culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Ramón Pérez Costales

Un médico altruísta que foi ministro da I República e creador do primeiro centro de vacinación animal e humana en Galicia

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fraga Vázquez, Xosé A.
  • Data de alta: 31/10/2013

Extras de Ramón Pérez Costales: 

Extras sobre Ramón Pérez Costales:

Galeria


Retrato de Ramón Pérez Costales (1897), obra de Joaquín Vaamonde Cornide. Museo de Belas Artes da Coruña.
PerezCostales_2_web.jpg
PerezCostales_2_web.jpg

Como citar esta páxina:

  • Fraga Vázquez, Xosé A. ([2013], “Ramón Pérez Costales”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 30/03/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=481
Untitled Document

Retrato de Ramón Pérez Costales (1897), obra de Joaquín Vaamonde Cornide. Museo de Belas Artes da Coruña.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Oviedo 1832
  • Falecemento: A Coruña 1911
Médico e político moi popular na Coruña da segunda metade do século XIX. A súa amiga Emilia Pardo Bazán dicía que se trataba dun «Hombre de ciencia ante todo y sobre todo […] si residiese en París colocado a la altura de Charcot…» (Pardo Bazán, 1887: X). A escritora inspirouse nel para construír o personaxe do Dr. Moragas na novela La piedra angular (1891), nome que hoxe leva unha rúa herculina.

Durante décadas foi unha referencia básica do republicanismo coruñés. Salientou como orador e impulsor de múltiples iniciativas culturais e filantrópicas. Costeou cos seus propios recursos unha escola para probes, colaborou na creación da Cocina Económica e exerceu o seu labor médico con grande xenerosidade. Participou activamente na constitución e desenvolvemento do Ateneo Científico, Literario y Artístico de La Coruña, impulsado por profesionais liberais desde xaneiro de 1858 (Barreiro Fernández, 1986: 335). Tamén formou parte do grupo promotor da Sociedad del Folklore Gallego. Polo seu labor a prol da que sería Real Academia Galega foi nomeado académico de honra desa institución o 1 de xaneiro de 1906.

Á marxe da súa produción política e médica, publicou numerosos artigos na prensa local e nalgunha revista (por exemplo, en Galicia moderna), e diversos textos literarios, con máis afán que mérito. Gustaba da poesía e deu á luz poemas en El Señor Juan (Pérez Costales, 1883) e Perucho (Pérez Costales, 1887), e unha obra teatral, La Cocina Económica (Pérez Costales, 1890), que foi representada no Teatro Principal (actual Rosalía de Castro).

Casou con Petra Tilve e, á morte desta, con Delfina Bresson y Taibo, que era a nai de Josefa Lenhard Bresson, muller do fillo natural de Costales, Modesto Castilla Casal, pais da neta de Costales, María Castilla Lenhard (Hernández Segura, 2001: 211). Cualificado como o mecenas coruñés de Picasso, mantivo unha intensa relación coa familia Ruiz Picasso, veciños e amigos na estadía coruñesa (1891-1895), debida á praza que obtivo José Ruiz Blasco como profesor na Escola de Bellas Artes local. Costales animou ao neno Pablo nos seus primeiros pasos na pintura. Pagáballe polos debuxos que este facía e axudoulle na realización da primeira exposición do artista, quen en 1895 fíxolle un retrato que o pintor gardou sempre na súa colección privada. No ano 2012, na sala Christie's, pagáronse 2,6 millóns de euros por un óleo de Picasso, un retrato de Modesto Castilla, o fillo de Costales disfrazado de moro (1895).

Asemade, actuou como médico da familia, asistíndoa nun momento especialmente tráxico, a morte aos sete anos de Conchita, irmá de Pablo Picasso. O pai chamouno con urxencia o 8 de xaneiro de 1895 (Ventureira, R. & Pardo, E., com. pers.), porén o médico non puido facer nada pola vida da nena, que faleceu o 10 de xaneiro. Conchita estaba enferma de difteria e nese momento non se dispuña na Coruña de soro antidiftérico. Uns días despois, o 23 de xaneiro, chegarían ás mans de Costales cinco frascos co desexado soro (Costales en La Voz de Galicia, A Coruña, 12-3-1895).

