culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Antonio Vila Nadal

O intenso labor en Galicia dun activo profesor e divulgador da ciencia

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Xosé A. Fraga Vázquez
  • Data de alta: 11/01/2013

Extras de Antonio Vila Nadal: 

Extras sobre Antonio Vila Nadal:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Xosé A. Fraga Vázquez ([2013], “Antonio Vila Nadal”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 26/09/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=399
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Barcelona 1861
  • Falecemento: Barcelona 1941
Realizou os estudos secundarios no Seminario Conciliar de Barcelona, onde foi alumno do importante naturalista Jaume Almera; obtivo o título de Bacharel o 17 de xullo de 1878. Iniciou os estudos universitarios en Ciencias Naturais en Barcelona, nos anos 1880 a 1882, e rematounos en Madrid. Na Universidade Central foi alumno do salientable científico institucionista (Institución Libre de Enseñanza) Ignacio Bolívar. Este profesor, que exerceu unha importante influencia sobre Vila, adestrouno no Museo de Ciencias Naturales e levouno a algunhas excursións científicas, mesmo a primeira que organizou cos seus alumnos a Marrocos en 1883 (González Bueno & Gomis Blanco, 2002). Durante a súa estancia madrileña foi membro da activa e interesante Sociedad Linneana Matritense (González Bueno,1982).

Profesor en Compostela

Rematada a carreira, en 1886 foi nomeado profesor axudante de Historia Natural na Universidade de Santiago. Durante a súa permanencia ininterrompida en Compostela, ata marzo de 1899, exerceu como profesor auxiliar adscrito ás cátedras de Historia Natural e de Química, segundo as necesidades académicas. Por Real Orden de 16 de marzo de 1899 foi nomeado catedrático por oposición de Historia Natural da Universidade de Granada e tomou posesión o 26 de abril. Cesou o 2 de febreiro de 1900 e permutou a cátedra pola de Santiago, tomando posesión desta o 3 de febreiro de 1900. Na Universidade galega permaneceu ata rematar o curso 1903-4, no que leu o Discurso inaugural (Vila Nadal, 1903); o texto carece de título específico e recolle diversos temas aos que Vila viña prestando especial atención os anos anteriores.

Trasladouse, en 1904, para a Universidade de Salamanca; nesta decisión influíron a falta de apoios aos seus proxectos e graves problemas económicos derivados dos mesmos. Comprobamos que a ampla actividade de Vila, especialmente a editorial, provocara unha serie de importantes débedas, que mesmo o levaron ao xulgado e a unha substancial retención dos seus haberes, que persistía en 1915. En Salamanca cesou o 31 de xaneiro de 1912 e trasladouse á Universidade de Barcelona, onde cubriu a vacante deixada polo seu antigo compañeiro de estudos Odón de Buen e onde permaneceu ata a xubilación (1933). O 15 de abril de 1937, despois de fuxir de Barcelona, presentouse en Burgos ás “autoridades” do bando fascista.

Relevante labor pedagóxico

As fontes para coñecer as posicións pedagóxicas de Vila en Ciencias Naturais (analizadas en Fraga, 1997) están constituídas fundamentalmente por: as súas revistas de divulgación científica xeral, Revista de Ciencias Naturales e La Propaganda Científica; o folleto Prácticas en Historia Natural (Vila Nadal, 1887); os programas de Mineraloxía e Botánica e Zooloxía (Vila Nadal, 1891a, 1891b, 1902); os Apuntes para clases prácticas de Zoología (Vila Nadal, 1900); o Discurso de inauguración do curso 1903-04 (Vila Nadal, 1903). Ademais, publicou diversos programas e apuntes de Química xeral e, mesmo, un libro de texto desta materia (Vila Nadal, 1898).

