culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Antonio Valenzuela Ozores

Científico liberal, exemplar profesor de Instituto e impulsor dos estudos agronómicos e xeolóxicos

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco e Fraga Vázquez, X. A.
  • Data de alta: 08/12/2012

Extras de Antonio Valenzuela Ozores: 

Extras sobre Antonio Valenzuela Ozores:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco e Fraga Vázquez, X. A. ([2012], “Antonio Valenzuela Ozores”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 26/05/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=386
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Santiago de Compostela 1819
  • Falecemento: Pontevedra 1866
O pai, administrador de Correos, animouno a realizar os estudos de Dereito, que principiou na Universidade compostelá e que continuou en Madrid, onde fora trasladado o seu proxenitor. Ao morrer este en 1838, retorna a Santiago, e levado polo seu apaixonado talante liberal, alístase como voluntario no Batallón Provincial de Santiago, que formaba parte do Exercito de Aragón e Valencia na loita contra os carlistas. Foi nomeado en 1839 subtenente, pasando logo a Ourense onde foi xefe de columna de operacións.

Rematada a guerra volve a Santiago onde conclúe os estudos en 1845, co grao de doutor en Xurisprudencia. Neses tempos de estudante escribiu diversas obras literarias, especialmente de xénero poético. Un dos seus poemas, “Aire y luz”, foi publicado en El Porvenir de Santiago e eloxiado polo escritor Benito Vicetto.

Compartiu ideais políticos con Xosé Rúa Figueroa, participante no movemento provincialista. Os acontecementos da revolución liberal de 1846, que en Galicia rematou cos fusilamentos de Carral, afastaron algo a Valenzuela dos seus amigos, que se viron involucrados en procesos e represións. En 1854 Xosé Rúa, daquela director dun prestixioso xornal en Madrid e con influencias políticas, ofreceulle a posibilidade de seren nomeado gobernador de Ourense, pero non aceptou. Foi colaborador asiduo dos xornais liberais e progresistas El País e La Perseverancia, que dirixía e fundara Indalecio Armesto, e impulsor de El Progreso. Cando se constituíu en Pontevedra, en 1865, o comité democrático, foi aclamado como presidente do partido.

Interese polo estudo da natureza e labor docente

Nos anos de estudante universitario, e tamén despois da Licenciatura, seguindo unha vella tradición compostelá que inauguraran Casiano del Prado e La Sagra, dedicouse cos seus amigos Xosé Rúa Figueroa e Eduardo Ruiz Pons ao excursionismo natural, ao cultivo das ciencias naturais, maiormente á mineraloxía e á xeoloxía. Estímase que nesta época as longas estadías que pasaba nunha finca que tiña a familia en Campo de Marzo (Vila de Cruces, A Coruña) influíu fondamente na súa vocación cara os estudos do medio natural. De feito, as descricións que fai posteriormente desa zona amosan no só un bo coñecemento da mesma senón tamén unha fonda relación anímica coas paisaxes do entorno.

A vocación naturalista callou no terreo profesional. En 1846 foi nomeado rexente de Historia Natural da Universidade de Santiago. Ao ano seguinte presentouse, sen éxito, ás oposicións a cátedras da universidade e en 1848 ocupou a de Historia Natural do Instituto de Pontevedra. Ese mesmo ano renunciou ao posto por coherencia coas súas ideas políticas, pois o goberno conservador de Narváez esixía unhas adhesións que Valenzuela non aceptou.

Aproveitou a separación temporal das aulas para viaxar por toda a provincia de Pontevedra no estudo e recollida de materiais xeolóxicos, a partir dos cales escribiría a Memoria geognóstico-agrícola de la provincia de Pontevedra(1856), que a Real Academia de Ciencias premiaría en 1855 con nomeamento de socio correspondente e premio en metálico.

En 1853 volveu ao labor docente no Instituto de Pontevedra, onde se fixo cargo de Historia Natural e, en diversos momentos, de Física e Química e, mesmo, de Agricultura. A cátedra desa materia fora creada no curso 1859-60, sendo Luis Rodríguez Seoane o primeiro profesor encargado de impartila. Na estancia no claustro pontevedrés Valenzuela establecería co futuro político e Reitor da Universidade de Santiago de Compostela unha relación de amizade, facilitada por un ideais políticos comúns.

