culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

José Rodríguez Martínez

Un activo médico popular, publicista e creador de institucións

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Xosé A. Fraga Vázquez
  • Data de alta: 22/02/2013

Extras de José Rodríguez Martínez: 

Galeria


Caricatura do "Médico Rodríguez", obra de Álvaro Cebreiro. Museo de Belas Artes da Coruña.
medicoRodriguez2.jpg
medicoRodriguez2.jpg

Como citar esta páxina:

  • Xosé A. Fraga Vázquez ([2013], “José Rodríguez Martínez”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 28/07/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=418
Untitled Document

Caricatura do "Médico Rodríguez", obra de Álvaro Cebreiro. Museo de Belas Artes da Coruña.

Datos biográficos:

  • Nacemento: A Coruña 1856
  • Falecemento: A Coruña 1921
O “médico Rodríguez”, nome co que se lle coñecía, foi un médico coruñés que acadou unha grande popularidade cidadán. Contribuíu a iso o seu carácter aberto, a participación en iniciativas sanitarias, sociais e políticas e a excelente disposición asistencial, con especial sensibilidade cara aos problemas dos máis necesitados e explotados.

Realmente naceu en Monelos, cando este barrio coruñés formaba parte do Concello de Oza (así foi ata 1912). Realizou estudos de bacharelato no Instituto de A Coruña entre 1867 e 1872 e licenciouse en Medicina, en Santiago, en 1880, e ao remate realizou unha ampla viaxe por Europa.

Actividade social

De conviccións democráticas radicais, tivo unha intensa vida social e política. Republicano, mantivo relacións co rexionalismo, foi concelleiro e tivo sonadas polémicas políticas, como reflicten algunhas das súas publicacións, por exemplo Los grandes simuladores y el médico Rodríguez (Rodríguez, 1908a).

Desenvolveu un grande labor publicista. Chegou a ser redactor xefe do xornal La Voz de Galicia e creou varias publicacións, como a Revista Médico-social. Segundo Fernández Fernández (1974), fundou, tamén, a revista Galicia médica e os xornais El esclavo, La Pelea, El pueblo, El Cardenal, Lectura Popular, La Unión Republicana, El Boliche, etc.

Participou en moitos foros: tomou parte no Congreso Agrícola y de Pesca organizado en 1886 en Santiago pola Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago, e interveu no debate sobre o ciclo vital da sardiña, cuestión de especial transcendencia económica para a pesca galega. Rodríguez inclinábase polo carácter sedentario da especie e mostrouse favorable ao establecemento de Estacións biolóxicas para o estudo dos seres mariños.

Participación na epidemia de cólera de Valencia

Acudiu, de xeito voluntario, en 1885, á epidemia de cólera de Valencia, cidade onde permaneceu máis de dous meses, o que contribuíu a acrecentar a sona de Rodríguez. Alí asistiu ao desenvolvemento da epidemia e ao estudo do sistema terapéutico do notable microbiólogo Jaume Ferrán (Báguena, 1983). Xa antes da marcha á capital levantina debía ter interese polo tema, pois deu unha conferencia, o 12 de xullo de 1884, no Ateneo de A Coruña, sobre o cólera. En Valencia seguíu a polémica sobre a proposta curativa de Ferrán e, ao tempo, actuou como correspondente para o xornal republicano La Voz de Galicia. As crónicas eran moi entusiastas e apoiaban o labor do médico catalán, amosándonos a Rodríguez como traballador infatigable. Esta participación contribuíu a que Rodríguez acadara unha condecoración oficial e diversos homenaxes: o Goberno concedeulle a Grande Cruz da Beneficencia, o Concello de Valencia nomeouno fillo adoptivo da cidade e recibiu unha homenaxe do Ateneo-Casino Obrero de Valencia. Asemade, a recepción á chegada a Coruña tivo características propias do recibimento a un heroe.

Á volta do episodio levantino publicou o folleto Valencia-Galicia, estudio práctico acerca del tratamiento más eficaz del cólera morbo asiático, método seguido en la epidemia colérica de Valencia del presente año (Rodríguez, 1885). O texto foi escrito e editado de inmediato, pois xa se puxo á venda o 17 de setembro de 1885. Xunto a diversos comentarios sobre a epidemia, trasladaba recomendacións e fórmulas para aliviar aos enfermos. Salienta a postura favorable á vacina de Ferrán, cuestión que provocou, nese momento, un relevante debate en todo o Estado español (Fernández Sanz, 1989).

Labor asistencial. A creación de institucións médicas

Rodríguez, que no plano teórico defíníase como darwinista e “hijo de la Ciencia pura y positiva” (Rodríguez, 1905: 9), desenvolveu o seu labor sanitario como médico de cabeceira. De todos os xeitos, como outros colegas (Santiago de la Iglesia ou Ramón Pérez Costales) tiña inquietudes dabondo como para unha actividade orixinal e atenta ás novidades, compatible coa atención aos aspectos sociais da enfermidade e ás cuestións hixiénicas e microbiolóxicas.

