solicite seren cabaleiro da Orde de Santiago terá a axuda do seu amigo, o comandante Juan Francisco Bodega y Quadra, que actuará como garante-testemuña sobre a fidalguía e limpeza de sangue, e dun relixioso da Orde, o seu parente Pedro Alcántara de la Rúa.

O certo é que Mourelle chegaría a ser un dos poucos mariños que, no século XVIII, accedeu desde o modesto emprego de “pilotín” ata o de Xefe de Escuadra da Armada sen pasar pola Real Compañía de Guardias Marinas. Grande mérito do mariño galego, circunstancia da que este fixo continúa ostentación e á que se referiu reiteradamente para explicar una suposta discriminación na súa carreira militar, na que non cesou de reclamar ascensos (Sánchez Feijoo, 2010).

En decembro de 1768 acadou o nomeamento de pilotín pola academia ferrolá. Como tal conduciu tropas a Puerto Rico en 1769 e 1770, embarcouse na fragata Catalina entre marzo de 1771 e abril de 1772, e despois iniciou unha longa travesía, xa como segundo piloto, coa corveta Dolores, barco co que visitaría diversos peiraos americanos.

Exploración da costa americana

En xaneiro de 1775 foi nomeado primeiro piloto e tivo como destino San Blas, cidade da costa pacífica de Nueva España (México) situada en Nueva Galicia, e que desde 1767 albergaba o Departamento Naval creado para favorecer as exploracións da costa setentrional americana.

España sempre estivo interesada pola exploración do Pacífico. No século XVI e XVII houbo diversas expedicións polo Pacífico Sur, algunhas con grande protagonismo galego (Sarmiento de Gamboa, Mendaña, etc.), pero no século XVIII abandonouse a loita polo control desa área pola ausencia de recursos fronte á poderosa expansión británica e outras incursións. Os esforzos centráronse no Pacífico central (por onde explorou o mariño galego Cayetano de Lángara y Huarte) e, sobre todo, no norte, realizando expedicións polo que agora son as costa oeste de Estados Unidos e Canadá, ata Alaska. Pretendíase unha expansión por eses novos territorios, ou, cando menos, a defensa de Nueva España (México) das incursións dos rusos e dos británicos.

As novas que trasladou en 1773 o embaixador español en Rusia, Conde de Lacy, sobre as exploracións e plans dese país na costa setentrional americana estimularon diversas iniciativas españolas (Monge & Olmo, 1991). A zona norte do Pacífico espertaba especial interese por cuestións comerciais (venda de peles) e por un tema que levaba séculos suscitando o interese xeral, e especialmente dos ingleses, o paso polo noroeste, o acceso a Europa desde o Pacífico norte. Precisamente, a terceira viaxe de James Cook tivo como principal obxectivo a súa localización. Nun contexto marcado pola perda das colonias norteamericanas, os británicos baseaban o futuro económico do seu imperio na explotación comercial dos recursos da India e da zona do Océano Índico. Desde alí, o transporte facíase moi longo pola vella ruta, arelando o descubrimento dunha viaxe máis curta entre a colonia e a metrópole.

Nesta circunstancias, en 1774 saíu de San Blas a expedición ao norte dirixida por Juan Pérez, ao mando da fragata Santiago, tamén chamada Nueva Galicia. O obxectivo era chegar ata 65º N, pero non pasou dos 55º, as costas de San Lorenzo de Nutka, preto de Alaska.

Expedición de 1775

O vicerrei Antonio María Bucareli organizou unha segunda expedición cara o norte, e nela participou, como primeiro piloto, Mourelle. A iniciativa estaba ao mando do tenente de navío Bruno Heceta e dela formaban parte tres barcos: a fragata Santiago (Nueva Galicia), ao mando do tenente de fragata Juan Francisco de la Bodega y Quadra, a goleta Sonora (10 metros de eslora), que mandaba o tenente de fragata Juan de Ayala San Diego y Monterrey, e o paquebote San Carlos, ás ordes do tenente Miguel Manrique. Bodega pasaría como segundo de Ayala no Sonora e, posteriormente, faríase co mando.

