culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Pedro Sarmiento de Gamboa

Explorador do Pacífico Sur

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fraga Vázquez, Xosé A.
  • Data de alta: 16/06/2013

Extras de Pedro Sarmiento de Gamboa: 

Extras sobre Pedro Sarmiento de Gamboa:

Galeria


Carta do Estreito de Magallanes debuxada por Sarmiento de Gamboa.

Como citar esta páxina:

  • Fraga Vázquez, Xosé A. ([2013], “Pedro Sarmiento de Gamboa”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 26/09/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=455
Untitled Document

Carta do Estreito de Magallanes debuxada por Sarmiento de Gamboa.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Pontevedra? 1530
  • Falecemento: Lisboa 1592
O grande navegante Pedro Sarmiento tivo unha vida intensa, inmersa en relevantes proxectos, e foi un home de acción, valente e arriscado. O seu principal obxectivo consistiu na exploración do “mar austral“, do Pacífico sur, cuestión que expresou con limitada modestia: “... todos los descubridores juntos, desde Colón acá, no han descubierto más mar y tierra, ni peleado más veces, ni padecido más hambre, frío, calor, sed, cansancio, desnudez, peligros de muerte, fuera de las cosas de la República y pluma, que yo en las Indias” (carta de Sarmiento ao Rei, 11 de agosto de 1581; en Barros, 2006: 119). O seu amplo labor, que xerou unha valiosa e variada documentación e produción escrita, parte dela desaparecida, foi recoñecido polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) ao poñerlle o nome de Sarmiento de Gamboa a un barco botado en 2006, destinado á investigación nas augas do Océano Atlántico, con base no peirao de Vigo. Como singularidade cómpre sinalar que amosou unha especial atracción pola maxia, o que lle traería diversos contratempos coa Inquisición.

Nacemento e familia

Algunhas circunstancias notables da vida de Sarmiento son parcial ou totalmente descoñecidas. Así ocorre coa data exacta e o lugar do seu nacemento. O pai, Bartolomé, era galego de Pontevedra, e a nai, María, vasca. Parece que Pedro pasou a infancia na “boa vila”, que era a maior cidade de Galicia nese tempo e posuía unha activa vida mariñeira. Landín (1945) refírese aos peiraos do barrio da Moureira, indicando que alí estivo a casa de Sarmiento, preto da Ponte da Barca. A orixe pontevedresa procede de diversas testemuñas, como, a dun escrito que dirixiu ao Rei explicando a expedición ao estreito de Magallanes. Sen embargo, nun documento dirixido á Inquisición afirmaba que nacera en Alcalá de Henares, en 1532. Polos datos extraídos dos seus propios escritos e outros documentos semella que era parente da familia Juárez de Quiroga, da dos García Sarmiento e, quizás, do frade Martín Sarmiento de Hojacastro, bispo de Tlaxcala.

Formación

Sabemos da súa presenza americana nos primeiros anos cincuenta, chegando a Portobelo, actual Panamá. Desde alí pasou a Nuestra Señora de los Ángeles (Nueva España). En terras mexicanas tivo un primeiro enfrontamento co Santo Oficio. Arredor de 1557 estaba no Perú, onde puido traballar para o vicerrei Antonio de Mendoza e parece que ensinou Gramática en Lima e Cuzco (Barros, 2006: 94).

Entre a nenez en Pontevedra e a estancia americana existe unha lagoa notable en canto ao coñecemento dos lugares de residencia e actividades de Sarmiento. As tarefas despregadas no novo continente (cosmógrafo, piloto, capitán, mestre, historiador, escritor, etc.) esixían unha disposición vital da que estaba sobrado, pero tamén unha formación sobre a que existen moi cativos datos. O estudo e publicación da historia dos incas, a docencia impartida en Lima e o dominio acreditado do latín indican unha formación humanista. Tamén debía ter experiencia militar, pois aparece como alférez nas exploracións polo Perú, capitán na expedición ás illas Salomón ou mesmo como sarxento maior.

