culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Manuel Piñeiro Herba

Un tomista na cátedra de Patoloxía

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Xosé A. Fraga Vázquez
  • Data de alta: 30/11/2012

Extras de Manuel Piñeiro Herba: 

Extras sobre Manuel Piñeiro Herba:

Galeria


Unha páxina da obra de Manuel Piñeiro Herba, "Lecciones de preliminares clínicos y moral médica" (1881).

Como citar esta páxina:

  • Xosé A. Fraga Vázquez ([2012], “Manuel Piñeiro Herba”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 01/06/2023] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=382
Untitled Document

Unha páxina da obra de Manuel Piñeiro Herba, "Lecciones de preliminares clínicos y moral médica" (1881).

Datos biográficos:

  • Nacemento: Descoñecida Franza-Mugardos (A Coruña)
  • Falecemento: Santiago de Compostela 1913
Estudou no Seminario de Santiago a carreira sacerdotal pero non se ordenou. Posteriormente cursou a carreira de Medicina. Iniciou a súa actividade docente na Facultade, como profesor auxiliar, ocupando a cátedra de Patoloxía Médica en 1875. Concelleiro no Axuntamento compostelán, como primeiro tenente de alcalde encargouse, en 1887, da invocación ao apóstolo Santiago. Publicou o folleto León XIII y Pío X (Piñeiro, 1904), unha apoloxía na que salienta a defensa da infabilidade do bispo de Roma, e na que recolle, en latín e castelán (a tradución é do catedrático Barcia Caballero), algúns poemas e textos alusivos á morte de León XIII e ao nomeamento do novo Papa Pío X.

Acadou certa sona pola súa capacidade clínica. Unha singular revista de divulgación científica, promovida polo profesor Antonio Vila Nadal, La Propaganda Científica, aporta información sobre o labor dos seus alumnos. Co número 5, correspondente ao 17 de febreiro de 1898, iniciouse a publicación nese medio dunha serie de “historias clínicas” de diversos enfermos, ás veces co título de “Clínica Médica del profesor D. Manuel Piñeiro Herba”. Recollían 2, 3 ou máis “historias” por número, ata o 13, de 7 de maio de 1898. Publicou un Programa de patología interna (Piñeiro, 1883) e o limiar de La pulmonía y su tratamiento (Piñeiro, 1894), obra do seu exalumno Lope Valcárcel que foi premiada pola Real Academia de Medicina Española no concurso de 1891 a 1892. Tamén prestou atención á tuberculose en Parte doctrinal o exposición didáctica de la tuberculosis crónica (Piñeiro, 1902).

A defensa dunha medicina supeditada ao dogma católico

Piñeiro, coñecido pola súa ideoloxía integrista (Barreiro Fernández; Rodríguez Díaz & Ruibal, 1971; Mayobre Rodríguez, 1985; Fraga, 1992), aliñouse no sector tradicionalista da Facultade de Medicina, dominante na institución. A fins do século XIX non entendía nin aceptaba que a ciencia tiña un discurso autónomo e centrou o seu labor intelectual en defender unha medicina subordinada á ortodoxia católica, en concreto ao tomismo. Esa posición manifestase en varios escritos elaborados nos primeiros anos oitenta. En 1880 redacta as Lecciones de preliminares clínicos (Piñeiro, 1880). En forma de leccións (“Medicina”, “Idea de la vida”, “Consideraciones acerca del Hombre”, etc.) expón a súa singular visión do labor clínico. Coñece a obra do salientable científico Claude Bernad, a quen denomina “el Fisiólogo”, e recoñece o mérito dos seus descubrimentos no ámbito da medicina experimental, pero procede a unha refutación da súa “fisiología materialista”, para o que recorre ao maxisterio de Santo Tomás de Aquino. Faino porque entende que “la definición escolástica responde mucho mejor que la de los fisiólogos a las exigencias de la ciencia” (Piñeiro, 1880: 23). Canto a orixe e evolución humana, rexeita o transformismo (nome que recibía o evolucionismo nese tempo) e establece como fonte de verdade o relato bíblico (“Nada más admirable por la verdad y sencillez que la narración Mosaica al hablar de la aparición del hombre sobre la haz de la tierra”, Piñeiro, 1880: 27). Non é de estrañar que afirme: “Confieso de una manera terminante que la ciencia de algunos que se dicen sabios, es afuer (sic) de positivista, atea, y no concibo en la negación de la causa primera sinó la ruina y la destrucción completa del edificio científico” (Piñeiro, 1880: 40).

