culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Albert (Albert I, Príncipe de Mónaco) Grimaldi

A relación científica con Galicia do impulsor dos estudos oceanográficos

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Xosé A. Fraga Vázquez
  • Data de alta: 08/12/2012

Extras de Albert (Albert I, Príncipe de Mónaco) Grimaldi: 

Extras sobre Albert (Albert I, Príncipe de Mónaco) Grimaldi:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Xosé A. Fraga Vázquez ([2012], “Albert (Albert I, Príncipe de Mónaco) Grimaldi”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 26/05/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=384
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: París 1848
  • Falecemento: París 1922
Realizou estudos clásicos no colexio Stanislas de París e iniciou, en 1865, a súa formación como oficial de mariña. Fíxoo na Mariña francesa, en Lorient, e, en 1866 entrou na española como alférez de navío (Llabrés, 1969). A raíña Isabel II escolleu como preceptor do futuro Príncipe ao tenente de navío Simón de Manzanos y Sáenz. Dirixiuse a Cádiz e realizou diversas travesías. O 25 de agosto de 1866 chegou a Vigo a bordo do Tetuán, realizando exercicios de tiro no seu peirao e na ría de Marín. Despois estivo no Caribe, en La Habana, Puerto Rico e New York, ata xullo de 1868, en que volveu a Cádiz pasando antes por Vigo.

A caída da raíña Isabel II na revolución de setembro de 1868 motivou a marcha de Grimaldi da Armada española, pero como recoñecemento da súa estancia, en 1896 foi nomeado capitán de navío de primeira clase e, despois, contraalmirante. En 1889, á morte do seu pai, o príncipe Charles III (10 de setembro), sucedeuno no trono do Principado, que compatibilizou coas investigacións oceanográficas. En 1911 promulgou a primeira Constitución de Mónaco.

Figura central na constitución da Oceanografía

Decidiu iniciar os estudios oceanográficos estimulado por Alphonse Milne-Edwards (1835-1900), profesor do Museo de Historia Natural de París, despois de asistir en 1884 á presentación dos resultados das expedicións do Travailleur (1880-82) e do Talismán (1883). Iniciou as súas campañas científicas en 1885, co barco Hirondelle, estudando as correntes mariñas, recollendo plancton e analizando o mecanismo respiratorio das tartarugas. En 1889 daría conta en París, no 4º Congreso das Ciencias Xeográficas e 1º internacional de Zooloxía, dos resultados das catro campañas realizadas, amosando materiais no Pavillón de Mónaco da Exposición Universal.

Desenvolveu 25 expedicións entre 1885 e 1920. Creou o Museo Oceanográfico en Mónaco (1910) e o Instituto Oceanográfico (París, 1911). Grimaldi é unha figura clave no desenvolvemento científico da Oceanografía. Salientan as súas exploracións sistemáticas e o labor de divulgación dos estudos mariños. As campañas do Príncipe marcan un cambio cualitativo con relación ás anteriores expedicións mariñas; interesado pola exploración do mar con embarcacións e medios pouco custosos, deseñou aparellos, procedendo á súa experimentación.

A viaxe a Galicia en 1886

No verán de 1886, concretamente no mes de agosto, arribou aos peiraos de Ferrol e A Coruña no barco Hirondelle. A atención á costa galega tiña como razón fundamental a crise da pesca da sardiña na Bretaña, cuestión de extrema gravidade para a florecente economía dese país. Grimaldi pretendía estudar os posibles motivos da abundancia dese peixe na costa de Galicia para ver de favorecer a recuperación da pesca na Bretaña. A explotación dos recursos mariños, particularmente pesqueiros, era un elemento básico da economía e vida social na Galicia deses anos oitenta, etapa caracterizada pola expansión do sector. Salientaba a importancia do sector pesqueiro e outros próximos, en concreto a conserva de sardiña e salgado, mesmo como punto de arranque dun agromar capitalista.