Saíron o 16 de marzo e ao pouco deixou a expedición o San Carlos, desviado para explorar a baía de San Francisco. Bordearon a costa, elaboraron mapas, e chegaron polos 41º N a un peirao que denominaron “de la Santísima Trinidad”. Alí tomaron contacto coa poboación indíxena, que Mourelle describe canto ás vivendas, costumes e aspecto físico (Landín Carrasco, 1971: 182-186).

Posteriormente sufrirían un ataque dos indios. O 31 de xullo a fragata e a goleta pérdense de vista e o Sonora, con Bodega e Mourelle, navega cara o norte, realizando novos descubrimentos xeográficos. Nos 57º 18’ N localizan un peirao que denominan “puerto de los Remedios”, lugar onde desembocaba un regato e observan unha construción india de madeira. Como noutros puntos, desembarcan, toman posesión deles e teñen un encontro cos indios. O vento cortante, as chuvias continuas, as enfermidades e a falta de roupa e axeitada alimentación obrígaos ao retorno aos 57º 58´ N. Nese camiño entraron, a 55º 17´ N, nunha enseada moi abrigada, que denominaron “Entrada y Puerto de Bucareli”. Estarían de volta en San Blas o 20 de novembro.

As experiencias desta viaxe constitúen non só unha gran contribución ao coñecemento da xeografía terrestre, senón tamén á Historia Natural polas descricións que da fauna e da flora desta rexión do continente realiza Mourelle no seu diario, e, asemade, polos datos que aporta sobre os indios e o seu xeito de vida á ciencia da antropoloxía.

Unha cuestión controvertida é a do suposto uso de James Cook dos datos do diario de Mourelle para a súa exploración polo Noroeste americano. Nesa liña, unha literatura apoloxética, insiste en afirmar que foi o primeiro en explorar as costas de Alaska e que Cook utilizou os seus datos para os descubrimentos que se atribúen na zona. Mourelle favoreceu esa visión. Nunha instancia a el-Rei (16 de setembro de 1815), para solicitar un ascenso, alude a que a tradución da súa viaxe de 1775 foi utilizada por Cook, cuestión que reiterou nunha recompilación que fixo das expedicións españolas (Landín, 1971: 40).

Lóxicamente, os exploradores procuraban facerse coa maior información posible das áreas do seu interese, e Cook non foi una excepción. Así, accedeu a datos da importante expedición de Luis Váez de Torres entre Nova Guinea e Australia, vía Joseph Banks, e tamén coñecía as rutas de Pedro Fernández de Quirós polo Pacífico. Pero hai que ter en conta que Mourelle chegou a San Blas en novembro de 1775, James Cook saíu en xullo de 1776 a explorar a costa Norte de América e o diario de Mourelle non se publicou ata 1781, cando o británico xa estaba morto. Cabe a posibilidade dun acceso previo, pero non resulta doado, se ben algún autor coida que o inglés puido ler o documento cando chegou ás costas americanas (Sánchez Feijóo, 2010). En todo caso, se comparamos a derrota seguida por o Bodega e Mourelle coa de Cook vemos que a deste tivo maior extensión (chegou ata as Aleutianas e o estreito de Bering) e que os posibles datos extraídos da expedición do Sonora non suporían una contribución substancial á súa exploración. De feito, Cook levaba instrucións de evitar a zona de dominio español, ir cara os 65º N, aos que non chegou Mourelle, e subir na busca do paso do Noroeste.

A nova expedición de 1779

Xa desde 1776 comezaron os preparativos doutra expedición, que tivo continuos aprazamentos. Por fin, o 11 de febreiro de 1779 saen de San Blas dous barcos, o Princesa, ao mando de Ignacio Arteaga, comandante da exploración, e a Favorita, con Bodega ao fronte e Mourelle como tenente de fragata. Percorren a costa, atopan un peirao que denominan de Santa Cruz, paralelo 55, e exploran con máis detalle a rada Bucareli, pois a consideraban especialmente interesante polas súas características naturais. Despois toman contacto cos indios, episodio do que nos da conta Mourelle no seu diario, indicando que se achegaron dúas canoas de pescadores, embarcacións que lles chamaron moita atención por o “extraño de su figura y materiales de que están construídas” e realiza interesantes descricións dos indios, aspecto, costumes, xeito de combater, linguaxe, etc.

