culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Ernesto Caballero y Bellido

Un técnico excepcional do mundo microscópico

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Xosé A. Fraga Vázquez
  • Data de alta: 11/11/2012

Extras de Ernesto Caballero y Bellido: 

Extras sobre Ernesto Caballero y Bellido:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Xosé A. Fraga Vázquez ([2012], “Ernesto Caballero y Bellido”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 29/04/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=372
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Salamanca 1858
  • Falecemento: Pontevedra 1935
Iniciouse moi novo, aos 12 anos, na fotografía. Estudou Ciencias na Universidade de Salamanca, obtendo, no curso 1875-76, o premio de Química Xeral. Aos 21 anos aprobou a oposición á cátedra de Física e Química do Instituto de Gijón, onde dispuña dun bo laboratorio procedente da Escola Industrial desa cidade. Nesa época entrou en contacto con Alfredo Truan y Luard, circunstancia decisiva para o seu futuro. Truan, fabricante de vidros de orixe suíza, foi o iniciador no Estado español do estudo das diatomeas, autor da primeira Sinopse (Truan, 1884). Caballero adestrouse no seu laboratorio, interesándose polas diatomeas, algas microscópicas, como elemento básico dos seus estudos micrográficos.

En 1881 trasládase para a cátedra do Instituto de Pontevedra, localidade onde residirá o resto da súa vida. Nesta cidade mantivo unha notable actividade. Colaborou na instalación da electricidade e foi director do Instituto por 22 anos. Este centro docente caracterizouse por contar entre o seu profesorado das áreas de ciencias a profesionais cualificados e emprendedores (Fraga Vázquez, 1995). Nas primeiras décadas do século XX, algúns destes profesores, como Bibiano Fernández Osorio-Tafall (1903-1990), Ramón Sobrino Buhigas (1888-1946), Faustino Miranda González (1905-1964) e o propio Caballero, formaron un grupo moi activo que colaborou de xeito notable na creación e desenvolvemento de importantes institucións científicas instaladas nas proximidades da cidade (Misión Biolóxica de Galicia en Salcedo, Estación de Bioloxía mariña en Marín) (Fraga Vázquez, 2007).

Unha brillante carreira

As múltiples ocupacións dificultaron a continuidade dos seus estudos micrográficos. De feito, cando en 1892 retoma ese labor, a parte da súa ocupación como profesor e director do Instituto, dirixía a fábrica da luz, unha estación meteorolóxica e o Laboratorio municipal, ademais sufría algunha doenza dixestiva. Esta situación persoal e profesional vai condicionar dun xeito notable o labor investigador nos anos seguintes, propiciando unha actividade irregular. De todos os xeitos, sería quen de desenvolver unha salientable actividade no estudo das técnicas micrográficas e das diatomeas (unha descrición detallada da biografía científica deste autor pode consultarse en Fraga, Varela & Costas, 1989). Sintetizando as súas principais realizacións, diremos que en 1893 inicia a publicación das súas pescudas. Na revista La Naturaleza, aparece o artigo “La fotomicrografía” (Caballero, 1893). No texto tenta axeitar as técnicas microfotográficas habituais, presentando lixeiras variacións con relación ás propostas do coñecido especialista Henri Van Heurck. O artigo, centrado nos aspectos técnicos do tema, recolle, a xeito de ilustración, unha fotografía dun conxunto de diatomeas da ría de Pontevedra, primeira foto publicada dunhas diatomeas de Galicia.

A segunda publicación aparece nos prestixiosos Anales de la Sociedad Española de Historia Natural: “Técnicas de las preparaciones microscópicas sistemáticas” (Caballero, 1897). As preparacións sistemáticas son as constituídas por un número importante de obxectos microscópicos (xeralmente centenares de diatomeas) dispostos dun xeito ordenado e, habitualmente, con pretensións estéticas. Caballero atopou un sistema bastante sinxelo para montar estas preparacións en pouco tempo e en axeitadas condicións de observación. A perfección acadada foi tal que, con diversas modificacións posteriores, resulta de difícil superación na actualidade. A técnica é o resultado de arredor de cinco anos de busca dun sistema e uns seis meses de perfeccionamento. Asemade, cómpre sinalar que fronte ao exemplo de Moller, que mantiña o segredo da súa técnica, co conseguinte beneficio económico, Caballero facilita o acceso público, despois dun tempo de dúbidas sobre que facer.

