culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Antonio Correa Fernández

Prolífico publicista médico e activista católico

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fraga Vázquez, Xosé A.
  • Data de alta: 31/03/2013

Extras de Antonio Correa Fernández: 

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Fraga Vázquez, Xosé A. ([2013], “Antonio Correa Fernández”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 26/09/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=432
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Neira de Rei, Baralla (Lugo) 1862
  • Falecemento: Lugo 1907
Licenciouse en Medicina, en Santiago, en 1888, e un ano despois obtivo o doutorado en Madrid coa tese Hospitalización de los Tísicos o Tuberculosos pulmonares, que publicaría como libro un ano despois (Correa Fernández, 1890). No texto manifesta a súa preocupación polas enfermidades pulmonares, tema ao que volvería anos máis tarde co traballo El contagio de la tisis(Correa Fernández, 1899a).

Antonio Correa comezou exercendo a Medicina en Furís, na comarca natal, trasladándose máis tarde a Lugo. Foi autor de numerosas publicacións, moitas delas editadas en base aos seus abondosos recursos propios. Salienta a Topografía Médica de la provincia de Lugo (Correa Fernández, 1891), na que xunto á descrición da xeografía da provincia, pasa revista ás fontes medicinais, herbas e outros produtos curativos. Atende á antropoloxía, demografía, alimentación, patoloxía, mortalidade e réxime sanitario. A obra, que lle permitiu obter o título de académico correspondente da Real Academia de Medicina y Cirugía de Barcelona, está situada na tradición hipocrática e vén de ser estudada por Judith Capitán Guarnizo (2007) na súa tese de doutoramento.

Dentro das súas preocupacións científicas, a Microbioloxía ocupou unha posición sobranceira. Coincide coa atención crecente nas últimas décadas do século XIX aos microorganismos patóxenos, vacinas, Hixiene e centros de vacinación. Fronte a unha “Microbioloxía académica”, de investigación e docencia universitaria, bastantes médicos desenvolveran un labor máis práctico e/ou de divulgación. Antonio Correa sería un caso deses “médicos locais”, cunha produción que o sitúa entre os especialistas máis prolíficos, na época, no Estado español.

O principal traballo microbiolóxico deste autor é o libro Estudio médico de los Insectos nocivos al hombre(Correa Fernández,1894). No limiar salienta o peso notable da Bacterioloxía na Medicina e a necesidade de prestarlle atención, para, a continuación, sinalar aos insectos como importantes vectores de transmisión microbiana, tema que aborda. Fai un resume dos grupos de insectos de interese para o tema, indicando os efectos nocivos para as persoas. Na parte fundamental do libro estuda o papel dos insectos como vehículos e inoculadores de microbios, para detallar a intervención en determinadas enfermidades. Remata expoñendo os medios de prevención e curación. O autor semella manexar certa documentación e bibliografía e recolle bastantes observacións. Neste libro reuniu algúns dos traballos que viña de publicar neses anos (1891-1893) na revista El Siglo Médico, principal publicación receptora de traballos microbiolóxicos da época: “Idea general del papel que los insectos desempeñan en la etiología de las enfermedades infecto-contagiosas” (Correa Fernández, 1891), “Breve acción de la perniciosa influencia que ejercen los insectos en determinadas enfermedades” (Correa Fernández, 1892) e “Las moscas como insectos nocivos” (Correa Fernández, 1893).

A súa preocupación pola Hixiene manifestouna nalgúns traballos: Tratamiento a que debe someterse a los delincuentes, premiado pola Academia de Hixiene de Cataluña, e El trabajo y la salud. Influencia recíproca de estos factores en la duración de la vida humana (Correa Fernández, 1907), premiado pola Sociedad Española de Higiene. Tamén se interesou por algún tema histórico, como o que tratou na conferencia ”Las ciencias médicas en tiempos de D. Miguel de Cervantes Saavedra”, lida nunha sesión do Colexio de Médicos de Madrid no ano 1905.