Chegaron a ver o monte Elias, de 5.489 m. de altitude (a 59º 2´ N), impoñente formación que xa fóra avistada por Vitus Bering, e observan novas poboacións indíxenas. Continúan ata o “puerto de Santiago”, chamado así porque acceden a el o 23 de xullo, data próxima á celebración do día do apóstolo, e acadan os 60º 13´ N. Alí reciben a visita dos indios tripulando seis amplas canoas (umiaks) e, de novo, Mourelle descríbeos no seu diario.

Nesta viaxe penetran claramente na costa de Alaska, previamente coñecida polos exploradores rusos e, pouco antes, pola expedición de Cook. O 17 de decembro están de volta en San Blas. Á marxe da exploración xeográfica e levantamento de planos de zonas descoñecidas para os europeos, salientan os contactos coa poboación indíxena, procedendo Mourelle á primeira descrición, de grande interese antropolóxico, de tribos como a dos tlingit meridionais. A narración do mariño galego salienta polo estilo directo e sinxelo, lonxe da carga erudita habitual en moitos relatos europeos.

Desas expedicións consérvanse hoxe bastantes topónimos. Sobre Mourelle, en Canadá, concretamente na Columbia británica, está a Maurelle (sic) Island, perto de Vancouver, a 50º 17´ N e 125º 9´ W. En Alaska figuran as Maurelle (sic) Islands, a 55° 39´N e 133° 38´ W.

Posteriormente, en 1791, Alesandro Malaspina, ao mando dunha coñecida misión de exploración, tamén buscou o mítico “paso do noroeste” e chegou ata Alaska, para máis tarde ordenar a dous buques cartografar o estreito de Juan de Fuca. Malaspina, que remataría a súa aventura preso no Castelo de Santo Antón de A Coruña, recibiu a oferta de Mourelle para ir a esa misión pero preferiu a dous dos seus homes de confianza, Alcalá Galiano e Valdés, dotados dunha maior preparación científica. A Mourelle non lle soubo ben esa decisión e posteriormente escribiría que Malaspina atribuíuse descubrimentos no Pacífico que el realizara previamente.

O descubrimento de novas terras na ruta desde as Filipinas a México

O 21 de febreiro de 1780 Mourelle sae do peirao de San Blas en dirección a Acapulco, onde se fai á mar o 15 de marzo na fragata Princesa, que estaba ao mando de Heceta. Seguían a ruta do “galeón Manila”, que unía as costas de Nueva España coas Filipinas. En Manila pasaría, por vez primeira, a comandar un barco, esa fragata, que deberá conducir de volta a México. A viaxe iniciase o 24 de agosto, saíndo de Manila para outro peirao filipino, Sisirán, onde recibe as ordes de atravesar o Pacífico e levarlle unha documentación reservada ao vicerrei Martín de Mayorga, partindo o 21 de novembro.

Mourelle enfrontouse a un reto moi complexo. Debeu realizar a travesía con escasos víveres e equipamento e nunha época do ano pouco propicia. O galeón de Manila adoitaba facer a viaxe nos meses de verán, aproveitando os ventos occidentais, para o que desenvolvía o percorrido por riba do Ecuador, chegando ata as costas norteamericanas, para baixar a Acapulco. Esa ruta era inviable en outono, cos ventos en sentido contrario, por iso, e por evitar o encontro con navíos ingleses, Mourelle buscou os ventos axeitados nunha nova e arriscada derrota, dirixindo a fragata rumbo ao sureste, cara o Pacífico sur, territorio para o que non contaba coas cartas de navegación de expedicións anteriores (só levaba unhas de Jacques Nicolás Bellin). Neste episodio, como no resto nos que foi protagonista, manifestou un forte carácter e valentía.

O camiño emprendido levouno ata o que hoxe denominamos arquipélago de Bismarck, onde descubriu o “islote Ermitaño”, preto das costas de Nova Guínea, e pasou polas illas Salomón (descubertas no século XVI por Álvaro de Mendaña, de orixe galega), nas que navegou preto duns illotes, que chamou “Monjes” e “Ermitaños”. O percorrido avanzaba lentamente, os víveres e a auga escaseaban e os tripulantes sufrían ataques de insectos. Máis a decisión de dirixir a navegación cara o sur permitiulle realizar un valioso descubrimento, o grupo insular de Vavao (ou Vava´u), no arquipélago de Tonga (que posúe outras illas coñecidas desde o século XVII), ás que deu o nome de illas de “don Martín de Mayorga”.

