culturagalega.org

Eugenio Piñerúa Álvarez

O autor do singular discurso que solicitou o célebre químico Mendeleyev

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fraga Vázquez, Xosé A.
  • Data de alta: 12/04/2013

Extras de Eugenio Piñerúa Álvarez: 

Extras sobre Eugenio Piñerúa Álvarez:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Fraga Vázquez, Xosé A. ([2013], “Eugenio Piñerúa Álvarez”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 12/12/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=436
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Toro (Zamora) 1854
  • Falecemento: Madrid 1937
Realizou estudos universitarios de Ciencias en Valladolid ata 1871. En 1873 obtivo a licenciatura de Farmacia na Universidade de Santiago de Compostela. Foi nomeado inspector químico da Aduana do peirao de Gijón e farmacéutico do Hospital provincial de Oviedo en 1876. Tamén exerceu como vicepresidente da comisión facultativa de Hixiene de Asturias e vogal da Junta Provincial de Oviedo e vicepresidente da Asociación Médico-Farmacéutica Asturiana. E impartiu docencia como profesor gratuíto de Fisioloxía e Hixiene, Historia Natural e Agricultura do Instituto ovetense, publicando Lecciones de Agricultura elemental.

Tese de doutoramento con Otto Schott

En 1886 obtivo o doutorado en Ciencias físicoquímicas coa tese Reacciones a temperaturas altas y consideraciones cristalogenéticas. A memoria fora realizada baixo a dirección de Friedrich Otto Schott (1851-1935), químico alemán que salientou internacionalmente por seren o inventor do vidro de borosilicato. O éxito acadado por Schott levouno a colaborar con Ernst Abbe e Carl Zeiss na relevante fábrica de vidro establecida en Jena. Piñerúa tivo a fortuna de coñecelo previamente en Oviedo, onde se atopaba ao fronte dunha industria. Nese período tamén viaxou a Francia (1885), onde permaneceu dez meses investigando en electroquímica, química analítica e toxicoloxía con salientables investigadores.

Labor docente universitario e investigador

Piñerúa intégrase na Universidade en 1890, obtendo por oposición a cátedra de Química Xeral da Universidade de Santiago; tamén se encargará, interinamente, das materias de Zooloxía, Botánica e Mineraloxía, pola marcha a Valencia do catedrático Vicente González Canales. En 1893 trasladouse á Universidade de Valladolid e, en 1899, á de Madrid.

Especializado en análise orgánica e de gases, obtivo o recoñecemento internacional de ata quince reaccións analíticas importantes que levan o seu nome. Representou ao Estado español nos Congreso Internacional de Química Aplicada de Roma (1906) e Londres (1909). Entre as numerosas publicacións sinalaremos os Principios de química mineral y orgánica (1898; segunda edición en 1901).

O singular discurso pronunciado na Universidade compostelá

A estancia de Piñerúa na universidade galega foi breve pero non pasou inadvertida. Naquel tempo, o seu perfil profesional, un químico que realizaba investigacións punteiras en contacto coa vangarda europea, salientaba entre o seus colegas. Do seu paso polas aulas compostelás deixounos, asemade, un singular discurso de inauguración do curso académico 1893-94: Los grandes problemas de la Química contemporánea y de la Filosofía Natural (Piñerúa,1893). O texto salienta por cuestións formais (unha extensión de 243 páxinas), pola profundidade do contido, moi lonxe das convencionais intervencións nese tipo de eventos, e polo interese suscitado. Cómpre sinalar que o discurso, declarado obra de mérito pola Real Academias de Ciencias de Madrid, a de Barcelona e o Consejo de Instrucción Pública, foi traducido ao alemán e ao húngaro e comentado de xeito favorábel nas principais revistas científicas europeas. Asemade, o relevante químico ruso Dmitri Ivánovich Mendeléyev (1834-1907), creador da Táboa Periódica de Elementos Químicos, solicitou un exemplar ao autor. No discurso, Piñerúa realizou unha revisión da historia da química desde a visión do seu tempo e na perspectiva dun investigador moderno e activo. O traballo está moi documentado e o autor, para a súa elaboración, pasou previamente unha enquisa a importantes especialistas europeos (Ostwald, Arrhenius, van't Hoff, etc.), co fin de dispoñer de opinións autorizadas e actuais.

Un aspecto importante do discurso é o relativo á crítica que Piñerúa realiza ao mecanicismo biolóxico. Parte da evidencia da intervención das leis físicoquímicas nos fenómenos vitais, pero rexeita o que entende como “excesos” dos mecanicistas cando pretenden explicar a vida en base a estas leis. Coida que elas non abondan para ese fin, especialmente para comprender certas manifestacións que denomina “elevadas”, propias da alma humana, sobre as que considera existe un misterio non superable, polo menos nese momento. Esa visión dualista lembra comentarios que realizara noutras ocasións. Así, no artigo publicado en 1881 na Revista de Asturias, “La Naturaleza y las Ciencias Naturales” (Piñerúa, 1881), exaltaba á natureza como obxecto de gozo, observación e estudo, incluíndo unha interesante referencia a Goethe. Mais tamén entendía que existía outro ámbito diferenciado, explicando que o contacto co mundo natural permite un achegamento e coñecemento do “autor” do universo (“Divinidad”), nunha liña que lembra á “Filosofía Natural” alemana. A influencia da cultura xermánica foi notable entre os científicos españois dese tempo.



Bibliografía:




Fontes impresas:

PIÑERÚA ÁLVAREZ, E. (1881): La Naturaleza y las Ciencias Naturales, Revista de Asturias, 15: 266-268.

PIÑERÚA ÁLVAREZ, E. (1893): Los grandes problemas de la Química contemporánea y de la Filosofía Natural, Santiago de Compostela: Impr. Paredes.

PIÑERÚA ÁLVAREZ, E. (1898): Principios de química mineral y orgánica,Valladolid: Andrés Martín.


Bibliografía secundaria:

GIRAL PEREIRA, J. (1925): Boceto biográfico de Don Eugenio Piñerúa Alvarez, Cuestiones químicas y pedagógicas: 7-26. Madrid: A. Marzo.

PORTELA, E. (1983): Piñerúa Alvárez, Eugenio. López Piñero et al. Diccionario histórico de la ciencia moderna en España, Barcelona: Ed. Península; II: 179-181.