culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Domingo Antonio de Nóvoa Gándara y Feijoo

Boticario con intereses naturalistas

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Sanmartín Míguez, J. Santiago
  • Data de alta: 23/11/2012

Galeria


Farmacia Gibert. Farmacia catalana do século XVIII orixinaria de Torredembarra (Tarragona).

Como citar esta páxina:

  • Sanmartín Míguez, J. Santiago ([2012], “Domingo Antonio de Nóvoa Gándara y Feijoo”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 24/11/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=379
Untitled Document

Farmacia Gibert. Farmacia catalana do século XVIII orixinaria de Torredembarra (Tarragona).

Datos biográficos:

  • Nacemento: Descoñecida
  • Falecemento: Descoñecida
Boticario e cirurxián, cursou os estudos de cirurxía na universidade compostelá, pero descoñécese onde adquiriu a súa formación farmacéutica. No ano 1766 atópase exercendo como cirurxián titular na cidade de Lugo, adscrito aos hospitais de San Xoán de Deus e de San Lázaro. Movido por unha marcada inclinación naturalista, abandonou a práctica médica para establecerse como boticario na rúa de Batitales, na mesma cidade de Lugo.

Non se coñece obra impresa deste estudoso lucense, pero sen embargo existe constancia de dous traballos manuscritos que merecen destacarse. En 1782 escribía “Disertación Histórica / Médico Chyrurgica / Sobre la existencia de la lepra / de los antiguos / Contiene cinco observaciones Chyrurgicas / Dividida en dos partes”. Baixo este longo título, e ao longo de 122 páxinas, Nóvoa desenvolve a idea de que a lepra non existe xa no seu tempo nin en España nin en toda Europa. Afirma que con este nome xenérico desígnanse unha serie de enfermidades dermatolóxicas como a elefancia, a leonicia, a morfea e outras, entre elas a alopecia, que se engloba dentro deste grupo por formar parte do síndrome. Conclúe que a lepra foi substituída polo chamado “mal de bubas”, é dicir, a sífilis. Nóvoa intercala na disertación ideas xerais acerca da metodoloxía científica, facendo crítica da medicina especulativa e dogmática imperante na época, e mostrándose entusiasta do saber empírico fundamentado na experiencia. Con similares argumentos censura ós boticarios que continúan ordinariamente coas prácticas herdadas dos seus predecesores.

Máis importante é o manuscrito de 69 páxinas, datado en 1790, que se conserva no Archivo del Jardín Botánico de Madrid, titulado: “Historia de la Árnica, o Doronico / Saludable de Escrodero; / Sus virtudes y propiedades”. Nóvoa declárase aquí descubridor en Galicia, no ano 1786, da Arnica montana, e fai unha descrición profusa das súas calidades farmacolóxicas e modos de preparación. Nesta obra o autor dá renda solta á súa vocación naturalista, realizando unha pormenorizada exposición xeográfica do Reino de Galicia, na que considera aspectos hidrográficos, agrícolas e zoolóxicos.

Domingo Antonio de Nóvoa é un persoeiro representativo da ciencia galega da Ilustración. Aínda que estivo lonxe dos centros de investigación, non foi alleo á vangarda científica do momento, que lle chegou a través dos mellores tratados da época, citados nos seus escritos. Como outros científicos do século XVIII, tivo maior interese pola metodoloxía que polo estado mesmo da ciencia.

Cirurxián na súa primeira etapa profesional, enfrontouse ás correntes especulativas da Medicina da Ilustración, avogando por un saber empírico e depreciando en certo modo o imprescindible soporte teórico do coñecemento –nada desprezábel no século XVIII-, e que de ningún modo era incompatible coas súas fontes experimentais. Nóvoa moderará esta tendencia na súa madurez.

Xa como boticario, Nóvoa puido desenvolver plenamente a súa inclinación naturalista, e aínda que escaso de formación académica en materias como a Botánica ou a Xeoloxía, este investigador provinciano logrou suplir as súas carencias mediante unha curiosidade e adicación encomiables.

Foi designado académico correspondente da Real Médico-Matritense no ano 1782 e actuou como membro activo da Sociedad Económica de Amigos del Pais en Lugo. Por unha noticia aparecida no xornal El Patriota Compostelano, do 15 de marzo de 1810, sabemos que aínda seguía exercendo nesa data.



Bibliografía:



Bibliografía secundaria:

MARTÍNEZ-BARBEITO, C. (1961): Don Domingo Antonio de Nóvoa, médico y farmacéutico gallego del siglo XVIII, Cuadernos de Estudios Gallegos, XVI, 48: 87-128.