Paralelamente coas pescudas técnicas tentou levar a cabo o estudo das diatomeas de Galicia. O exemplo directo da Sinopse do seu amigo Truán propiciou a idea de realizar a correspondente Sinopse das diatomeas galegas, animado polas recolleitas que levaba a cabo. O proxecto supuña un traballo que esixía a combinación de dúas capacidades: a precisión técnica na elaboración das microfotografías e a descrición taxonómica das diatomeas. Os datos directos que había naquel momento sobre este grupo de algas eran mínimos. Só existía unha cita específica indicada por Colmeiro (1868-9), en base a exemplares enviados por Seoane.

Ligadas ao estudo das diatomeas de Galicia atópanse as relacións persoais e científicas que Ernesto Caballero mantén con Baltasar Merino e Seoane. A relación con Merino debe orixinarse no coñecemento propiciado por razóns académicas. Caballero era o catedrático de Física e Química do Instituto do que dependía o colexio no que o xesuíta era profesor desa materia. Merino será, polo menos entre os anos 1892-1896, un dos recadadores do micrógrafo, fornecéndolle sedimentos con diatomeas. Asemade, animábao para a realización do estudo das diatomeas galegas, indicándolle que debía correr o risco de sinalar sinonimias antes de ficar en silencio. Seoane mantiña unha intensa relación co profesor pontevedrés desde 1892; probablemente, Merino puxo en contacto a ámbolos dous. Caballero mandáballe algúns narcisos a Seoane, e este enviáballe sedimentos de diatomeas do Norte de Galicia. Das súas comunicacións puidemos coñecer os detalles do proxecto de Sinopse de Caballero. Xa desde fins de 1892 comenta esa intención: fotografaría as diatomeas e mandaríaas a algún taxónomo experimentado para a súa determinación.

O plan semella lóxico e realista, e sería levado á práctica por Caballero coas diatomeas fósiles, mais ficará, co paso dos anos e con diferentes intentos, en proxecto, sen plasmarse en nada concreto. Argumentará diversas razóns para xustificar iso, pero coidamos que o problema central residía en que estaba moi centrado nas cuestións técnicas. Iso é o que lle gustaba, interesaba, e onde, el sabíao, podía obter uns bos resultados. O de realizar un estudo sistemático das diatomeas era algo que o enfrontaba cun labor descoñecido e para o que non tiña especial interese nin competencia.

Nestes anos Seoane é, practicamente, o seu interlocutor exclusivo nesta cuestión. Un momento importante deste proxecto é o ano 1895. En xaneiro, Caballero semella decidirse a solicitar a colaboración de Seoane para elaborar xuntos o estudo das diatomeas de Galicia, do xeito anteriormente apuntado. A proposta permitía integrar no proxecto as excelencias técnicas de Caballero e a experiencia dun taxónomo como Seoane, quen, ademais, tiña un certo coñecemento deses seres. O proxecto común supuña, polo tanto, a posibilidade de superar as importantes dificultades que ámbolos dous autores confesaban: Caballero as limitacións para o labor taxonómico e Seoane os seus problemas cos “pesados” métodos de preparación e fotografado das diatomeas. O traballo conxunto non se levou á práctica e o proxecto seguiu sendo tal.

Tras a fase de colaboración con Seoane, viría unha etapa de ampliación dos seus contactos científicos do micrógrafo e unha importante produción de resultados. O punto de partida debe situarse na comentada publicación da súas “Técnicas” en 1897 (Caballero, 1897). Esa aparición deulle visibilidade científica, permitiulle ser coñecido polos especialistas que tiñan algún interese polo tema, tanto desde a perspectiva botánica como técnica.

Proxección exterior

Ábrese así unha nova etapa na actividade do micrógrafo, de contacto e colaboración coa elite científica española (Salvador Calderón, Odón de Buen, Santiago Ramón y Cajal, Florentino Azpeitia...) e as institucións máis notables do momento, como a propia Sociedad Española de Historia Natural, o Museo de Ciencias Naturales, de Madrid, o Laboratorio Español de Oceanografía e a Junta para Ampliación de Estudios (JAE), coa posterior proxección na comunidade internacional. Ese recoñecemento lévalle a acadar da JAE, en 1910, unha bolsa durante once meses (oito e prórroga de tres), para estudar nas “provincias gallegas” a “recolección, preparación y estudio de su flora diatomácea”. Pontevedra foi o centro das excursións que fixo por toda a provincia e parte das de Ourense e A Coruña. Recolleu centenares de “materiales diatomíferos de agua dulce y salada”, depurando máis de 2.000 formas, coas que fixo montaxes e realizou microfotografías (Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, Memoria correspondiente a los años 1910 y 1911, pp. 184-185). Tamén impartiu cursos sobre o tema nos laboratorios da JAE e na Estación de Bioloxía mariña de Santander, explicando as súas técnicas.

