culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Antonio García Maceira

Un enxeñeiro especialista nos insectos do mundo forestal, defensor da natureza e antidarwinista

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fraga Vázquez, Xosé A.
  • Data de alta: 21/09/2013

Extras de Antonio García Maceira: 

Extras sobre Antonio García Maceira:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Fraga Vázquez, Xosé A. ([2013], “Antonio García Maceira”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 26/09/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=472
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Viveiro (Lugo) 1844
  • Falecemento: Salamanca 1923
Formación e itinerario profesional

Cursou estudos na Escuela Especial de Ingenieros de Montes (Villaviciosa de Odón, Madrid), que rematou en 1869, sendo o número 1 da 19ª promoción. O proceso de posta en marcha en España dos estudos superiores sobre temas forestais iniciouse en 1835 (González Escrig, 2002). En Europa o centro de referencia estaba situado en Tharandt, preto de Dresden (Saxonia). Johann Heinrich Cotta, pioneiro da silvicultura moderna, do coidado dos montes desde unha perspectiva científica, fundou en 1795, en Zillbach, unha escola dedicada á aplicación dos coñecementos técnicos aos montes. Trasladouna en 1811 a Tharandt, pasando a ser en 1816 escola oficial de Saxonia. Dese relevante centro foi profesor, de 1855 a 1868, o grande botánico Heinrich Moritz Willkomm. Despois de diversas iniciativas, en outono de 1842, dous españois, Agustín Pascual e Esteban Boutelou, foron a estudar a Tharandt durante tres anos. Polo Real Decreto de 18 de agosto de 1847, creouse a primeira Escuela, en Villaviciosa de Odón (Madrid), trasladada a El Escorial en 1871.

En diversas publicacións de José Luis González Escrig (2000, 2002, 2007) podemos seguir elementos centrais da biografía de García Maceira. Así, sabemos que ao pouco de licenciarse ocupou o posto de profesor auxiliar na Escuela, o ano en que instalou en El Escorial. Estivo destinado en diversos distritos forestais (Valladolid, Zamora, Granada, Palencia e Salamanca). Desempeñou a xefatura das comisións entomolóxicas de Extremadura, Castela, León e Andalucía, formou parte da Comisión del Mapa Forestal (1874) e foi vocal do Consejo Forestal. Enxeñeiro xefe da División Hidrolóxica do Guadiana, cesou o 1 de abril de 1903. Xubilouse o 9 de xullo de 1911, despois de 44 anos de servizo público. Residiu grande parte da súa vida en Salamanca.

A súa produción bibliográfica abrangue preto dun centenar de publicacións, entre as que figuran numerosos artigos na Revista de Montes. Entre os seus estudos botánico-forestais salientan as observacións sobre o arbusto denominado “zumaque” (Rhus coriaria) (García Maceira, 1875), especie espallada en solos probes e ácidos por Castela, Extremadura, Catalunya e Navarra. Tamén realizou un traballo sobre os bugallos dos carballos de arredores de El Escorial, engadindo quince especies ás sinaladas previamente no estudo de Máximo Laguna en 1880 (García Maceira, 1915).

Precursor da ciencia etiolóxica en España (González Escrig, 2002), foi un relevante forestal e adiantou, en 1876, a denominación de “revolución agrícola árabe”, utilizado con posterioridade polos historiadores da agricultura. Asemade, García Maceira traballou na erudición histórica e a divulgación, con textos como “Zoólogos ilustres” (García Maceira, 1899) e Los montes y los monarcas españoles (García Maceira, 1902).

Entomólogo forestal e defensor da natureza

Os estudos e publicacións sobre costumes e comportamentos dos insectos e, sobre todo, os relativos aos que inciden na vida das árbores foi a actividade profesional máis salientable de García Maceira. Un labor que desenvolveu como naturalista na xefatura das comisións entomolóxicas de diversas zonas de España, nas que traballou a prol da defensa do campo e dos montes fronte as pragas dos insectos.

Sobresae o estudo que realizou sobre a invasión da bolboreta Lymantria dispar (García Maceira, 1885-1887; García Maceira, 1886-1887). Este insecto, chamado “lagarta” polas cores da súa eiruga, causaba grandes desfeitas nos montes da provincia salmantina. Nunha primeira parte describiu a praga e as causas da súa orixe; na segunda analizou os medios axeitados para previla e reducir os danos. Tamén salientou o estudo da bolboreta Tortrix Viridiana, chamada de xeito vulgar “brugo”, insecto prexudicial para os aciñeirais e carballeiras de Zamora e Salamanca (García Maceira, 1895). Asemade, publicou unha monografía sobre bolboretas nocivas, Los lepidópteros más dañosos a los montes españoles (García Maceira, 1911). Nela describiu e clasificou trinta e dúas especies, comentou as medidas axeitadas para combatelas e presentou unha chave práctica para a súa identificación taxonómica polos caracteres das eirugas.

