culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Antonio Brunet y Talleda

Unha actividade investigadora de primeira orde na Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Bermejo Patiño, Manuel; Sisto Edreira, Rafael; Fandiño Veiga, Xosé Ramón
  • Data de alta: 18/04/2013

Extras de Antonio Brunet y Talleda: 

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Bermejo Patiño, Manuel; Sisto Edreira, Rafael; Fandiño Veiga, Xosé Ramón ([2013], “Antonio Brunet y Talleda”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 27/05/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=439
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Hostalrich (Girona) 1827
  • Falecemento: Madrid 1876
Antonio Brunet y Talleda realizou os seus primeiros estudos no Seminario Conciliar de Xirona e na Escola de Retórica da mesma cidade. En Barcelona obtivo o grao de bacharel en Filosofía en 1844 e, despois, estudou a carreira de Farmacia, na que se licenciou en 1850. Cursou o doutoramento en Madrid e recibiu a investidura en 1860. No curso seguinte completou a formación cun curso complementario de álxebra, xeometría e trigonometría rectilínea e esférica. Rematados os estudos, arredor do ano 1856 conseguiu praza de farmacéutico no Hospital de Santa Catarina e durante unha tempada tamén exerceu como farmacéutico de número da Beneficencia Municipal de Lleida.

Mediante oposición, a finais de 1862, Brunet obtivo a cátedra de Química Orgánica da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago. En 1872 pasou a ocupar, por petición reitoral, a cátedra de Análise química correspondente aos estudos de doutoramento e, ao ano seguinte e a petición propia, encargouse da cátedra de Materia Farmacéutica Animal e Mineral. Desde marzo de 1871 encargouse da dirección do xardín Botánico da Universidade. En marzo de 1876 abandonou Santiago por acceder á mesma cátedra na Universidade de Madrid. Interinamente desempeñou as cátedras de Química Inorgánica e de Historia da Farmacia. Foi decano da Facultade entre 1866 e 1875.

A maior parte da súa actividade científica desenvolveuna durante a súa longa estancia en Santiago. Neste sentido, cómpre citar, en primeiro lugar, o discurso na solemne apertura do curso 1864-65 na Universidade, no que conclúe que os elementos da materia de animais e plantas son iguais aos que se atopan en compostos do reino mineral, que os vexetais os toman do aire e da auga que baña a terra na que se atopan os compostos inorgánicos necesarios para a nutrición, e que os animais reciben das plantas a materia xa organizada sen que eles sexan nunca produtores de tal materia. No discurso faltan as referencias relixiosas típicas da época.

Pouco despois publicou a súa principal obra, Curso de farmacia Químico orgánica (Brunet, 1867). Dividida en dúas partes, na primeira fai un estudo dos medicamentos orgánicos en xeral, analizando propiedades, conservación, nomenclatura, clasificación, etc... Na segunda parte estuda por separado os máis importantes, incluíndo sinonimia, composición, historia e propiedades. Este estudo semella completo e actualizado xa que, por exemplo, contén as teorías da fermentación de Berzelius e Pasteur.

A nivel didáctico hai que subliñar unha obriña de 18 páxinas na que se recolle unha Sinopsis de la clasificación y principales características de los ácidos y de las bases... (Brunet, 1874), na que segue a clasificación de Fresenius, aínda que nalgúns casos contradí con probas experimentais.

Outras publicacións interesantes elaboradas en Santiago son, Estudios sobre algunas preparaciones químicas y farmacéuticas, publicado no ano 1872, e numerosos artigos na revista profesional El Restaurador Farmacéutico. Trátase dunha serie de 17 artigos publicados entre 1871 e 1874, que estudan novos métodos de preparación de produtos químicos (ácido clorhídrico, amoníaco, ácido benzoico, piroxilina, etc.), métodos de purificación de substancias (sulfato cúprico, antimonio, sulfato de cinc, etc.), e algunhas anotacións sobre preparados específicos. Unha relación completa de máis dunha ducia de artigos nesta revista foi recollida por Roldán Guerrero (1958).

Coa chegada de Brunet a Santiago, a cátedra de Química Orgánica acadou a estabilidade da que non gozara desde que se creara en 1860. A súa longa permanencia nela, desde finais de 1862 ata 1873, caracterizouse polo desenvolvemento dunha actividade investigadora de primeira orde que destacou no conxunto da Facultade de Farmacia.



Bibliografía:




Fontes documentais:

Arquivo Histórico da Universidade de Santiago. Expedientes persoais, cartafol 158.


Fontes impresas:

BRUNET Y TALLEDA. A.: Averiguación de donde procede la materia de que constan los animales y las plantas y qué se hace de ella cuando estos seres después de su muerte desaparecen de la superficie de la tierra, discurso lido na Universidade de Santiago na solemne apertura do curso académico de 1864 a 1865.

BRUNET Y TALLEDA, A. (1864): De donde proceden las materias de los vegetales y animales, Santiago: Tip. Manuel Mírás.

BRUNET Y TALLEDA, A.: (1874): Sinopsis de la clasificación y principales características de los ácidos y de las bases..., Madrid: Tipografía del Hospicio.

BRUNER Y TALLEDA, A. (1876): Curso de Farmacia Químico orgánica, Santiago: Tipografía de José M. Paredes.

BRUNET Y TALLEDA, A. (1864): Discurso leido en la Universidad de Santiago: en la solemne apertura del curso académico de 1864 a 1865, Santiago: Universidad.

BRUNET Y TALLEDA, A. (187/4): Sinopsis de la clasificación y principales caracter cit.cas de los ácidos .y de las bases, Madrid: Tip. Del Hospicio.


Bibliografía secundaria:

ROLDAN GUERRERO, R. (1958). Diccionariro biográfico y bibliográfico de autores farmacéuticos españoles, Madrid: Real Academia de Farmacia.

MÁIZ ELEIZEGUI, L. (1960). Historia de la Enseñanza de Farmacia en Santiago: cien años de vida de la Facultad: 1857-1957, Santiago: Universidad.

FRAGA VÁZQUEZ, X.A. (1992): Bioloxía na Galiza na segunda metade do século XIX (1868-1903) [Microforma] ensino, divulgación, debates, producción, institucionalización e recepción de novidades, Santiago: Universidade.

BARREIRO FERNÁNDEZ, X. R. (2003): Historia da Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela: Universidad, Parlamento de Galicia.

GURRIARÁN, Ricardo (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1990-1940). Do influxo institucionosta e a JAE á depuración do profesorado, Santiago, Universidade.

MIÑONES TRILLO, J. (2010): Anecdotario de los primeros años de la Facultad de Farmacia de Santiago de Compostela (siglo XIX: Un recuerdo a sus profesores y alumnos distinguidos, Discurso leído en la solemne sesión inaugural celebrada el 20 de enero de 2010, Madrid: Real Academia Nacional de Farmacia.