culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Antonio Arias Teixeiro

Un seguidor galego de Ramón Llull

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Álvarez Soaje, Miguel
  • Data de alta: 26/07/2013

Extras sobre Antonio Arias Teixeiro:

Galeria


Debuxo dun forno, unha das pezas fundamentais dos laboratorios alquimistas, sobre todo para a obtención de metais. Posiblemente foi copiado por Antonio Arias Teixeiro dunha obra editada anteriormente.

Como citar esta páxina:

  • Álvarez Soaje, Miguel ([2013], “Antonio Arias Teixeiro”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 26/09/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=464
Untitled Document

Debuxo dun forno, unha das pezas fundamentais dos laboratorios alquimistas, sobre todo para a obtención de metais. Posiblemente foi copiado por Antonio Arias Teixeiro dunha obra editada anteriormente.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Cabanelas, O Carballiño (Ourense) 1709
  • Falecemento: Vilar de Ordelles, Esgos (Ourense) 1762
Co apoio do seu irmán maior, Anselmo, realizou estudos coa Compañía de Xesús en Santiago de Compostela, pasando a continuación ao Colexio de San Xerome, onde cursou tres anos de Filosofía. Nomeado Reitor de Estudantes da Universidade, conseguiu unha bolsa para o Colexio de San Clemente de Pasantes. Cara a 1735 e dun xeito inesperado, mesmo sen o apoio da familia, decidiu marchar a Salamanca para realizar estudos universitarios. En xuño de 1736, abandonou os estudos e trasladouse a Maiorca seguindo ao frade franciscano Bartolomé Fornés coa intención de acompañalo a cidade alemana de Maguncia onde se estaba a levar a cabo a recompilación e máis a edición da obra de Ramón Llull. De todas maneiras non chegou a saír da illa, onde permaneceu por dous anos estudando as obras lulistas.

En 1738 volveu a Galicia, ao pazo familiar de Fondodevila, en Cabanelas, para rematar os seus estudos universitarios. En 1745 recibiu na Universidade de Santiago o grao de Bacharel en Teoloxía e dous anos despois foi nomeado Reitor do Colexio de San Clemente, cargo que ocuparía ata 1752. Neste tempo realizou, en 1748, unha saída puntual á Universidade de Santo Tomás, en Ávila, onde obtivo o grao de Licenciado e Doutor en Sagrada Teoloxía. Volveu a Galicia para preparar a praza de Catedrático de Matemáticas da Universidade de Santiago, que gañou en 1752. Defendeu con interese e insistencia a necesidade destes estudos, pero diante da falla de estudantes que os cursasen, a Universidade retiroulle parte da súa nómina. Estes e outros problemas levárono a opositar a un modesto curato, vacante na parroquia de Vilar de Ordelles, no concello ourensán de Esgos, que pasou a ocupar desde 1756 ata o seu pasamento.

A totalidade da súa obra atópase manuscrita, en latín e castelán, na Fundación Penzol, nun conxunto de atados documentais conservados pola familia. Entre os fondos hai textos de carácter teolóxico (unhas 600 follas) e de moral e lóxica (400 follas) que non se consideran nesta presentación, onde só se terán en conta aqueles de carácter científico ou pseudocientífico:
Sobre os pos purgantes de Jean Ailhaud. Son copia do orixinal francés e a súa correspondente tradución ao castelán deste coñecido preparado, que no seu tempo era solicitado de todos os puntos de Europa. Da súa venta encargábanse os carmelitas e tiña tantos admiradores coma detractores, chegando as autoridades sanitarias a prohibir a súa venta en España. No manuscrito, de todas maneiras, fai unha crítica deste purgante e do seu autor, advertindo dos riscos que supón o uso desta panacea.
Plano dun forno. O forno ou atanor era unha das pezas fundamentais dos laboratorios alquimistas, sobre todo para a obtención de metais. Presenta un debuxo dun forno, posiblemente tomado dunha obra editada anteriormente.
Elementos de Xeometría. Recompílanse máis de duascentas proposicións, demostracións, problemas e corolarios, posiblemente tomados da obra de Euclides.
Diccionario. Documento que inclúe unha serie de términos xeográficos e históricos que deberon formar parte dun conxunto maior. Incorpóranse unha serie de definicións de diferentes términos xeográficos desde o A ata o L.
Manuscrito de Montserrat. Entre outros manuscritos pseudolulianos da biblioteca deste mosteiro catalán, atópase un manuscrito que contén varias obras atribuídas a Ramón Llull, coma o Magna Clavis e outros textos relacionados co lulista alemán Ivo Salzinger. O documento vai asinado por Antonio Arias Teixeiro no ano 1743, en Cabanelas.

A obra de Antonio Arias Teixeiro, como se remata de ver, ten pouco de orixinal, pois a maioría dela inclúe copias de textos de outros autores con algunhas anotacións e comentarios propios. Mais o propio feito do interese do fidalgo galego nas obras lulianas o converten, polo seu carácter e a súa exclusividade, nunha excepcional testemuña cultural da penetración que determinadas correntes científicas ou pseudocientíficas podían ter no ambiente dos pazos da primeira metade do XVIII. Por outra banda, dos contidos das cartas familiares, entendemos que no pazo de Fondevila debeu existir un interesante conxunto de libros destas temáticas filosófico-científicas, e que as relación cos grupos lulianos maiorquinos, sobre todo co frade Fornés, debéronse manter cunha certa asiduidade e continuidade. O propio manuscrito de Montserrat pódese interpretar como unha achega de Antonio Arias, desde Cabanelas, para a difusión destas ideas.

Para entender a permanencia das doutrinas lulistas, ou mellor pseudolulistas, na primeira metade do XVIII, hai que considerar que baixo esta cualificación aparecía un conxunto de traballos que só nalgúns casos tiñan que ver directamente coa obra de Llull. Na meirande parte eran achegas de métodos e conceptos relacionados coa metalurxia, farmacoloxía e outras artes recompiladas entre os séculos XVI e XVII que proviñan da tradición hermética. Deixaron de ter adeptos na segunda metade do século, como consecuencia da crítica dos ilustrados (Feijoo, foi un dos máis sinalados) e da imparable penetración da ciencia moderna.



Bibliografía:




Fontes documentais:

Fundación Penzol (Fondo “Arias Teixeiro”): atados 100/9, 100/18, 100/20, 100/29, 100/33 e 100/40.

Abadía de Montserrat: manuscrito 205.


Bibliografía secundaria:

ÁLVAREZ SOAJE, M. (2012): Antonio y Anselmo Arias Teixeiro. Dos lulistas gallegos en el siglo de la Ilustración, Tese de Doutoramento, Santiago: Universidade.