Pronunciou o discurso de apertura do curso 1855-56, Ligera reseña del desarrollo de la instrucción y de su influencia civilizadora en la marcha de la Humanidad (Valenzuela, 1855). Encargouse do observatorio meteorolóxico da cidade, publicando os resultados das súas observacións na Revista de las Ciencias (1859). Na Memoria académica do curso 1860-61 ofreceu un importante e detallado catálogo do gabinete de Historia Natural do Instituto, no que salienta a colección xeolóxica de Valenzuela. Son centos de exemplares, basicamente do país, e que pode ser considerada como a máis importante dun autor e/ou dun centro docente galegos do século XIX. Esta salientable colección foi adquirida á súa viúva polo centro docente pontevedrés no curso 1867-68. Como docente de Historia Natural utilizaba o manual de Galdo, texto habitual na época (Fraga Vázquez, 1996).

Temas de traballo e produción

Centrou o seu labor no ámbito da agricultura e da xeoloxía. Foi colaborador da Sociedade Económica de Amigos del País de Santiago e participou activamente, comisionado pola Deputación de Pontevedra, na organización en Santiago da Exposición Agrícola, Industrial e Artística, na que presentou, no apartado de "Productos Naturales", 27 clases de terras, 53 de rochas, 75 de minerais (parte dos cales lle valeron un Primeiro Premio) e 7 de vexetais (Planellas, Neira & Riva, 1858). No derradeiro período da súa vida adicouse fundamentalmente ó estudo e análise do eido agrario, presentando no ano 1858 unha Memoria ó Ministerio de Fomento onde demostraba a necesidade de establecer en Galicia unha escola e granxa agrícola para o ensino e divulgación dos adiantos neste sector. En 1862 publicou a Memoria estadística sobre la provincia de Pontevedra y el censo de 1860 (Valenzuela, 1862). Ademais, foi, xunto con Pelayo Cuesta, Planellas e Montero Rios, un dos secretarios do Congreso Agrícola de Santiago de 1864, defendendo nel a posición que pedía a supresión dos foros.

Home imaxinativo e creador, inventou un aparato, o "diadisímetro", para medir a permeabilidade á auga das terras de labranza, introducindo na súa finca de Vilagarcía o cultivo do "Igame de la China" ou ñame, importante tubérculo comestible das zonas subtropicais. En 1866, o ano da súa morte, publicou a Memoria agronómica o consideraciones sobre el mejoramiento forestal, pratícola y pecuario de la provincia de Pontevedra (Valenzuela, 1866).

Nas súas dúas obras fundamentais: a Memoria geognóstico-agrícola e a Memoria agronómica, amósasenos Valenzuela coma un científico inquedo e sistemático, orientado cara a observación esixente e o feito experimental, e que a pesar da formación autodidacta chegou a ter un bo dominio dos coñecementos xeolóxicos e agronómicos do seu tempo. Na primeira obra, resumo das observacións xeolóxicas do SW de Galicia, que corresponden á actividade científica da primeira parte da súa vida, tenta actualiza-los traballos de Schulz con excelentes e precisas descricións dos terreos graníticos, de gneis e de xistos, que dominan na provincia de Pontevedra. Pola súa singularidade e acerto, son de salientar as análises e descricións que fai das rochas básicas de Merza e Campo de Marzo, así como a interpretación tectónica do paso de San Xoán da Coba. Na xustificación que fai da alteración das rochas coma orixe do solo agrícola, amósasenos como un adiantado das teorías edafoxenéticas que anos despois introduciría a escola de edafólogos rusos.

Na Memoria agronómica fai unha análise sistemática dos factores que determinan o rendemento das árbores e cultivos. E de salientar a parte que dedica ó arborado, onde establece unha sectorización fitoclimática por pisos altitudinais en perfecta sintonía coas teorías humboldtnianas, das que era un bo defensor e coñecedor. Nela aparecen tamén as primeiras análises físicas e químicas de solos de Galicia, nunha época na que só os traballos de Vilanova y Piera constituían o único precedente hispano. Sinala a dobre misión das árbores; por unha banda, desde o punto de vista práctico, de progreso material, moi caro para os liberais da época, entende as árbores coma unha fonte importante de recursos, "tesoro inagotable de primeras materias para las artes y la industria". Asemade salienta o papel das árbores para manter o "equilibrio benéfico" da Natureza.