Asemade, son numerosas as ocasións nas que figura como experto navegante. Así, sabía debuxar portolanos (mapas) e trazar derrotas (traxectos no mar) e documentou a confección de instrumentos náuticos: “cincuenta astrolabios, muchas agujas, ballestillas, compases, regimientos y todo lo que para navegar requieren los pilotos”(Barros, 2006: 119). E cando o vicerrei Francisco de Toledo doulle o mando da expedición ao estreito de Magallanes, afirmaba: “ya que sois cosmógrafo y tenéis tanta experiencia de las cosas de la mar” (Landín, 1945: 73). Tendo en conta que se lle atribúe o paso por Sevilla, non sería estraño que nesa cidade acadara a preparación necesaria na Casa de Contratación, creada en 1503, onde se impartía docencia en navegación e cosmografía, un coñecemento que asentaría no posterior labor práctico desenvolvido en numerosas travesías.

Durante séculos a navegación debeu enfrontarse a un grave problema, o da localización da lonxitude en alta mar, cuestión básica para situar a posición dun buque. Propuxéronse tres tipos de solucións, dúas delas de índole astronómica. A primeira consistía en observar desde dous puntos diferentes da Terra o mesmo fenómeno, a variación entre as horas locais daría a distancia angular entre os seus meridianos (15º por cada hora de diferencia), pero o evento (por exemplo, un eclipse) non se produce necesariamente cando o navegante precisa realizar a medición e non resolve a localización no mesmo momento. A segunda solución astronómica baseábase na observación das posicións lunares. Este método era acaído pero o seu emprego resultaba moi complicado. A terceira alternativa solucionou o problema, pero bastantes anos despois da morte de Sarmiento, no século XVIII. Consistiu no uso dun cronómetro dabondo preciso que permitía “levar” a hora local, de partida, no buque. Sarmiento amosou a súa pericia nas medicións. Así, por exemplo, na expedición ao estreito de Magallanes, en 1580, segundo os seus escritos, recorreu a unha especie de “ballestilla” construída por el mesmo, o que lle permitiu medir a distancia angular lúa-sol, observación que para Markham (1895: 164), foi a primeira que se coñece feita en alta mar.

Participación no descubrimento das illas Salomón

España, como principal potencia colonial en América, estaba especialmente interesada pola exploración do Pacífico que, polo seu dominio, foi cualificado de “lago español”. Existían rutas coas illas Filipinas, pero a parte sur era un mar e unha terra descoñecida, Terra Australis Incognita, cando Sarmiento chegou a América. Xunto ao interese exploratorio, outro argumento, ben pragmático, animou ás autoridades a organizar unha expedición que levou ao descubrimento das illas Salomón, a idea de que ao poñente do Perú existían unhas illas abondosas en ouro. Da suposta riqueza derivaría ese nome de Salomón, porque se pensaba que eran as lendarias illas das que o rei bíblico extraía o ouro para os seus pazos.

O vicerrei Lope García de Castro ordenou a organización da expedición, formada por dous barcos. Ao mando situou a un sobriño seu, Álvaro de Mendaña y Neira. Sarmiento participou con responsabilidade militar, como capitán, e tamén ocuparon postos salientables outros galegos, Hernando Gallego, piloto maior, e Gómez Fernández de Catoira, escribán. A Mendaña se lle atribuíu tamén a orixe galega, sendo natural de Congosto (O Bierzo, actualmente provincia de León).

En escritos posteriores, Sarmiento reclamaría un grande protagonismo na concepción, xestión e dirección da expedición, e mesmo no descubrimento das illas, o que non é confirmado plenamente pola documentación conservada. Así, afirmaría que un indio lle comunicou que un par de séculos antes o inca Tupac Yupanqui descubrira esas douradas illas e por iso el ideou a expedición, trasladando a proposta ao vicerrei García de Castro en 1567, e que, asemade, dispuxo o rumbo das naves pero non quixo ser xefe da flota porque convenceu ao vicerrei Castro para que fose o seu sobriño, a fin de que se comprometera máis no proxecto.

O certo é que Mendaña, con 22 anos, carecía de experiencia náutica e de mando para dirixir tan relevante expedición, mentres que tanto Sarmiento como Gallego serían expertos na navegación. En todo caso, parece que na viaxe deuse unha continua discusión entre estes tres personaxes sobre as decisións a tomar.