Home de iniciativas, Rodríguez ocupa un lugar sobranceiro na institucionalización da asistencia médica e microbiolóxica en A Coruña. Dirixía en 1888 o Gimnasio Médico-Higiénico; entre 1888 e 1891 hai novas de que creou o Centro Jenner de vacunación animal, que atendía, xunto á vacinación animal, a humana, como por exemplo na epidemia de varíola de 1888, na que vacinou de xeito gratuíto aos pobres.

En 1902 fundou Higia. Casa de Cirujía, título que lle dou, tamén, a un folleto (Rodríguez, 1902). O local estaba dotado cun “Laboratorio Histológico y Micro-químico, do que reproduce unha fotografía, sinalando a realización de certa investigación microscópica e bacteriolóxica, que estaba, dado o carácter da institución, basicamente relacionada co diagnóstico, se ben indica uns inconcretos traballos de investigación.

Na mesma liña de preocupación pola saúde pública, atendeu ao agudo problema da tuberculose, cuestión que interesou a bastantes médicos nesa época, especialmente aos que tiñan una maior sensibilidade social (Molero Mesa, 1990).

Sobre o tema publicou un traballo, Defensa contra la tuberculosis (Rodríguez, 1905), unha conferencia que deu no Circulo de Artesanos coruñés o 19 de febreiro de 1905. Propuña a creación dun dispensario antituberculoso, o establecemento da beneficencia domiciliaria e a creación dun Sanatorio Schwendi ou varios Legrende (pouco despois, en 1906, o médico Emilio Fraga Lago conseguiría a creación do dispensario). Rodríguez realiza unha descrición xeral da enfermidade, salientando o aspecto social da súa incidencia, comenta as penosas condicións de vida de amplos sectores da poboación como causa importante da tuberculose e denuncia esa situación en A Coruña. A cidade herculina acadaba a cifra de 276 defuncións ao ano, o que a situaba no cuarto lugar entre as capitais de provincia do Estado. Coidaba que se trata dun tema que se resolvería, polo menos substancialmente, se toda a poboación tivese á súa disposición medios abondosos de vida.

Entre outras actividades, realizou unha ampla campaña de propaganda para que no antigo Lazareto de Oza se instálase un Sanatorio e publicou en 1918, segundo Fernández (1974), un Manual completo de la gripe.



Bibliografía:




Fontes documentais:

Congreso Agrícola y de Pesca. Arquivo Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago. Cartafol 515.


Fontes impresas:

RODRÍGUEZ MARTÍNEZ, J. (1885): Valencia-Galicia, estudio práctico acerca del tratamiento más eficaz del cólera morbo asiático, método seguido en la epidemia colérica de Valencia del presnte año, Coruña: Establ. Tip. de La Voz de Galicia.

RODRÍGUEZ MARTÍNEZ, J. (1902): Higia. Casa de Cirujía, Coruña: Establ. Tip. La Gutenberg.

RODRÍGUEZ MARTÍNEZ, J. (1905): Defensa contra la tuberculosis, Conferencias, VV. AA., A Coruña: Est. Tip. La Voz de Galicia.

RODRÍGUEZ MARTÍNEZ, J. (1908a): Los grandes simuladores y el médico Rodríguez, Coruña: Impr. Roel.

RODRÍGUEZ MARTÍNEZ, J. (1908b): El Lazareto de Oza, el clima de La Coruña y un sanatorio antituberculoso: conferencia dada por el doctor Rodríguez Martínez en el Teatro Circo Emilia Pardo Bazán, la noche del 19 de noviembre de 1908, Coruña: Imprenta Roel.


Bibliografía secundaria:

BÁGUENA CERVELLERA, Ma. José (1983): La introducción de la Microbiología en la Medicina española del siglo XIX, Valencia: Universidad; tese doutoural sen publicar.

DURÁN, J. A.(2001): De la regeneración y la República: el médico Rodríguez, El republicanismo coruñés en la historia, Ayuntamiento de La Coruña: Alba Gráfica; p. 215-220.

FRAGA VÁZQUEZ, X.A. (1991): Notas sobre a incidencia do microscópio nunha sociedade local (A Coruña,1885-1890), Revista del Instituto "José Cornide" de Estudios Coruñeses, 24 (1988): 73-87.

FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, M. (1974): Rodríguez Martínez, José, Gran Enciclopedia Gallega, 27: 58, Santiago: Silverio Cañada.

FERNÁNDEZ SANZ, J.J. (1989): La inoculación anticolérica y su polémica nacional, en 1885, Asclepio, XLI (2): 51-86.

LANCINA MARTÍN, J. A. (2005): José Rodríguez Martínez (1856-1921), fundador del primer sanatorio quirúrgico privado en 1902 y pionero de la asistencia especializada de las enfermedades génito-urinarias en A Coruña, Notas históricas de la urología en Galicia, Betanzos: Sociedad Gallega de Urología, Artes Gráficas Lugami; p. 131-149.

MOLERO MESA, J. (1990): Francisco Moliner y Nicolás (1851-1915) y el inicio de la lucha antituberculosa en España, Asclepio, XLII(1): 253- 279.