culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Francisco Ponte y Blanco

Un técnico da administración con preocupacións didácticas, políticas e culturais

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Sisto Edreira, Rafael
  • Data de alta: 11/11/2012

Extras sobre Francisco Ponte y Blanco:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Sisto Edreira, Rafael ([2012], “Francisco Ponte y Blanco”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 22/08/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=374
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: A Coruña 1853
  • Falecemento: A Coruña 1926
De mozo residiu na Habana (Cuba), onde foi socio fundador do Centro Gallego e profesor no mesmo. De regreso a Galicia viviu na cidade da Coruña, na que desenvolveu a súa actividade técnica como sobrestante do Corpo facultativo de Obras Públicas. Francisco Ponte foi tamén Alcalde da Coruña a principios dos anos vinte, presidente da Asociación da Prensa, da Sociedade Filharmónica e do Círculo de Artesáns. No ano 1918, momento no que se cubriron 18 baixas, ingresa na Real Academia Galega. Henrique Monteagudo, na súa web persoal, cualifícao como “erudito con preocupacións ben arredadas da cultura galega”, a pesares do que en marzo de 1924 foi elixido presidente da Institución, feito considerado polo grupo máis próximo ao nacionalismo como unha cacicada, que mesmo promoveu no xornal Galicia un manifesto público en contra do candidato. Ponte dirixiu a Academia ata a súa morte, en xullo de 1926.

A súa primeira obra de carácter técnico semella ser Elementos de Carreteras y Ferrocarriles (Construcción y conservación) (Ponte, 1899), axustada ás materias que se esixían para o ingreso no persoal auxiliar de Facultativos de Obras Públicas, declarada de utilidade por R.O. en 1902. Este extenso e pormenorizado estudo abrangue, por unha banda, a construción, conservación e reparación das estradas, e por outra, todo o relacionado co trazado da vía férrea, tanto no seu asentamento coma nos seus accesorios e explotación. Unha parte final recolle os traballos de gabinete, analizando o levantamento de planos e perfiles, e un apéndice sobre as construcións de cemento armado. No ano 1904 publicou un complemento da anterior obra, titulado Carreteras y Ferrocarriles. Detalles acerca de la formación de sus proyectos y tramitación de los expedientes de expropiación (Ponte, 1904a), no que trata distintos temas, como os documentos dos que consta un proxecto de estradas, as memorias e planos, os pregos de condicións e orzamentos, os pregos de condicións particulares, económicas e xerais, a redacción dos proxectos de abasto de pedra destinados á conservación e reparación das estradas, os expedientes de expropiación, e a intervención dos Axudantes de Obras públicas nos mesmos.

Outra importante publicación técnica do autor, editada na Coruña nos anos 1904, 1915, 1921 e 1927, en sucesivas edicións, é o Tratado práctico de estereotomía (Aplicación al corte de piedras, maderas e hierros), obra de texto oficial nas escolas de enxeñeiros navais e industriais, na de axudantes de Obras Públicas e na de Artes e Oficios. Prolífico en publicacións, a meirande parte das súas obras relatan as impresións das súas viaxes ou outros aspectos da cultura do país, como poden ser Impresiones de un viaje. De La Coruña a París por Madrid, Valencia y Barcelona. Recompilación en cinco crónicas de las notas y observaciones recogidas por el autor en un viaje de placer, La crisis agraria, Educación social en sus varios aspectos de la Enseñanza profesional ou Cultura y puericultura.



Bibliografía:




Fontes impresas:

PONTE Y BLANCO, F. (1899): Elementos de Carreteras y Ferrocarriles (Construcción y conservación), A Coruña: Imp. de Vda. De Ferrer e Hijo. (2ª Ed.: 1901, A Coruña, Imp. de Vda. De Ferrer e Hijo; 3ª Ed.: 1905, A Coruña, Imp. y Fotograbados de Ferrera).

PONTE Y BLANCO, F. (1904a): Carreteras y Ferrocarriles. Detalles acerca de la formación de sus proyectos y tramitación de los expedientes de expropiación, A Coruña.

PONTE Y BLANCO, F. (1904b): Tratado práctico de estereotomía (Aplicación al corte de piedras, maderas e hierros), A Coruña: Imprenta y Fotograbado de Ferrer. (2ª Ed.:1915, A Coruña, T. Imprenta Garcybarra; 3ª Ed.: 1921, A Coruña, Papelería T. Imprenta Garcybarra; 4ª Ed.: 1927, A Coruña, Papelería T. Imprenta Garcybarra).


Bibliografía secundaria:

COUCEIRO FREIJOMIL, A. (1951-54). Diccionario bio-bibliográfico de escritores, Santiago: Bibliófilos Gallegos; II: 111-112.