culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Francisco Giral González

A corta estadía na USC dun científico exiliado que atopou en México outra oportunidade

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fraga Vázquez, Xosé A.
  • Data de alta: 22/11/2013

Extras sobre Francisco Giral González:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Fraga Vázquez, Xosé A. ([2013], “Francisco Giral González”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 05/12/2023] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=488
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Salamanca 1911
  • Falecemento: México D.F. 2002
Francisco Giral permaneceu como docente da Universidade de Santiago de Compostela (USC) só uns meses do ano 1936. A Guerra Civil levouno a un longo exilio científico. Daquela as causas foron políticas, con guerra e persecución incluídas. No seu camiño atoparía unha solidariedade que sempre agradeceu: “Nunca nos cansaremos de reiterar la gratitud a México por su sensacional ayuda” (Giral, 1994: 14).

Formación

Miguel Catalán iniciouno na química e física no bacharelato. Estudou Química e Farmacia na Universidade de Madrid, período no que foi membro activo da Federación Universitaria Escolar. Alumno de Enrique Moles na Universidade Central, formouse con Antonio Madinaveitia Tabuyo, catedrático de Química Orgánica na Facultade de Farmacia, quen colaboraba coa Junta para Ampliación de Estudios (JAE) dirixindo o laboratorio de Química desta institución, localizado na Residencia de Estudiantes. Madinaveitia tivera como mestre, en Zürich e Berlín, a Richard Willstätter, premio Nobel de Química de 1915. Giral tamén sinala como mestre ao seu pai, José Giral Pereira, catedrático de Química Orgánica de Salamanca e Madrid, reitor da Universidade Central, que sería ministro e Presidente do Consello de Ministros da II República.

Asistiu, entre os anos 1931 e 1934, á Residencia de Estudiantes, onde traballou no Laboratorio de Química Orgánica de Madinaveitia e no de Histoloxía de Pío del Río-Hortega. Nese período comezou a publicar, especialmente nos Anales de la Sociedad Española de Física y Química, acadando o doutorado en 1933.

Desde o principio do seu proceso formativo realizou diversas estadías de estudo e investigación en relevantes centros europeos, o que lle deu a oportunidade de traballar cos mellores especialistas do momento. Cunha bolsa da Universidade de Madrid acudiu a estudar con Weiland, en Múnic, e con Kuhn, en Heidelberg. Posteriormente, cunha bolsa da JAE, foi a Cook (Reino Unido) e a Alemaña, onde estivo dous anos traballando no Kaiser Wilhelm Institut für Medizinische Forschung, de Heidelberg (actual Institut Max Planck), baixo a dirección de Kuhn. Richard Kuhn era discípulo de Willstätter, mestre de Madinaveitia, quen debeu favorecer o contacto. Giral publicaría catro traballos en alemán con Kuhn, especialista no estudo químico das vitaminas, quen acadaría o Premio Nobel de Química en 1938.

Paso pola USC

En febreiro de 1936 obtivo por oposición a cátedra de Química Orgánica aplicada á Farmacia na Facultade de Farmacia da USC. Con vintecatro anos, incorporouse á cátedra o 10 de marzo.

A Facultade de Farmacia compostelá vivía, nas primeiras décadas do século XX, un importante proceso de reformas e modernización. Comezara a centuria nunha situación de clara precariedade, escaseza de labor investigador e unha docencia tradicional, baseada no memorismo e afastada do labor práctico. José Deulofeu Poch, catedrático de Química Inorgánica, denunciara ese panorama en diversas ocasións. Unha delas, na memoria Consideraciones acerca de las enseñanza de las Ciencias experimentales… (Deulofeu, 1906); outra, no discurso de inauguración do curso 1914-15, Consideraciones acerca del estado actual de nuestra enseñanza universitaria (Deulofeu, 1914). O decano da Facultade, Antonio Eleizegui, tamén se amosaba partidario de modernizar os estudos de Farmacia e de avanzar no carácter investigador do profesorado. Así o expresou no discurso de inauguración de curso 1906-07, La reorganización de los estudios de Farmacia (Eleizegui, 1906). As novas disposicións, como o plan de estudos de 1900, a dotación de recursos e a acción formativa da JAE, favorecendo a creación dunha nova xeración de profesores con sólida formación experimental, propiciaron unha modificación substancial no precario panorama (Brasa Arias; Sanmartín Míguez & Landín, 2010). Dese xeito, nos anos trinta o panorama mudara substancialmente. Nese contexto, o reitorado de Rodríguez Cadarso contribuíu ao proceso renovador e modernizador. Asemade, a incorporación ao claustro de profesores como Ricardo Montequi, en 1928, ou de Saenz de Buruaga, en 1932, axudou a mellorar o nivel da Facultade.

