culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Francisco Cónsul Jove y Tineo

A ciencia moderna nas sociedades económicas galegas

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco
  • Data de alta: 05/01/2013

Extras de Francisco Cónsul Jove y Tineo: 

Extras sobre Francisco Cónsul Jove y Tineo:

Galeria


Deseños de Cónsul Jove, de diferentes enxeños mecánicos movidos pola auga e o vento que aparecen descritos na súa obra "Ensayo de Hidráulica Rústica" (1788).

Como citar esta páxina:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco ([2013], “Francisco Cónsul Jove y Tineo”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 28/06/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=396
Untitled Document

Deseños de Cónsul Jove, de diferentes enxeños mecánicos movidos pola auga e o vento que aparecen descritos na súa obra "Ensayo de Hidráulica Rústica" (1788).

Datos biográficos:

  • Nacemento: Vega de Poja-Pola de Siero (Asturias) 1754
  • Falecemento: Vega de Poja-Pola de Siero (Asturias) 1810
Era neto dun francés que viñera a España acompañando a Felipe V. Os membros da familia, comezando polo pai, Juan Cónsul Jove, eran grandes afeccionados ao ensino técnico e as innovacións agronómicas. Tiña varios irmáns, en xeral ben relacionados co mundo ilustrado, como Juan Nepomuceno, director da Real Escuela de Dibujo de Oviedo, Diego, director da Fábrica de Hules de Cádiz, e Braulio, frade de San Millán de La Cogolla. Especulouse coa posibilidade de que fora parente de Jovellanos (este asinaba normalmente como Jove y Llanos). O certo é que o ilustrado asturiano e a súa obra foron obxecto de devoción no seo da familia Cónsul Jove.

Obtivo o grado de bacharel en Artes na universidade de Oviedo en 1774, e no curso 1780-1 realizou estudos na facultade de Matemáticas . Nese mesmo ano recibiu ordes menores no Seminario de Mondoñedo. Tras verse implicado no roubo de 130.000 reais na confraría de pescadores de Pravia, e logo de fuxir a Madrid , onde se enrolou nunha compañía de cómicos para tocar a viola, foi condenado pola Audiencia de Oviedo a 20 anos de desterro na cidade do Apóstolo, na que debía dedicarse ao “socorro de pobres y enfermos” no Hospital Real. Este episodio truncou a súa carreira universitaria en Oviedo, onde tiña cursado xa, artes, dous anos de leis e dous de cánones. A Santiago debeu chegar sobre 1782 e alí, segundo a súa o propia declaración, cursou un ano de física, tres de medicina teórica e anatomía, graduándose de bacharel; continuou cos estudos de medicina outros dous anos, ata obter a licenciatura.

Vida e actividade na Sociedade Económica de Santiago

En Santiago, integrouse axiña nos ambientes ilustrados, figurando desde moi cedo como un colaborador asiduo da Sociedade Económica de Amigos del País: en 1786 publicou
Memoria sobre el conocimiento de las tierras. Verdadero y económico método de cultivarlas, adaptado al clima y circunstancias de Galícia y Asturias e leu na mesma institución un Elogio de Carlos III e unha Memoria sobre el cultivo de los vinos. En 1788, titulábase Bachiller en Medicina e Profesor en Física Experimental e presidiu un tribunal na Academia de Física y Matemáticas sobre a disertación do bacharel Manuel Losada, na que defendía teses contrarias a las “vanas agudezas escolásticas”, tomando partido por “las exactas observaciones y los constantes experimentos”. O Memorial Literario, instructivo y curioso de la Corte de Madrid destacou a importancia deste acontecemento que foi publicado, na versión latina, por Aguayo. Nese mesmo ano publicou o Ensayo de Hidráulica Rústica, no que trata, sobre todo, dos medios para elevar a auga mediante maquinas movidas polo vento e pola agua, ademais dunha pequena disertación sobre como construír globos aerostáticos.

