culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Manuel López Enríquez

Oftalmólogo cunha importante labor investigadora vinculada á JAE en histoloxía ocular

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Rafael Sisto Edreira
  • Data de alta: 22/02/2013

Galeria


Anuncio na prensa da consulta temporal de López Enríquez en Ourense a principio dos anos vinte.

Como citar esta páxina:

  • Rafael Sisto Edreira ([2013], “Manuel López Enríquez”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 28/03/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=419
Untitled Document

Anuncio na prensa da consulta temporal de López Enríquez en Ourense a principio dos anos vinte.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Monforte de Lemos (Lugo) 1890
  • Falecemento: Monforte de Lemos (Lugo) 1968
Cursou Medicina en Santiago e Valladolid e especializouse en oftalmoloxía en Madrid, como hóspede da Residencia de Estudiantes entre 1919 e 1923. Beneficiouse dunha pensión de case dous anos en Suíza e Alemaña da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas (JAE), e durante o período 1919-1936 traballou cunha bolsa no Laboratorio de Histología normal y patológica, tamén dependente da JAE e que dirixía Del Rio-Hortega. Exerceu a docencia como profesor auxiliar de Oftalmoloxía na Universidade de Madrid baixo a dirección do prestixioso catedrático Manuel Márquez, que tivo que exiliarse en México en 1939 ao tempo que López Enríquez era cesado na súa praza e sometido a depuración. Tras unha longa paréntese puido continuar o seu labor como investigador do CSIC e no exercicio privado da oftalmoloxía en Madrid. Desempeñou os cargos de secretario e presidente da Sociedad Hispano-Americana de Oftalmología, así como o de xefe da Sección oftalmolóxica do Instituto de Óptica Daza de Valdés.

Durante a súa estadía no laboratorio da JAE dedicouse a investigar en histoloxía ocular, traballo do que xurdiron unha serie de artigos iniciada en 1919 co titulado “Sobre el aparato reticular de Golgi y otros retículos de los elementos del cristalino”. Entre estes artigos ten especial relevancia “Existencia de células de Hortega “microglia” en la retina y vías ópticas” (López, 1926b), no que confirma, experimental e graficamente, a sospeitada existencia destas células nunha nova localización, seguindo as diferentes fórmulas propostas por Del Rio-Hortega. Outro importante resultado das súas investigacións viu a luz baixo o título “Oligodendroglia de las vías ópticas” (López, 1926c); nel estuda a probable presenza da variedade neuróglica de escasas radiacións nas vías ópticas, a proporción en que aparece con respecto a outro tipo de corpúsculos intersticiais e os caracteres cos que se presenta.

Nas Jornadas Médicas Gallegas, celebradas en A Coruña no ano 1929, presentou dúas comunicacións: na primeira, “Alteraciones graves del fondo del ojo por inyección intravenosa de neosalvarsán” (López, 1929a), prevén contra o emprego intravenoso do salvarsán ou de compostos de bismuto sen un exame oftalmolóxico previo, xa que poden provocar un cadro clínico similar ao da dexeneración nefrítica da retina; na segunda, “Del tratamiento de la degeneración pigmentaria de la retina” (López, 1929b), dá conta da aplicación dos raios X como método de tratamento da enfermidade citada, comprobando en todos os casos, que se clasifican nun cadro, lixeiras melloras. No emprego desta técnica considérase pioneiro en España, coincidindo cronoloxicamente e de forma independente, coas experiencias de Sgrosso en Italia, e Merkulow e Schick na Unión Soviética.

Cómpre citar a súa participación no número das Memorias da Real Sociedad Española de Historia Natural dedicado en homenaxe a Ignacio Bolívar, co seu traballo “Nuevas observaciones sobre la oligodendroglia de las vías ópticas” (López, 1929c), no que demostra que a oligodendroglia das vías ópticas presenta idénticos caracteres que a descrita por Del Rio-Hortega no encéfalo e medula, e confirma con extraordinaria evidencia a íntima relación entre a devandita variedade neurolóxica e as fibras nerviosas meduladas.