O relato de Mourelle reflicte a difícil situación na que se atopaba a tripulación cando accede a este arquipélago e amosa a ledicia que sentiron ao atopar a primeira desas illas o 26 de febreiro, transformada en decepción, o que levou que a designara co nome de Amargura (hoxe Fonualei). Preto desa illa descubriron outra, a de Late, onde os nativos manifestaron unha disposición amistosa. Máis Mourelle buscaba un fondeadoiro seguro, que localizou o día 4 de marzo, co descubrimento da illa de Vavao e do seu excelente peirao, “puerto Refugio”. A decepción anterior deu paso á euforia, pois nese lugar atoparon un espazo paradisíaco, do que Mourelle deu conta no seu diario. Explica os costumes dos hospitalarios habitantes da illa e recolle interesantes descricións etnográficas e sobre a fauna e flora locais nun estilo sinxelo e emotivo (García Sánchez. 2009).

Saen de Tonga en dirección sur, buscando ventos que axuden a cruzar o Pacífico cara América, pero fronte a ausencia destes da a orde de cambiar o rumbo cara o norte, resignado a seguir a ruta tradicional, subindo pola costa asiática para dirixirse á norteamericana. Nese camiño descobren Consolación (nos grupos de Horns ou Wallis), Gran Cocal (Nanumanga ou Niutao, do grupo Ellice) e San Agustín (atolón de Nanumea) e pasan por Guam. O 8 de agosto de 1781 chegaron á costa norte de California e o 27 de setembro a San Blas, nunha travesía que durou trece meses.

Esta expedición, a derradeira de descubrimento de navegantes españois no Pacífico, salienta no currículo de Mourelle porque, a diferencia das anteriores, o mariño galego asumiu o mando e a responsabilidade total. Hoxe en día o seu nome, coa alteración habitual, consérvase en Vavao para designar un peirao, Port Maurelle. Landín (1971) reproduce unha táboa cos nomes, latitudes e lonxitudes de illas e baixos localizados por Mourelle coa fragata Princesa, publicados por José Espinosa y Tello en 1809.

Outras actividades e volta a España

Á morte de Carlos III, o 14 de decembro de 1788, Mourelle ponse ao servizo do vicerrei de Nueva España, despois de recibir en febreiro dese mesmo ano a concesión do hábito de Caballero de la Orden Militar de Santiago. En 1790 foi destinado ao despacho da Secretaría do vicerrei, onde realizou unha importante recompilación dos diarios, mapas e relacións escritas das expedicións marítimas españolas levadas a cabo na costa noroeste de América. A súa actuación nesta cuestión presenta aspectos discutibles. Incluíu nos textos dos seus colegas valoracións persoais e descualificacións e, probablemente, conservou para si esa documentación, pois pasou aos seus herdeiros. En 1873, o seu fillo, José María Mourelle, doaría ao Almirantado cinco volumes e un atlas con 13 cartas (Sánchez Feijóo, 2010).

Posteriormente a súa vida transcorreu nun plano estritamente militar. En 1811 ascendeu a Brigadier e foi nomeado pola Rexencia como vocal do “Consejo de Generales” para xulgar a actuación dos xefes e oficiais que permaneceran en territorio ocupado polos franceses. Xefe de Escuadra en 1819, era un dos mandos da expedición militar que ese ano se estaba organizando para derrotar, ou conter, o inevitable proceso de independencia das colonias americanas do imperio español. O 1 de xaneiro de 1820 o coronel Rafael del Riego alzouse para restaurar a Constitución de 1812 que el-Rei Fernando VII traizoara. Inicialmente non atopou apoios, pero o 20 de febreiro recibiu o dos liberais de A Coruña, ao que sucederon outros por toda España. Mourelle, leal a Fernando VII, desembarcou parte das tropas para opoñerse a Riego en Cádiz.

O mariño de Corme casara con Petronila Pardo y Ariza o 8 de xaneiro de 1798. Do matrimonio naceron dous fillos: Francisco e José María. A petición do seu fillo José María, as súas cinzas gárdanse no Panteón de Mariños Ilustres de San Fernando. A casa de Mourelle consérvase en Corme, pero o seu estado é lamentable, en risco de derrumbamento, á espera de que a Administración tome medidas urxentes e efectivas para preservala.

