culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Francisco de Neira

Un defensor da física moderna

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Francisco Díaz-Fierros Viqueira e Rafael Sisto Edreira
  • Data de alta: 15/03/2013

Galeria


A morte do médico francés Xavier Bichat (1771-1802) rodeado polos seus amigos, os doutores Esparron e Roux. Cadro de Louis Hersent.

Como citar esta páxina:

  • Francisco Díaz-Fierros Viqueira e Rafael Sisto Edreira ([2013], “Francisco de Neira”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 29/04/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=427
Untitled Document

A morte do médico francés Xavier Bichat (1771-1802) rodeado polos seus amigos, os doutores Esparron e Roux. Cadro de Louis Hersent.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Lugo 1754
  • Falecemento: Descoñecida Madrid
Estudou tres anos de Filosofía no Seminario de San Lourenzo de Lugo (1769-1772) e ingresou logo na Universidade de Santiago, onde cursou a carreira de Medicina e obtivo o grao de licenciado en 1781, ano no que foi nomeado, segundo consta no seu expediente, para a segunda cátedra de Institucións médicas. En 1784 presentouse á oposición para cubrir a cátedra de Vísperas.

Neira exerceu tamén como substituto da cátedra de Cirurxía en parte do curso 1780-1 e no seguinte, o que amosa a visión avanzada que tiña da ciencia, ao non compartir os prexuízos segregacionistas que a meirande parte dos médicos tiñan contra os cirurxiáns. Segundo as súas propias palabras: “practicara la Cirugía y la Disección Antómica por espacio de dos años en el Hospital de Ferrol según el método de Cirugía de la Real Armada”. O Hospital militar de Ferrol fora creado en 1751 e dotado, posteriormente, dun anfiteatro anatómico onde, posiblemente, se desenvolvía un ensino máis práctico que o que se podía seguir nas universidades.

Entre 1784 e 1788, Neira realizou unha ampla viaxe de estudos polos principais centros científicos europeos. Nunha representación dirixida ao Real Consejo en xullo de 1788, afirma ter perfeccionado os seus coñecementos de Física experimental, Anatomía, Clínica e Botánica nas escolas de París, Londres e Edimburgo. Segundo o seu propio testemuño, escoitou aos profesores máis acreditados, manexou todo xénero de máquinas, practicou diseccións anatómicas, operacións cirúrxicas e realizou experimentos e elaboracións químicas, disfrutando durante os dous últimos anos dunha pensión real de estudos de 8.000 reais anuais.

Cando a Universidade de Santiago sacou a concurso a cátedra de Física experimental, baleira dende 1782 por morte do aristotélico Dr. Cao, Neira escribe dende París ao Real Consejo pedindo que se cumpra o Plano de 1772, impulsado por Campomanes, e se exclúa da convocatoria a teólogos e filósofos aristotélicos, e se opte por os membros da Facultade de medicina. O Real Consejo dálle a razón e rexeita a convocatoria da Universidade polo que, á volta de París, en 1788, Neira solicita a súa promoción dende a cátedra de Medicina á de Física e Química, vacante por falta de “sujeto idóneo”. A pesar da forte oposición, o 23 de outubro de 1789 é asinado e remitido ao reitor o Real Nomeamento de Neira como catedrático de Física experimental.

Este documentos, que se conserva no seu expediente persoal, terá unha grande importancia para o ensino da física na universidade, posto que establece textualmente: “...que en lo sucesivo no puedan obtener cátedra de Física experimental, ni ser jueces de su concurso, los que no hagan constar haber estudiado la Física experimental en la Universidad o Colegio provisto de instrumentos necesarios para esta enseñanza, excluyéndose de su opción y concurso y de ser jueces de él a los mismamente Teólogos y Filósofos aristotélicos y prefiriéndose a los de la Facultad de Medicina”. Na mesma comunicación, o Real Consejo encárgalle que forme e lle propoña, para a súa aprobación, o correspondente plano de libros, máquinas e horas da materia, tendo presente o que se observa e está sinalado nos Reales Estudios de San Isidro de Madrid.

