culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Juan López Soler

Militar e científico

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Docobo Durántez, José Ángel
  • Data de alta: 28/09/2013

Galeria



lopez_soler_calendario.jpg
lopez_soler_calendario.jpg
lopez_soler_calculos.jpg
lopez_soler_calculos.jpg

Como citar esta páxina:

  • Docobo Durántez, José Ángel ([2013], “Juan López Soler”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 17/08/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=474
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Ferrol (A Coruña) 1871
  • Falecemento: Madrid 1954
Fillo, neto e bisneto de oficiais da Armada, co obxecto de continuar a tradición familiar, realizou os primeiros estudos no Colexio Naval da súa cidade natal para prepararse para o ingreso na Escola Naval Militar, á que logo non puido acceder por estar pechada por aquel entón. Por elo, decidiu incorporarse a Academia Xeral Militar, o que fixo con só quince anos. Tres anos despois converteuse no Alférez Provisional máis novo do exército español. En 1894 pasou á Escola Superior de Guerra, na que estudou os tres cursos que abranguía o plan de estudos e cursou materias como Álxebra Superior, Trigonometría Esférica, Xeometría Analítica, Xeometría Descritiva, Mecánica, Astronomía e Xeodesia, aparte do idioma alemán. Sen dúbida, estes estudos marcaron o seu futuro, xa que logo mesturou a carreira profesional castrense cunha extraordinaria dedicación á Ciencia, en especial ás Matemáticas e á Astronomía, aínda que tamén á Xeografía.

Traxectoria militar

Xa como capitán de infantería, en abril de 1898 foi destinado á Capitanía Xeral das Illas Canarias, prestando os seus servizos na Comisión do Plano daquelas illas. Logo foi enviado a Navarra, onde casou o 2 de xullo de 1903 con Dona María Guadalupe Azcona y Echeverría. Ao ano seguinte trasladouse a Burgos, ao Cuartel Xeral do Sexto Corpo do Exército, onde por R.O. do 27 de xullo de 1905 foi agregado ao persoal do Observatorio Astronómico de Madrid para participar nas observacións, que co motivo da eclipse total de Sol do 30 de agosto daquel ano, íanse efectuar nas inmediacións de dita cidade. Esta eclipse fora a primeira de carácter total do século XX que se puido ver en España. Juan López Soler colaborou así mesmo, dentro do proxecto científico desenvolvido con motivo da eclipse, na realización de observacións espectroscópicas con membros do Parque Aerostático de Guadalaxara.

Como Capitán de Estado Maior, foi destinado a finais de 1905 á Capitanía Xeral de Galicia, onde permaneceu ata o seu paso a comandante en 1911, con destino Madrid.
Xa en 1930, asistiu ó curso de preparación de coroneis para o ascenso. Finalmente, o 31 de xullo de 1931 pasou á situación de Retiro, sendo nomeado nese intre Xeneral de Brigada Honorífico, concedéndoselle o 13 de febreiro de 1936 a Gran Cruz de San Hermenegildo. Anteriormente, fóranlle concedidas dúas cruces de segunda clase do Mérito do Mar con distintivo branco. A primeira delas por ter prestados servizos para a Industria Militar, e a segunda polos seus extraordinarios méritos traballando para a Sección Xeográfica do Depósito de Guerra cando estivo destinado en Madrid.

Misións científicas

López Soler colaborou en 1914 co Comité do Congreso de Xeografía e Historia Hispano-Americana, fundamentalmente na exposición Cartográfica, e así mesmo nos actos do Cuarto Centenario do descubrimento do Pacífico. Ambos os dous eventos tiveron lugar en Sevilla. Tamén en 1914 participou nas campañas de observación para determinar as coordenadas xeográficas dos vértices xeodésicos de Oyanzun e Jaca, así como os das concas dos ríos Bidasoa, Urmea, Irati e Arga. O ano seguinte formou parte dos traballos de campo levados a cabo polas Comisións Xeográficas de Cataluña, Murcia e Valencia, e posteriormente coas Comisións de Galicia, Norte de España e Pirineos.

Asistencia activa a congresos e conferenciante

Asistiu os seguintes congresos da Asociación Española para o Progreso das Ciencias: Congreso V (Valladolid, 1915), co tema “Las coordenadas geográficas y el astrolabio de prisma”; Congreso VI (Sevilla, 1917), onde presentou o traballo “Escalas gráficas de cálculo”; Congreso VIII (Oporto, 1921), sendo autor do relatorio “Hebdomadario Mecánico Julius”; Congreso IX (Salamanca, 1923), poñente coa comunicación “Las coordenadas geográficas y el astrolabio de precisión”; Congreso X (Coimbra, 1925); Congreso XI (Cádiz, 1927), no que disertou sobre “Un eclipse de Sol”, en referencia ao do 29 de xuño de 1927.