Laiábase García Maceira da escasa atención que se prestaba entre os seus colegas ás pragas causadas polos insectos, o que relacionaba con certo abandono das Ciencias Naturais no proceso formativo dos enxeñeiros de montes. Na súa obra defendeu unha visión favorable á conservación da natureza, de xeito específico dos montes, explicando que a industria forestal os salvaría. Prestou especial atención ao papel das aves na loita contra os insectos prexudiciais. Sobre ese tema gañou en 1881 un concurso público organizado pola Sociedad Madrileña Protectora de Animales y Plantas. Na memoria presentada, publicada ao ano seguinte, Beneficios de las aves insectívoras (García Maceira, 1882), denunciaba a persecución das aves insectívoras, que situaba como unha das causas de desfeitas dos campos e defendía o papel das aves, unha posición que o sitúa como un dos pioneiros, en España, no control biolóxico das pragas agrícolas e forestais. Poucos anos despois o médico galego Manuel Baraja publicaría en Ourense unha obra que reiteraba o papel das aves insectívoras: Aves Insectívoras y su beneficio para la Agricultura (Baraja, 1887).

Posición antidarwinista

García Maceira prestou unha atención continuada a un dos temas científicos que máis controversias acadou na parte final do século XIX e principios do XX, o darwinismo, a teoría evolutiva de Charles Darwin. Foi “... enemigo de la teoría de Darwin y en general de todas las teorías contrarias a la Teoría creacionista” (González Escrig, 2000: 37), se ben amosouse partidario dun evolucionismo gradual (Pinar, 1999: 144).

Xa en 1875 publicou un breve artigo, “El hombre terciario y la hipótesis del poligenismo” (García Maceira, 1875), no que rexeita ambas cuestións e tamén critica as teorías de dous relevantes científicos franceses, Henri Favre e Ernest Théodore Hamy. Ao tratar o “home terciario” incide nun tema que xerou un amplo debate no seu tempo, a existencia de restos de seres humanos procedentes do que se denominou período terciario, ou sexa con máis dun millón de anos de antigüidade. A polémica tiña compoñentes científicos, pero, como todas as cuestións relacionadas coa evolución, outros elementos ideolóxicos, pois a elevada antigüidade cuestionaba a cronoloxía do relato bíblico. Canto o polixenismo, Ernest Théodore Hamy, encargado de antropoloxía do Muséum d´Histoire Naturelle de París, criticara o polixenismo, a existencia de centros de creación independentes do ser humano en Eurasia e América. Hamy defendeu o monoxenismo, un único lugar de orixe, con paso dos seres humanos a América por unha ponte terrestre agora desaparecida (Pelayo, 1999).

En “Una nueva teoría sobre la vida” (García Maceira, 1888) realizou unha revisión crítica da obra de Karl Wilhelm von Nägeli, Mechanisch-physiologische Theorie der Abstammungslebhre (1884). García Maceira manifesta o seu desacordo co relevante botánico, autor da teoría do “idioplasma”, se ben prefire as súas ideas evolutivas ás de Darwin, na medida en que era contrario á selección natural que postulaba o naturalista inglés. Ese proceso era rexeitado por Maceira por mecanicista, pois entendía que convirte aos organismos en xoguetes das influencias externas. Nägeli era partidario dun mecanismo interno dos propios organismos como causa da evolución, o que Maceira interpreta como “continuo perfeccionamiento” (Garcia Maceira, 1888: 442).

En 1898 presentou ao Congreso Católico de Madrid un texto titulado Exposición y examen del Darwinismo, coñecido polo comentario realizado polo antidarwinista Juan José Muñoz de Madariaga, enxeñeiro de Montes, profesor da Escuela Especial de Montes (Muñoz de Madariaga, 1898). Segundo Muñoz, Maceira rexeitaba diversas teorías biolóxicas polo ateísmo que entrañaban e porque era contrario ao concepto de loita pola vida como base da selección natural. O viveirense fai seus os argumentos contrarios ao darwinismo de Van Tieghem, E. Fabre, M. Girard e, especialmente, de Wingand, se ben tamén criticaría a este último nun traballo posterior, no que o considera materialista, pois, “si destruyó la idea de una transformación externa de los tipos, oponiéndola la de una evolución regular interna, dejó a ésta sin el auxilio de la idea metafísica, fraguando, como su rival Darwin, una teoría mecánica de la vida” (García Maceira, 1899: 338).

Persistente antidarwinista, García Maceira sería favorable a unha certa evolución gradual da vida, porén como resultado da enerxía vital dos organismos, seguindo un plan preestablecido e unha tendencia interna á modificación. Esa defensa anacrónica do vitalismo figura en varios escritos, como, por exemplo, “Los materialistas de la Biología” (García Maceira, 1915), onde critica a lamarckistas e darwinistas. Discute que o medio ambiente non produce cambios evolutivos, só causa modificacións non transmisibles por herdanza. Congratúlase de que os “biólogos materialistas” non puideron destruír o concepto de enerxía vital, indicando que “El verdadero sabio es forzoso se detenga para no poner su planta en el terreno de la hipótesis y de los sueños, donde es fácil extraviarse y donde la verdad, aún suponiendo que se encuentre, no puede ser reconocida por ningún signo cierto”.