A expedición partiu de El Callao o 19 de novembro de 1567. O 7 de febreiro de 1568 o mariñeiro Juan Tejo berrou “terra!” ao divisar unha illa que chamaron Santa Isabel, do arquipélago das Salomón. Construíron un bergantín, co que 18 mariñeiros ao mando de Pedro Ortega e Hernán Gallego recorreron a costa, confirmaron que se trataba dunha illa e realizaron unha exploración do arquipélago. Foron os primeiros europeos que chegaron a esa zona do Pacífico. O descubrimento de pebidas de ouro na illa de Gualdalcanal e o feito de que os españois comprenderan que o nome indíxena de Santa Isabel era Saba (coma a muller do rei Salomón), pareceulles a confirmación de que estaban nas douradas illas. O feito é que Mendaña tomou a decisión de deixar Santa Isabel, onde tiña sólidas posibilidades de construír un establecemento, polo apoio do cacique local, e marchou para Gualdalcanal. A diferencia do acontecido en Santa Isabel, no novo emprazamento foron rexeitados polos habitantes indíxenas e Sarmiento interveu nas accións militares contra deles. Despois de seis meses no arquipélago, con numerosas baixas entre a tripulación, Mendaña decidiu volver a América, utilizando a ruta do galeón que unía Manila con Acapulco.

As discrepancias xurdidas entre Mendaña, Sarmiento e Gallego na viaxe continuaron ao seu remate. Os tres, máis Catoira, escribiron as súas “Relaciones”, nas que explican o desenvolvemento da expedición e defenden cada un o seu punto de vista. Sarmiento e Gallego acusaron a Mendaña de graves erros, subliñando que incumprira o obxectivo de fundar unha colonia. Posteriormente, en 1577, Mendaña atoparía a morte dirixindo unha nova e accidentada expedición ao mar do Sur.

O estudo do reino dos incas

Sarmiento, que regresou ao Perú en 1569, expresou ao novo vicerrei o seu desexo de volver a España para falar co Rei sobre o acontecido na expedición, pero Francisco de Toledo disuadiuno e encargoulle que escribira unha historia do Perú. O obxectivo que perseguía era o de lexitimar a soberanía da Coroa de España sobre ese territorio americano, xustificando a colonización porque esta puxo fin ao dominio duns estranxeiros, os incas, que estableceran un sistema tiránico e brutal. Sarmiento cumpriu co encargo, viaxou polo país e documentouse entre 1570 e 1572, e ese ano rematou a Historia de los incas, documento no que describe a actividade dos distintos reis incas, en base aos datos recollidos e numerosos elementos fantásticos. O texto pretendía ser a segunda parte dunha triloxía, correspondendo a primeira a unha historia natural e a terceira aos sucesos acontecidos desde a ocupación española. Só concluíu esa segunda parte, que por iso leva por título: Segunda parte de la historia general llamada yndica, la qual por mandado del exmo S. don Francisco de Toledo virrey gobernador y capt. general de los Regnos del Perú y mayordomo de la casa real de Castilla compuso el capt. P. Sarmiento de Gamboa. O manuscrito sería publicado en Berlín polo profesor R. Pictschmann en 1906; existe unha edición española de 1994.

A odisea do estreito de Magallanes, primeira viaxe

A inesperada chegada de Francis Drake ás augas do Pacífico “español” en agosto de 1578 conmocionou ás autoridades coloniais. Atravesou o estreito de Magallanes a bordo do Pelican (que rebautizou como Golden Hind) e atacou a diversos peiraos e barcos nunha zona que se consideraba a salvo de incursións inimigas e que, polo tanto, carecía dunha elemental defensa. Os danos foron cuantiosos e o vicerrei Toledo mandou equipar dous buques que, mandados por Pedro Sarmiento, perseguiron, infrutuosamente, ao inglés, quen despois de intentar volver ao seu país polo suposto paso do Noroeste, collería a ruta do Cabo de Buena Esperanza para acadar un retorno triunfal.

O acontecido evidenciou a vulnerabilidade militar da zona e foi fundamental na decisión que tomou o vicerrei de encargar a Sarmiento unha nova e importante misión, ao mando de dous barcos: que atravesara o estreito de Magallanes, “de Poniente a Levante”, e realizara o trazado de cartas e o estudo da flora e fauna desa zona. As instrucións incluían que despois da travesía un barco fose a informar ao Rei e outro volvera a El Callao. Ademais, insistía en que se atopaban ou tiñan novas de “Francisco Drac, corsario inglés... procuraréis de le prender, matar o desbaratar, peleando con él aunque se arriesgue cualquiera cosa a ello”. Coa expedición pretendíase establecer un sistema defensivo no estreito, para controlar a entrada desde o Atlántico ao Pacífico, estudando a posibilidade de poboar e fortificar o paso, e, asemade, buscar unha vía de comunicación interoceánica que evitara o obrigado percorrido polo istmo de Panamá. Asemade, a exploración ao estreito tiña un interese xeográfico complementario, pois, descoñecido nese tempo o cabo de Hornos, ese lugar era tamén un posible acceso á incógnita Terra Australis.