Tenta de convencer e animar ó agricultor no coidado e renovación dos arboredos. Sinala que o "cultivo forestal" e compatible co uso agrícola habitual e que "el arbolado se presta a todas las alturas y a todas las exposiciones". Láiase do deficiente coidado con que tratan os labregos os arboredos; coida que non se aplican os coñecementos da moderna silvicultura ("inmensos vacíos que deja la silvicultura en Pontevedra"). Propón "repoblar nuestros bosques con las especies arbóreas que han dado mejores resultados en países análogos al nuestro, y aceptar para ellas lo mismo que para las especies indígenas las mejoras que recomienda la ciencia moderna en el cultivo" (Valenzuela, 1865: 59).

Foi Valenzuela un excelente técnico agronómico con unha peculiar formación xeolóxica (de aquí, quizais, o seu adiantado pensamento edafolóxico) que non esqueceu en ningún momento a compoñente social do seu traballo. E así, ao tempo que informaba e lle propoñía ós agricultores as melloras pertinentes para o establecemento do arborado, non esquecía, na sectorización que deseñaba da provincia de Pontevedra, que xunto co clima e o solo, as "necesidades sociales" eran outro dos factores fundamentais a considerar.

Morte prematura

Morreu novo, con 47 anos, e segundo os biógrafos, coma consecuencia do seu altruísmo, ó tratar de axudar ós doentes da epidemia de vexigas de Sanxenxo. Colegas, amigos e correlixionarios de toda Galicia expresaron o fondo pesar pola súa desaparición, como se pode comprobar na publicación Corona fúnebre a la memoria del Sr. D. Antonio de Valenzuela Ozores (Varios, 1867). Luis Rodríguez Seoane escribiu a Introdución e un poema, “La quinta del Areal”; tamén figuran contribucións de Constantino Armesto, Antolín Esperón, Evaristo Mosquera, Juan Manuel Paz, Emilio Álvarez Giménez, José López de la Vega, Emilio Saco Brey, Nicanor Rey, Juan Cuveiro, Claudio Cuveiro e Juan Manuel Pintos, cun poema en galego (Bieito e Manuela).



Bibliografía:




Fontes impresas:

VALENZUELA OZORES, A. (1855): Discurso pronunciado en la apertura del curso 1855 a 1856 en el Instituto provincial de 2a Enseñanza de Pontevedra: Ligera reseña del desarrollo de la instrucción y de su influencia civilizadora en la marcha de la Humanidad, Pontevedra.

VALENZUELA OZORES, A. (1856): Memoria geognóstico-agrícola sobre la provincia de Pontevedra, Memorias Real Academia de Ciencias, IV: 1-114.

VALENZUELA OZORES, A. (1862a): Memoria-estadística sobre la provincia de Pontevedra y el censo de 1860, Pontevedra: Imp. J .Vilas.

VALENZUELA OZORES, A. (1862 b): Memoria sobre la Exención temporal de impuestos concedida a las nuevas plantaciones de olivos, viñas y arboles frutales, Pontevedra: Imp. J. Vilas.

VALENZUELA OZORES, A. (1865): Memoria agronómica o Consideraciones sobre el mejoramiento forestal, pratícola y pecuario de la provincia de Pontevedra, Pontevedra: Imp. J. A. Antúnez.


Bibliografía secundaria:

ANÓNIMO (1861): Memoria acerca del estado del Instituto de 2a Enseñanza de Pontevedra, Pontevedra: J.Vilas.

BARREIRO, X.L. (1991): Indalecio Armesto, Santiago de Compostela: Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago.

FRAGA VÁZQUEZ, Xosé A. (1995): Historia do Instituto de Pontevedra. As Ciencias Naturales, 1845-1936, Pontenova, Revista de Investigación Xove, 1.

MAFFEI, E. & RÚA FIGUEROA, R. (1871-1872): Apuntes para una Biblioteca Española de libros, folletos y artículos, impresos y manuscritos, relativos al conocimiento y explotación de las riquezas minerales y a las ciencias auxiliares, Madrid: J. M. Lapuente.

PLANELLAS, J.; NEIRA, F.; RIVA, V. de la (1858): Catálogo metódico de los objetos exhibidos en la Esposición [sic] agrícola, industrial y artística de Galicia celebrada en Santiago por el ... Ayuntamiento y la Sociedad Económica en julio y setiembre del presente año, Santiago: Impr. J. Souto e hijo.

VARIOS (1867): Corona fúnebre a la memoria del Sr. D. Antonio de Valenzuela Ozores, Pontevedra: Imprenta del Siglo.