No “Plano para la mejor enseñanza de la cátedra de Física experimental”, Neira propón a supresión da cátedra de Física aristotélica por inútil e prexudicial para o adianto das ciencias naturais, establecendo que os alumnos de filosofía deben estudar, no primeiro curso, un breve compendio de matemáticas puras, física experimental no segundo curso e deixar para terceiro a metafísica. Establece tamén a necesidade de mercar máquinas e instrumentos para a cátedra, por un custo de 72.000 reais. En 1792 suscitarase unha nova polémica pola pretensión de Neira de incorporar a cátedra de Física experimental, ata daquela en Filosofía, á Facultade de Medicina.

Segundo afirman Rivas e outros biógrafos, despois de sufrir durante todo este período un grande acoso por parte do claustro, Neira oposita e gaña, en 1796, a cátedra de Clínica no Real Colegio de Medicina Práctica de Madrid, sen que se produza xa a súa volta a Compostela. Sen embargo, os documentos do arquivo do Hospital Real amosan, case sen dúbida, a súa presencia en Santiago durante o curso 1779-1880 como vicedirector do Colegio de la Facultad reunida Médico-Quirúrgica, que funcionou provisionalmente durante ese curso.

Neira mantivo, como directivo deste Colexio, unha forte loita en contra da administración do Hospital Real, que obstaculizaba o asentamento do Colexio nos seus locais. En outubro de 1799 comunícalle ao Hospital a decisión de Real Consejo de establecer alí un Colegio de la Facultad reunida Médico-Quirúrgica. Solicitaba: “... además del uso de la huerta para las demostraciones de Botánica, que se permitiera a los estudiantes la asistencia a la vista en las salas de Cirugía y Medicina, hacer en ellas sus observaciones, y guardia a algún enfermo si el Catedrático de Clínica lo juzgase preciso [...] Por último, los sepultureros del Hospital llevarían al anfiteatro del Colegio los cadáveres que precisase el catedrático de Anatomía...” (García Guerra, 1983: 418). O Colexio pretendía así afondar na parte práctica da formación dos novos médicos e cirurxiáns, obxectivo que se consigue, só parcialmente, en 1801, cando se establece o que será o Colexio de Cirurxía de Santiago. Segundo García Guerra, a vitoria resultou pírrica xa que o seu funcionamento limitouse ao ensino teórico.

Pódese considerara a Neira, sen ningún xénero de dúbidas, coma un dos principais defensores e introdutores da ciencia moderna en Galicia. A pesar de que non se lle coñece ningún escrito de entidade científica, agás o seus informes e representacións diante das autoridades académicas e hospitalarias, o seu labor foi, con seguridade, un dos alicerces nos que se sustentou a seguinte xeración dos Vega, González Varela, Rodríguez, Suaréz Freire, que levou a cabo moitos dos feitos singulares desta renovación: adquisición do Gabinete de aparellos de física e creación dos Colexios prácticos de Cirurxía e Farmacia.

A defensa que fai Neira da física moderna e o interese que amosa pola adquisición do Gabinete de física segundo Signaud de la Fond, corren parellos cos estudos que propón e dirixe por un curto período de tempo no Colegio de la Facultad reunida Médico-Quirúrgica. Neles deséñase unha estrutura docente que, polo seu carácter integrador de disciplinas científicas e de valoración da observación directa e do experimental, puido dar orixe a uns estudos médicos de plena actualidade. De feito, o intento de organizar unhas institucións onde a docencia se baseara, ademais de nas clásicas leccións de cátedra, en modernos estudos clínicos (os enfermos do Hospital Real coma base de coñecementos), cirúrxicos (o teatro anatómico) e farmacolóxicos (o xardín botánico) amosan ás claras o carácter anovador da experiencia.



Bibliografía:




Fontes documentais:

Arquivo Histórico da Universidade de Santiago. Expedientes persoais, cartafol 922, nº 25; Reales Providencias, cartafol 188; Informes, cartafol 183; Fondo Hospitas Real, Serie xeral, cartafol 1998, cartafol 1363.


Bibliografía secundaria:

DÍAZ-FIERROS VIQUEIRA, F. (1971): Comezos da ciencia moderna na Universidade compostelá, Compostellanum, XVI: 397-423.

GARCÍA GUERRA, D. (1983): El Hospital Real de Santiago (1499-1804), A Coruña: Fundación Barrié de la Maza.

RIVAS GARCÍA, M. (1974): Neira, Francisco de, Gran Enciclopedia Gallega, Gijón: Silverio Cañada Editor.