O Príncipe fixo escala en Ferrol, do 11 ao 18 de agosto, e na Coruña, entre o 19 e 22 dese mes. Da visita resultou unha publicación, que apareceu primeiramente como artigo, "La peche de la sardine sur les cotes d'Espagne", na Revue Scientifique (Grimaldi, 1887), e nese mesmo ano foi imprentado como folleto independente. O traballo é salientable por diversos motivos. Desde o punto de vista bibliográfico acadou pouca difusión, se ben Ignacio Bolívar (director do Museo de Ciencias Naturales de Madrid) deu conta del e das experiencias realizadas na costa galega nun traballo adicado aos aparellos de pesca que utilizaba o barco Hirondelle (Bolívar, 1891). Ademais, o texto é unha testemuña, a xeito de crónica, da situación da pesca da sardiña e, en especial, no caso do peirao de A Coruña.

O autor foi atendido polo fomentador Benito Maristany e amosa coñecer as publicacións galegas da época. O Príncipe esténdese nunha descrición sobre a baía herculina, instalacións de pesca, e detense sobre o xeito de pesca da sardiña. No texto reproduce un gravado moi interesante, no que se poden observar algunhas das instalacións do prensado do peixe no peirao da Coruña. Un aspecto ao que adica bastante atención é o dos movementos das poboacións de sardiña, recollendo as teses de Cornide e outras contrarias de Duhamel du Moncaeu, comentarios de pescadores e observacións propias. A información dispoñíbel só lle permitía concluír que seguía sendo un misterio a embrioxenia, lugar de reprodución e os movementos migratorios.

Unha das consecuencias desta visita sería a realización dun traballo de investigación biolóxica, levado a cabo por dous dos acompañantes do Príncípe. Trátase do especialista en Bioloxía mariña G. Pouchet, que traballaba na Estación de Concerneau, e o naturalista Jules de Guerne, auxiliar científico do Príncípe en Zooloxía, membro da dirección da prestixiosa Société Zoologique de la France. O resultado desa investigación será un artigo, "Sur la nourriture de la Sardine", publicado pola Académie des sciences e reproducido en español na Revista de Pesca marítima (Pouchet & Guerne, 1887).

Este traballo, pouco coñecido pola bibliografía española e galega, pode considerarse o primeiro realizado en Galicia desde un punto de vista da Bioloxía mariña moderna. Os autores explican que levaban desde 1874 estudando a alimentación da sardiña no laboratorio de Concarneau, en base á observación dos contidos presentes nos intestinos dos peixes. A diferenza que observan na alimentación das sardiñas nas costas galegas lévalles a pensar que niso pode residir a razón da notábel presenza deste peixe en Galicia.

O Príncipe asume esa interpretación e entende que en Francia a sardiña non dispuña de fonte tan abondosa de alimento na costa. Nas conclusións da exploración, expresadas con reservas, apuntan algunhas medidas para restaurar as poboacións de sardiñas: reducir as redes de arrastre de fundos, proteccións dos alevins, malla máis grande, talla mínima, controlo de peixe clandestino, etc.

Relevante actuación na constitución do Instituto Español de Oceanografía

A consolidación institucional da Oceanografía e Bioloxía mariña no Estado español acadouse coa constitución do Instituto Español de Oceanografía (IEO) en 1914, da man do seu primeiro director, Odón de Buen del Cos (1863-1945), e Grimaldi xogou un papel decisivo nese proceso (Morcos; Fraga&Parrilla-Barrera, en prensa). Odón de Buen iniciou o contacto co Príncipe en 1908, vía Jules Richard (1863-1945), director do Musée Océanographique. De Buen ofreceu os seus servizos a Grimaldi para os proxectos oceanográficos deste e, coñecedor das súas boas relacións coa Casa Real española, solicitoulle apoio para os seus plans, ou sexa, para a creación dun centro de investigación oceanográfica en España.

En 1912, o Príncipe ofreceu dúas importantes conferencias en Madrid. Eses eventos, e o seu apoio explícito ao plan e a figura de Odón de Buen, tiveron una forte influencia sobre a Coroa e o Goberno de cara á creación do IEO e o nomeamento de De Buen como director. O naturalista español correspondería á axuda recibida colaborando en proxectos como a creación da Commission Internationale pour l´Exploration Scientifique de la Mer Méditerranée (CIESM). O CIESM foi inaugurado o 17 de novembro de 1919 en Madrid e Grimaldi elixido primeiro presidente.

