culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Antonio Posse Roybanes

Pioneiro na inoculación da vacina da varíola e da súa difusión en Galicia

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • González Guitián, Carlos; Galdo Fernández, Fausto
  • Data de alta: 31/03/2013

Extras sobre Antonio Posse Roybanes:

Galeria


O afamado doutor inglés Edward Jenner (1749-1823), descubridor da vacina antivaríolica, inxecta por primeira vez a vacina a James Phipps, un neno de 8 anos, o 14 de maio de 1796. Cadro de Ernest Board (ca. 1910).

Como citar esta páxina:

  • González Guitián, Carlos; Galdo Fernández, Fausto ([2013], “Antonio Posse Roybanes”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 26/07/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=433
Untitled Document

O afamado doutor inglés Edward Jenner (1749-1823), descubridor da vacina antivaríolica, inxecta por primeira vez a vacina a James Phipps, un neno de 8 anos, o 14 de maio de 1796. Cadro de Ernest Board (ca. 1910).

Datos biográficos:

  • Nacemento: Betanzos (A Coruña) 1753
  • Falecemento: A Coruña 1809
Os últimos estudos sobre Antonio Posse Roybanes (Fernández Fernández, 2012), fixeron posible determinar a súa data de nacemento e a súa actividade académica na Universidade de Santiago. Realizou os seus primeiros estudos en Betanzos, no convento dos Franciscanos, en 1768, para trasladarse logo a Santiago onde obtivo o grao de Bacharel en Medicina en 1777. Durante a súa estancia en Compostela (Fernández Fernández, 2012) desempeñou algún cargo docente, actividade que abandonou en 1777 a causa de problemas económicos e de “convivencia”. En 1782 solicitou a praza de médico municipal no Concello de Pontedeume, onde exerceu a súa profesión ata 1784, en que se traslada a Betanzos, cidade na que actuou como médico do Hospital de San Antonio e do mosteiro de Santa María de Monfero. En agosto de 1791, debido ao precario estado de saúde do seu sogro, o coñecido médico Fernando Oxea, autor dos primeiros libros de medicina publicados en Galicia, solicitou ocupar de forma interina a súa praza de médico titular no Concello da Coruña. Oxea renunciou en beneficio do seu xenro, quen a ocupou definitivamente ao ano seguinte tralo seu falecemento.

A traxectoria profesional deste eminente médico, estivo marcada pola difusión da vacina da varíola. Segundo os datos dispoñibles, foi o primeiro en utilizar esta nova técnica en Galicia, á vez que a súa actividade profesional está marcada por actuacións que o fan merecedor de ser o seu primeiro difusor en Galicia. Coñecemos o seu labor profesional a través da documentación do Hospital da Caridade da Coruña, do que foi médico, e da correspondencia dirixida á Real Audiencia e conservada no Arquivo do Concello da Coruña. En novembro de 1800 presentou ao concello o informe “Disertación política médica… con motivo de algunas enfermedades y muertes al parecer irregulares, que se observaron en esta ciudad por los meses de abril y mayo”, que foi remitida ao Supremo Consejo de Castilla.

O 21 de abril de 1805 publicouse unha Real Cédula que obrigaba á apertura de salas de vacinación nos hospitais de capitais de provincia. Posse elaborou un regulamento solicitando a súa apertura no Hospital da Caridade. Na primeira parte deste regulamento descríbenos a súa propia experiencia sobre a vacina e a súa actuación durante a epidemia de 1804, ofrecéndonos datos tan interesantes como a maneira da que tivo coñecemento do descubrimento de Jenner a través dunha revista denominada Seminario de agricultura y artes dirigido a los párrocos, do 21 de marzo de 1799, é dicir, un ano despois do seu descubrimento da vacina. Posse descríbenos como solicita que dende Barcelona, supoñemos que ao Dr. Piguillem, lle sexan enviadas “hila de cow-pox”. A continuación, detalla como o 16 de agosto de 1801 vacina ao seu neto de cinco meses, e días despois ao fillo dun comerciante da cidade. Non confía na eficacia das fías, pero comenta que un ano despois recibe “virus fresco”, e que en 1803 acolle ilusionado a Javier Balmis, que dispón de “virus legítimo” transportado dende Madrid mediante o método de “brazo a brazo”, coa finalidade de levalo a América na denominada Expedición Filantrópica de la Vacuna que parte do porto da Coruña. Despois de narrarnos a súa experiencia persoal, o regulamento ao longo de 27 regras ofrécenos un detallado estudo do funcionamento desta sala, manifestacións clínicas da vacina e como distinguir a “vacuna legítima de la falsa”. Articula un sistema para manter o virus activo e mediante o método de “brazo a brazo”, ao mesmo tempo que pon en marcha unha práctica para o envío da vacina a puntos afastados, optando, segundo el nos describe, polo novo método empregado en 1804 polo cirurxián Bryce de Edimburgo e o médico de Viena Uberlacher, que consistía en conservar as bostelas procedentes da vacina lexítima que non fora aberta, nun lugar que non penetre a luz, nin o aire, nin sufran temperaturas extremas; para activalas, só se necesitaría mesturar con auga.