En outubro de 1579 partiu a expedición en dirección ao estreito de Magallanes, que Sarmiento denominou “de la Madre de Dios”. Sarmiento ía abordo do Nuestra Señora de la Esperanza e Juan de Villalobos mandaba o San Francisco de Asís. Estaban acompañados dos pilotos Antón Pablos e Hernando Gallegos Lamero de Andrade, que ben puidera ser o que coincidira con Sarmiento na expedición ás illas Salomón.

A misión supuña unha elevada dificultade. A zona posuía moitas bocas e canles de navegación e as condicións climatolóxicas e mariñas non son doadas. Sarmiento ignoraba outros intentos previos de atopar o paso cara o Atlántico. Juan de Ladrillero, entre novembro de 1557 e agosto de 1558, atravesou o estreito nesa dirección, se ben non entrou no Atlántico. John Winter e Peter Carder, da expedición de Drake, si que fixeran o percorrido completo. Porén o paso occidental seguiu ignorado, de tal xeito que Sarmiento de Gamboa foi quen trasladou ao mundo esa nova ruta de comunicación para futuras navegacións, pois as cartas e escritos que elaborou permitiron o trazado cartográfico do estreito. Ata corenta anos despois non se repetiría a navegación, polos irmáns Nodal, pero xa provistos do texto e cartas de Sarmiento (Landín, 1945).

Segundo os escritos de Sarmiento, foron continuas as discusións que mantivo con Villalobos, a quen lle insistía no cumprimento da orde de permanecer en contacto coa súa nave. A pesar dos reiterados esforzos, o 21 de xaneiro de 1580 os barcos afastáronse a causa dunha forte treboada. O San Francisco de Asís foi arrastrado ata a latitude de 56º sur e, argumentando que carecía de víveres, volveu cara Valdivia. Polo tanto, foi Sarmiento só, co Nuestra Señora de la Esperanza e a súa tripulación, o que se fixo cargo da complexa exploración.

Para recoñecer o estreito deixou o barco e cunha pequena embarcación, un piloto e uns 9 homes iniciou a exploración. Percorreron diferentes vías de auga, observaron fondos e correntes, tomaron notas, fixeron planos e debuxos. Asemade, desembarcaron para tomar contacto cos habitantes da zona e acceder a lugares elevados que lles permitían unha visión ampla da paisaxe. Rematada con éxito a misión, o 24 de febreiro saíu ao Atlántico e dirixiuse a España para falar co Rei e presentarlle un proxecto para colonizar e defender o estreito.

A accidentada segunda expedición ao estreito de Magallanes

Felipe II deu o visto bo ao establecemento dun forte no estreito e organizouse unha nova e importante expedición formada por uns 2.500 persoas, en 23 naves, baixo o mando de Diego Flores de Valdés. Asemade, o Rei nomeou a Sarmiento gobernador e capitán xeral do estreito.

Foron moitas as calamidades sufridas por esta expedición, algunhas delas habituais nas difíciles travesías mariñas da época. Saíu de Sanlúcar de Barrameda o 25 de setembro de 1581 e xa de contado comezaron as desgrazas. Aos poucos días un temporal fundiu catro buques e o 9 de outubro a flota debeu volver a Cádiz para efectuar reparacións. A nova saída tivo lugar dous meses despois, marcharon 16 navíos rumbo Rio de Janeiro a onde chegaron o 25 de marzo de 1582, despois de sufrir importantes baixas en Cabo Verde. A espera de seis meses, agardando condicións climatolóxicas acaídas tamén foi acompañada de novas baixas na tripulación. Diego Flores chegou á boca do estreito de Magallanes con cinco naves o 17 de febreiro de 1583, mais cando todo parecía indicar o inicio do cumprimento dos obxectivos da expedición, unhas condicións climáticas adversas fixeron que non puidera entrar no paso, regresara a Rio e volvera a España.