Os contactos con Salvador Calderón e Florentino Azpeitia dirixirán o seu labor cara o estudo das diatomeas fósiles de Morón, cuxas microfotografías estarán listas en 1899. A ordenación das fotografías conclúe nun Atlas con dez láminas e con 331 figuras de 171 especies, a 400 aumentos, do que había unha versión para regalo, constituída por catro exemplares, a 180 aumentos. Para a determinación dos exemplares recorreu á axuda do importante especialista holandés J. Kinker, quen, polas fotos enviadas, foi procedendo a determinar os taxóns. Nunha mostra de xenerosidade e/ou inxenuidade, Caballero deixou os clixés das fotos a Florentino Azpeita, quen os utilizou para o seu libro, La Diatomología española en los comienzos del siglo XX (Azpeitia, 1911). O conxunto de Caballero formaba, no seu momento, o máis importante de exemplares de diatomeas fósiles de Morón. Magdalena de Ariz Olaechea dedicou a súa tese doutoral, La colección diatomológica de Ernesto Caballero y Bellido, lida o 17 de xuño de 2005 na Universidade Complutense de Madrid, ao estudo da “colección de Diatomeas fósiles y vivientes de la colección Diametológica de Ernesto Caballero y Bellido”.

Xunto a un texto de divulgación sobre o microscopio, Caballero publicou nos anos vinte unha serie de traballos que recollían as pescudas realizadas neses anos. Na xubilación pretende seguir traballando nos laboratorios do Instituto de Pontevedra, pero non acada o permiso. E unha vez máis da mostras da súa grande capacidade innovadora e descubre un enxeñoso método para microfotografiar en calquera posición (Caballero, 1924). Deste traballo, publicado en francés, faría unha versión española (Caballero, 1925a). Ese ano publica a actualización do método de elaboración de preparacións sistemáticas (Caballero, 1925 b). O texto leva un interesante limiar de Santiago Ramón y Cajal. Como remate temos o artigo “The technique of mounting diatom and other type slides” (Caballero, 1927), publicado no prestixioso Journal of the Royal Microscopical Society. Ven ser a tradución ao inglés do sistema de Caballero, en base ao texto de 1925, con poucas pero interesantes incorporacións. Esa publicación permitiulle acceder ao espazo científico anglosaxón. A relación co sobranceiro científico Santiago Ramón y Cajal mantívose durante moitos anos, compartindo o común interese pola fotografía e o microscopio (Fraga; Varela & Costas, 1989). O recoñecemento do premio Nobel ao labor de Caballero foi continua, citando, por exemplo, o dispositivo microfotográfico do profesor pontevedrés (Ramón y Cajal & Tello y Muñoz, 1945: 42).

Ademais destes traballos, axudou a diversos autores. Xunto á colaboración con Azpeitia, aceptou a invitación de Odón de Buen, director do Instituto Español de Oceanografía, para adestrar aos novos especialistas, Miguel Pérez Gutiérrez e Álvaro de Miranda; resultado diso será un traballo publicado por estes autores (Pérez Gutiérrez & Miranda, 1918). Xubilado, seguiu impartindo cursos organizados pola JAE e doou parte fundamental do seu patrimonio científico ao Museo Nacional de Ciencias Naturales de Madrid. En 1987 a colección diatomolóxica de Caballero foi “redescuberta” no Museo e analizada por C. Diéguez e A. Montero: "Curational and conservation aspects of the E. Caballero Bellido diatom collection at the Museo Nacional de Ciencias Naturales, Madrid (Spain)" (Diéguez & Montero, 1993).

