culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Rafael Cadórniga Carro

Pioneiro da Biofarmacia en España

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco
  • Data de alta: 01/08/2013

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco ([2013], “Rafael Cadórniga Carro”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 24/03/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=465
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Lugo 1927
  • Falecemento: Madrid 2000
Cando tiña un ano de idade a súa familia trasladouse a León, cidade onde comezaría os estudos de bacharelato. Logo da morte do seu pai, volveu ao seu Lugo natal, no que rematou os estudos secundarios, en 1945. En Santiago cursou a carreira de Farmacia, que finalizou coa cualificación de Premio Extraordinario, en 1951. Iniciou seus traballos experimentais no último ano de licenciatura, no Laboratorio de Físicoquímica que dirixía Enrique Otero Aenlle, e que lle valeu para publicar seu primeiro traballo de investigación, mesmo antes de rematar a carreira (“Sobre algunas propiedades de las sales alcalinas de ácidos grasos”, Anal. Soc. Esp. Fis. y Quím. , B, XLV, 1331, 1949). Ese mesmo ano foi nomeado profesor axudante de Físicoquímica (1951-53) e comezou a súa tese de doutoramento sobre o tema “Estudio de las isotermas de compresión de ácidos biliares y grasos”, que defendeu en Madrid en 1953 e mereceu a cualificación de sobresaliente cum laude e Premio Extraordinario. Foron estes, anos importantes para o laboratorio compostelán porque puxéronse a punto técnicas refinadas para o estudo das capas monomoleculares e da interacción dos tensoactivos cos produtos liposolubles. Novidades metodolóxicas e conceptuais importantes que lle servirían para sentar as bases do que sería o enfoque moderno da actividade dos medicamentos nos organismos, e na que o aínda moi novo profesor Cadórniga, tivo un protagonismo importante en España. En 1954 obtivo por oposición a praza de profesor adxunto de Fisicoquímica da Facultade de Farmacia de Santiago e no curso seguinte fíxose cargo da cátedra de Farmacia Galénica por vacante do seu titular, Félix Álvarez de la Vega.

Catedrático en Santiago

En 1958 obtivo por oposición a cátedra de Farmacia Galénica da Facultade de Farmacia. Desde o primeiro momento foi un docente que destacou polo seu estilo actualizado no enfoque dunha materia que, a pesar de ser un dos fundamentos da carreira de Farmacia, seguía aínda ancorada nas vellas tradicións galénicas, centradas case en exclusiva nas tecnoloxías de preparación dos medicamentos. Desde os primeiros anos sesenta nos seus programas docentes aparecen xa os fundamentos da farmacocinética e biofarmacia actual, recollidos en apuntes autorizados e corrixidos polo propio Cadórdinga e que son a primeira expresión escrita, feita en España, destas novas formulacións no estudo dos medicamentos.

En 1961 obtivo o premio anual da Real Academia de Farmacia co tema “Formación de complejos entre agentes tensoactivos y alcaloides”, que supón dalgunha maneira o remate da primeira etapa investigadora na que, a excelente formación físicoquímica recibida no laboratorio de Otero Aenlle, era aplicada á caracterización e preparación dos medicamentos. A partir deste momento, os traballos do que constituiría a súa segunda e definitiva etapa, vanse centrar cada vez máis nas interaccións medicamentosas e , sobre todo, nas cinéticas de liberación e do seu comportamento “in vivo”.

De finais dos anos sesenta data a creación da Planta Piloto na Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago, na que os alumnos podían aprender a escala real os principais procesos de fabricación industrial de medicamentos. Esta conexión coa realidade empresarial farmacéutica española e a preparación dos alumnos para que puideran situarse nela sen dificultades foi outros dos temas fundamentais nos que traballou arreo e que motivou que seu pensamento tivera moito que ver coa renovación dos plans de estudo que se levou a cabo na década seguinte.

Moi significativo foi o traballo que comezou en 1972 en colaboración co Profesor Peña Guitián, catedrático de Pediatría da Universidade compostelá, sobre a farmacocinética do fenobarbital en nenos. Ao par da súa novidade (daquela estaban a realizarse traballos semellantes no Children´s Hospital de Boston), supuxo o inicio de estudos interdisciplinarios entre as facultades de Medicina e Farmacia, sumidas en receos e reticencias de competencias profesionais. Mesmo o propio Cadórniga tivo que xustificar diante da Xunta da Facultade de Farmacia que as novidades docentes e investigadoras que estaba a introducir non supuñan ningunha inxerencia no ámbito de traballo dos médicos, senón que era algo propio e consubstancial coa profesión farmacéutica. Este mesmo ano publica o libro Aspectos generales de la interacción medicamentosa.

En 1966 foi nomeado Presidente da Sociedade Española de Farmacia Hospitalaría, o que supoñía o recoñecemento do seu traballo, igualmente inédito, ao cargo das farmacias hospitalarias, que comezara a exercer no Hospital Clínico de Santiago desde o ano 1955.