A relación coa familia Ruiz Picasso era tan intensa que cando esta deixa A Coruña, en abril de 1895, Costales acompáñaos, alegando motivos de saúde. Regresou á cidade herculina en xuño de 1897, porén desde esa data desenvolveu escasa actividade. En 1902 a doenza que tiña derivou nunha hemiplexía e conseguinte parálise. Á súa morte o Casino republicano puxo “colgaduras negras e crespóns” na fachada. O enterro foi multitudinario, con notable asistencia popular, de numerosas autoridades e de figuras da vida local.

Formación e itinerario profesional

Ramón Robustiano Pérez Costales iniciou os estudos do Bacharelato en Filosofía no Instituto de Toledo, continuándoos na Universidade de Oviedo. O 15 de outubro de 1846, co pai residindo na Coruña, solicitou matricularse en 5º curso na Universidade de Santiago, onde acadou o grao de Bacharel en Filosofía o 9 de xuño de 1847. No curso 1847-48 iniciou os estudos de Medicina na universidade compostelá, obtendo o grao de Bacharel en Medicina e Cirurxía o 5 de xuño de 1852. No camiño cara a licenciatura estudou o 6º curso en Compostela, pero ao seguinte, 1853-54, trasladou a matrícula para a Universidade de Madrid, se ben volveu no mesmo curso, por petición realizada o 17 de abril de 1854. Licenciouse en Medicina e Cirurxía en Santiago o 21 de xuño de 1854. Bo estudante, no curso 1853-54, o 7º, o Tribunal de Exame agasallouno co libro Repertorio médico extranjero, por seren o alumno máis sobresaínte do curso.

Segundo Emilia Pardo Bazán, como estudante «fue el más revoltoso, travieso y de regocijado humor que vieron las aulas compostelanas y madrileñas» (Pardo Bazán, 1887: XII). En Compostela coincidiu e estableceu relación co popular poeta Aurelio Aguirre, quen o 18 de abril de 1853, lle escribiu un poema, “El poeta”, no Álbum persoal de Costales (o exemplar conservase no Museo Nacional del Romanticismo, Madrid, signatura R 41910; pódese consultar nun dos extras adxuntos a esta biografía). Tamén escribiron outros, como Saturnino Álvarez Bugallal, que sería ministro de Gracia y Justicia, Domingo Camino, curmán do poeta Alberto Camino, e Luis Olivares. Nestes amigos dáse a coincidencia de que formaron parte do Liceo de la Juventud compostelán, fundado en 1847, ao que tamén pertencían Eduardo Pondal, Rosalia de Castro, Manuel Murguía, Luis Rodríguez Seoane, etc., mozos en xeral progresistas e preocupados polo país. Costales mantivo relación con eles e podería ter formado parte do Liceo. Manuel Murguía escribiría unha necrolóxica á súa morte (Murguía, 1911).

No seu expediente militar consta que en decembro de 1855 inscribiuse na Subdelegación de Medicina y Cirugía de Talavera de la Reina, polo que debeu iniciar o exercicio profesional alí, o que encaixa co feito de que o 10 de marzo de 1858 asinara un artigo (Pérez Costales, 1858) en Santa Olalla, municipio próximo a Talavera. Esa estancia na provincia de Toledo, onde, como vimos, iniciou os estudos de Bacharel en Filosofía, podería estar relacionada co residencia na mesma (en Talavera) dalgún parente. Por outra banda, cando para opositar á praza de Sanidade solicitou ao Concello coruñés un documento acreditativo de empadroamento, aparece como “profesor de ciencias médicas” e que era veciño da cidade desde 1859, se ben xa estaba inscrito na Subdelegación de Medicina y Cirugía de A Coruña desde setembro de 1858. Semella que Costales veu para Coruña en 1846 polo traslado do pai, pero pasou a residir en Santiago (na Algalia e na rúa do Hórreo), mentras cursou os estudos de Filosofía e Medicina. Nese sentido, a volta á cidade herculina acontecería a fins de 1858. En 1859 hai constancia da súa participación nunha sociedade cultural, e na cidade herculina permanecería, pois, exercendo a medicina privada ata agosto de 1861.