Este libro, aínda que fora aprobado por el Consejo de Castilla, foi o motivo fundamental sobre o que se baseou o proceso que a Inquisición lle abriu en 1789. Denunciado por un salmista da catedral por “proposicións”, foi detido e rexistrada a súa casa onde so atoparon como sospeitoso o libro de Hidráulica Rústica , no que aparecía un amplo prologo (pénsase que incluído posteriormente á súa aprobación polo Consejo) no que autor criticaba con dureza aos físicos aristotélicos e defendía o heliocentrismo de Copérnico. Durante ese ano e boa parte do seguinte pasou póla cadea da Inquisición e estivo sometido ás diferentes fases do proceso ata que resultou condenado a desterro no mosteiro de Sobrado. A reclusión durou pouco, ben polo arrepentimento que amosou ou ben polas influencias de algúns parentes situados nos medios políticos e relixiosos españois. Como unha última contribución aos seus traballos na Sociedade Económica de Santiago redactou en 1790 a memoria Apología de la Electricidad Médica.

Actividade no Consulado do Mar de A Coruña

En 1791 figura xa na Coruña relacionado co Consulado del Mar, no que xunto a J. Eleizalde tivo que emitir un informe sobre un muíño de vento. Nesa mesma institución realizou outros informes: sobre tornos, fabricación do pan, desaugue de pantanos e charcas, etc. Así mesmo, foi premiada nun concurso de 1793 a súa Memoria Físico-Económica sobre el mejoramiento de los lienzos en Galicia por todos los medios conocidos, editada ao ano seguinte en Madrid. Exerceu de médico na Coruña desde seu nomeamento, en 1791, como médico titular do Hospital de la Caridad “sin interes ni gratificación ninguna”. Máis adiante, na Guía de Comerciantes, figuraba como Físico nomeado “para los casos que ocurran”. En 1797 presentou: Memoria en suplemento a la Agricultura rústica... sobre el nuevo descubrimiento de desaguar radicalmente las lagunas y grandes pantanos e Memoria físico-económica sobre los Para-yelos, o medios de preservar de la helada los árboles frutales.

Alexander Jardine, cónsul británico na Coruña e destacado persoeiro da ilustración española, tiña en grande estima a Cónsul Jove a quen nomeou xunto con F. Yebra como custodios dos seus libros. Así mesmo, nunha carta dirixida ao Corpo Consular e movido polo seu amor ao país, propuxo a creación dunha Junta Consular na que, Yebra e Cónsul, “como peritos , y conocedores podrán con sus luces conducir a la buena elección de libros, y maquinas e instrumentos, y más que conduzca al fomento de las Escuelas y Estudios de la Naturaleza, e instrucción general del Reyno de Galicia”.

Semella que Cónsul Jove viviu na Coruña cando menos ata 1802, data en que asinou un artigo no Semanario de Agricultura y Artes dedicado ao melloramento dos lenzos en Galicia. Marchou posteriormente a súa terra natal, na que morreu oito anos despois. Antes escribira un traballo sobre Electricidad natural y sus efectos, manuscrito no que o seu irmán engadiu: “obra póstuma de D. Francisco Cónsul”. Foi membro, tamén, das Sociedades Económicas de Amigos del País de Lugo e de Oviedo.

Obra científica

A obra de Cónsul é moi salientable dentro do contexto da ciencia galega da Ilustración por diferentes razóns. En primeiro lugar, pola defensa explícita e inequívoca que fai da ciencia moderna tanto desde o punto de vista metodolóxico (a preeminencia do experimental fronte o especulativo) como dalgunhas das súas teorías máis relevantes e significativas (o heliocentrismo). Neste senso alíñase con homes como Neyra ou Marcelino Pereira , sendo quizais máis contundente e valente que eles nas súas formulacións. Foi un home totalmente integrado e activo nos ambientes e institucións da ilustración galega onde debeu destacar polo seu pensamento pragmático e liberal, sona que o acompañaría toda a súa vida e que lle valeu as diferentes denuncias que se fixeron diante da Inquisición, tanto desde Santiago como desde a Coruña.

Traballos sobre agricultura

Como agrónomo habería que destacar o seu libro sobre as terras de Galicia e Asturias, que o amosan como un bo coñecedor das obras de Tull e Duhamel Du Monceau, referencias básicas da ciencia agronómica da época. Pero ademais habería que sinalar que foi dos poucos que entenderon as dificultades que tería unha agricultura sen esterco na zona húmida española, tal como propoñían os teóricos do momento. Nese senso estivo moito máis acertado Cónsul cando recomendou como mellor alternativa, fronte a Tull, a do sueco Gyllenborg, na que se compatibilizaba o movemento constante da terra que propoñía o inglés co uso de todo xeito de materiais fertilizantes orgánicos. Escribiu tamén un tratado xeral sobre viticultura.