Sarmiento non era home que se desanimara doadamente. Desde Rio reorganizou os restos da flota, asumiu o mando e saíu cara o estreito con cinco barcos e 538 expedicionarios, o 2 de decembro de 1583. O 1 de febreiro de 1584 entrou no estreito e desembarcou o día 4. Fundou, o día 11, a “Ciudad del Nombre de Jesús”, daquela a máis austral do mundo (situada na actual Arxentina). As dificultades continuaron, pois o mal tempo obrigou a volver a España a catro buques, ficando só Sarmiento co Santa María de Castro (tamén chamado La Gallega ; Barros, 2006: 122,) e 338 persoas para establecer o poboamento. Posteriormente realizou traslados e novas fundacións, como a “Ciudad del Rey Felipe”, preto da actual Punta Arenas (Chile). Nomeou alcalde dun dos establecementos a Juan Juárez de Quiroga (Barros, 2006: 24, 137).

A necesidade de víveres levoulle a decidir ir na súa busca, chegando a Santos, no Brasil, o 29 de xuño (lembremos que nese tempo España e Portugal, coas súas colonias, formaban un único Estado). Co fornecemento volveu cara o estreito, pero un temporal fundiu a nave. Salváronse Sarmiento e algúns tripulantes, que nunha pequena embarcación e provistos de víveres, volveron o 13 de xaneiro de 1585 cara o estreito. Unha treboada desbaratou de novo os plans, obrigando a botar ao mar a carga e volver a Bahía. Nesas circunstancias decidiu dirixirse a España na busca de respaldo para unha nova expedición de axuda aos poboadores do estreito, pero, como veremos, non tería éxito e de feito non volvería por esas latitudes. O destino do establecemento pioneiro sería tráxico, pois só sobreviviron dúas persoas.

En lembranza da magna aventura exploratoria de Sarmiento e os seus compañeiros na zona austral americana o Centro galego de Punta Arenas organizou unha homenaxe e creou o «Comité de Recordación Pedro Sarmiento de Gamboa y de Investigación de su obra en el Estrecho de Magallanes», iniciativa na que xogou un relevante papel José Veiga Alonso, emigrante de Pontevedra (Barros, 2006: 198).

Unha volta complicada, a captura inglesa, entrevista con Raleigh e conversa coa raíña

A viaxe de volta a España derivou nun proceso longo e complexo. O 22 de xuño de 1586 emprendeu o retorno, pero o buque foi atacado en agosto á altura de Cabo Verde por tres navíos corsarios ingleses propiedade de Walter Raleigh, importante personaxe da Corte inglesa, suposto favorito da Raíña Isabel I e protagonista de importantes proxectos e aventuras (a colonia que estableceu en Virxinia tivo un final semellante á do estreito de Magallanes). As accións corsarias dos barcos ingleses, por exemplo as de Drake e Raleigh, tiña o respaldo da raíña Isabel, pois debilitaban a un inimigo, España, e supuñan unha importante fonte de ingresos para ela mesma. Sarmiento foi levado a Plymouth e permaneceu preso ata o 11 de setembro. O día 15 levárono para Windsor, onde coñeceu a Raleigh, quen o tratou ben e estableceu con el unha relación de certa cordialidade.

Naquel momento estaba en Inglaterra Don Antonio, prior de Crato, con aspiracións á Coroa de Portugal e enfrontado á Coroa española. Sarmiento tivo algún incidente ao respecto. Asemade, desenvolvíase a guerra nos Países Baixos, entre os holandeses e os españois. Os holandeses contaban co apoio de Inglaterra, pero Isabel non estaba moi convencida e lle interesaba tentear a paz. Nese contexto, tivo lugar unha singular entrevista entre a raíña e Pedro Sarmiento. Falaron en latín máis dunha hora. Parece que o tema tratado foi o posible desexo de Isabel de concertar unha paz nos Países Baixos, o que permitiu que Sarmiento fose liberado, como portador da mensaxe, o 30 de outubro de 1586.