En todo caso, o que a documentación militar confirma é que ingresou en agosto de 1861 por oposición no Exército, como segundo axudante médico e ascendeu en xullo de 1865 a primeiro axudante médico. Estivo destinado no 2º Batallón do Rexemento de Infantería de Cuenca e no Escuadrón de Cazadores de Galicia. Tivo diversas residencias, pero basicamente viviu en Coruña. Cando en 1865 ascendeu tiña que trasladarse a Cartaxena, pois alí estaba nese momento a guarnición do Rexemento de Infantería de Cuenca. Presentou un escrito argumentando que non podía abandonar A Coruña, pois debía coidar do seu pai, e solicitou a baixa no Exército. O 11 de outubro de 1865 foi «separado del servicio por Resolución de 30 de Setiembre del mismo año». Na decisión de deixar a milicia puido influír a publicación dos seus primeiros traballos, descoñecidos, Memoria sobre los Hospitales Militares e Reglamento de exenciones, que foron obxecto de críticas entre os militares, o que «unido a su creciente espíritu anrtimilitarista, contribuye a su decisión de abandonar la sanidad militar» (Moreno González, 1974: 187).

Política

Costales mantivo ao longo da súa vida un claro compromiso político cos ideais republicanos. Xa en 1866 participou na conxura para derrocar a Isabel II. A derrota da iniciativa, e a conseguinte represión, obrigárono a fuxir e agacharse en Portugal (Porto). Co trunfo da revolución, en setembro de 1868, volveu á cidade herculina, formando parte dos Voluntarios de la Libertad (Hernández Segura, 2001). Desde esas datas ata o remate do século foi a figura republicana máis salientable en A Coruña e unha das máis relevantes de Galicia. Unha longa traxectoria non exenta de vacilacións, xa que, como apunta o profesor Barreiro, foi «muy contradictorio en sus planteamientos ideológicos» (Barreiro Fernández, 1986: 480).

No sexenio identificouse co republicanismo federal (Moreno González, 1978) e espallou por toda Galicia as ideas de Pi i Margall. A escritora Emilia Pardo Bazán, con un ton crítico e condescendente, fixo referencia a esa militancia: «La idea federativa, que no quiero calificar aquí por no darle una desazón al Sr. Costales, jamás tuvo adalid más resuelto» (Pardo Bazán, 1887: XI).

Acadou sona popular como autor de diversas follas de propaganda e pola carta que lle remitiu, o 28 de novembro de 1868, ao Capitán Xeneral, Cándido Pieltain, respondendo a outra que este dirixira ao pobo recomendándolle que non se deixara enganar por ideas políticas «soñadoras», en alusión aos republicanos (González Catoyra, 1990: 506). Tamén publicou folletos políticos: La verdad a las aldeas (Pérez Costales, 1869a) e Apuntes para la historia (Pérez Costales, 1869b). Manifestábase favorable á eliminación das quintas, dos foros, da pena de morte e do imposto de consumos e a prol do voto por sufraxio universal e da redución de prezo de produtos estancados.

Xogou un papel protagonista na sinatura, o 18 de xullo de 1869, do Pacto federal galaico-asturiano. En 1872 dirixiu a revista La Lucha Electoral (Hernández Segura, 2001) e saíu elixido deputado en abril de 1872 e en diversas lexislaturas posteriores. Co gallo da visita do novo Rei Amadeo de Saboya á Coruña (19 de agosto de 1872), publicou dúas follas que acadaron grande popularidade, a primeira o día 18: Ramón Pérez Costales a Don Amadeo, elegido rey de España por ciento noventa y un diputados de las Cortes Constituyentes(González Catoyra, 1990: 506). Cualificábao de estranxeiro e afirmaba o carácter republicano da cidade: «Estáis, pues, rey Amadeo en país enemigo»; e remataba: «Si la mayoría de los pueblos de España envía representantes como el de La Coruña, las Cortes serán republicanas y estáis destronado y perderéis vuestra corona, rey Amadeo» (Barreiro Fernández, 1986: 393). O outro escrito levaba por título Un gobernador y un alcalde por dos cuartos, unha crítica á xestión do Gobernador e do Alcalde, que era o seu correlixionario, Federico Tapia, o que o levaría a un enfrontamento que durou toda a vida.

En 1872 foi protagonista dun episodio político de certa transcendencia. Ata ese momento o proletariado consciente consideraba aos republicano-federais como a súa alternativa política, porén o espallamento das propostas da 1ª Internacional e certos acontecementos, provocaron un soado enfrontamento, no que Costales estivo en primeiro plano (Moreno González, 1978). En agosto dese ano un grupo de obreiros próximos á Internacional recrimínanlle en público a decisión de suspender as consultas que facía gratis, decisión que Costales xustificaba polos abusos que se daban da súa boa fe. O asunto incluíu golpes e unha notable campaña de desprestixio e apoio a Costales (Barreiro Fernández, 1986; 2001). Os feitos marcaron unha nova etapa para o futuro político do movemento obreiro, na liña da súa auto organización.