Membro correspondente da Real Academia de Medicina de Madrid e fundador do Balneario de Guitiriz (Lugo), Correa amosou desde moi novo un grande interese por colaborar coas publicacións periódicas, sobre todo locais. Xa de estudante escribiu no xornal El Lucense e, cando se estableceu en Lugo, en La Idea Moderna e El Regional . No 1900 fundou e dirixiu o xornal El Monitor de Becerreá, que pretendía defender os intereses comarcais. Mesmo escribiu algunha novela, publicada a xeito de folletín en El Lucense. Entre os seus moitos artigos, hai que salientar algúns relacionados con cuestións científicas, como son os aparecidos no xornal El Lucense entre 1886 e 1887: “La Unidad del Reino Orgánico” (Correa Fernández, 1886), “La Herencia” (Correa Fernández, 1887a) e “La circulación de la materia” (Correa Fernández 1887b).

Activista católico

Un exemplo do activismo católico de Antonio Correa foi a súa asistencia ao Congreso Católico Nacional de Burgos (30 de agosto a 3 de setembro de 1899), no que e realizou dúas intervencións na “Sección de Propaganda” (das que parece ser que fixo unha edición en Lugo nese mesmo ano). En 1888, o bispo de Madrid-Alcalá, Ciriaco María Sancha y Hervás, propuxera a creación do Congreso Católico Nacional, que tivo seis edicións, sendo a de Burgos a quinta. O obxectivo deses eventos era que a Igrexa recuperara a influencia social que perdera. As referencias ideolóxicas do catolicismo español dese tempo figuraban definidas en documentos como a encíclica Libertas (20 de xuño de 1888), que combatía o liberalismo (ou sexa, a separación Igrexa-Estado, a liberdade de culto, etc.).

Nas derradeiras décadas do século XIX, as posicións tradicionais do catolicismo, incluíndo o cuestionamento do método científico experimental libre de prexuízos, atoparon serias dificultades na dialéctica científica. A tónica integrista mantense nos primeiros anos do pontificado de León XIII, con Aeterni Patris(1879), que segue defendendo a supremacía da escolástica sobre a ciencia positiva. De todas formas, algúns científicos católicos entenderon que non podían ficar illados das novidades. En 1875 fundan a Société Scientifique, con sede en Bruselas, para promover congresos científicos católicos –o primeiro de carácter internacional terá lugar en 1888-, e publican desde 1877 a Revue des Questions Scientifiques. Esa opción por unha posición máis aberta ás novas teorías científicas non chega a ter un impacto notable en Galicia. Médicos como Barcia Caballero ou Piñeiro Herba, ou polemistas como Emilio Villelga, Rey Lemos, Antolín López Peláez, etc., mantéñense en posicións ultra conservadoras e son hexemónicos entre os católicos (Fraga, 1993).

Unha boa mostra desa postura integrista é o libro que Correa publica o mesmo ano que asiste ao Congreso Católico Nacional. Trátase de Los Pecados y vicios capitales en el concepto médico, social y religioso (Correa Fernández, 1899b), un texto con licencia eclesiástica e dedicatoria ao bispo de Lugo, Benito Murúa y López, o mesmo que asina a licencia. Correa aborda diferentes “vicios” (“soberbia”, “avaricia”, “lujuria”, “ira”, “gula”, “envidia”, “pereza”, etc, incluíndo como vicio a “libertad”) desde o punto de vista da relixión, da sociedade e o seu suposto impacto na saúde. Afirma que: “Todos aquellos que se entregan al vicio apenas disfrutan de buena salud y mueren generalmente en una edad prematura” (Correa Fernández, 1899b: 557). Entende que existe unha coincidencia entre a relixión e a medicina á hora de xulgar os vicios e as virtudes, “… entre las ciencias médicas, las sociológicas y el Catolicismo existe una gran analogía […] cada una de estas ramas del saber humano emplea para la investigación y demostración de la verdad métodos y procedimientos diferentes y opuestos han de venir a la postre a parar a unas parecidas conclusiones y a fines bastante idénticos” (Correa Fernández, 1899b: 565). Pretende demostrar o que debe a sociedade ao catolicismo (“verdadero progreso”, “abolición de la esclavitud”, “libertad y dignidad de la mujer”). Tamén defende que o catolicismo xogou un papel fundamental no progreso da ciencia e afirma que “El médico debe ser católico” (Correa Fernández, 1899b: 544).