Relación co naturalista Seoane e novas visitas a Galicia

No Congreso internacional de Zooloxía de París, de 1889, Grimaldi coñeceu persoalmente ó naturalista galego Víctor López Seoane (1832-1900), que xa mantiña contactos con el desde, polo menos, marzo dese ano, e que era un dos secretarios do Congreso. A relación epistolar continuou nos anos seguintes, chegando ata o ano 1898. O interlocutor habitual foi o Dr. Jules Richard, quen entrara en setembro de 1887 como encargado da Secretaría dos Traballos Científicos do Príncipe; despois sería conservador das coleccións científicas, director do Museo oceanográfico e director do Gabinete científico do Príncipe, etc.

Pola correspondencia sabemos da visita do Príncipe en 1894 a Galicia, no barco Princesse Alice, concretamente aos peiraos de Vigo e A Coruña. Por outra banda, en 1906 constituíuse en A Coruña a chamada Sociedad oceanográfica de Coruña, Sub comité de La Coruña de la Société Océanographique du Golfe de Gascuñe, con actividade ata 1918. En 1909, entre o 28 de xullo e o 2 de agosto, o Príncipe estivo na cidade herculina e visitou aos promotores desta sociedade, que o nomearon presidente de honor. Grimaldi e os seus acompañantes realizaron interesantes fotografías nestas visitas, amosando, segundo as datas dalgunhas delas, que tamén pasou por Vigo en 1896 e 1908 (Concello da Coruña, 2009).



Bibliografía:




Fontes impresas :

GRIMALDI, A., Prince Albert de (1887): La peche de la sardine sur les cotes d'Espagne, Revue Scientifique, 17: 513-519.

POUCHET, G. & GUERNE, J. de (1887): Sur la nourriture de la Sardine, Comptes rendus de l'Académie des sciences, 7-III-1887. [Alimento de las sardinas, Revista Pesca Marítima, III: 347-350].


Bibliografía secundaria:

BOLÍVAR, I. (1891): Apuntes acerca de los aparatos de pesca empleados a bordo de la Hirondelle por S.A.S. el Príncipe de Mónaco, Anales de la Sociedad Española de Historia Natural, 20: 385-424.

BUEN, Odón de (1922 a): Alberto I de Mónaco, Boletín de Pescas, 73-75: 241-245.

BUEN, Odón de (1922b): El Príncipe Alberto I de Mónaco, Boletín de la Sociedad Oceanográfica de Guipúzcoa, 11, 4: 133-140.

BUEN Odón de (2003): Mis memorias, Zaragoza: Institución “Fernando el católico” (CSIC).

CARPINE-LANCRE, J. (1993) : Le Prince Albert Ier de Monaco marin et océanographe, chronique sommaire, Océanis 19(4): 121-135.

CARPINE-LANCRE, J. (2002) : La pratique de l’océanographie au temps du Prince Albert 1er, Monaco: Musée océanographique.

CARPINE-LANCRE, J. & VIEIRA CALDAS SALDANHA, L. (1992): Dom Carlos I, Roi de Portugal, Albert Ier, Prince de Monaco: Souverains acéanographes, Lisboa: Fundation Gulbenkian.

CONCELLO DA CORUÑA (2009): Historia do príncipe e a sardiña. A expedición científica de Alberte I de Mónaco ás costas de Galicia e Portugal, A Coruña: Diferente IP.

FRAGA, X. A. (1992):Bioloxia na Galiza na segunda metade do século XIX (1868-1903): ensino, divulgación, debates, produción, institucionalización e recepción de novidades, Santiago de Compostela: Universidade.

GONZÁLEZ HIDALGO, J. (1912): Nota leída por el Sr. D. Joaquín González Hidalgo en la sesión pública celebrada en honor de S.A.S. el Princípe de Mónaco, Madrid: Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales.

LLABRÉS, J. (1969): Un centenario: el Principe Alberto de Mónaco en la Armada española (1866-1868), Revista General de Marina, 177: 669-684.

MORCOS, S.; FRAGA, X.A. & PARRILLA-BARRERA, G. (2013): The Dawn of Spanish Oceanography: Odón de Buen and his letters to Henri de Lacaze-Duthiers (Banyuls-sur-Mer), Prince Albert I and Jules Richard (Monaco), 1895-1945, Groeben C. (ed), Places, People, Tools Oceanography in the Mediterranean and Beyond. Proceedings of the Eighth International Congress on the History of Oceanography (ICHO VIII, Naples, June 2008); p. 267-298.