Durante o ano 1933, en Barcelona, publicou os seguintes traballos: “La excitación mecánica de la retina”, “Caso instructivo de desprendimiento de retina", “Rhabdomioma del párpado” e “Modelo de trépano universal”. Durante a guerra civil dedicouse a estudar as manifestacións patolóxicas da avitaminose e, posteriormente, no 1941, publicou en Madrid Biomicroscopía del fondo del ojo. Estivo encargado na Revista Médica Gallega, das noticias de redacción relacionadas coa oftalmoloxía e de comentar e traducir os artigos das revistas estranxeiras.

No aspecto técnico fixo varias contribucións, entre elas un fotoftalmógrafo, presentado no XVII Congreso Internacional de Oftalmoloxía celebrado en Nova York. O aparello permitía a reprodución fotográfica do fondo do ollo e caracterizábase por un novo sistema de eliminación de reflexos baseado en variar a incidencia da luz. Presentou unha solicitude de patente en España que lle foi concedida en marzo de 1954.



Bibliografía:




Fontes impresas:

LÓPEZ ENRÍQUEZ, M. (1919): Sobre el aparato reticular de Golgi y otros retículos de los elementos del cristalino, Boletín de la Sociedad Española de Biología, ano IX: 127-133 [Trabajos del Laboratorio de Histopatología de la Junta para Ampliación de Estudios, nº 12, Madrid].

LÓPEZ ENRÍQUEZ, M. (1926a): Las células de Hortega de la retina y vías ópticas en estado normal y patológico, [Tese de doutoramento, Universidade Central de Madrid], Barcelona: La Neotipia.

LÓPEZ ENRÍQUEZ, M. (1926b): Existencia de células de Hortega “microglia” en la retina y vías ópticas, Boletín de la Real Sociedad Española de Historia Natural, XXVI, 5: 294-301.

LÓPEZ ENRÍQUEZ, M. (1926c): Oligodendroglia de las vías ópticas, Boletín de la Real Sociedad Española de Historia Natural, XXVI, 5: 301-307.

LÓPEZ ENRÍQUEZ, M. (1926d): Las células de Rio-Hortega en los procesos patológicos de la retina y nervio óptico, Boletin de la Sociedad Española de Biologia, Vol. XII, Fasc. II.

LÓPEZ ENRÍQUEZ, M. (1929a): Alteraciones graves del fondo del ojo por inyección intravenosa del neosalvarsán, Jornadas Médicas Gallegas, Madrid: Instituto de Biología y Sueroterapia; p. 14.

LÓPEZ ENRÍQUEZ, M. (1929b): Del tratamiento de la degeneración pigmentaria de la retina, Jornadas Médicas Gallegas, Madrid: Instituto de Biología y Sueroterapia; p. 15.

LÓPEZ ENRÍQUEZ, M. (1929c): Nuevas observaciones sobre la oligodendroglia de las vías ópticas, Memorias de la Real Sociedad Española de Historia Natural, XV: 763-772.

LÓPEZ ENRÍQUEZ, M. (1934): Nuevos estudios sobre el aumento óptico. Errores clásicos y su rectificación, Boletín de la Sociedad Española de Biología; p. 139-153.

LÓPEZ ENRÍQUEZ, M. (1941): Biomicroscopía del fondo del ojo. Madrid.


Bibliografía secundaria:

ANONIMO: Trabajos de investigación y Ampliación de Estudios organizados para el curso ----, Anos: 1926-27, 1927-28, 1928-29, 1929-30, 1930-31, 1931-32; I932-1933, 1935-1936, Madrid: Instituto Nacional de Ciencias.

GURRIARÁN, Ricardo (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Santiago: Universidade.

LEOZ ORTIZ, G. (1962): Homenaje al Dr. D. Manuel López Enríquez, Archivos de la Sociedad Oftalmológica Hispano-Americana, XXII (12): 1037-1040.