Se ben todos eses textos son interesantes, coidamos que os distintos programas son especialmente valiosos, pois permiten o acceso ao aspecto práctico do labor docente de Vila. Salientan pola cantidade, claridade e novidade das actividades propostas e, ademais, pola identidade co modelo científico adaptativo, darwinista, a atención aos fenómenos químicos da vida e o enfoque práctico. Destes programas dedúcese que Vila foi o o primeiro profesor universitario que en Galicia incorporou, coherente e sistematicamente, as teses darwinistas no seu currículo docente. Ademais, a ordenación que fai dos seres vivos afástase, tamén por vez primeira, do esquema cuvierista, dominante ata entón.

Igualmente, cómpre sinalar o pioneiro folleto, Prácticas en Historia Natural (Vila Nadal, 1887), no que defende a transformación dos vellos museos en acuarios, viveiros, estacións zoolóxicas, etc, subliñando as necesidades infraestructurais xurdidas pola aplicación das novas perspectivas científicas e pedagóxicas. En Salamanca e Barcelona continuou coa práctica pedagóxica modernizadora; como curiosidade podemos dicir que en Salamanca chegou a deseñar algún instrumento didáctico e que, en Barcelona, o escritor Josep Pla, alumno seu, testemuña como Vila, xa vello (“el avi”), continuaba a promover excursións (Pla, 1966).

Desenvolveu o labor docente nunha época na que o proceso modernizador do ensino das Ciencias Naturais estaba dirixido cara unha práctica didáctica activa, directa, apoiada nun uso preferente das clases prácticas, excursións e coleccionismo. O profesor compostelán, fronte ao modelo pedagóxico tradicional utilizado polos seus antecesores, será un notable receptor e impulsor das anteditas novidades; manifestou de xeito ininterrompido e coherente unha aposta decidida polo “ensino activo” das Ciencias Naturais.

A súa posición pedagóxica estaba moi influída polas propostas educativas da Institución Libre de Enseñanza, que á vez eran imitación das correntes “intuitivas” europeas. En calquera caso, a amplitude e profundidade da aplicación por parte de Vila desa alternativa constitúe un caso exemplar de axeitada recepción. Describiu con precisión o deficiente panorama educativo e tratou polo miúdo, desde a antedita perspectiva innovadora, tódolos aspectos do labor docente: cuestións metodolóxicas, obxectivos, medios, etc. Analizou, mesmo, o papel do profesor, facendo fincapé na realización de excursións e as clases prácticas.

En correspondencia co anterior, empregou como libros de texto os publicados por Bolívar e os seus colaboradores institucionistas (Bolívar; Calderón & Quiroga, 1890, e Bolívar & Calderón, 1900); trátase dalgúns dos manuais que no Estado español mellor realizaban a difusión das novidades científicas e pedagóxicas. Loxicamente, cando en 1901 teñen lugar as reformas do ensino universitario do ministro García Alix, segundo os plans de política científica e educativa dos institucionistas, Vila Nadal amosará o seu entusiasmo.

Divulgador da ciencia

Condicionado polas súas concepcións pedagóxicas e polo importante papel que asignaba á Ciencia na sociedade, Vila desenvolveu unha especial actividade no eido da divulgación científica. Ese esforzo divulgador plasmarase na edición de dúas revistas específicas, Revista de Ciencias Naturales, La Propaganda Científica, no intento dunha terceira, La Ilustración Naturalista, noutras publicacións xerais e no enfoque dos seus traballos. Estaban editadas en Santiago, Vila era o redactor case único e asignáballes o carácter de “órgano” da Estación de Bioloxía mariña que proxectaba fundar.

A Revista de Ciencias Naturales tiña unha periodicidade mensual; saíu á luz o 10 de xaneiro de 1887, e o derradeiro número, o 13, foi publicado en xaneiro de 1888. O número 1 de La Propaganda Científica apareceu o 13 de de xaneiro de 1898, o derradeiro, o 14, o 10 de outubro de 1900 (esta publicación tería unha posterior etapa en Salamanca). Vila pretendía unha periodicidade semanal, que non se puido manter. Adoitaba incluír varias seccións fixas e abondosa información sobre os seus distintos proxectos e actividades. A publicación sufriu a censura eclesiástica e debeu afrontar graves problemas económicos. Da terceira revista, La Ilustración Naturalista, dispoñemos só do anuncio da súa próxima publicación, en 1892; pode que ficara nun dos moitos proxectos irrealizados de Vila; en todo caso, amosa a persistencia do noso autor no eido editorial.