Nos poucos meses en que formou parte do claustro compostelán Giral amosouse coma un activo e inquedo profesor. Nas tres sesións da Xunta de Facultade ás que asistiu deixou “a súa pegada innovadora (...) chea de demandas a prol de elevar as condicións para a investigación” (Gurriarán, 2006: 468). Solicitou incremento de persoal e medios, propuxo que o laboratorio de Química Inorgánica levara o nome de Montequi e a organización de coloquios.

Residiu no Hotel Compostela, acompañado da súa muller, Petra Barnés, tamén farmacéutica (Domínguez-Gil Hurlé, 2007). A traumática marcha da USC impediu o percorrido profesional de Giral nas aulas e laboratorios composteláns. Probablemente, sería un catedrático de curta estadía, “andoriña”, algo habitual nas universidades de provincias, onde os profesores con aspiracións pasaban breves períodos, á espera da oportunidade en Madrid ou Barcelona. En todo caso, podemos supoñer que os anos que pasara na universidade galega un investigador tan cualificado terían repercutido positivamente no proceso de modernización da súa Facultade.

Guerra Civil e depuración

En xuño de 1936 solicitou unha bolsa para asistir en Lucerna (Suíza) á XII Conferencia da Unión Internacional de Química, da que formaba parte. Alí estaba cando o 18 de xullo se iniciou a sublevación fascista (Gurriarán, 2006). Volveu a Madrid e incorporouse ao Exército Republicano, se ben nalgún momento actuou como secretario do seu pai (Puerto, 2003: 121).

Cando saíu de Santiago, contando coa lóxica volta á cidade ao remate das vacacións do curso escolar, deixou unha das súas maletas na casa do catedrático Tomás Batuecas Marugán (Domínguez-Gil Hurlé, 2007). Porén viñan anos de guerra e persecucións, que en Compostela durarían bastante, favorecendo o que noutras latitudes a escritora Lillian Hellman chamou «Scoundrel time» («Tempo de canallas»). Batuecas era coñecido de Giral, coincidiran na rede formativa da JAE. Catedrático de Química-Física da USC, traballara co grande químico Enrique Moles en relevantes investigacións. Gañou a cátedra de Santiago en 1932 e arrastraba unha fonda decepción pola falta de medios para poder continuar cos seus experimentos. A iso sumouse que en 1934 opositou á praza da Universidade Central pero a levou Miguel Crespí Jaume, auxiliar de Moles. Parece ser que iso lle provocou un cambio de actitude respecto á política de oposicións e da rede que as controlaba (Leonardo, 2013). A frustración medrou coa concesión, en maio de 1935, dun maior apoio económico da Fundación Nacional para Investigaciones Científicas y Ensayos de Reformas (FNICER) ao Laboratorio de Xeoquímica que dirixía o auxiliar Isidro Parga Pondal, que ao seu Laboratorio de Química Física. Por esas razóns ou por as circunstancias do momento, despois da sublevación militar de 1936, o profesor Batuecas comprometeuse co novo réxime, sendo vicerreitor e membro da xunta técnica do Servizo de Guerra Química (Gurriarán, 2006). Decano accidental en setembro de 1939, alertou ao mando militar para que tomaran medidas contra Isidro Parga Pondal, o que levou ao cese e expulsión deste profesor da USC (Leonardo, 2013). En canto a Moles, o mestre de Batuecas, exiliouse en Francia e ao seu regreso en 1942 foi á cadea. Giral non estivo moi acertado ao deixarlle a maleta a Batuecas.

Ademais de Giral, na Facultade de Farmacia da USC varios profesores foron represaliados, por exemplo Carlos Puente e Aniceto Charro. O decano, Antonio Eleizegui, identificouse e comprometeuse co bando fascista, colaborando con este desde a súa posición institucional. Vogal do comité local de Defensa Pasiva fronte os ataques aéreos, participou activamente na asimilación militar do profesorado para constituír o Laboratorio de Farmacia Militar, situado na propia Facultade, figurando el como xefe de sección de preparacións galénicas e farmacéutico 1º (capitán) (Gurriarán, 2006). El e seu sobriño, o director do Laboratorio, Luis Máiz Eleizegui, farmacéutico militar, aproveitaron a situación para expulsar ao Seminario de Estudos Galegos dos locais universitarios co argumento de necesitalos para o Laboratorio militar (Fraga & Gurriarán, 2007). Este Luis Máiz explicaba en 1961 a marcha para o exilio do catedrático Francisco Giral con estas cínicas palabras: “En 1936 salió para el extranjero (Méjico), donde reside actualmente” (Máiz Eleizegui, 1961: 85).