Edicións dos escritos e algunha cuestión polémica

Desde o inicio das súas expedicións Mourelle tomou notas e redactou escritos das mesmas. Eses diarios son interesantes documentos que recollían datos técnicos da navegación e observacións sobre moi diversas cuestións. O diario da expedición realizada en 1775 na goleta Sonora, con Bodega ao mando, editouse en 1781, traducido ao inglés: “Journal of a Voyage in 1775. To explore the coast of America, Northward of California, By the Second Pilot of the Fleet, Don Francisco Antonio Maurelle (sic) in the King's Schooner, Called the Sonora, and Commanded by Don Juan Francico de la Bodega” (Mourelle, 1781). A publicación tería posteriores reedicións en inglés. En castelán está editado como: “Navegación hecha a los descubrimientos de la costa septentrional de California con la goleta Sonora, por el segundo Piloto de la Armada y primero del Departamento de San Blas (Landín, 1971: 171-215).

Na edición inglesa, o diario posúe una extensión de 67 páxinas, ademais das nove do Limiar do editor Daines Barrignton e dúas do “Preface” de Maurelle (sic). Barrington foi un membro da Royal Society, entidade á que presentou un brillante informe sobre a precocidade de Mozart. Tiña especial interese en que os británicos accederan ao paso do noroeste, tema sobre o que publicou un libro en 1775. Conta que decidiu a tradución e publicación porque supuña que para preservar os seus dominios os españois non permitirían que navegantes doutros países, especialmente ingleses, coñeceran dos excelentes peiraos da zona e detalles para acceder a fornecementos. Fai unha defensa cínica do suposto altruísmo das navegacións inglesas, que pretende contrapoñer cos celos e sentimentos enfermizos dos españois sobre as súas colonias.

A difusión dese diario de Mourelle xera algunhas interrogantes. As expedicións de descubrimentos desa época tiñan uns salientables fins políticos e militares que obrigaban a unha elevada reserva canto os obxectivos perseguidos e datos obtidos. Por iso resulta sorprendente que o diario de Mourelle se fixera público e, ademais, editado nun país co que España mantiña continuos conflitos armados e unha dura competencia na América setentrional. Non existen datos que permitan saber cal foi o camiño polo que ese documento chegou ás mans de Barrington e cando ocorreu. No limiar da publicación o editor inglés afirma que chegou ás súas mans por “casualidade” (“The following journal having been placed in my hands for perusal”, Barrington, 471), sen ofrecer datos sobre cando, quen e como puido acceder a el. Chama a atención que Mourelle non explicara o acontecido, o que abre todo tipo de suposicións (Sánchez Feijóo, 2010).

Os diarios das expedicións de Mourelle a Alaska (1779) e Asia (1780-81) foron editados en francés en publicacións que recollían diversas viaxes, sobre todo as realizadas por Jean François Galaup, conde de La Pérouse (1741-1788). La Pérouse dirixiu unha importante exploración mariña arredor do mundo, na liña de competir coa de Cook e fomentar a presenza imperial francesa (1785-88). Antes de morrer chegou a entregar os seus diarios e cartas, que foron enviadas a Europa. Viron a luz en 1797 e na edición se inclúen dous extractos dos diarios de Mourelle: “Relation d'un voyage intéressant de la frégate la Princesse, de Manille à Saint-Blaise, en 1780 et 1781" (Mourelle, 1797a) e "Extrait de la relation d'un voyage fait en 1779, par Don François-Antoine Maurelle ... pour la découverte des côtes occidentales de l'Amérique Septentrionale" (Mourelle, 1797b).

Landín Carrasco (1971) reproduce os escritos das tres viaxes, publicados a partir dos seus manuscritos conservados no Museo Naval de Madrid. Monge & Olmo (1991) publicaron parte do diario da expedición de 1779, “Acaecimientos en el puerto de Bucareli (4 de mayo-1 julio)”.



Bibliografía:




Fontes impresas:

MOURELLE DE LA RÚA, F. (1781): Journal of a Voyage in 1775. To explore the coast of America, Northward of California, By the Second Pilot of the Fleet, Don Francisco Antonio Maurelle (sic) in the King's Schooner, Called the Sonora, and Commanded by Don Juan Francico de la Bodega, en Barrington, D., Miscellanies, London: J. Nichols.