Nas revistas da conta de diversos proxectos, de signo inequivocamente divulgador, como son o Laboratorio fotográfico de la Propaganda Científica (en 1912 publicaría en Barcelona un traballo sobre a utilización da fotografía nas ciencias naturais) e El salón de "La Propaganda Científica”. Ademais, no Discurso (Vila Nadal, 1903), apunta outras iniciativas, como a singular das “ambulancias científicas”, dirixidas a levar a Ciencia a todos os lugares do país. E non podemos esquecer a importancia que daba á proxectada Estación de Bioloxía Mariña como centro de divulgación científica e o labor que realizou sobre este tema.

Participación en polémicas científicas

Participou activamente nas diversas polémicas sobre cuestións ideolóxicas e filosóficas relacionadas coa actividade científica. En xeral, as posicións deste profesor perante os diversos temas que abordou salientan pola súa singularidade e eclecticismo. No ámbito da filosofía científica Vila supón a peculiar e nova defensa dun positivismo católico. En 1894 escribiu un folleto, El Positivismo católico, que cambiou a El Evolucionismo ortodoxo, dedicado a Montero Ríos. As numerosas vicisitudes que sufriu o folleto, duramente criticado pola censura eclesiástica, impediron que vira a luz; coñécese parte do seu contido polos textos que reproduciu, anos despois, en La Propaganda Científica. No debate sobre a relación entre a Ciencia e a Relixión defendeu, tamén, teses concordistas, propias dun católico liberal que tentaba conciliar o dogma católico cos avances científicos e que propoñía a autonomía do discurso científico.

De forma similar accedeu á polémica darwinista. Cunha práctica docente que, como vimos, incorpora as teses evolucionistas, defendeu un transformismo “ortodoxo”, admisible pola Relixión, conciliable co dogma católico.

Os continuos intentos de Vila para acadar un certo compromiso neste e nos anteriores temas remataron en fracaso. Isto contrasta coa crecente presencia do concordismo no Estado español (Glick, 1982) e semella amosar a ausencia cualificada dun segmento liberal no catolicismo galego da época. De feito, resulta patético o continuado intento de Vila por convencer aos sectores tradicionais da bondade e ortodoxia das súas posicións conciliadoras. A resposta son as continuas descualificacións que recibe, pola vía da censura das súas moderadas publicacións; asemade, o liberalismo compostelán, o monterismo, desentendeuse bastante destas propostas.

O Discurso inaugural (Vila Nadal, 1903), supón o maior e último esforzo conciliador de Vila; isto, entre outras cousas, fai que o texto sexa o máis contraditorio do seu autor. De todos os xeitos, con todas as súas ambigüidades e contradicións, é a primeira defensa global realizada nas máis altas instancias institucionais universitarias da posibilidade dun darwinismo aceptable para o sistema ideolóxico-educativo establecido.

Os esforzos por poñer en marcha unha Estación de Bioloxía mariña

Vila intentou durante o período no que permaneceu en Galicia, de xeito persistente e infrutuoso, crear unha Estación de Bioloxía mariña. O primeiro pronunciamento tivo lugar o ano da súa chegada a Santiago, 1886, no importante Congreso de Agricultura e Pesca convocado pola Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago. Nese foro amosouse favorable aos Laboratorios biolóxicos e pediu que o proxectado polo Goberno se instalara en Galicia. O ano seguinte expresará con certa amplitude a súa posición no texto adicado a prácticas de Historia Natural (Vila Nadal, 1887).