En 1905 organizou a Contribución do Exército na Exposición do Congreso de Xeografía e Historia Hispano-Americana. Así mesmo, actuou como segundo Secretario da Sección de Matemáticas no primeiro congreso desta Asociación, que tivo lugar en Zaragoza en outubro de 1908. No Congreso Nacional de Enxeñeiros de 1919, concedéuselle unha medalla de ouro polos seus gráficos “Julius”.

Juan López Soler impartiu tamén outras conferencias e relatorios en distintos eventos científicos, tales como: “Una hora de Astrofísica” (1907), “Los Pirineos Centrales” (1919), “Un paseo por La Coruña” (1926), “La Isla de Tenerife, su historia y su geografía” (1920), “Un viaje intersideral” (1924), y “Representación de Galicia y sus Alfoces en la Cartografía” (1932). Todas elas na Real Sociedade Xeográfica Nacional, agás a primeira que tivo lugar na Academia Provincial de Bellas Artes na Coruña.
Na Sociedad Española de Antropología, Etnografía y Prehistoria, ten disertado, así mesmo, sobre os “Hórreos gallegos de A Coruña a Santa Marta de Ortigueira”. O texto desta conferencia, como tamén de outras, foi logo ampliado para a súa publicación.

Membro de sociedades científicas

Grazas a súa participación nas investigacións realizadas en relación coa eclipse de Sol de 1905 e tamén por ter acadado o premio da Exposición Científica Universal de Burgos polo mesmo fenómeno astronómico, ingresou na Orde Civil de Alfonso XII. Na Exposición Regional Galega de 1909, que tivo lugar en Santiago de Compostela, recibiu a medalla de ouro polo seu almanaque Julius.

Foi vogal da Comisión Nacional de Xeodesia e Xeografía (1922), e membro do Comité e da Comisión Organizadora da Segunda Asemblea da Unión Xeodésica e Xeofísica Internacional, que tivo lugar en Madrid en 1924. Tamén foi nomeado vogal da Junta de Bibliografía y Tecnología Científica (1925), e da Junta de Investigaciones Históricas y Bibliográficas. En 1926, o Ministerio de Traballo agradeceulle o ter formado parte do Comité Executivo da Exposición de Maquinaria celebrada no Parque do Retiro. A finais de 1939 formou parte, así mesmo, da Xunta constituída no Ministerio de Asuntos Exteriores para organizar a participación de España no Congreso do Mundo Portugués a celebrar en Lisboa.

López Soler chegou a ser Académico da Real Academia Galega, e membro correspondente do Instituto de Coimbra e mais da Sociedade Xeográfica de Lisboa.
Foi socio da Sociedade Matemática Española (SME) dende a súa creación en 1911. Logo ocupou o cargo de vogal da Xunta Directiva, sendo vicepresidente da mesma dende 1924. O día 2 de febreiro de 1935 foi nomeado Presidente da SME por aclamación, e coma tal organizou a sesión extraordinaria do 6 de abril de 1936 na que se conmemoraba o 25º aniversario desta sociedade científica. Dita celebración tivo un grande éxito tanto de participación como polo prestixio de moitos dos asistentes, incluídos representantes doutras organizacións e sociedades científicas. O 18 de xullo de 1936 decidiu ausentarse de Madrid, a onde non regresou ata rematada a Guerra Civil. Volveu entón a ocupar a Presidencia da agora chamada de novo Real Sociedade Matemática Española, dende o 23 de maio de 1939 ata o seu falecemento.

As súas publicacións

Aínda que é autor dun artigo sobre fotografía e dun libro de contidos militares, pódese dicir que os seus traballos se clasifican en: astronómicos, sobre cálculo, e xeográficos-etnográficos. Moitos deles correspóndense coa publicación de conferencias impartidas. Entre os primeiros ten escrito, case sempre nun estilo de divulgación, sobre o Sistema Solar, as estrelas, a chegada do cometa Halley, eclipses, Mecánica Celeste, almanaques, astrolabios, recentes descubrimentos, etc. Fai, así mesmo, unha interesante proposta de que o día comece en toda a Terra no instante en que o Sol Medio pase por un meridiano convencionalmente elixido. Esta hora xeo solar sería, polo tanto, universal e compatible coa hora solar local, distinta para cada meridiano. Así mesmo, recomenda que o día xeo solar teña unha división decimal, en contra da sesaxesimal usualmente utilizada. Son especialmente orixinais as súas contribucións para facilitar as distintas operacións matemáticas mediante escalas gráficas, incluíndo a determinación de potencias, raíces, logaritmos e funcións trigonométricas.

Tamén, aproveitando as múltiples viaxes realizadas por Galicia así como os seus distintos destinos militares, describiu con detalle numerosas facetas demográficas, etnográficas e históricas, sobre todo de Galicia, pero tamén de Canarias e outras partes de España, todo elo ilustrado con numerosas fotografías.

A maioría das publicacións de Juan López Soler atópanse na biblioteca da Real Academia Galega, na Coruña, tamén illadamente na Casa do Consulado da mesma cidade, na Universidade de Santiago de Compostela, así como en diversos centros castrenses de Madrid. Nalgúns títulos das súas obras destaca a palabra Julius por analoxía coas súas iniciais J. L. S. (JuLiuS).