No Exército leal Giral traballaría na fabricación de explosivos e outros produtos químicos aplicados á guerra nunha fábrica de Cocentaina (Alacante) (Gurriarán, 2006: 579), elaborando en 1940 un traballo sobre o tema: "Productos lacrimógenos de aplicación en guerra". Unha tarefa similar á desenvolvida por Enrique Moles, que na guerra foi director xeral de pólvoras e explosivos do goberno republicano, contando coa colaboración do químico Augusto Pérez Vitoria.

Iniciada a guerra, as novas autoridades actuaron con celeridade na represión do profesorado non adicto ao novo Réxime. En agosto de 1936 Giral foi destituído como docente pola autoridade militar. E axiña o novo Réxime puxo en marcha a maquinaria da “depuración” do profesorado. O decreto 66 de 8 novembro de 1936, publicado no BOE o 11 de novembro, creou comisións encargadas dese proceso. Os membros delas eran designados polo presidente da Junta Técnica del Estado a proposta da Comisión de Cultura y Enseñanza, que presidía José María Pemán, que nunha circular de 7 de decembro concretaba o procedemento. As comisións debían elaborar un informe sobre os profesores “depurados”, co prego de cargos e defensa do inculpado, tomando a decisión final a Comisión de Cultura y Enseñanza, na que a presenza de membros de Acción Española, grupo católico de dereitas, era moi notable (Claret Miranda, 2006).

A Comisión depuradora inicial, Comisión A, abriulle un novo proceso a Giral o 19 de decembro. «Desde o Estado Maior da Coruña (negociado do SIM) e o Goberno Civil fanlle a mesma acusación: “De Izquierda Republicana, su aptitud (sic) constante e intransigentemente sectaria”. A Audiencia da Coruña engade que é manifestamente de esquerdas. E o Servicio de Información Militar (SIM) de Burgos: “Digno hijo de su padre, el Ministro del Frente Popular y masón grado 33. No creo haga falta decir más de este sujeto”» (Gurriarán, 2006). O reitor da USC, Felipe Gil Casares, subministrou información e aconsellaba a imposición de forte sanción: «Procede imponerle suspensión indefinida de empleo y sueldo». A Comisión A sintetizou os cargos en dous: «Pertenecer a Izquierda Republicana y mantener una actitud sectaria; masón». A proposta de sanción, separación de servizo, baixa no escalafón e inhabilitación para exercer cargos públicos, foi ratificada pola Comisión de Cultura y Enseñanza, elevada a definitiva pola sinatura de Fidel Dávila, da Junta Técnica de Estado, o 26 de maio de 1937. Tamén sufriu sanción por parte do Tribunal de Responsabilidades Políticas.

Obviamente, as vacantes dos profesores expulsados ofrecían unha excelente oportunidade de promoción profesional a docentes adictos ou “apolíticos”. A cátedra de Giral foi ocupada por Vilariño de Andrés e, en 1940, por Juan García Marquina por oposición (Gurriarán, 2006).

Conta Alfonso Domínguez unha curiosa anécdota. En 1968, cando o catedrático de Farmacoloxía da Facultade de Farmacia da USC José María Calleja cambiou da porta do laboratorio a placa que levaba o nome do seu antecesor, Manuel Gómez Serranillos, comprobou que no reverso figuraba o nome de Francisco Giral. (Domínguez-Gil Hurlé, 2007). Fora reempregada, agachando o pasado.

O exilio mexicano

Coa derrota republicana pasou a Francia, onde foi parar ao campo de refuxiados de Argelés sur Mer. Alí, en marzo de 1939, soubo da chegada a París do Dr. Salvador Zubirán, delegado do Presidente Lázaro Cárdenas para seleccionar exiliados españois que fosen a México para ensinar e investigar. José Giral foi buscar ao seu fillo a Carcasonne e decidiron ir a París a falar con Zubirán. Na entrevista coincidiron no interese de reforzar os estudos de plantas medicinais mexicanas, para o que xurdiu a idea de organizar cursos de Fitoquímica na Escuela de Química de Tacuba da Casa de España; asemade, Giral iría a traballar no Instituto de Salubridad y Enfermedades Tropicales de México DF. Posteriormente desempeñaría o cargo de director do laboratorio de antipalúdicos sintéticos e foi nomeado xerente e director técnico de Química Schering Mexicana, e despois director fundador do laboratorio central de investigación da devandita industria nacional farmacéutica. Tamén traballou para a empresa nacional de petróleos, PEMEX.

Combinou esa actividade privada coa docencia e investigación universitarias, converténdose nunha figura fundamental no desenvolvemento das ciencias farmacéuticas en México. Profesor desde 1940 da Universidade Nacional, foi o científico máis produtivo dos químicos do exilio. Dirixiu máis de 200 teses de licenciatura, mestría e doutorado e publicou un centenar de artigos científicos sobre fitoquímica, esteroides, medicamentos antipalúdicos, vitaminas, química de graxas animais e vexetais, química de insectos, etc. Tamén publicou moitos artigos e folletos de divulgación e máis dunha ducia de libros de textos. Realizou contribucións relevantes na síntese química dos esteroides. Entre as distincións recibidas figuran o doutorado Honoris Causa polas universidades de Lima, Caracas, Sao Paulo, La Habana e a UNAM (México), ademais de diversos premios.