En 1888 pretendeu crear a Estación Zoológica de Barcelona aproveitando a Exposición celebrada ese ano na capital catalá. Construíu un acuario, que podía ser xerme desa e impartiu unha conferencia no Ateneo Barcelonés co título "El Congreso internacional de Ciencias Naturales y su influencia en la estación zoológica de Barcelona", a favor da creación do antedito establecemento; na Exposición obtivo un premio, pero non conseguiu o seu obxectivo principal.

No verano de 1890 volveu coa súa particular campaña a favor da Estación; cunha “casilla”, constituída por diversos acuarios, iniciou unha xira polas principais cidades galegas; tras o fracaso de Barcelona, pasou a propoñer a creación dunha única Estación biolóxica galega, situada en Carril. No folleto Objeto y descripción del Acuario Ambulante de la Estación Zoológica de Barcelona y Escuela de Piscicultura de Arosa (Vila Nadal, 1892) explicou os detalles da “casilla ambulante” e expuxo, bastante amplamente, as súas ideas sobre a Estación. A concepción, que se manterá en todo o período, salienta o interese polo aspecto aplicado dos estudos mariños, atento á súa posible contribución á industria e á Pesca; asemade, pretende que o establecemento se basee na iniciativa particular, sosténdose da venta de coleccións e aluguer de mesas de traballo, clara influencia do sistema que aplicaba Anton Dorhn na Stazioni de Nápoles.

Vila necesitaba para poñer ese proxecto en marcha unha contribución económica inicial, pero segundo ía pasando o tempo comprobou como ninguén prestaba ese apoio. Queixouse, amargamente, da desatención do Goberno, atento a outras iniciativas, pero tamén salientou o desinterese de importantes representantes económicos e institucionais galegos; denunciou a pasividade dos fomentadores, sociedades, Cámaras de Comercio, Deputacións, Concellos, etc.

Tras múltiples intentos e xestións, con pequenos cambios no proxecto, no ano 1900 semellaba que o obxectivo podía acadarse. Os Reis españois, na visita a Galicia, colocan en Carril a primeira pedra da desexada Estación en Carril. Ao abeiro da reforma do Museo de Ciencias Naturais dáse a posibilidade de crear ese establecemento, dependente da Universidade compostelá e ao cargo do catedrático de Historia Natural. Mais tres anos despois a Estación seguía sendo a primeira pedra; Vila case suplica, no Discurso de inauguración do curso 1903-04 (Vila Nadal, 1903) que se poña en marcha, pero semella que, tamén nisto, se atopaba afastado dos grupos de poder e a Estación ficou en proxecto.

Escaso labor experimental

Como aconteceu con moitos dos científicos do ámbito institucionista, Vila Nadal levou a cabo unha moi limitada investigación científica orixinal. Do único do que temos constancia, no tempo que pasou en Galicia, é da elaboración do traballo La Morfogenía en la Biología (Vila Nadal, 1898). Trátase da preceptiva Memoria para presentarse ao concurso da Cátedra de Anatomía comparada da Universidade de Madrid, vacante pola morte ese ano de Mariano de la Paz Graells.

Na portada recolle a frase que sintetiza a tese do traballo: “La vida orgánica es la resultante de las fuerzas mecánicas de las especies químicas que integran el ser: la misma resultante modela la estructura y ésta determina la forma en los seres vivientes”. Asume unha posición mecanicista e, desde esta, pretende abordar as relacións entre a composición química e as formas dos seres vivos; rexeita o que considera o afastamento artificial entre diversas ciencias, entre a Química e a Historia Natural, e non establece a axeitada diferencia entre os fenómenos físicoquímicos e biolóxicos. A parte experimental e/ou práctica é moi limitada, restrinxida a unha serie de preparacións microscópicas e fotografías das mesmas. Desculpa a escaseza destes datos polo pouco tempo dispoñible para presentar a Memoria, que, polas indicacións que aparecen no texto, debía ir acompañada de fotografías. O traballo pode inscribirse nunha concepción materialista unitaria e elemental, que interpretaba os fenómenos vitais dun xeito mecánico e reducionista.



