culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Pedro de Castro

Un médico de sona europea

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco; Sanmartín Míguez, J. Santiago
  • Data de alta: 22/03/2013

Extras de Pedro de Castro: 

Extras sobre Pedro de Castro:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco; Sanmartín Míguez, J. Santiago ([2013], “Pedro de Castro”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 27/05/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=431
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Baiona (Pontevedra) 1592
  • Falecemento: Venecia (Italia) 1661
O coñecemento da existencia deste médico ven polos datos que Hervás y Panduro inclúe no seu libro Escuela Española de Sordomudos (1795), onde recolle un método particular de facer ouvir aos nenos xordos polos “remuíños” da cabeza, máis concretamente a partir da “sutura Coronal” dos osos do cranio. Este singular método, que segundo Hervás ideara o médico español Martínez de Carrión, coñecíase porque o médico “baionés” Pedro de Castro o divulgara, xa que o primeiro decidirá mantelo en secreto. Era un asombroso método que comezaba pola purga do neno, seguido da rapa do cabelo na sutura coronal, onde se lle aplicaba un ungüento formado por nitro, augardente, nafta e outros ingredientes semellantes. Despois deste tratamento, o xordo ouvía “polo remuíño da cabeza” sempre que se lle falase a gritos. De acordo co citado autor, así como cos datos que Felipe Jaime Sachs de Lezvenheimb recolleu na súa Myscellanea medico-physica (Leipzing, 1670), Pedro de Castro traballara en España e Francia, instalándose finalmente en Italia (en Verona, e posteriormente como protomédico do Duque de Mantua), onde tiña varios discípulos (“un veronés, os oito alemáns”). O interese de Hervás en Pedro de Castro viña, sobre todo, polo pintoresco método de curar a xordeira, así como a difusión do mesmo en Italia, polo que as outras actividades médicas pasaban a un lugar secundario. Esta mesma tradición transmitiuse sobre a biografía de Pedro de Castro da que pouco máis se coñecía que traballara cun método particular de ensinar a ouvir aos xordos e que na súa estadía italiana introducira estas prácticas, o que o convertía para algúns no pioneiro do ensino de xordomudos neste país.

Porén Pedro de Castro foi un médico relativamente ben coñecido no seu tempo que deixou libros e discípulos, cando menos en Alemaña e Italia, e que o método de curar xordos foi só un dos campo da medicina onde traballou e, posiblemente, non o máis importante. Hervás xa cita como obras de Pedro de Castro Petri a Castro Bayonatis febris maligna puntularis aphorismis delineta (Padua, 1686) e Tratado del Calostro, incluído na obra do coñecido médico italiano Escipión Mercurio, La Commare (Verona e Venecia, varias edicións). Posteriormente Gascón Ricao (2009) cita tamén, entre outros, editados en Italia: Theumenia simulachrum et imago Dei istenditur ainimae inmortalitas (Venecia, 1640), obra de varios autores, entre eles Pedro de Castro, Bibliotheca medici eruditi Petro a Castro Bayonate autore (Padua, 1654, Bergamo, 1742), Pestis napolitana, romana e genuenesis annorum 1656 et 1657 (Verona, 1657). No caso de Alemaña, atópanse reedicións de obras italianas, como Petri a Castro Bayonatis… (Nuremberg, 1652 ), Imber aureas sive chillias aphorism (Kühnen, 1661), De loquela mutis, et auditi surdis reddito (Frankfurt, 1684), que volveu ser reproducida con detalle en 1820 dentro dun repertorio de Ciencia e Arte Médica e Cirúrxica alemana (Sciencia et Ars Médica et Chirurgica, tomo XIV, Gottingen,). A obra máis popular foi, sen dúbida, o Trattato del Colostro, incluído xunto a outros dous libros máis na La Commare O`Raccoglitrice, de Scipión Mercurio, da que se fixeron edicións en Verona (1745) e Venecia (1595,1676,1680,1686,1703, cando menos ). Era un pequeno compendio de pediatría no que o calostro aparecía como o eixo do diagnostico e dos remedios das doenzas infantís.

Deste repertorio bibliográfico pódese deducir que o campo de actividade deste médico baionés era bastante máis amplo que o tratamento dos xordomudos e que a súa sona espallouse claramente por Italia e Alemaña. Moitas das edicións son posteriores ao seu pasamento o que é un índice do que perduraron no tempo os seus métodos e teorías. É probable que tivera coñecementos iatroquímicos e mesmo de alquimia, o que se pode deducir das formulas que utilizaba (moitas delas obtidas a partir de destilados), como o “aceite pleurítico”, que citaba con admiración o secretario da académica medica alemana: “sacou das garras da morte a gran número de enfermos en Italia, onde é tan común o mal pleurítico”.

Da súa vida sábese moi pouco. En España, debeu exercer no País Vasco e Madrid, xa que hai citas de ter realizado curacións de xordos nesas zonas. Tamén é probable que exercera ou estudara en Valencia, porque en determinadas publicacións defínese como Medico Fisico aragonese e algunha das formulas empregadas proceden da escola médica valenciana. Tamén debeu estar en Francia, en Avignon, por que noutro momento defínese como avignonense, e por suposto en Italia, onde debeu exercer a maior parte do seu traballo médico e de onde proceden as primeiras edicións das súas obras. Non hai constancia de que estivera en Alemaña, aínda que o feito de se ter reeditado varias das súas obras neste país indica, cando menos, a difusión que os seus discípulos alemáns fixeron da súa obra.



Bibliografía:




Fontes impresas:

CASTRO, P. de (1654):Bibliotheca Medici Eruditi, Padua: Baptistae Pasquati.

CASTRO, P. de (1656-57): Pestis Neapolitana Romana et Gennesis annorum, Verona.


Bibliografía secundaria:

COUCEIRO FREIJOMIL, A. (1952): Diccionario Bio-Bibliográfico de escritores gallegos, Santiago: Editorial de los Bibliófilos Gallegos.

DÍAZ-FIERROS VIQUEIRA, F. (1976): Cultura Científica,Los Gallegos, Madrid: Istmo, p. 423-453.

HERVÁS Y PANDURO, L. (1795): Escuela española de sordomudos o arte de enseñarles a escribir y hablar el idioma español, Madrid: Impr. F. Villalpando.

GASTÓN RICAO, A.; STORCH, J. (2004): Historia de la Educación de los sordos en España y su influencia en Europa y América, Madrid: Ed. Univ. R. Areces.

RAMOS, H. (1934): El insigne médico gallego Pedro de Castro, Boletín de la Comisión de Monumentos de la Provincia de Orense, X, 214.


Nota: A biografía de Pedro de Castro, publicada no Album da Ciencia con data 18/10/2012, foi corrixida e ampliada polos autores, e publicada de novo con data 22/03/2013.