Pasou a Francia, onde conversou, en París, co embaixador español, Bernardino de Mendoza, a quen informou do tratado. Tras nove días, marchou cara o sur, pero foi detido en Bayonne (e trasladado a Mont de Marsans) polo vizconde de Béarn, “rey de Navarra”, futuro rei de Francia co nome de Enrique IV, cabeza do bando hugonote, protestante, quen lle quitou os documentos e mapas que transportaba. Comezou entón un lento e complexo proceso para liberalo, incluído un cambio frustrado, ofrecendo Sarmiento que a Coroa española pagara o rescate, a xeito de préstamo a devolver. Ao fin foi liberado despois de tres anos de cativerio. A mediados de 1590, catro anos despois da saída de Brasil, atravesaba os Pirineos, chegando o 15 de setembro a El Escorial.

Sarmiento solicitou axuda para para os expedicionarios do estreito de Magallanes, mais non tivo éxito. En 1591 foi nomeado almirante dunha das Armadas que protexían as naves que ían a América, cometido no que estaba cando morreu fronte as costas de Lisboa.

Sobre a primeira expedición ao estreito redactou un escrito: ”Relación y derrotero del viaje y descubrimiento del Estrecho de la Madre de Dios, antes llamado de Magallanes” (17 de agosto de 1580). Da segunda, outro: “Sumaria relación de Pedro Sarmiento de Gamboa, gobernador y capitán general del Estrecho de la Madre de Dios, antes nombrado de Magallanes, y de las poblaciones en él hechas y que se han de hacer por Vuestra Majestad” (15 de setembro de 1590). A súa narración non foi publicada ata que se incluíu nun libro editado por Bernardo de Iriarte en 1768: Viage al Estrecho de Magallanes por el Capitán Pedro Sarmiento de Gamboa en los años de 1579 y 1580 y noticia de la expedición que después hizo para poblarle. En 1895 foi traducida ao inglés por Clements R. Markham, presidente da Royal Geographical Society e da Hakluyt Society, quen se encargou da edición, das notas e da introdución, levando o título de Narratives of the voyages of Pedro Sarmiento de Gamboa to the Straits of Magellan (sic). A finais do século XX publicouse unha nova edición en castelán: Pedro Sarmiento de Gamboa: Los viajes al estrecho de Magallanes (1988), con introdución, transcrición e notas de Mª Justina Sarabia Viejo.



Bibliografía:




Fontes impresas:

SARMIENTO DE GAMBOA, P. (1768): Viage al Estrecho de Magallanes por el Capitan Pedro Sarmiento de Gamboa en los años de 1579 y 1580 y noticia de la expedición que después hizo para poblarle, Madrid: Imprenta Real de la Gazeta.

SARMIENTO DE GAMBOA, P. (1965): Relación de Pedro Sarmiento de Gamboa cuando en 1567 fue por el Mar del Sur con Alvaro de Mendaña, Australia Franciscana, IV: 261-295. Madrid.

SARMIENTO DE GAMBOA, P. (1994): Historia de los incas, Madrid: Miraguano Ediciones/Ediciones Polifemo

SARMIENTO DE GAMBOA, P. (1988): Los viajes al estrecho de Magallanes, Introducción, transcripción y notas de Mª Justina Sarabia Viejo, Madrid: Alianza Editorial


Bibliografía secundaria :

BAERT, A. (1999): Le Paradis Terrestre, un mythe espagnol en Océanie. Les voyages de Mendaña et de Quirós 1567-1606, París: L´Harmattan; Montréal: L´Harmattan Inc.

BARROS, J. M. (2006): Pedro Sarmiento de Gamboa. Avatares de un caballero de Galicia, Santiago de Chile: Editorial Universitaria, 2ª edición, 1ª en 2004 en Pontevedra; 3ª en 2011, Lima: Fundación Manuel Bustamante de la Fuente.

FILGUEIRA VALVERDE, X. ( 1964): Páginas del descubrimiento de la Islas Salomón (1568) según las relaciones del pontevedrés Sarmiento de Gamboa y de Alvaro de Mendaña, Pontevedra: Imp. Hogar Provincial.

LANDIN CARRASCO, A. (1945): Vida y viajes de Pedro Sarmiento de Gamboa, Madrid: Instituto Histórico de la Marina.

MARKHAM, C. R. (1895): Narratives of the voyages of Pedro Sarmiento de Gamboa to the Straits of Magellan (sic), Londres: Hakluyt Society.

PICTSCHMANN, R. (1906): Historia índica, Berlín.