En 1873 presentou nas Cortes da I República a primeira proposta de Estatuto de Galicia, do alcalde federal de Santiago de Compostela José Sánchez Villamarín. O 11 de xuño Pi i Margall asumiu a presidencia da República e o 28 nomeou a Costales ministro de Fomento. No escaso período da súa xestión, pois cesou o 18 de xullo pola renuncia de Pi i Margall ao cargo, asinou catro decretos, entre eles a creación das “Cátedras de Estética Aplicada a las Artes del Diseño y Estética Aplicada a la Música y a la Literatura Musical”. Despois do golpe de Estado de Pavía tivo que volver ao exilio.

Os republicanos federais tentarían, de novo, a elaboración dun proxecto de Constitución para o Estado Galaico, que foi aprobado pola primeira Asemblea federal galega celebrada en 1886 na Coruña, que elixiu unha Executiva con Moreno Barcia como presidente e outros catro membros máis, un por cada provincia, sendo designado Pérez Costales en representación de A Coruña. Tamén participou ese ano na creación do Casino Republicano na cidade herculina. O enfrontamento con Federico Tapia e o ascenso de Moreno Barcia deixaron a Costales nun segundo plano do federalismo galego e decidiu lanzar unha plataforma política chamada La Unión Republicana de Galicia, de escaso éxito.

Concelleiro na Coruña, participou activamente en 1893 no movemento cidadán contrario ao traslado da Capitanía Xeral a León. Formou parte da Junta de Defensa oposta ao cambio e foi detido con outros membros da mesma.

Actividade e obra médica

Cando a súa intensa vida política llo permitiu, Costales desenvolveu un interesante labor médico. Xunto co exercicio da medicina privada e as intervencións en Sanidad Militar publicou varios traballos e acometeu valiosos proxectos.

O máis relevante da súa obra médica escrita concéntrase en dous anos, ao remate da década dos cincuenta. Cando exercía na provincia de Toledo publicou un artigo no prestixioso xornal El Siglo Médico: “Aborto; hemorragia consecutiva que dejó exangüe a la paciente; ventajosos efectos del uso del vino; cólico ocurrido en la convalecencia que acabó por la muerte; reflexiones sobre este caso” (Pérez Costales, 1858). En primeiro lugar explica o caso dunha paciente, unha muller de 35 anos, que sufriu un aborto clínico cun feto de dous meses, que tivo como consecuencia unha abundante e preocupante hemorraxia. Tras diversas medidas terapéuticas, Costales conta que recourreu ao viño, que tivo un efecto moi positivo, ao «imprimir a todos los órganos la resistencia vital», nun momento no que a paciente parecía que morría, polo que recomenda o seu uso para casos similares. Tamén discute a utilización de cornezuelo do centeo, ao que lle ve aspectos positivos e negativos. Asemade, comenta o caso doutra paciente, que rematou en morte.

No Ateneo Científico, Literario y Artístico de La Coruña desenvolvíanse debates sobre temas de actualidade. Un dos primeiros a discusión foi o relativo ao papel da muller na sociedade moderna, concretamente: ¿Es la educación de la mujer uno de los elementos necesarios para la prosperidad de una nación?, con intervencións públicas que posteriormente foron reproducidas por El Ateneo. Periódico de intereses materiales, ciencias, artes y literatura. O catedrático de inglés da Escola de Comercio local, Antonio García Fuertes, defendeu a igualdade da muller cos homes en canto á capacidade intelectual e demandou unha formación axeitada (García Fuertes, 1859), posición que foi rexeitada por Costales (Pérez Costales, 1859), que pretendía establecer a súa postura tomando como base a ciencia e a medicina, razón pola cal incluímos neste apartado esa intervención.

