culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Vicente Goyanes Cedrón

Docente de Anatomía patolóxica cun importante papel no desenvolvemento das clases prácticas

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Sisto Edreira, Rafael
  • Data de alta: 23/11/2012

Extras de Vicente Goyanes Cedrón: 

Extras sobre Vicente Goyanes Cedrón:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Sisto Edreira, Rafael ([2012], “Vicente Goyanes Cedrón”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 27/04/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=378
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Ourense 1865
  • Falecemento: Santiago de Compostela 1954
Estudou en Santiago o bacharelato e a carreira de Medicina, para posteriormente doutorarse en Madrid. Foi alumno interno por oposición no Hospital Clínico de Santiago, onde despois exerceu como médico interno. Ampliou os seus estudos visitando establecementos psiquiátricos de París, Bruxelas e Berlín, e fixo cursiños de especialización en bacterioloxía co Dr. Guy, en hematoloxía co Dr. Pittaluga, e en histoloxía e anatomía patolóxica con Del Río-Hortega.

Nada máis doutorarse opositou en Santiago á praza de director de Traballos anatómicos, que desempeñou durante catorce anos. Goyanes obtivo a cátedra de Técnica Anatómica na Universidade de Sevilla e posteriormente na de Granada, e no ano 1926 foi nomeado catedrático de Histoloxía e Anatomía patolóxica da Facultade de Medicina de Santiago nunha selección que semella pecou de favoritismo e que levantou moitas críticas dos que consideraban que o candidato tiña máis formación anatómica ca histolóxica, ademais dos varios informes negativos que acumulou o proceso (Gurriarán, 2006).

Exerceu os cargos de vicedirector e director do Manicomio de Conxo, ao que serviu vinte catro anos, e de director da leprosería de San Lázaro, en Santiago, durante doce anos. Foi médico de número da Beneficiencia Provincial, encargado da sala de enfermos mentais e director dos servizos correspondentes ao laboratorio clínico, autopsias e tratamento antirrábico do Hospital Clínico, que dirixiu interinamente. Xubilouse no ano 1935 e foi nomeado Director de Honra dos Laboratorios de Histoloxía e Anatomía polo claustro da Facultade de Medicina de Santiago.

A primeira obra que publica é a tese doutoral, Suturas intestinales, aplicación del botón de Murphy y sus modificaciones, (Goyanes, 1897a), na que fai un relato histórico das distintas técnicas de suturas, facendo especial fincapé no manual operatorio de emprego dos botóns anastomóticos de Murphy e Hagapoff, pero sen telos empregado nunca persoalmente, polo cal recorre a críticas e comentarios alleos. Ao ano seguinte dá ao prelo a obra Anatomía Práctica, feita en colaboración con Barcia Caballero e prologada por Sánchez Freire. Despois de publicar en 1909 o Manual del enfermero de los manicomios, aparece a súa obra Nociones de Técnica Histológica, (Goyanes,1925), prologada por Rodríguez Cadarso, a quen orientara nos seus primeiros pasos na sala de disección. Nela recóllense regras, preceptos, consellos e procederes, incluíndo moitas contribucións propias, para o manexo do alumno no laboratorio. Gran parte da obra está dedicada ao método histolóxico, expondo as técnicas de preparación, montaxe, conservación e lectura de preparacións microscópicas.

Outro traballo que cómpre salientar é o titulado Autopsias clínicas y trabajos de laboratorio necesarios para complementarlas (Goyanes, 1927), prologado polo Dr. Nóvoa Santos, do que tamén foi mestre. Ven ser un manual ou guía práctica para autopsias, onde se detalla o instrumental a empregar e a análise dos distintos puntos de interese, dando tamén indicacións interpretativas. Especial importancia, pola súa concreción e utilidade, ten a segunda parte da obra que incide sobre os traballos de laboratorio complementarios.

Tamén foron publicadas unhas leccións de Anatomía patolóxica recollidas polos seus alumnos Ríos Suárez e Casal Aboy no ano 1928, e outros traballos académicos como Clase de Microbiología Médica. Prácticas de Laboratorio, no ano 1931. Na revista Galicia Clínica aparecen algúns artigos seus sobre a lepra, enfermidade sobre a que o Ministerio de Instrución Pública lle encargara un estudo. Salientable é tamén a súa preocupación polo desenvolvemento dun ensino práctico, pois Gurriarán (2006) cita a testemuña de alumnos que din del que as súas prácticas de laboratorio en histoloxía e anatomía patolóxica foran as únicas que realmente recibiran.

Goyanes foi Alcalde da cidade de Santiago entre abril de 1922 e agosto de 1923, e Gurriarán (2006) atribúelle militancia conservadora (maurista), posiblemente vinculada ao grupo de Rodríguez de Viguri. A súa posición conservadora tamén no ámbito universitario levaríao a opoñerse á moción de censura proposta contra o reitor Felipe Gil Casares tralos graves incidentes de 1931 ao permitir este o acceso da forza pública ao recinto universitario.



Bibliografía:



Fontes impresas:

GOYANES CEDRÓN, V. (1897a): Suturas intestinales, aplicación del botón de Murphy y sus modificaciones, Santiago: Imp. Paredes.

GOYANES CEDRÓN, V. (1897b): Programa de técnica anatómica, Santiago: Tip. Galaica.

GOYANES CEDRÓN, V. (1925): Nociones de Técnica Histológica, (2ª ed. en l927, Santiago, Imp. La Comercial). [Prólogo de Rodríguez Cadarso].

GOYANES CEDRÓN, V. (1927): Autopsias clínicas y trabajos de laboratorio necesarios para complementarlas, Santiago: Tip. La Comercial.

GOYANES CEDRÓN, V. (1928): Anatomía patológica: Lecciones dadas en la cátedra, Santiago: Tip. La Comercial.

GOYANES CEDRÓN, V. (1931): Clases de microbiología médica: prácticas de laboratorio, Santiago: Imp. La Comercial.

GOYANES CEDRÓN, V. (1932): Nociones de Técnica Microscópica, Santiago: Ed. Cervantes. [Prólogo de Rodríguez Cadarso].

BARCIA CABALLERO, GOYANES CEDRÓN (1898): Anatomía práctica, Santiago: (s.n.).


Bibliografía secundaria:

ANÓNIMO (1929): D. Vicente Goyanes Cedrón, Boletín Oficial del Colegio de Practicantes de Santiago, 10.

GURRIARÁN, Ricardo (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Santiago: Universidade.