Bibliografía:




Fontes documentais:

Arquivo da Universidade de Santiago, Registros de títulos de catedráticos y administrativos 1826-1919. A 555: 267; A-109 / Libro de Actas Facultad de Ciencias (1904-1935) .

Antonio Vila Nadal. Archivo Universidad Barcelona. Expediente personal.


Fontes impresas: Xunto aos diversos artigos aparecidos nas revistas publicadas por Vila, cómpre sinalar:

VILA NADAL, A. (1887): Prácticas en Historia Natural, Santiago: Impr. E. Alonso.

VILA NADAL, A. (1891a): Programa de las lecciones de Mineralogía y Botánica, Santiago: Imp. Gaceta Galicia.

VILA NADAL, A. (1891b): Programa de las lecciones de Zoología, Santiago: Imp. Gaceta Galicia.

VILA NADAL, A. (1892): Objeto y descripción del Acuario Ambulante de la Estación Zoológica de Barcelona y Escuela de Piscicultura de Arosa, Santiago: Diéguez y Otero impresores.

VILA NADAL, A. (1898 a): Apuntes de las Lecciones de Química General explicadas en dicha cátedra de la Facultad de Ciencias de la Universidad de Santiago, Santiago, Impr. Gaceta.

VILA NADAL, A. (1898 b): La Morfogenía en la Biología. Memoria presentada por A. Vila Nadal para el concurso a la Cátedra de Anatomía Comparada de la Universidad de Madrid, Santiago: Tipografía Galaica.

VILA NADAL, A. (1900): Apuntes para Clases Prácticas de Zoología, Santiago: Tip. Galaica.

VILA NADAL, A. (1902): Programa de las lecciones de Mineralogía y Botánica, Santiago: Tipografía Galaica.

VILA NADAL, A. (1903): Discurso leído en la solemne apertura del curso académico de 1903 a 1904 en la Universidad Literaria de Santiago, Santiago: Impr. Paredes.


Bibliografía secundaria:

BARREIRO FERNÁNDEZ, J.R.; RODRÍGUEZ DÍAZ, R. & RUIBAL, L. (1971): El evolucionismo en Galicia en el siglo XIX, Compostellanum, XVI: 541-574.

BOLÍVAR, I; CALDERÓN, S. & QUIROGA, F. (1890): Elementos de Historia Natural, Madrid: Impr. Fortanet.

BOLÍVAR, I. & CALDERÓN, S. (1900): Nuevos Elementos de Historia Natural, Madrid: Impr. Fortanet.

FRAGA VÁZQUEZ, X.A. (1986): A propagación e institucionalización das Ciencias Naturais en Galiza no periodo 1886-1904: Vila Nadal, Actas II Congreso Soc. Esp. Hist. Ciencias, 3: 243-258.

FRAGA VÁZQUEZ, X. A. (1992): Bioloxía na Galiza na segunda metade do século XIX (1868-1903): ensino, divulgación, debates, produción, institucionalización e recepción de novidades, Santiago de Compostela: Universidade.

FRAGA VÁZQUEZ, X. A. (1997): A recepción das novidades pedagóxicas, o modelo activo no ensino científico na Universidade de Santiago no século XIX, o labor de Vila Nadal, Fraga Vázquez (ed.), Ciencias, educación e historia. Actas V Simposio de Historia e Ensino das Ciencias, O Castro-Sada (A Coruña): Ediciós do Castro; pp 249-257.

GLICK, T.H. (1982): Darwin en España, Barcelona: Ed. Península.

GONZÁLEZ BUENO, A. & GOMIS BLANCO, A. (2002): Los Naturalistas Españoles en el África hispana (1860-1936), Madrid: Organismo Autónomo de Parques Naturales.

GONZÁLEZ BUENO, A. (1982): La Sociedad Linneana Matritense, Folch, G. & Puerto, F.J. (eds.), Medicamento, Historia y Sociedad, Madrid: Universidad Complutense; p. 511-538.

PLA, J. (1966): El quadern gris. Un dietari, Barcelona: Ed. Destino.