Outro campo no que destacou foi no relativo ao cultivo do liño en Galicia e, sobre todo, nos tratamentos para unha mellor produción dos lenzos, propoñendo a substitución do fiado a man polo realizado con tornos e cambiando o sistema de branqueo do liño. O Consulado, mesmo, chegou a establecer unha branquería experimental co método de Cónsul, na que se cobraría un pequeno canon por peza, agardando a que logo se espallara o exemplo entre os artesáns do liño. En xeral eran propostas que supoñían melloras técnicas indiscutibles pero de difícil aplicación polo contexto socioeconómico no que se tiñan que desenvolver, de aí que non chegaran a xeneralizarse. Nesta mesma liña de aplicacións técnicas á produción agraria está o conxunto de muíños de vento e auga que deseñou para a obtención de auga para rega ou para desecar zonas alagadas.

Iatrofísico e médico

No relativo a medicina, que parece ser que foi realmente a profesión da que viviu, amósase como un decidido defensor da iatrofísica: “Es el cuerpo humano una máquina hydraúlico-neumática compuesta de canales, fuelles, receptáculos, coladeras, hypomoclios, palancas, cuñas, poleas, cuerdas,...Y así, el Médico que no tuviese alguna instrucción en la Estática, Mecánica, Hydráulica e Hydrostática, no teniendo Idea de las leyes del movimiento y el equilíbrio, de líquidos y sólidos, merecería más bien el nombre de curandero, que el de Médico racional” (Ensayo de Hidráulica Rústica). Pero sobre todo será na especialidade da electroterapia na que realice as achegas máis importantes. Este campo da medicina que comezou a ser utilizado a mediados do XVIII pola escola de Montpellier foi aplicado con verdadeiro entusiasmo por Cónsul, deixando manuscritos cando menos dous traballos sobre as propiedades da electricidade como sistema curativo. Deles dedúcese que dispuña de sistemas para a xeración de electricidade (botellas de Leyden, máquinas de fricción, etc.), ademais dun electrómetro de Lane para regular as descargas.

Finalmente, no canto da física recreativa, debeu acadar certo recoñecemento popular xa que como el mesmo destaca, foi requerido de diferentes puntos de Galicia, Asturias e León para a construción de globos aerostáticos de deseño propio.



Bibliografía:



Fontes documentais:

CÓNSUL JOVE Y TINEO, F. (1786): Memoria sobre el cultivo de los vinos y sobre los principales progresos de la fermentación vinosa, y otros conocimientos y operaciones que dan al vino la mejor perfección y permanencia. Presentada a la Sociedad de Santiago y leída en Junta Pública que se celebró en 20 de enero. Por su individuo de mérito Francisco Cónsul. Biblioteca de San Millán.

CÓNSUL JOVE Y TINEO, F. (1787): Carta dedicatoria a la Real Sociedad Económica de Amigos del País del Principado de Asturias. Biblioteca de San Millán.

CÓNSUL JOVE Y TINEO, F. (1790): Apología de la Electricidad Médica. Métodos de administrarla en un crecido número de enfermedades en que ha hecho los más rápidos progresos y necesidad de entablar este remedio en los Conventos de Monjas, Casas de reclusión y educación de Doncellas. Va precedido de un resumen histórico físico de la electricidad, e ilustrada con unas nuevas e importantes observaciones sobre las calenturas intermitentes. Su autor D. Fco. Cónsul Jove, Profesor de Física experimental y Médica, y Socio de mérito de las Sociedades de Santiago y Lugo. Archivo Histórico Nacional.

CÓNSUL JOVE Y TINEO, F. (1797): Memoria en suplemento a la Agricultura Hidráulica rústica… sobre el nuevo descubrimiento de desaguar radicalmente las lagunas y los grandes pantanos. Biblioteca de San Millán.