A valoración moi positiva do labor técnico de Caballero mantense entre os especialistas desde a publicación dos seus primeiros traballos. Na época cómpre salientar a opinión de Henri Van Heurck, director do Xardín Botánico de Amberes e autoridade mundial en microscopia e diatomeas. Este autor recoñece o mérito técnico das preparacións, pero reprocha a Caballero que non determine as diatomeas e que non sinale a procedencia das mesmas. Ademais, insinúa que un taxónomo elaboraría as súas preparacións desde un criterio taxonómico, sendo secundaria a estética, como acontecía co profesor pontevedrés.



Bibliografía:




Fontes manuscritas:

Correspondencia Victor López Seoane-Ernesto Caballero. Instituto “José Cornide” de Estudios Coruñeses.
http://www.ijcec.es/index2.php?sec=lseoane2


Fontes impresas:

CABALLERO Y BELLIDO, E. (1893-94): La fotomicrografía, La Naturaleza , V, 3: 38-40; 4: 70-71; 5: 81-82; 6: 104-106.

CABALLERO Y BELLIDO, E. (1897): Técnicas de las preparaciones microscópicas sistemáticas, Anales Soc. Esp. Hist. Nat., XXVI: 217-240.

CABALLERO Y BELLIDO, E. (1900) El microscopio , Barcelona: Manuales Soler, LXIV (o libro tivo outras edicións).

CABALLERO Y BELLIDO, E. (1924): Note sur un dispositif spécial pour faire das microphotographies avec le microscope placé dans une position quelconque, de preferénce en position inclinée, Trabajos del Laboratorio de Investigaciones Biológicas de la Universidad de Madrid , XXII; separata.

CABALLERO Y BELLIDO, E. (1925 a): Sobre una instalación para microfotografiar con el microscopio en cualquier posición, principalmente inclinada, Anales Soc. Esp. de Física y Química, XXIII: 130-137.

CABALLERO Y BELLIDO, E. (1925 b): Técnica de las preparaciones sistemáticas Trabajos del Museo de Ciencias Naturales. Serie Botánica, 20: 5-73.

CABALLERO Y BELLIDO, E. (1927); The technique of mounting diatom and other type slides, Journal Royal Microscopical Society, 1927: 9-28.


Bibliografía secundaria:

AZPEITIA MOROS, F. (1911): La Diatomología en España a comienzos del siglo XX, Madrid: Imp. E. Arias.

COLMEIRO, M. (1868-9): Enumeración de las Criptogámas de España y Portugal. 2a. parte, Talógenas: Hongos, Líquenes, Collemaceas, Algas, Madrid: Aguado, Impresor de Cámara de S. M. y de su Real Casa

DIÉGUEZ, C. & A. MONTERO, A. (1993): Curational and conservation aspects of the E. Caballero Bellido diatom collection at the Museo Nacional de Ciencias Naturales, Madrid (Spain), Simposio Internacional y Primer Congreso Mundial sobre preservación y conservación de colecciones de Historia Natural, Palacios, F. , Martínez, C. & Thomas, B. (eds.), Madrid: Dirección General de Bellas Artes y Archivos; v. 2, pp. 309-321.

FRAGA VÁZQUEZ, Xosé A. (1995): Historia do Instituto de Pontevedra. As Ciencias Naturales, 1845-1936, Pontenova, Revista de Investigación Xove, 1.

FRAGA, X.A.; VARELA, M. & COSTAS, E. (1989): As investigacións micrográficas de Ernesto Caballero (1858-1935), O Castro-Sada (A Coruña): Ediciós do Castro. Publicacións do Seminario de Estudos Galegos.

PÉREZ GUTIÉRREZ, M. & MIRANDA, A. de (1918): Preparaciones sistemáticas de diatomáceas y breves consideraciones para un trabajo científico acerca de estos seres, Boletín de Pescas , 28: 399-425.

RAMON Y CAJAL, S. & TELLO Y MUÑOZ, J.F. (1945): Elementos de histología normal y de técnica micrográfica, Barcelona: Editorial Científico Médica, 12ª edición.

SEOANE, V. L. (1897): Nota, Actas Soc. Esp. Hist. Nat. , 50-52.

TRUAN Y LUARD, A. (1884): Ensayo sobre la Sinopsis de las Diatomeas de Asturias, Anales Soc. Esp. Hist. Nat. , XIII: 307-352; 353-364; XIV: 239-256.

VAN HEURCK, H. (1880-1885): Synopsis de Diatomées de Belgique (Atlas, Table, Texte) , Anvers: Ed. par l'auteur.