Costales recorreu á fisioloxía para, como sucedeu en moitas ocasións ao longo da historia, utilizar de forma espuria a ciencia e tentar probar que «El cultivo y estudio de las ciencias no está en armonía ni con la organización de la mujer, ni con el objeto final que la naturaleza se propuso al crearla». A intervención transcorre polos tópicos habituais das posicións machistas que dominaban na época. Diferencia a muller como albergue, de xeito “natural”, dos sentimentos e a tenrura fronte ao home, berce da forza física e da razón, e inclúe comentarios infundados sobre diferencias canto o cerebro masculino e feminino. Polo tanto, defende que as mulleres deben ficar lonxe do estudo, facendo referencia ao negativo que resultaría que as mans dunha muller, «hechas para las caricias», participaran, «sucias y ensangrentadas», en operacións médicas.

No mesmo ano de 1859 Costales realizou a súa principal contribución á literatura médica, a tradución do Tratado teórico y práctico de auscultación obstétrica, do salientable médico francés Jean Anne Henri DePaul, cuxo orixinal fora publicado en 1847 (DePaul, 1847). Un extenso tratado de 317 páxinas e 12 gravados, editado na Coruña. A obra, que tivo unha distribución peculiar, moi limitada, foi cualificada polo máximo experto en bibliografía médica do período como a «más relevante de Galicia durante el siglo XIX, tanto por la trascendencia de la obra, como de su autor» (González Guitián, 2008: 140). DePaul (1811-1883) foi xefe do l'Hôpital des cliniques en París, cirurxián en l´Hôpital des enfants, profesor de clínica de Obstetricia na Facultade de Medicina. Napoleón III concedeulle categoría de nobre, polo que o seu apelido pasou de ser Paul a De Paul, tamén escrito DePaul ou Depaul. Salientable figura da Obstetricia, formou a numerosos especialistas, entre eles a Pierre Budin (1846-1907), recoñecido como o pai das “clínicas para lactantes”.

No libro, documento de referencia sobre a auscultación fetal durante décadas, DePaul desenvolve as posibilidades da auscultación obstétrica como método de seguimento do embarazo e do parto e describe un estetoscopio obstétrico creado por el. O estetoscopio xeral fora inventado por René Laënnec (1781-1826), figura da medicina francesa e universal, autor de De l’auscultation médiate (1819). A obra deste médico consolidou o método anátomo-clínico, que desenvolveu a denominada Escola de París. Desde esa innovadora perspectiva, a lesión estrutural acadou o máximo protagonismo á hora de estudar as enfermidades. Nese sentido, Laënnec recorreu á auscultación como unha vía para acceder aos signos lesionais. Polo tanto, o texto de DePaul que Costales poñía a disposición dos especialistas destas latitudes supoñía unha relevante contribución modernizadora, sobre todo se temos en conta que na principal institución académica galega do momento, a Universidade de Santiago, o profesorado, da man de José Varela de Montes e José Andrey, mantíñase á marxe da proposta anátomo-clínica (García Guerra, 1998) e defendía anacrónicos sistemas médicos.

Por outra banda, Costales participou activamente, en 1894, na creación do Colegio Médico coruñés. Formou, cos médicos Gomar, Fraga e Teijeiro, a comisión encargada da redacción do regulamento da nova institución e foi o primeiro en ocupar a presidencia.

A creación do Instituto de vacinación

Na alcaldía de Bruno Herce (1875-1879), Costales acadou licenza para aproveitar pedra do derribo das murallas e construíu así unha Escuela de Párvulos que «generosamente cedía a la ciudad» (Barreiro Fernández, 1986: 393). Situada na rúa Teresa Herrera, atendía a nenos probes e desatendidos, de entre 3 a 7 anos.

En 1882, no mesmo edificio da Escuela creou un Instituto de vacinación que, co nome de Instituto de Vacunación, Escuela de Párvulos de D. R. Pérez Costales, funcionou uns once anos. O centro abriu en abril e atendía á vacinación animal e humana, sendo o primeiro do seu tipo en Galicia. No xornal El Telegrama, de 10 de abril, anunciaba que «El martes 11 del actual de once a doce de la mañana y en el patio cubierto de la escuela de párvulos, propiedad del Director de este instituto, se vacuna directamente a la ternera que inoculada con el cow-pox de la Gironde llegó de Burdeos el día 7 en el vapor “Equateur”». E, engade: «Todos los días a las mismas horas se vacuna con tuvos (sic) del nuevo cow-pox, y se reciben avisos para la vacunación a domicilio». O cow pox era o nome co que denominaba á varíola bovina; o contacto con ela infectaba aos humanos pero os inmunizaba. Para fins terapéuticos era importante manter fornecemento de linfa, de liquido de cow pox. Costales ofrecía a posibilidade de que, «Las personas que prefieran vacunarse directamente de la res, deberán enterarse en el mismo local de los días en que cada semana podrán lograrlo, que son aquellos en que se traspasa la linfa de un animal a otro». O carácter filantrópico estaba presente: o 12 dese mes xa anuncia que o mércores 13, ás 4 do serán, «se vacuna gratis a los pobres». Posteriormente foi adaptando o programa anunciado, pero mantendo os seus elementos centrais.

