culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Domingo Martínez de Presa

A técnica como entretemento e imitación da natureza nunha parroquia da montaña ourensá

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco
  • Data de alta: 02/09/2013

Extras de Domingo Martínez de Presa: 

Galeria



MartinezdePresa1.jpg
MartinezdePresa1.jpg

Como citar esta páxina:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco ([2013], “Domingo Martínez de Presa”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 22/11/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=469
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Descoñecida
  • Falecemento: San Miguel de Feás (Calvos de Randín, Ourense) 1865
A primeira nova que se ten deste crego é de 1645, e corresponde ao expediente de concesión ao seu favor do beneficio de San Miguel de Feás, a petición de Francisco Rodríguez de Castro, conde de Lemos, casa que exercía o padroado desta parroquia. Martínez de Presa denominábase licenciado, polo que se debe supoñer que cursou estudos en algunha universidade española. Por outra parte tivo que ser ordenado sacerdote noutra diocese diferente da de Ourense, porque no se atopou o seu expediente nela e porque o fiscal eclesiástico que redactou a concesión do beneficio reclamaba probas da súa condición de clérigo.

Pasou case toda súa vida nesta parroquia de “montaña sin comunicación”, agás o pequeno período de tempo que botou en Madrid para editar o seu libro e amosar na corte os seus enxeños. O libro de misas de defuntos da parroquia de San Miguel de Feás recolle en 1665 que “en catorce de Julio de 1665 se murió el l(icencia)do Domingo de Presa abbad deste dho Beneficio de San Miguel de Feás”.

En 1662, editou en Madrid a súa obra Fuerza del ingenio humano y inventiva suya. Relación breve de instrumentos ingeniosos, y de movimientos particulares, en que se imitan los naturales. De nuevo sacados a luz jamás vistos, ni oídos en España. Inventor, y autor dellos y de dicha relación, el Licenciado Domingo Martínez de Presa, Abad de San Miguel de Feás en el Obispado de Orense. Na primeira parte do libro hai unha ampla disquisición sobre as milagres (quizais para sortear os riscos da Inquisición) que clasifica en tres clases: verdadeiros, finxidos e aparentes, correspondendo seus enxeños a este último grupo, “maravillas del ingenio, son los que no solo consisten en saber ocultar las causas, sino también en disponer por tal arte, que no vistas parezcan milagros; y vistas, causen admiración, por el ingenio con el que están dispuestas”. A continuación presenta unha serie de exemplos referidos ás ciencias e ás técnicas nos que o descoñecemento das causas podería dar orixe a interpretacións milagrosas ou fantásticas dos feitos. Neles, amosa un bo coñecemento sobre astronomía, xeometría, aritmética, medicina e cosmografía, así como das técnicas da reloxería, facendo unha descrición clara e concisa do funcionamento dos reloxos.

Na parte correspondente a descrición dos seus enxeños hai como dous apartados. Un deles, referido a cinco instrumentos de corda que son movidos por auga e un conxunto de mecanismos de rodas articuladas que permiten a xeración de sons, pulsando un número determinado de cordas, semellantes á zanfona, bandurra, lira e guitarra, e nos que se combinan diferentes harmonías e sons. O outro apartado refírese a tres caixas “para deleytar la vista” de grandes dimensións. A primeira caixa, cuadrangular e de 1.25 x 0.60 metros, tiña dezaseis apousentos distribuídos en catro niveis nos que se movían figuras “poco mayores q(ue) dedos de la mano”. Algunhas das figuras emitían música, neste caso promovida polo aire, e todo o conxunto movíase pola acción da auga e un mecanismo de rodas e poleas. A segunda caixa, de forma oval e de dimensións semellantes, era tamén accionada por auga , e “que el Rey de España puidera ver”, consta de cinco niveis ou “galerías” onde se desenvolven escenas tan complexas como unha orquestra, as procesións do xoves e venres santo, unha escena popular, a batalla de Clavijo, o Rei na súa corte e o Polo Ártico. Todas elas realizadas, segundo a súa relación, con un incrible número de personaxes en movemento. A terceira caixa, movida por un mecanismo de reloxería , de “pesas y muelles” (en nota ao marxe di, “este se halla en Madrid”, polo que habería que supoñer que os outros enxeños ficarían aínda en Galicia), ten no alto un pequeno firmamento tolemaico e despois catro caixas máis pequenas con escenas da vida de Cristo (Infancia, milagres, morte e resurrección). Emite tamén diferentes sons e, neste caso, “los bultos son pequeñitos, aún no como un dedo”.