Bibliografía:




Fontes impresas:


Sobre Astronomía:

LÓPEZ SOLER, J. (1907): Una hora de Astrofísica, A Coruña: Imprenta de “La Voz de Galicia”.

LÓPEZ SOLER, J. (sen data, posiblemente 1909): Almanaque Julius, A Coruña: Imprenta e Litografía Roel.

LÓPEZ SOLER, J. (1916): Las coordenadas geográficas y el astrolabio de prisma, Madrid: Imprenta del Ministerio de Marina.

LÓPEZ SOLER, J. (1925): Un viaje intersideral., Madrid: Imprenta del Patronato de Huérfanos de Intendencia e Intervención Militar.

LÓPEZ SOLER, J. (1925): La Hora Geosolar decimal, Madrid: Asociación Española para el Progreso de las Ciencias. Talleres Poligráficos S. A..

LÓPEZ SOLER, J. (1944): Descripción de los astrolabios de Alfonso X y árabe, Las Ciencias, 3.


Sobre Cálculo:

LÓPEZ SOLER, J. (1917): Escalas Gráficas de Cálculo, Madrid: Talleres del Depósito de la Guerra.

LÓPEZ SOLER, J. (1918): Gráficos de cálculo Julius, Madrid: Imprenta J. Cosano, suc. de R. F. de Rojas.


Sobre Xeografía-Etnografía:

LÓPEZ SOLER, J. (1920): Los Pirineos Centrales, Madrid: Publicaciones de la Real Sociedad Geográfica. Patronato de Huérfanos de Intendencia e Intervención Militar.

LÓPEZ SOLER, J. (1922): De Madrid al Teide, Madrid: Imprenta del Patronato de Huérfanos de Intendencia e Intervención Militar.

LÓPEZ SOLER, J. (1926): Las Mariñas, Madrid: Publicaciones de la Real Sociedad Geográfica. Imprenta del Patronato de Huérfanos de Intendencia e Intervención Militares.

LÓPEZ SOLER, J. (1931): Los Hórreos gallegos. Primera parte: De La Coruña a Santa Marta de Ortigueira. Segunda parte: Los hórreos de las cuatro provincias gallegas, Sociedad Española de Antropología, Etnografía y Prehistoria. Actas y Memorias, X, Cuaderno 1º - 2º; p. 97-161.

LÓPEZ SOLER, J. (1932): Representación de Galicia y sus alfoces en la cartografía, Madrid: Asociación Española para el Progeso de las Ciencias. Huelves y Compañía.

LÓPEZ SOLER, J. (1936): Ensayo de la distribución del territorio y de la población rural de Galicia, Las Ciencias, 1.

LÓPEZ SOLER, J. (1943): Peregrinaciones-Caminos peregrinos. Santiago de Compostela, Madrid: Publicaciones de la Real Sociedad Geográfica. Serie B. Número 134. S. Aguirre, Impresor.

LÓPEZ SOLER, J. (1950): Influencia del movimiento nacional sobre la densidad de la población en Galicia, Associacião Portuguesa para o Progesso das Ciencias, t. III. 2ª Secçao. Lisboa.

LÓPEZ SOLER, J. (1954): El Carro Mariñán, Madrid: Publicaciones de la Real Sociedad Geográfica. S. Aguirre, Impresor.


Outras publicacións:

LÓPEZ SOLER, J. (1906): La Isla de Tenerife. Su descripción General y Topográfica, Madrid: Establecimiento Tipográfico «EL TRABAJO».

LÓPEZ SOLER, J. (1907): Movilización y maniobras efectuadas en Galicia en el otoño de 1907, Madrid: Publicaciones de la Revista Técnica de Infantería y Caballería. Establecimiento Tipográfico «EL TRABAJO».


No Diccionario Bio-Bibliográfico de Escritores de Antonio Couceiro Freijomil, cítanse asimesmo os traballos:

Un eclipse de Sol (1907).

El cometa Halley (1910).

Hebdomedario mecánico JuLiuS (1922).

Tres vistas de La Coruña (1931).

El objetivo fotográfico. Velocidad de las radiaciones luminosas.

Gráfico Taquimétrico.


Bibliografía secundaria:

COUCEIRO FREIJOMIL, A. (1952): Diccionario Bio-Bibliográfico de Escritores, Santiago: Ed. de los Bibliófilos Gallegos; v. II, p. 325-326.

Enciclopedia Universal Ilustrada Europeo Americana, Madrid: ESPASA-CALPE S.A. Apéndice v. 6, p.1291. COP. 1932.

Gran Enciclopedia Gallega, Gijón: Silverio Cañada; t. XIX, p. 165-166.

ESCRIBANO RÓDENAS, Mª del C. (2007): Juan López Soler, La Gaceta de la RSME, v. 10.2, p. 515-543.