Nalgúns traballos de enfoque máis técnico tamén realizou diversas referencias ao tema evolutivo. Así fixo en “Una monstruosidad del brugo” (García Maceira, 1892), onde tratou sobre a bolboreta Tortrix Viridiana, describindo un exemplar de cinco as e pretendeu relacionar ese fenómeno teratolóxico coas teorías evolucionistas. Tamén abordou o tema do instinto animal, por exemplo en García Maceira, 1919, discutindo a posición de Darwin.



Bibliografía:




Fontes impresas:

Entre as publicacións de García Maceira, recollidas en González Escrig, J. L. (2002, 2007), seleccionamos:

GARCÍA MACEIRA, A. (1875): Noticias y apuntes sobre el zumaque, Revista Forestal, VIII: 95-102.

GARCÍA MACEIRA, A. (1875): El hombre terciario y la hipótesis del poligenismo, Revista Forestal, VIII: 656-659.

GARCÍA MACEIRA, A. (1882): Beneficios de las aves insectívoras, Madrid: Imprenta de Gregorio Juste.

GARCÍA MACEIRA, A. (1885-1887): Estudio de la Invasión en los montes de la provincia de Salamanca del insecto llamado vulgarmente Lagarta y medios más adecuados para evitar sus estragos, Madrid: Imprenta Colegio Nacional de Sordo-Mudos y Ciegos, 1ª parte, e Imprenta de M. Minuesa de los Ríos a segunda parte, de 1887.

GARCÍA MACEIRA, A. (1886-1887): Estudio de la invasión de los montes de la provincia de Salamanca del insecto llamado vulgarmente lagarta y medios más adecuados para evitar sus estragos, Revista de Montes, X: 175-182, 254-260 e 275-283; XI: 389-399, 426-432 e 452-458.

GARCÍA MACEIRA, A. (1888): Una nueva teoría sobre la vida, Revista de Montes, XII: 441-449.

GARCÍA MACEIRA, A. (1892): Una monstruosidad del brugo, Revista de Montes, XVI: 49-51.

GARCÍA MACEIRA, A. (1895): Estudio de la invasión del insecto llamado vulgarmente brugo en los robledales y encinares de las provincias de Salamanca y Zamora, Madrid: Imprenta de R. Rojas.

GARCÍA MACEIRA, A. (1896): Las agallas, Revista de Montes, XX: 6-11.

GARCÍA MACEIRA, A. (1899): Zoólogos ilustres, Revista de Montes, XXIII: 338.

GARCÍA MACEIRA, A. (1902): Los montes y los monarcas españoles, Revista de Montes, XXVI: 279-282.

GARCÍA MACEIRA, A. (1902): Insectos dañosos al alcornoque en Extremadura y Castilla la Vieja, Madrid: Imprenta Alemana.

GARCÍA MACEIRA, A. (1911): Los lepidópteros más dañosos a los montes españoles, Madrid: Imprenta de Antonio Álvarez.

GARCÍA MACEIRA, A. (1911): Las agallas foliares de los robles, Madrid: Imprenta de la Viuda de A. Álvarez.

GARCÍA MACEIRA, A. (1912): Los escarabajos insectívoros, Revista de Montes, XXXVI: 285-287.

GARCÍA MACEIRA, A. (1915): Los materialistas de la Biología, Revista de Montes, XXXIX: 133-139, 249-255, 296-300 e 342-346.

GARCÍA MACEIRA, A. (1915): Las agallas de los robles, Revista de Montes, XXXIX: 785-786.

GARCÍA MACEIRA, A. (1919): El instinto, Revista de Montes, XLIII: 133-136.


Bibliografía secundaria:

GONZÁLEZ ESCRIG, J. L. (2000): Un ilustre entomólogo forestal: Antonio García Maceira (Vivero-Lugo 1884 - Salamanca 1923), Montes, 59: 28-40.

GONZÁLEZ ESCRIG, J. L. (2002): Ingeniería y Naturaleza. Aportaciones de los Ingenieros de Montes Españoles a las Ciencias Naturales durante el siglo XIX, Madrid: Grafistaff S. L.

GONZÁLEZ ESCRIG, J.L. (2007): Los ingenieros de montes españoles del siglo XIX y la repoblación, base de la industria forestal, Llull, 30, 65: 105-122.

MUÑOZ DE MADARIAGA, J. J. (1898): Bibliografía: Exposición y examen del Darwinismo, Revista de Montes, XXII: 171-172.

PELAYO, F. (1999): Ciencia y creencia en España durante el siglo XIX: la paleontología en el debate sobre el darwinismo, Madrid: CSIC.

PINAR, S. (1999): Darwinismo y Botánica. Aceptación de los conceptos darwinistas en los estudios botánicos del siglo XIX en España, El darwinismo en España e Iberoamérica,
Thomas F. Glick, Rosaura Ruiz, Miguel Angel Puig-Samper (ed.), Madrid: UNAM, CSIC, Ediciones Doce Calles; p. 133-149.