Posse Roybanes, levado polo seu afán altruísta, e consciente do beneficio que podería representar a difusión da vacina para previr unha enfermidade que, moi posiblemente fora a primeira causa de norte naquel momento, dirixiu en 1806 a Junta General del Reino de Galicia, unha proposta para imprimir un “Método de establecer y propagar la envacunación en los pueblos en donde se necesite”, e proceder a súa difusión por toda Galicia. A través de 16 regras describe dunha forma sinxela e detallada todos os pasos necesarios para vacinar e a súa evolución clínica. Ofrécese de forma altruísta para a súa difusión e a sala de vacinación do Hospital da Caridade para o envío de bostelas. Fai un chamamento para que os médicos loiten contra a ignorancia e receos, igual que maxistrados e curas. A petición foi presentada ao Ministro de Estado, D. Pedro Ceballos, a través do Conde de Priegue, Diputado General del Reino en la Corte. Foi informada favorablemente polo ministro a finais de agosto de 1806, para que se procedera á súa publicación e posterior envío ás sete capitais do Reino de Galicia, co fin de que chegue a todos os lugares, pero sen dúbida os tristes sucesos políticos que se aveciñaban, impediron a edición de tan importante proposta.

En 1808 apareceu o único testemuño impreso de Posse Roybanes que se conserva. Trátase dunha colaboración no Diario de La Coruña, na que fai referencia á que será a súa principal motivación no traballo: a loita contra a varíola e a necesidade da vacinación obrigatoria. Desta data é un estudo sobre “algunas aguas minerales de Galicia” cuxo orixinal non conseguimos localizar, aínda que semella non aportar ningunha información orixinal, limitándose a recompilar “datos expuestos por Bedoya” (Martínez Reguera, 1895: 51).

A oposición que Posse atopou á nova técnica foi importante, non só por parte da poboación, que vía con receo este novo sistema, senón entre os propios médicos, ao que había que unir a falta de medios económicos para dispor de salas estables de vacinación, tal como queda de manifesto nos estudos de Meijide Pardo e de Manuel Artaza.



Bibliografía:




Fontes documentais:

Archivo Municipal de A Coruña. Junta del Reino de Galicia, 1806
Archivo Municipal de A Coruña. Hospital de la Caridad


Fontes impresas:

“Aviso interesante a la Salud Publica”, Diario de La Coruña, 22 de Noviembre de 1808.


Bibliografía secundaria::

ARTAZA MONTERO, M.Mª de. (1987): El Doctor Pose Roibanes. La Junta del Reino de Galicia y la vacunación antivariólica, Medicina Galaica, 39: 24-25.

ARTAZA MONTERO, M.Mª de. (1988): El Doctor Pose Roibanes. La Junta del Reino de Galicia y la vacunación antivariólica, Medicina Galaica, 40: 13-20.

FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, C.M. (2007): El médico Pose Roibanes: un brigantino en los inicios de la lucha contra la viruela, Anuario Brigantino, 30: 249-262.

FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, C.M. (2012): Pose Roybanes y la lucha contra la viruela en Galicia, Anuario Brigantino, 35: 209-224.

GONZÁLEZ GUITIÁN, C; GALDO FERNÁNDEZ, F. (1996): La viruela en la historia de A Coruña, A Coruña: Vía Láctea.

GONZÁLEZ GUITIÁN, C. (1993): La vacuna de la viruela: Vicente Pose Roibanes y Xabier Balmis y Berenguer, As Xubias, 4:11.

MEIJIDE PARDO, A. (1982): El Doctor Posse Roybanes y la introducción de la vacuna contra la viruela en Galicia (1804-1806), Medicina Galaica, 18: 23-30.

MEIJIDE PARDO, A. (1997): El doctor Pose Roibanes y la introducción de la vacuna contra la viruela en Galicia 1800/1806, Temas y personajes de la Historia Contemporánea coruñesa, A Coruña: Diputación; p. 71- 87.