culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Enrique Suárez Couto

Agrónomo e primeiro director da Granxa-Escola Pedro Murias

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fernández Prieto, Lourenzo
  • Data de alta: 08/12/2012

Extras sobre Enrique Suárez Couto :

Galeria


Grupo de alumnos da Granxa Escola Pedro Murias, da que foi primeiro director Enrique Suárez Couto.

Como citar esta páxina:

  • Fernández Prieto, Lourenzo ([2012], “Enrique Suárez Couto ”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 30/05/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=385
Untitled Document

Grupo de alumnos da Granxa Escola Pedro Murias, da que foi primeiro director Enrique Suárez Couto.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Descoñecida Ribadeo (Lugo)
  • Falecemento: Ribadeo (Lugo) 1923
O primeiro director da Granxa Escola Pedro Murias foi o enxeñeiro agrícola ribadense Enrique Suárez Couto. Membro dunha importante familia do concello —o seu fillo foi Juan Suárez Acevedo, un historiador e docente formado na Institución Libre de Enseñanza, e irmáns seus foron Carlos e Amando Suárez Couto, o segundo destacado ilustrador e pintor, ademais de entusiasta galeguista xa desde o tempo das Irmandades da Fala,— realizara os seus estudos en Bélxica e no Instituto Agrícola catalán de S. Isidro. Á altura de 1918, cando asume o posto na Devesa, xa tiña participado en experiencias de renovación agraria en Meira (Lugo), estando ao cargo dunha explotación modelo que funcionaba como granxa experimental da Sociedade de Agricultores deste concello lugués en 1910.

Persoa de ideoloxía liberal, o que o levou a manter unha estreita relación coa Institución Libre de Enseñanza, estivo na dirección da Granxa até 1923, ano da súa morte. A súa elección como responsable da institución era totalmente lóxica tanto si se ten en conta o seu perfecto coñecemento da bisbarra, como a súa sólida formación e experiencia previa. O seu prematuro falecemento deu paso a un período de interinidade na dirección da Granxa con Ramón Blanco.

O traballo na Escola de Capacitación Agraria Pedro Murias

Suárez Couto foi un activo e precoz experimentador. A principios dos anos vinte encargóuselle organizar a instalación da Granxa Agrícola Pedro Murias en Vilaframil-Ribadeo, doada polo indiano do mesmo nome nos primeiros anos de século. O padroado que a xestionaba encomendoulle tamén a dirección do novo centro, posto que ocupará até o seu pasamento. Pouco lle deu tempo a facer, pero a el se debe a posta en funcionamento e a configuración definitiva da Granxa como un centro de innovación técnica alén do carácter educativo que lle asignara o fundador.

Suárez Couto entendía que a Granxa debía acometer un labor que estimulara aos labregos para a realización das modificacións pertinentes no sistema de cultivo e nos procedementos de cría co fin de mellorar o gando orientándoo cara ao que el prevía era o futuro da gandería galega, a produción leiteira. Estaba convencido de que os gandeiros locais erraban ao preocuparse unicamente do engorde dos xatos para carne, unha opción que non se amosaba rendible dado o alto prezo que tiña a terra e o baixo importe que acadaba o produto.

No seu plan de cambio de orientación produtiva, considera que a misión da Granxa era fornecer aos labregos da comarca de coñecementos elementais sobre a industria láctea, de aí que programe a instalación dunha industria de manteiga fermentada e outra de queixos, ao tempo que fomentaba neles o asociacionismo agrario. Na procura deste cambio produtivo elaborou un proxecto que tiña como obxectivo fundamental a mellora do gando vacún, que na súa opinión amosaba unha total “ausencia de caracteres específicos de la raza motivado por los continuos mestizajes mal dirigidos”, segundo recolle no anteproxecto de mellora do centro realizado en 1916. Estaba convencido de que a rexeneración da raza non viría dada polo método da selección, xa que non existía gando de raza pura, senón a través do método de cruzamento. Este debía ser “continuo”, é dicir, realizaríase a partires da importación de sementais para cruzalos coas femias da raza local primeiro e cos mestizos posteriormente. Suárez Couto desbota a posibilidade de levar a cabo unha importación masiva de femias de raza mellorada tanto polo alto desembolso que ocasionaría como porque comportaría unha intensificación e desenvolvemento dos cultivos repentinos que o agro non podería asumir nun primeiro intre.

Co seu proxecto o director da Granxa toma partido no debate que desde mediados do século XIX se viña mantendo en relación coa elección do procedemento máis pertinente para a mellora do gando vacún galego. Unha polémica que xurdira en relación coa exportación de gando a Inglaterra e que abrollara até converterse no centro das preocupacións agronómicas con motivo da crise agraria finisecular que supuxo a fin desa orientación cara o comercio. Neste debate queda de manifesto a vontade de crear unha raza de vacas do país que recollese ás xa existentes.