Un mes despois da apertura, concretamente o 12 de maio de 1882, recibiu a unha serie de invitados aos que deu a coñecer o Instituto. Asistiu unha delegación da Deputación provincial, con Linares Rivas, un grupo de médicos, persoas salientables da sociedade local, amigos e representantes de diversos medios: El Clamor de Galicia, El Diario de Avisos, Las Noticias, La Voz de Galicia e El Telegrama. Visitaron as dependencias nas que se atendían aos párvulos, 130 nenos, e os departamentos de vacinación. Houbo varias intervencións e leuse un poema en honor do altruísmo de Costales. Ese mesmo día, nas páxinas de El Telegrama aparece, na sección Editorial, un artigo: “El Instituto de vacunación de La Coruña”. Explican a novidade do proxecto e como Costales estableceu contacto con Burdeos, onde tivera lugar un caso de cow-pox espontáneo, propiciando a inoculación a unha tenreira e desta a outras. Tamén no mesmo medio se publicaría un texto de Costales: “Instrucciones para practicar la vacunación, publicadas por acuerdo de la Excelentísima Diputación provincial de la Coruña”.

O perigo da varíola continuou presente. En La Voz de Galicia de 4 de febreiro de 1888 dise que «El gobernador civil de La Coruña ha pedido tubos de vacuna al Instituto Costales para remitir al Ayuntamiento de Santa Comba, por haber ocurrido en aquel distrito varios casos de viruela». E Costales ofreceu as instalacións do seu Instituto para hospitalizar aos posibles afectados. En 1894, o 31 de outubro, como presidente do Colexio médico local, mandou un amplo informe ao Alcalde, detallando as medidas a tomar fronte unha posible epidemia. Nel afirmaba que «Las epidemias de viruela se previenen, Excmo. Señor, cuando se toman como el caso actual, con la punta de la lanceta; y se combaten y se yugulan cuando se desarrollan, lo que Dios aquí no permita, vacunando y revacunando».

A fins de século a difteria era unha doenza cunha elevada e terrible incidencia entre a nenez. Emile Roux (1853-1933), do Institut Pasteur, descubriu o soro antidiftérico, que pasou a ser obxecto de demanda por médicos de todo o mundo. Xa vimos como o atraso na chegada do soro provocou a morte de Conchita Ruiz Blasco. Por iso, un aspecto básico do funcionamento do Instituto residía na capacidade do seu director para acadar as doses precisas, para o que tiña que recorrer a contactos en capitais europeas, como explicaba o médico, no caso citado, en La Voz de Galicia do 12 de marzo de 1895: «A costa de ruegos, súplicas y empeños pudo un querido amigo obtener del instituto Pasteur tres frascos de suero, y otro con mil dificultades proporcionarme dos».

A xenerosidade e espírito de servizo aos cidadáns caracterizaron a unha serie de médicos do período, entre os que figuraban algúns que, como Costales, mantiñan un firme compromiso republicano e unha sólida relación de amizade. Xunto a José Rodriguez (“o médico Rodríguez”), cómpre sinalar a Feliciano Salgado e Santiago de la Iglesia Santos.



Bibliografía:




Fontes documentais:

Ramón Pérez Costales, Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela (AHUS), cartafol 1055/expediente nº 29.

Ramón Pérez Costales, sección Celéb., cartafol P. 1818; Caixa 130, expediente 15, Archivo General Militar de Segovia.

Fondo Ayuntamiento de A Coruña. Sanidad, 1894 y 1895: Expedientes acerca de las medidas adoptadas con motivo de algunos casos de viruela ocurridos en esta capital. C-1501 (13), Arquivo Municipal de A Coruña.


Fontes impresas:

PÉREZ COSTALES, R. (1858): El Siglo Médico, p. 100-101.

