culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Pedro Pena y Pérez

Discípulo e sucesor de Nóvoa Santos na cátedra de Patoloxía da Universidade de Santiago

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Sisto Edreira, Rafael
  • Data de alta: 15/02/2013

Extras sobre Pedro Pena y Pérez:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Sisto Edreira, Rafael ([2013], “Pedro Pena y Pérez”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 26/09/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=415
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Santiago de Compostela 1889
  • Falecemento: Santiago de Compostela 1975
Estudou o bacharelato no Instituto de Santiago e a carreira de Medicina na Universidade compostelá, onde se licencia en 1905 con premio extraordinario. Ao ano seguinte doutorouse en Madrid diante dun tribunal presidido por Ramón y Cajal. Foi un dos primeiros discípulos de Nóvoa Santos, ao que acabaría sucedendo na cátedra de Patoloxía, e que propiciou que xa en 1917 obtivera unha pensión da Junta de Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas en Suíza. Alí especializouse durante catro anos no campo da fisioloxía e patoloxía da nutrición e no das glándulas de secreción interna cos profesores Erihhorst, en Zürich, Stäholin, Bing e V. Bunge, en Basilea, e Sahli e Asher en Berna. En 1926 será a propia Universidade a que lle concederá unha pensión para as súas estadías en Berlín, co Dr. Krauss, e en París con Carnot, Sicard, Widal e Roux, co obxecto de “realizar estudos sobre os novos métodos de exploración clínica” (Gurriarán, 2006).

Nada máis doutorarse, de volta en Santiago, gaña por oposición unha praza de profesor auxiliar e, no ano 1927, a cátedra de Patoloxía Xeral en Cádiz, regresando por concurso de traslado a Santiago ao ano seguinte. Xa en 1936 pasa a ocupar a cátedra de Patoloxía e Clínica médicas. Pena foi secretario da Facultade de Medicina, decano e vicerreitor, e peza chave na formación dalgúns dos seus discípulos patólogos coma Álvarez González e Ulpiano Villanueva. Ocupou circunstancialmente o cargo de reitor tralo levantamento golpista de 1936, por nomeamento da Delegación militar de A Coruña, que o cesou tres meses máis tarde.

Publicou máis de cincuenta obras entre monografías e artigos, bibliografía completa que pode consultarse en Couceiro (1951-54). Cronoloxicamente, o seu primeiro traballo foi “Los purgantes por vía subcutánea e intravenosa”, que apareceu en Galicia Médica en 1913, un ano antes da publicación da súa tese, Contribución al estudio clínico y experimental de la reacción de Loewi (Pena, 1914), primeiro traballo orixinal de conxunto sobre esta reacción, que recolle as observacións de 31 casos clínicos, e na que se conclúe que a reacción de Loewi é positiva nalgúns diabéticos, seguramente de orixe pancreática, mentres é negativa na tuberculose pulmonar e nas diferentes formas de tuberculose cirúrxica. Tamén observa que a instilación de adrenalina no saco conxuntival do home, dos cans e dos gatos, non exerce efecto sobre o diámetro da pupila, mentres que nas ras e os coellos produce forte midriase, ao igual que nos cans e gatos aos que lles foi extirpado o páncreas.

Tamén en 1914 aparece un artigo seu na revista Galicia Médica, escrito en colaboración con Nóvoa Santos e titulado “¿Obra la tuberculina como sensibilizadora del simpático para determinadas hormonas?”. Na mesma revista, ao seguinte ano, esta vez con Nóvoa e Venero Sañudo, publica “Sobre la pretendida gota experimental de las aves”.

Son importantes os seus artigos “Acerca del empleo del agar-agar en terapéutica gástrica” e “El tratamiento de la hiperacidez por el Oxagar” (Pena, 1922), no que fai unha descrición química do produto e das reaccións que desencadea, así coma das tres accións que exerce: mecánica, química e químico-biolóxica. Tamén debe citarse o titulado “Los purgantes antigüos y modernos” (Pena, 1924a), que foi reproducido en España Médica e no que fai un estudo sobre os distintos tipos de purgantes, expondo clasificacións baseadas na natureza química das substancias e nos mecanismos de actuación.

Con posterioridade aparece a obra Investigaciones recientes sobre el aceite de hígado de bacalao (Pena, 1924b), na que se propón expoñer e razoar os éxitos terapéuticos dos últimos anos, referindo a maior parte das investigacións experimentais á vitamina A. Comenta tamén a acción do aceite no raquitismo, nas osteopatías, nas afeccións oculares, etc.

A maioría dos seus artigos aparecen publicados na revista Galicia Médica e na Revista Médica Gallega, que Pena primeiro dirixiu e logo editou xunto co Dr. Merino Simón. Tamén apareceron traballos seus nos Archivos Españoles de Enfermedades del Aparato Digestivo y de la Nutrición, nos Archivos de Medicina, Cirugía y Especialidades e en Medicina y Cirugía. Foi membro da Sociedad Española de las Enfermedades del Aparato Digestivo y de la Nutrición e da Sociedad Española de Física y Química. Cómpre salientar o seu labor como divulgador, impartindo gran número de conferencias e cursiños, algúns deles dentro da chamada “extensión universitaria” propiciada pola autonomía universitaria acadada nos anos vinte.



Bibliografía:




Fontes impresas:

PENA Y PÉREZ, P. (1914): Contribución al estudio clínico y experimental de la reacción de Loewi, Santiago: Tip. El Eco de Santiago.

PENA Y PÉREZ, P. (1922): “El tratamiento de la hiperacidez por el Oxagar”, Revista Médica Gallega, 12: 354-356.

PENA Y PÉREZ, P. (1924a): “Los purgantes antiguos y modernos”, España Médica, 461: 2-4 (Reproducido da Revista Médica Gallega).

PENA Y PÉREZ, P. (1924b): Investigaciones recientes sobre el aceite de hígado de bacalao, Santiago: Tip. El Eco de Santiago.

PENA Y PÉREZ, P. (1938): El Problema de los ultravirus, Santiago: Tip. El Eco Franciscano.

PENA Y PÉREZ, P. (1944): Tirso de Molina y los médicos, Santiago: Tip. El Eco Franciscano.


Bibliografía secundaria

ANÓNIMO (1929): “D. P. Pena y Pérez”, Boletín Oficial del Colegio de Practicantes de Santiago, 6.

AGUIAR, P. (2008): "Os primeiros investigadores galegos no exterior. As bolsas da JAE e o exilio científico", [Monográfico, Fuga de cerebros? A diáspora científica galega], Renova Galiza. Caderno de Pensamento Cívico, nº 3, Barcelona: Foro cívico galego de Barcelona; p. 15-22.

COUCEIRO FREIJOMIL, A. (1951-54): Diccionario bio-bibliográfico de escritores, Santiago: Imp. Paredes; t. III: 62-64.

GURRIARÁN, Ricardo (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940). Santiago: Universidade.