Finalmente, describe un conxunto de pequenos enxeños, mesmo como xoguetes: cobras que andan, personaxes que se moven, centauros que disparan béstas, etc. Así mesmo escúsase de non presentar outras “eutropelias” que precisaban o concurso de outras persoas para a súa acción, pero non se resiste a describir a que montou con motivo da festa de San Miguel, patrón da súa parroquia, no momento da misa maior: “al decir Sánctus, vaxaron dos Ángeles al Altar, y puestos uno de un lado, y outro de outro, junto a los candeleros, de rodillas estuvieron con velas encendidas alumbrando al Sacrificio, y seis Serafines bolando encima de la cabeza del preste; y al consumir, bolando Ángeles, y Serafines, desaparecieron subiéndose”.

Se non fora polo conxunto de testemuñas que cita, como a do bispo de Ourense, e sobre todo a de quen autorizou o libro, Fray Gaspar Salgado, lector de Teoloxía do Convento de Atocha en Madrid, que “he visto, y examinado una suma, compendio, ó breve relación de un teatro de apariciones, y instrumentos músicos de particulares movimientos, disposiciones y figuras”, poderíase pensar que todos estes extraordinarios enxeños eran froito da imaxinación do párroco de Feás. De todas maneiras, o detalle con que están descritos abonaría tamén a hipótese da súa verosimilitude. En calquera caso, non semella estraño que os parroquianos de Martínez de Presas miraran os seus traballos cunha certa mistura de asombro e temor e que noutros ambientes, máis requintados, fora obxecto de envexas e críticas, como el mesmo recoñece, repetidamente, no seu libro.

Os autómatas na historia da ciencia e da técnica

Herón de Alexandría deseñou a máis importante colección de autómatas da antigüidade, que tiñan como principios motores a auga e a dinámica dos gases. Na Idade Media, foron os árabes os que crearon os autómatas máis orixinais, pero sería a partir do século XIV cando Europa recupera a primacía sobre a práctica e os coñecementos da mecánica e comeza a desenvolver os principais modelos destes orixinais enxeños, moitos deles como complemento dos reloxos públicos que se construíron nestes tempos. Nos séculos XV e XVI os adiantos nos coñecementos mecánicos foron moi relevantes e os primeiros enxeñeiros, como Ramelli ou Turriano, ao par que deseñaban máquinas para todo tipo de traballos non desdeñaban a construción de autómatas cada vez máis sofisticados. O séculos XVII e XVIII, coa aplicación dos principios científicos á mecánica, foi o momentos da máxima expansión destes enxeños, aparecendo importantes recompilacións deles, como as do popular xesuíta Kircher.

Os autómatas, de todas maneiras, foron algo máis que simples divertimentos. Dalgún xeito foron tamén valorados como expresión da capacidade do enxeño humano para emular a natureza e, do mesmo xeito que os reloxos nos séculos XVI e XVII, mirados tamén como metáforas da concepción mecanicista do universo.



Bibliografía:




Fontes impresas:

MARTÍNEZ DE PRESA, D. (1662): Fuerza del Ingenio Humano y inventiva svya, Madrid: por Ioseph Fernandez de Buendia. Hai unha edición facsimilar, precedida dun estudio histórico-bibliográfico por Cabello Martín, M. (2000): Primer libro español sobre autómatas y juguetes mecánicos, reeditado a partir del único ejemplar conocido (Biblioteca de la Universidad Complutense de Madrid), Madrid: Champagne Henri Abalé de Reims (Francia), Gráficas Greco, 2000.


Bibliografía secundaria:

CHAPUIS, A. & GELIS, E. (1928): Le monde des automates. Etude historique et technique, Paris, 2 v.; nova edición (1984): Paris- Genève: Facs. Ed. Slatkine.