CÓNSUL JOVE Y TINEO, F. (1797): Memoria físico meteorológica sobre los Para-yelos, o medios de preservar de la helada a los árboles frutales. Ilustrada con láminas y presentada al Consulado de la Coruña. Biblioteca de San Millán.

CÓNSUL JOVE Y TINEO, F.: Electricidad natural y sus efectos. Obra póstuma. Biblioteca de San Millán.


Fontes impresas:

CÓNSUL JOVE Y TINEO, F. (1786): Memoria sobre el conocimiento de las tierras; Verdadero i Económico Método de cultivarlas adaptado al clima , i circunstancias de Galicia, i Asturias, Santiago: Impr. Aguayo.

CÓNSUL JOVE Y TINEO, F. (1786): Elogio que en alabanza de Carlos III pronunció en Junta Pública que celebró la Sociedad de Amigos del País de la Ciudad de Santiago, Don Francisco Cónsul Jove y Tineo, Socio de Mérito de las Sociedades de Santiago y Lugo, Madrid: Viuda de Ibarra, Hijos.

CÓNSUL JOVE Y TINEO, F. (1788): Ensayo sobre la hidráulica rústica. Obra manual que enseña a descubrir, conocer, mejorar, conducir y elevar las aguas a los terrenos más altos por medio de canales, bombas y máquinas movidas por el viento y por el agua, que construirá el menos experto bajo las reglas de la física particular que en ella se establecen para las artes y oficios. Ilustrada con láminas, tablas y notas meteorológicas, astronómicas, físico-médicas; con una pequeña disgresión sobre globos aerostáticos, método fácil de hacerlos y elevarlos, y un apéndice de argamasas y betunes para estanques, acueductos y terrados. Su autor Don Francisco Cónsul Jove y Tineo, Santiago: Impr. I. Aguayo.

CÓNSUL JOVE Y TINEO, F. (1788): Propositiones fisico-medicae (sic), Illmo. D. Episcopo ovetensi, comiteque de Noreña dicatae ex recientioribus libris lengua vernácula latinaque in lucem publica editis, cura et protectione Excmi Domini Comitis de Florida Blanca; haec ratione et experimentis demostrabuntur in Regia Universitate Composellana a Propugnatore Br. Emmanule Losada et a praeside D. Frncisco Cónsul Jove, Fisicae (sic) Experimentalis Proffesore, in Medicaque Bachalaureato. Die 3 Junii, anni 1788, Santiago: Impr. I. Aguayo.

CÓNSUL JOVE Y TINEO, F. (1794): Memoria físico-económica sobre el mejoramiento de los lienzos en Galicia, Madrid: Imprenta Benito Cano.


Bibliografía secundaria:

CARMONA BADÍA, J. (1990): El atraso industrial de Galicia. Auge y liquidación de las manufacturas textiles (1750-1900) , Barcelona: Ariel.

DÍAZ-FIERROS, F. (1987): Estudio Preliminar, Memoria sobre el conocimiento de las tierras. Verdadero i económico método adaptado al clima de Galicia y Asturias, Cónsul Jove, ed. facsímil, Sada-A Coruña: Ediciós do Castro / Seminario de Estudos Galegos.

GONZÁLEZ FERNÁNDEZ, M. (2002): Ilustración gallega: un inédito de D. Francisco Cónsul Jove y Tineo . 1754-1810, O legado das Luces, Rodríguez Camarero, L. & González Fernández, M. (Coord. ), Santiago: Universidade.

GONZÁLEZ FERNÁNDEZ, M. (2008): El idioma de la Razón. Ilustración e Inquisición en Galicia (1700-1808), Vigo: Nigratea.

OLARTE, J. B. (2006): Novedades sobre el vino en la Ilustración: un texto inédito de Francisco Cónsul Jove (Memoria sobre el cultivo de los vinos...), trascripción, contexto y notas de J. B. Olarte, Badarán (La Rioja): Bodegas David Moreno.

SAAVEDRA, P. (Ed.) (1999): Agricultura e Ilustración, Biblioteca de Clásicos Agrarios Galegos, Vol. II, Santiago: Xunta de Galícia.

VIGIL ÁLVAREZ, F. (1949): Notas para una bio-bibliografía de Siero (Asturias) .