MOURELLE DE LA RÚA, F. (1797a): Relation d'un voyage intéressant de la frégate la Princesse, de Manille à Saint-Blaise, en 1780 et 1781, en La Pérouse, Voyage de La Pérouse autour du Monde publié conformément au décret du 22 avril 1797, et rédige par M.L.A. Milet-Mureau, géneral de brigade dans le corps du génie, directeur des fortifications, ex-constituant, membre de plusieurs sociétés littéraires de Paris, Paris: L'Imprimerie de la République, 4 v.; traducido do español por A.G. Pingré: t. 1, p. 256-323.

MOURELLE de la Rúa, F. (1797b): Extrait de la relation d'un voyage fait en 1779, par Don François-Antoine Maurelle ... pour la découverte des côtes occidentales de l'Amérique Septentrionale, en La Pérouse, Voyage de La Pérouse autour du Monde publié conformément au décret du 22 avril 1797, et rédige par M.L.A. Milet-Mureau, géneral de brigade dans le corps du génie, directeur des fortifications, ex-constituant, membre de plusieurs sociétés littéraires de Paris, Paris: L'Imprimerie de la République, 4 v. ; traducido do español por A.G. Pingré: t. 1, p. 324-342.

MOURELLE DE LA RÚA, F. (1971a): Navegación hecha a los descubrimientos de la costa septentrional de California con la goleta Sonora, por el segundo Piloto de la Armada y primero del Departamento de San Blas, en Landín Carrasco, A., Mourellede la Rúa. Explorador del Pacífico, Madrid: Ediciones Cultura Hispánica; p. 171-215.

MOURELLE DE LA RÚA, F. (1971b): Navegación hecha por el Alférez de fragata de la Real Armada Don Francisco Antonio Mourelle destinado de segundo capitán de la fragata Favorita de 40 codos de quilla: 14 de manga: calada de popa 14, Pies: Idem de proa 13, desde el puerto de San Blas que está en la latitud de 21º 30 ´N y al occidente de París 107º 6 ´en longitud, a los descubrimientos de la costa septentrional de California que se estendieron hasta la altura de 61º y al occidente de París 158º, en Landín Carrasco, A., Mourellede la Rúa. Explorador del Pacífico, Madrid: Ediciones Cultura Hispánica; p. 219-269.

MOURELLE DE LA RÚA, F. (1971c): Noticia de la navegación de la fragata Princesa, al mando del Alférez de Fragata Don Francisco Mourelle, desde Manila a San Blas, por el Océano Pacífico, en 1780 y 1781, en Landín Carrasco, A., Mourellede la Rúa. Explorador del Pacífico, Madrid: Ediciones Cultura Hispánica; p. 273-320.


Bibliografía secundaria:

GARCÍA GONZÁLEZ-LEDO, X. A. (2004): Heráldica de Noicela e Lemaio e Epítome biográfico e armas do mariño Francisco Antonio Mourelle, Boletín Estudios de Genealogía, heráldica y nobiliaria de Galicia, 3: 313-335.

GARCÍA SÁNCHEZ, J. M. (2009): Tropicalísimo y romanticismo: el viaje de Francisco Mourelle de la Rúa por el Océano Pacífico (1780-1781), Cuadernos Diceochistas, 10: 291-307.

LANDÍN CARRASCO, A. (1971): Mourellede la Rúa. Explorador del Pacífico, Madrid: Ediciones Cultura Hispánica.

LÓPEZ GONZÁLEZ, P. (2000): San Blas, surgimiento y decadencia, Universidad Ciencia, Tecnología, Sociedad y Cultura. Ensayo de la revista trimestral de Vinculación de la Universidad Autónoma de Nayarit. Méjico. Número 9.

LÓPEZ URRUTIA, C. (1998): El real ejército en California, Mississippi State, MS: Historical Text Archive.

MONGE, F. & OLMO, M. del (editores) (1991): Expediciones a la Costa Noroeste, Madrid: Colección crónicas de América, historia 16, 67.

MOURELLE-LEMA, M (1996): Un navegante ilustre: el jefe de escuadra Francisco Antonio Mourelle. Historias de la mar.

SÁNCHEZ FEIJÓO, L. (2010): Mourelle, el hombre, Gran Armada. Boletín Oficial de la Asociación Histórico Cultural Gran Armada, IX: 12-17.