culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Eduardo Chao Fernández

Xornalista, científico e político federalista

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Bermejo Patiño, Manuel; Sisto Edreira, Rafael; Fandiño Veiga, Xosé Ramón
  • Data de alta: 12/04/2013

Extras de Eduardo Chao Fernández: 

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Bermejo Patiño, Manuel; Sisto Edreira, Rafael; Fandiño Veiga, Xosé Ramón ([2013], “Eduardo Chao Fernández”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 29/04/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=437
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Ribadavia (Ourense) 1812
  • Falecemento: Madrid 1887
De Eduardo Chao Fernández, fillo do tamén boticario Xosé María Chao Rodríguez, aínda que nacido en Lebosende de Ribadavia, onde seu pai se instalara como boticario, hai que salientar a súa polivalente personalidade, pois destacou como xornalista combativo, político republicano e federalista, e tamén como científico.

Chao Fernández iniciou os seus estudios en Vigo, cidade á que se trasladaran seus pais. En Santiago cursou os primeiros anos da carreira, que rematou en Madrid. Iniciou a actividade política sendo aínda estudante universitario, que foi cando se significou polas súas ideas liberais e participou en accións armadas contra os carlistas. Actuou no movemento de 1854 e ao convocárense as Cortes constituíntes foi elixido deputado por Ourense. Exiliado en Francia, durante os anos 1865-66 viaxou por Inglaterra, Suíza, Bélxica, Italia e Holanda. Regresou a España ao triunfar a revolución de setembro de 1868 e foi elixido membro da Xunta Revolucionaria de Madrid, que lle encomendou a Dirección Xeral de Telégrafos.

Ao convocarse as Cortes Constituíntes de 1869 foi elixido deputado pola provincia de Ourense. Nelas foi nomeado para unha das vicepresidencias e declarouse partidario do establecemento da República federal. Unha vez proclamado rei Amadeo de Saboia, os republicanos de Vigo escolléreno deputado para as ordinarias de 1871 e ao ano seguinte foi elixido senador. Despois da abdicación de Amadeo de Saboia foi designado ministro de Fomento do goberno presidido por Salmerón, no que promoveu un inxente labor lexislativo, sobre todo no relativo aos servizos hidrolóxicos, comunicacións, portos, costas, organización dos corpos de enxeñeiros, Instituto Xeográfico, limitacións das horas de traballo dos menores e mulleres, etc. Na. súa etapa como Ministro de Fomento, Eduardo Chao elaborou o primeiro plano de estudos republicano para o ensino secundario, presentado en xuño de 1873, que se ben non chegou a ter vixencia por ser suspendido polo seu sucesor no cargo, deixou unha fonda pegada. O plano é marcadamente rupturista coa tradición educativa (o que se manifesta, por exemplo, na eliminación do latín), e presenta un triplo obxectivo: formar cidadáns, preparar técnicos para o organigrama da función pública e formalos para o acceso á Universidade. Destaca, neste sentido, o intento de incorporar modernas materias ou de darlle novos enfoques ás xa existentes, como no caso da Antropoloxía, Bioloxía Ética, Cosmoloxía e teodicea, química xeral, mineral e orgánica., Uranografía e Xeoloxía, Botánica e Zooloxía, así como a Tecnoloxía. A proposta demostra un fondo interese polo desenvolvemento das ciencias físico-naturais, recollendo as vellas ideas liberais que forman a cadea ciencia, progreso, benestar.

Prolífico escritor e publicista, colaborou na Biblioteca Ilustrada, de Gaspar y Roig, fundou La Biblioteca del hombre libre e como xornalista fundou, dirixiu e colaborou en numerosas publicacións, entre as que se poden sinalar os xornais madrileños El Espectador, La Guindilla, La Discusión ou La Ilustración Gallega y Asturiana, e os galegos La Oliva, El Miño, La Concordia, Gaceta de Galicia e Diario de Santiago. Familiarmente estivo relacionado coa cultura galega do momento, pois unha das súas fillas casou co editor Juan Compañel, que foi que sacou do prelo obras de Manuel Murguía e Cantares gallegos de Rosalía de Castro, en 1863. Tivo moi presente a Galicia nas decisións políticas, na lexislación, nas campañas de prensa e soubo forxar amizade con Rosalía, Murguía e Curros Enríquez, que escribiu a súa máis completa biografía.

A actividade científica máis relevante de Chao Fernández, que tamén ocupou o posto de presidente do Real Colexio de Farmacéuticos de Madrid, foi a coordinación dun grupo de profesores que levaron adiante a publicación da obra Los tres Reinos de la Naturaleza (Chao Fernández, 1852). Baixo a súa dirección só se publicaron os tres primeiros tomos, dun total de nove, que están dedicados aos mamíferos e ás aves. Esta obra divulgativa, aínda que moi extensa e bastante actualizada, resulta marcadamente descritiva e ganaría no seu carácter científico coa posterior incorporación como director de Xosé Monlau, que lle impuxo unha rigorosa clasificación e potenciou os estudos anatómicos e fisiolóxicos. En 1865 publicou en Vigo La ostricultura en Galicia, e Roldán cita entre as súas obras o Curso elemental de mineralogía médica, publicado en 1884 en colaboración con Nemesio Lallana. Cómpre sinalar tamén as súas colaboracións na Revista Química Matritense, da que foi director. Moi afeccionado á meteoroloxía, en 1880 estableceu en Vigo un Observatorio, logrando que o Concello se comprometese a financialo polo que publicou unha pequena obra de divulgación titulada El Observatorio meteorológico de Vigo, (Chao Fernández, 1884), na que expón a necesidade deste tipo de centros e unhas pequenas nocións de meteoroloxía teórica e práctica. Tamén inclúe un apartado sobre o clima de Vigo, tema que volvería tratar dous anos máis tarde no folleto Comparación de las observaciones meteorológicas de Vigo, 1884, con las estaciones de la zona cantábrica. Aínda que nacido no Ribeiro, sempre se considerou vigués e centrou os últimos anos da súa vida no engrandecemento da cidade olívica, á que lle dedicou abundantes estudos: Necesidades del porvenir de Vigo (1881), El ferrocarril y el puerto de Vigo, etc. Tamén foi organizador e profesor de Química na Escola Naval do Porto.




Bibliografía:




Fontes impresas:

CHAO FERNÁNDEZ, Eduardo (1852): Los tres Reinos de la Naturaleza. Museo pintoresco de Historia Natural, Madrid: Imp. de Gaspar y Roig.


Bibliografía secundaria:

COUCEIRO FREIJOMIL, A. (1951): Diccionario bio-bibliogrcófico de escritores, Santiago: Bibliófilos Gallegos.

CURROS ENRÍQUEZ, Manuel (1893): Eduardo Chao: estudio biográfico-político, Madrid: Fernando Fé.

FILGUEIRA VALVERDE, Xosé (1989): O centenario de Eduardo Chao, V-Adral, Sada-A Coruña: Ediciós do Castro.

ROLDÁN GUERRERO, R. (1958-1963): Diccionario biográfico y bibliográfico de autores farrnaceríticos españoles, Madrid: Real. Academia de Farmacia; 1: 762-765.

VILANOVA RODRÍGUEZ, Alberto (s/d): Chao Fernández, Eduardo, Gran Enciclopedia Gallega, Santiago-Xixón: Silverio Cañada editor.