Na súa argumentación cita ao catedrático da Universidade de Santiago, o médico Manuel Piñeiro Herba (Piñeiro Herba, 1881), aliñado co sector máis conservador da Facultade de Medicina. O libro carece de ideas orixinais e Correa recolle as argumentacións habituais entre o integrismo católico da época. A posición a prol da harmonía entre a ciencia e a relixión supuña, na práctica, a anacrónica supeditación do saber científico á “verdade revelada”. A súa defensa do papel xogado pola Igrexa en avances científicos non resiste unha análise seria. O texto fica, pois, nunha proclama moralista e intransixente, lonxe da realidade social da época.



Bibliografía:




Fontes impresas:

CORREA FERNÁNDEZ, A. (1886): La Unidad del Reino Orgánico,El Lucense , 10, 13, 16 e 17 de agosto, 1886.

CORREA FERNÁNDEZ, A. (1887a): La Herencia, El Lucense , 12, 16, e 18 de xullo, 27 de agosto, 9, 13 3 22 de setembro, 1887.

CORREA FERNÁNDEZ, A. (1887b): La circulación de la materia, El Lucense , 11, 12 e 13 de agosto, 1887.

CORREA FERNÁNDEZ, A. (1890): Hospitalización de los Tisícos o Tuberculosos pulmonares, Lugo: Impr. J.M. Bravos.

CORREA FERNÁNDEZ, A. (1891a): Ensayo de Topografía médica de la provincia de Lugo, Lugo: Impr. de El Regional.

CORREA FERNÁNDEZ, A. (1891b): Idea general del papel que los insectos desempeñan en la etiología de las enfermedades infecto-contagiosas,El Siglo Médico, 38: 421-426.

CORREA FERNÁNDEZ, A. (1892): Breve acción de la perniciosa influencia que ejercen los insectos en determinadas enfermedades, El Siglo Médico, 39: 386-389; 402-407.

CORREA FERNÁNDEZ, A. (1893): Las moscas como insectos nocivos, El Siglo Médico, 40: 689-692.

CORREA FERNÁNDEZ, A. (1894): Estudio médico de los Insectos nocivos al hombre, Lugo: Impr. J.M. Bravos.

CORREA FERNÁNDEZ, A. (1899a): El contagio de la tisis, El Siglo Médico, 46: 834-836.

CORREA FERNÁNDEZ, A. (1899b): Los Pecados y vicios capitales en el concepto médico, social y religioso, Lugo: Establecimiento tipográfico de G. Castro.

CORREA FERNÁNDEZ, A. (1907): El trabajo y la salud. Influencia recíproca de estos factores en la duración de la vida humana, Lugo: Tip. J.A. Menéndez.



Bibliografía secundaria:

AYARRAGARAY, L. (1888): Correazos: D. Antonio Correa Fernández, Café con gotas, 2ª época, n. 9, 22 de xaneiro, p. 179, 182; n. 11, 5 febreiro, p. 195 .

CAPITÁN GUARNIZO, J. (2007): En los orígenes de la Saniedad Ambiental y la Medicina Social: las topografías médicas en Galicia (1747-1910),Tese de doutoramento inédita. Universidade de Santiago de Compostela. Facultade Farmacia.

FRAGA VÁZQUEZ, X.A. (1992): Bioloxía na Galiza na segunda metade do século XIX (1868-1903): ensino, divulgación, debates, producción, institucionalización e recepción de novidades, Tese en microficha, Santiago: Universidade.

PIÑEIRO HERBA, M. (1881): Lecciones preliminares clínicas y moral médica, Vigo: Tip.de M.Fernández.