Ese labor científico estivo acompañado dunha importante actividade a prol dos científicos exiliados, desde a secretaría da Unión de Profesores Universitarios en el Extranjero, a colaboración coa salientable revista Ciencia, impulsada desde o exilio español, da que formou parte da secretaría de redacción. No plano político, foi presidente de Acción Republicana Democrática Española (ARDE), partido político fundado en 1960 e que agrupaba a sectores de Izquierda Republicana e de Unión Republicana.

Volta temporal do exilio

Cando, á morte de Franco, iniciouse un novo proceso democrático en España, decidiuse reintegrar ao seu posto aos profesores expulsados polo fascismo. Obviamente, moitos deles morreran ou superaran a idade de xubilación. En 1976, Francisco Giral era un dos poucos que estaba en condicións para recuperar a cátedra usurpada. Dubidou se fácelo, pero «... sentí la obligación histórica de solicitar el reingreso en el escalafón de universidades con la pretensión de dar testimonio de lo que había sido la Universidad del Exilio [...] para información y conocimiento de la juventud española» (Giral, 1994: 9, 326). Só el, e Augusto Pérez Vitoria, catedrático de Química Inorgánica na Universidade de Murcia, puideron reintegrarse.

Intentou acceder a unha universidade madrileña pero foi para Salamanca, onde ocupou a cátedra de Química Farmacéutica. Alí impartiu os catro cursos que lle restaban para a xubilación, se ben o Ministerio de Educación vetouno como candidato a reitor en xaneiro de 1978. Na apertura do curso académico 1980-81 leu o discurso correspondente, que co título Comentarios químico-farmaceúticos a la Historia española en América resumía o aprendido en máis de corenta anos de exilio. En 1981 ingresou na Academia de Medicina de Salamanca cun discurso sobre a evolución da farmacia como profesión sanitaria.

Xubilado, cumprido o deber auto imposto, volveu a México, onde escribiría Ciencia española en el exilio (1939-1989) (Giral, 1994), un novo esforzo por dar testemuño dun magno labor.




Bibliografía:




Fontes impresas:

En GIRAL, F. (1994) figura unha relación da súa produción científica.

GIRAL, F. (1994): Ciencia española en el exilio (1939-1989), Barcelona: Centro de Investigación y Estudios Republicanos & Anthropos.


Bibliografía secundaria:

BRASA ARIAS, B.; SANMARTÍN MÍGUEZ, S. & LANDÍN, M. (2010): Contribución de la Facultad de Farmacia de Santiago de Compostela al desarrollo de la investigación científica española en el primer tercio del siglo XX (1900-1936), Asclepio. Revista de Historia de la Medicina y de la Ciencia, LXII, 1: 93-118.

CLARET MIRANDA, J. (2006): El atroz desmoche. La destrucción de la Universidad española por el franquismo, 1936-1945, Barcelona: Crítica.

DELOFEU, J. (1906): Consideraciones acerca de las enseñanza de las Ciencias experimentales y muy en particular de la Bacteriología, Memoria presentada al Gobierno de S.M. Santiago de Compostela: Tip. Galaica.

DELOFEU, J. (1914): Consideraciones acerca del estado actual de nuestra enseñanza universitaria, Santiago de Compostela: Tip. El Eco de Santiago.

DOMÍNGUEZ-GIL HURLÉ, A. (2007): Dos historias singulares: Francisco Giral González y Rafael Cadórniga Carro, De Pharmaceutica Scientia.150 años de la Facultad de Farmacia (1857-2007), Santiago de Compostela: Universidade; p. 367-368.

ELEIZEGUI LÓPEZ, A. (1906): La reorganización de los estudios de Farmacia. Discurso leído en la inauguración del Curso 1906-07, Santiago de Compostela: Imprenta Paredes.

FRAGA, X. A. & GURRIARÁN, R. (2007): Redes de coñecemento. A Junta para Ampliación de Estudios e a ciencia en Galicia, Navarra: CSIC.

GURRIARÁN, R. (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Santiago de Compostela: Universidade.

LEONARDO DOCANTO, F. J. (2013): Isidro Parga Pondal. Doutor en Cencias. Itinerario investigador, Tese de doutoramento, inédita.

MÁIZ ELEIZEGUI, L. (1961): Historia de la Enseñanza de Farmacia en Santiago (Cien años de vida de la Facultad) 1857-1957, A Coruña: Imprenta Moret.

PUERTO, J. (2003): Giral: el domador de tormentas, Madrid: Ediciones Corona Bolearis.