Ese libro tería a súa continuidade no editado un ano máis tarde, Lecciones de preliminares clínicos y moral médica (Piñeiro, 1881). Nesta edición engade o tratamento da Deontoloxía médica, que asimila á moral, e persiste no seu rexeitamento ás doutrinas positivistas e materialistas, ou sexa, a unha medicina experimental autónoma. Para Piñeiro non é admisible o labor clínico fóra da súa militancia católica. Esa intransixencia fica reflectida en expresións coma esta: “La sana fisiología, de acuerdo con la enseñanza de la religión católica, nos dice que el alma es la forma sustancial del cuerpo” (Piñeiro, 1881: 169).

Con eses antecedentes non nos debe sorprender o ton apoloxético e integrista do discurso que leu na inauguración do curso académico 1882-83, Consideraciones generales acerca del hombre y refutación de algunos errores del moderno Positivismo (Piñeiro, 1882). Piñeiro procede a unha descualificación global dos “errores de la ciencia moderna”. E faino abordando o tema coma unha cuestión de principios, polo que non accede a un debate concreto. Mestura toda unha serie de teorías e metodoloxías, como positivismo, materialismo, evolucionismo, etc., pois a súa ríxida interpretación do tomismo non contempla matices. Sitúa como eixo central desta perspectiva a dependencia da actividade científica ás “verdades reveladas”. Esta visión desdebuxa os obxectivos da ciencia e supedítaa, anacronicamente, a posicións previas e alleas ao coñecemento científico. Cando Piñeiro debe concretar os seus argumentos antidarwinistas, descualifica as teses transformistas por medio de afirmacións xerais, recorrendo á autoridade de Linneo, con breves referencias a Quatrefages.

Cómpre salientar que o carácter de proclama ideolóxica do Discurso é especialmente salientable, se reparamos en que non se produce na publicación dun folleto particular ou conferencia ante correlixionarios, senón nun emblemático acto académico, o máis importante da institución chamada a ser o centro do saber e do estudo en Galicia. As posicións de Piñeiro motivaron, entre outras cousas, a resposta de Esteban Quet, significado catedrático progresista. Este activo profesor deu unha conferencia no Ateneo Escolar Gallego de Santiago, o 15 de Abril de 1882, El Materialismo y el positivismo en la Ciencia. No “Post-scriptum” do texto publicado (Quet, 1882), refírese ao Discurso de Piñeiro, que cualifica de “sacristanesco”.

As teses de Piñeiro atoparon unha recepción positiva entre algúns médicos, como foi o caso de Antonio Correa Fernández. Este médico lucense escribiu Los Pecados y vicios capitales en el concepto médico, social y religioso (Correa, 1899), libro no que recolle as argumentacións habituais entre o integrismo católico da época. E cita explicitamente a Piñeiro, concretamente á súa publicación de 1881, como referencia e aval desas posicións.



Bibliografía:




Fontes impresas:

PIÑEIRO HERBA, M. (1880): Lecciones de preliminares clínicos, Santiago: Imp. de Manuel Mirás y Álvarez.

PIÑEIRO HERBA, M. (1881): Lecciones de preliminares clínicos y moral médica, Vigo: Tip de M. Fernández.

PIÑEIRO HERBA, M. (1882): Consideraciones generales acerca del hombre y refutación de algunos errores del moderno Positivismo, Discurso leído en la Universidad Literaria de Santiago en la inaguración del curso de 1882 a 1883. Santiago: Impr. Mirás.

PIÑEIRO HERBA, M. (1883):Programa de patología interna, Santiago: Imprenta Paredes.

PIÑEIRO HERBA, M. (1894): Prólogo a La pulmonía y su tratamiento, de L. Valcárcel y Vargas, Pontevedra: Imprenta de Landín; V-VIII.

PIÑEIRO HERBA, M. (1902): Parte doctrinal o exposición didáctica de la tuberculosis crónica, Santiago: Tipografía Galaica.


Bibliografía secundaria:

BARREIRO FERNÁNDEZ, J.R.; RODRÍGUEZ DÍAZ, R. & RUIBAL, L. (1971): El evolucionismo en Galicia en el siglo XIX, Compostellanum, XVI: 541-574.

CORREA FERNÁNDEZ, A. (1899): Los Pecados y vicios capitales en el concepto médico, social y religioso, Lugo: Establecimiento tipográfico de G. Castro.

FRAGA VAZQUEZ, X.A. (1992): Bioloxía na Galiza na segunda metade do século XIX (1868-1903): ensino, divulgación, debates, producción, institucionalización e recepción de novidades, Tese en microficha, Santiago: Universidade.

MAYOBRE RODRIGUEZ, P. (1985): Debates ideolóxicos na Compostela do XIX, Sada-A Coruña: Ediciós do Castro.

QUET, E. (1882): El Materialismo y el positivismo en la Ciencia, Santiago: Impr. Gaceta Galicia.