A preocupación que Suárez Couto tiña polo cultivo era dependente e subsidiaria do seu proxecto para a gandería, de aí que non amose un especial interese por ir alén do que marcaba a mellora da cabana gandeira a través da súa alimentación. Nesta liña sitúase a experimentación con forraxes na procura do desenvolvemento das súas capacidades para manter un maior número de cabezas e obter adubos a prezos máis baixos. Con esa finalidade estableceu un réxime de cultivos co que pretendía dividir a finca da Granxa en dúas partes, unha para prados e outra para produtos de consumo.

No primeiro terzo do século XX verificouse un descenso no cultivo de cereais panificables en beneficio dos cultivos forraxeiros a favor do millo-forraxeiro, especie coa que se ensaiara na Granxa Escola. As experiencias con este cultivo comezaron inmediatamente despois de preparar os terreos onde se instala a Granxa e baixo a dirección de Suárez Couto. Os ensaios estaban orientados a aclimatar as diferentes variedades ás condicións locais, a atopar as máis axeitadas e a acadar sistematizar o método de traballo no agro máis conveniente, combinando o uso de diferentes tipos de adubos. Tamén, unha das teimas de Suárez Couto como director da Granxa foi a extensión da remolacha forraxeira e o da pataca. Precisamente, foi en 1922 cando se empezou na Granxa coa experimentación deste cultivo, ensaiando con tres variedades: Etoile du Nord, Rouge du Soissonnais e Imperator.

Durante a dirección de Enrique Suárez, leváronse a cabo experimentos con cultivos pratenses, dedicando unha parte do campo de demostración ao ensaio con trevo violeta e a outra asociando esa planta a unha pequena cantidade de raigrás inglés, probando o centeo como planta de abrigo na rotación.

Baixo a súa influencia, celebrouse nesta Granxa o primeiro concurso de vacas leiteiras no ano 1924, aplicando xa criterios de rendemento lácteo que logo popularizaría Gallástegui. Trátase do primeiro deste tipo celebrado no país, e pode considerarse todo un fito na medida en que realmente constitúe a primeira ruptura coa mellora en vigor. Durante oito días as reses presentadas estiveron nas cortes da Granxa sometidas a análises diarias de produción e calidade, prescindíndose do procedemento de medir os animais que adoitaba empregarse nos concursos ao uso.

A súa morte temperá e a falta de publicacións, unhas poucas notas en Galicia Agrícola, desfiguran a importancia que tivo como técnico e o carácter innovador das súas propostas, moitas delas expostas en notas persoais e manuscritas. De feito, e debido ao pouco tempo que permaneceu na dirección da Granxa Ramón Blanco —o sucesor de Suárez Couto en 1923—, a experimentación nos campos circunscríbese aos períodos nos que Suárez Couto e Francisco Roig dirixiron a Granxa, é dicir, de 1918 a 1923 e entre 1925 e 1933.



Bibliografía:




Bibliografía secundaria:

CABANA IGLESIA, A., (2006a): Pedro Murias, tabaqueiro na Habana, indiano na Devesa, Santiago de Compostela: Secretaría Xeral de Emigración.

CABANA IGLESIA, A., (2006b): O labor de experimentación e divulgación agronómica da Granxa da Devesa (1916-1936), Recursos Rurais, 1, 2: 67-74.

CABO VILLAVERDE, M., (1997): O labor da Misión Biolóxica de Pontevedra ata 1936 e a reforma da agricultura galega en Cruz Gallástegui Unamuno, Cuadernos de Estudios Gallegos, XLIV, 109.

CABO VILLAVERDE, M., (1999): A Estación de Fitopatoloxía Agrícola da Coruña: (1926-1951), Santiago de Compostela: Consellería de Agricultura, Gandeiría e Política Agroalimentaria.

CARMONA, J.; e PUENTE, L. de la, (1988): Crisis agraria y vías de evolución ganadera en Galicia y Cantabria, en GARRABOU, R., (ed.), La crisis agraria de fines del siglo XIX, Barcelona: Crítica; p. 181-211.

FERNÁNDEZ PRIETO, L. (1988): A Granxa Agrícola-Experimental da Coruña, 1888-1928, Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.

FERNÁNDEZ PRIETO, L. (1989): Infraestructura e organización da investigación agropecuaria en Galicia durante o primeiro tercio do século XX, Ingenium, 1: 11-25.

FERNÁNDEZ PRIETO, L. (1992): Labregos con ciencia. Estado, sociedade e innovación tecnolóxica na agricultura galega, 1850-1939, Vigo: Xerais.

LOMBARDERO RICO, X.M., (1999): Sociedade Ribadense (1900-1936), Ribadeo: Nigoba.