PÉREZ COSTALES, R. (1859): Discurso pronunciado por Don Ramón Costales en sesión pública en el Ateneo de La Coruña. Contestando al de don Antonio García Fuertes, inserto en nuestro primer número, El Ateneo, 3: 1-3; 4: 1-3. A Coruña.

PÉREZ COSTALES, R. (1869a): La Verdad a las aldeas: folleto republicano, Coruña: Hospicio.

PÉREZ COSTALES, R. (1869b): Apuntes para la historia: folleto republicano., Coruña: Librería y Encuadernación de Abad.

PÉREZ COSTALES, R. (1883): El Señor Juan, A Coruña: F. Lumbreras.

PÉREZ COSTALES, R. (1887): Perucho. Poema en seis actos, La Coruña: Andrés Martínez.

PÉREZ COSTALES, R. (1890): La cocina económica: apropósito dramático en un acto y en verso, La Coruña: Imp. y Pap. de Puga.


Tradución:

DE PAUL, J.A.H. (1859): Tratado teórico y práctico de auscultación obstétrica por...traducido y anotado por D. Ramón Costales, La Coruña: Imp. Castor Míguez.


Bibliografía secundaria:

BARREIRO FERNÁNDEZ, X. R. (1986): Historia de la ciudad de La Coruña, La Coruña: Biblioteca Gallega.

BARREIRO FERNÁNDEZ, X. R (2001): El republicanismo coruñés del siglo XIX. Mito y realidad histórica, El republicanismo coruñés en la historia, A Coruña: Ayuntamiento de La Coruña, Alba Gráfica; p. 55-79.

DePAUL, J. A. H. (1847): Traité théorique et pratique d'auscultation obstétricale, París: Labé.

FRAGA VÁZQUEZ, X.A. (1988): Notas sobre a incidencia do microscopio nunha sociedad local (A Coruña, 1885-1890), Revista del Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, año 24, p. 73-87.

GARCÍA FUERTES, A. (1859): Discurso pronunciado en sesión pública en el Ateneo de esta ciudad por Don Antonio García Fuertes, catedrático de idioma inglés de la Escuela de Comercio de la misma, El Ateneo, 1: 1-3. A Coruña.

GARCÍA GUERRA, D. (1998): La Facultad de Medicina de Santiago, José Danón (coord.), La enseñanza de la medicina en la universidad española, Barcelona: Fundación Uriach; p. 129-147.

GONZÁLEZ CATOYRA, A. (1990): Biografías coruñesas, A Coruña: Fundación Caixa Galicia.

GONZÁLEZ GUITIÁN, C. (2008): Bibliografía Médica Gallega del siglo XIX, Valencia: Universitat.

HERNÁNDEZ SEGURA, A. (2001): D. Ramón Pérez Costales. Apuntes para un ensayo, El republicanismo corués en la historia, A Coruña, Ayuntamiento de La Coruña, Alba Gráfica, p. 207-214.

MORENO GONZÁLEZ, X. (1974): Pérez Costales, Ramón, Gran Enciclipedia Gallega, Santiago: Ed. Silverio Cañada; T. 24: 187-189.

MORENO GONZÁLEZ, X. (1978): El federalismo gallego en el sexenio 1868-1874, Santiago de Compostela: Tese de Licenciatura, Facultade de Xeografía e Historia.

MURGUÍA, M. (1911): D. Ramón Pérez Costales, Boletín da Real Academia Galega, 43: 170-172.

PARDO BAZÁN, E. (1887): Prólogo, Pérez Costales, R. (1887), Perucho. Poema en seis actos, La Coruña: Andrés Martínez, p. X-XVI.

PARDO BAZÁN, E. (1891): La piedra angular, Madrid: Imprenta de A. Pérez Dubrull.

RENNER, C. (2009): Évolution du stéthoscope de Laennec à Cammann, Histoire des Sciences Médicales, XLIII, 4: 407-416.

VV.AA.: (2011): El Tiempo Coruñés. Periódico de Arte y Cultura, n. 6, A Coruña: Asociación Pablo Picasso.

VENTUREIRA, R. & PARDO, E. (2012): Conchita, la hermana de Picasso: luz sobre un misterio, El cementerio de San Amaro. Memoria de dos siglos, A Coruña: Ayuntamiento de A Coruña / Fundación Emalcsa.