Catedrático en Madrid e presidente da Real Academia de Farmacia

No ano 1975 solicitou o traslado a Facultade de Farmacia de Madrid para ocupar a praza de catedrático de Farmacia Galénica e Tecnología Farmacéutica, posto que desempeñou ata 1992, ano da súa xubilación. En 1983 foi nomeado numerario da Real Academia de Farmacia, ingresando nela co discurso Vigencia de la Educación Farmacéutica. Posible proyección hacia el futuro. Anos máis tarde, en 1991, ocuparía a Presidencia da Academia, cargo que desempeñou ata 1998. Nestes anos compaxinou seus traballos como docente, como farmacéutico de hospital no San Carlos de Madrid e como académico, nunha prolixa actividade na que, sen descoidar os aspectos formativos e de investigación, levou un importante labor de xestión en relación coa nova Farmacopea Española, sendo elixido presidente, en 1995, da Comisión Nacional encargada da súa elaboración. Son moi asiduas nesta época as súas relación internacionais, sendo de destacar o especial interese que demostrou en estreitar lazos coa Farmacia Hispanoamericana. Foi nomeado membro honorario da Academia de Ciencia Farmacéutica de Chile, da Academia Argentina de Bioquímica y Farmacia e da Academia Iberoamericana de Ciencias Farmacéuticas.

Nestes anos realizou tamén novas edicións actualizadas do seu libro sobre interaccións entre medicamentos: Interacciones medicamentosas: su interpretación farmacocinética (Madrid: Real Ac. Nac. Medicina, 1988); e Interacciones medicamentosas (Y otros factores modificadores de la respuesta) (Madrid: Univ. Politécnica, 1999).

Valoración científica

No importante desenvolvemento que tivo nos últimos cincuenta anos a Farmacia Galénica non houbo aspectos esenciais da mesma que non foran abordados con orixinalidade e rigor por Cadórniga Carro. Nese campo foi, posiblemente, o máximo innovador da farmacia española dos últimos anos. A súa excelente formación físico química foi sen dubida o factor desencadeante do carácter rupturista dos seus primeiros traballos galénicos, nos que a interpretación físico química de procesos como a estabilidade de medicamentos e formas farmacéuticas, así como das cinéticas de liberación, constituían unha auténtica novidade no mundo da farmacia galénica española. Foi o que acuñou o termo “biofarmacia” no idioma castelán e, por suposto, o primeiro que formulou os problemas das posibles diferencias de actividade dos medicamentos cando se comparaban os resultados experimentais “in vitro” coa súa resposta terapéutica. Aplicou e definiu o concepto de Biodispoñibilidade Terapéutica en 1973, cinco anos antes de que Osler introducira o de Biodispoñibilidade Biofásica, de similares características conceptuais e no contexto dunha forte polémica entre a FDA e a industria farmacéutica americana. Desenvolveu e traballou sobre o concepto de Caducidade Biofarmacéutica, definida como o tempo durante o cal unha forma de dosificación mantén as súas características biofarmacéutica iniciais, así como na Farmacocinética, na que desenvolveu modelos orixinais para diferentes principios activos, así como importantes innovacións no campo das interaccións farmacocinéticas dos medicamentos.

As publicacións que iniciou no ano 1970 co título “La formulación como factor condicionante de la eficacia terapéutica” supoñen os comezos dos traballos de biofarmacia en España. Seu libro sobre as interaccións medicamentosas, publicado en 1973, e as posteriores edicións de 1988 e 1999, ofrecen unha excelente plataforma para coñecer a evolución do seu pensamento farmacéutico. Publicou máis de 300 traballos de investigación, moitos deles nas máis prestixiosas revistas da especialidade, sendo tamén un bo divulgador da problemática farmacéutica española. É moi notable tamén a escola de galenistas españois da que foi seu iniciador e mentor, con 15 catedráticos e máis de 50 profesores titulares de universidade.



Bibliografía:




Fontes impresas:

CADÓRNIGA CARRO, R. (1973): Aspectos generales de la interacción medicamentosa, Santiago: Universidad.

CADÓRNIGA CARRO, R. (1988): Interacciones medicamentosas: su interpretación farmacocinética, Madrid: Real Ac. Nac. Medicina.

CADÓRNIGA CARRO, R. (1999): Interacciones medicamentosas (Y otros factores modificadores de la respuesta), Madrid: Univ. Politécnica.


Bibliografía secundaria:

CARLUCCI, A. , GARCÍA, R., BREGNI, C. (2002): Rafael Cadórniga: Vigencia de uno de los Pioneros de la Biofarmacia y Bioequivalencia, Acta Farm. Bonaerense, 22 (1): 87-90.

DOMÍNGUEZ GIL-HURLE, A. (2000): Rafael Cadórniga: La huella del Maestro, Anal. Real Ac. Farm., 66 (3), 2000 : 7- 23.

VILA JATO, J. L. (2002): Rafael Cadórniga Carro, en Un centenario, una profesión (1902-2002), A Coruña: Col. Of. Farmacéuticos.