culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Octavio Lois Amado

Un salientable “amante del progreso”, interesado pola ciencia

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fraga Vázquez, Xosé A.
  • Data de alta: 08/12/2013

Extras de Octavio Lois Amado: 

Extras sobre Octavio Lois Amado:

Galeria


Firma de Octavio Lois Amado.

Como citar esta páxina:

  • Fraga Vázquez, Xosé A. ([2013], “Octavio Lois Amado”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 04/12/2023] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=491
Untitled Document

Firma de Octavio Lois Amado.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Sanxenxo (Pontevedra) 1857
  • Falecemento: Pontevedra 1888
Octavio Lois, autor merecente dun maior estudo e recoñecemento pola historiografía, presenta un perfil diferenciado no panorama galego do seu tempo. A pesar de estudar Dereito e exercer no ámbito xurídico, na súa corta vida amosou un especial e continuado interese polas ciencias. Divulgador, chegou a ocupar, por oposición, un cargo de responsabilidade nunha institución científica, a subdirección do Instituto Meteorolóxico Nacional (Barreiro Barreiro, 2009: 86), nun período no que este formaba parte do Real Observatorio Astronómico. Por outra banda, nun contexto cultural e universitario onde dominaban o escolasticismo e o antievolucionismo, defendeu o positivismo e o evolucionismo. Mais, a diferencia da maioría dos críticos, fíxoo desde unha posición política liberal pero desde a perspectiva conservadora (Barreiro Barreiro, 2009; Juaristi, 2012). Un comportamento máis frecuente entre positivistas doutras latitudes, ou similar ao dun salientable científico galego, José Rodríguez Carracido. Unha coincidencia co químico compostelán que coidamos relacionada cunha relevante identificación de ámbolos dous coas posicións do filósofo evolucionista Herbert Spencer.

Polémicas científicas coa escritora Emilia Pardo Bazán

Estudou no Instituto de Pontevedra, desde 1868, obtendo o grao de Bacharel o 17 de xuño de 1872. A continuación, cursou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela entre 1872-1878. Durante a súa época de estudante universitario revelouse como precoz escritor cando polemizou sobre ciencia con Emilia Pardo Bazán. A escritora, que nese tempo estaba iniciando a súa carreira literaria, viña de realizar unha viaxe por Europa que a convencera do crecente prestixio da ciencia e de que esta constituía un ingrediente básico da cultura contemporánea. Por iso, animouse a publicar unha serie de artigos de temática física, en base aos escritos do astrónomo xesuíta Angelo Secchi, que apareceron entre 1876 e 1877 na publicación católica de Santiago, Revista Compostelana, baixo o título de “La ciencia amena”.

Lois comentou os artigos: «Notando en ellos, aparte de un estilo elegante y claro, ciertas conclusiones y opiniones no muy conformes, en mi juicio, con las nociones de la ciencia moderna, me tomo el atrevimiento, y obligado estoy desde ahora a ello, de probar con mis escasas fuerzas las inexactitudes a que aludo…» (Lois, 1877: 121). Despois de concretar as súas discrepancias, amosando algunhas limitacións nos coñecementos científicos da Pardo Bazán, rematou indicando que «… los asuntos científicos exigen mucha delicadeza al ser tratados…» (Lois, 1877: 123).

A escritora contestaría cun novo artigo, “Apología sobre "El Calórico" (Pardo Bazán, 1877), no que afirmaba que ela pretendía «escribir unas sencillísimas conferencias populares sobre física, y no abrir polémica». Incómoda pola alusión de Lois a «dos hipótesis que pertenecen a lo que puede llamarse fantasía de la ciencia» (Lois, 1877: 122), resposta á mesma e remata indicando as fontes dos seus artigos, cinco libros e diversos números da Revue scientifique de la France. O certo é que a Pardo Bazán non continuou publicando “La ciencia amena”. Parece que a discusión de Lois con ela seguiría tempo despois na revista coruñesa El Comercio Gallego, co título de "La finalidad de la civilización".

Octavio Lois estaba, como veremos, nunha postura ideolóxica e epistemolóxica distante da de Emilia Pardo Bazán, interesada en integrar, desde unha posición claramente conservadora, as novidades científicas. No libro Recreaciones científicas (Lois, 1881), cuestionaría diversas opinións de Secchi, o que xa fixera o xornalista Indalecio Armesto na súa obra Discusiones sobre la Metafísica (Armesto, 1878), incluído polo Arcebispo de Santiago no Índice de libros prohibidos.

Observamos unha curiosa coincidencia entre os protagonistas destas polémicas. Emilia Pardo Bazán, nada en 1851, pasou os veráns da súa nenez no Pazo da Torre de Miraflores, en Sanxenxo. Octavio Lois naceu na localidade, daquela un pequeno peirao de pescadores, en 1857. Por certo, a ilustre escritora recibiu unha merecida homenaxe da vila (o pazo da cultura e unha avenida levan o seu nome e hai unha estatua dela como lembranza), o que contrasta, polo que sabemos, co esquecemento do salientable fillo de Sanxenxo.

Recreaciones científicas

En 1881 publicaría o libro Recreaciones científicas (Lois, 1881). No limiar, “Al lector”, escrito en Pontevedra en xaneiro de 1881, explicaba como o escribiu: «En los ratos de ocio, en la soledad de mi habitación, bajo los gigantescos pinos, tendido en el desierto campo, aquí y en Santiago, durante mis tareas escolares…» (Lois, 1881: 6). E proclama un xeito de entender o mundo: «… mi afición a lo moderno. Amante del progreso como pocos, creo que lo último es siempre lo mejor» (Lois, 1881: 6-7).

Partidario decidido da autonomía do pensamento científico fronte as limitacións externas, Octavio Lois levanta acta da distancia entre as posicións da Igrexa e o avance da ciencia: «... los sabios del día se hacen materialistas, panteístas o positivistas...» (Lois, 1881: 89, 90). E afirma, en sintonía con Büchner: «He aquí, en resumen, la gran conclusión de la ciencia moderna: la materia es una, la fuerza es una; por consiguiente dos son los elementos que constituyen el Universo: fuerza y materia» (Lois, 1881: 89).

Abordou no libro, desde a divulgación, distintos temas da actualidade científica da época. Tamén prestou bastante atención a cuestións epistemolóxicas, de método, e polémicas. A súa posición xeral é de defensa do positivismo, do estudo directo e sen “a priori” dos feitos, e das teses de Claude Bernard. Asemade, tratou un tema tan polémico naqueles tempos como o do evolucionismo. A súa identificación cos autores evolucionistas fica clara: «Darwin, Haeckel, Herbert Spencer: he aquí los tres nombres que deben de ir grabados en caracteres de luz al frente de la gran ley de la evolución o transformismo» (Lois, 1881: 79). Sobre esta cuestión insistiría na “Conclusión” do libro: «La gran ley de la evolución, grandioso resultado de los trabajos científicos y filosóficos modernos…» (Lois, 1881: 206).

A intervención de Lois indica a presenza nos debates da época sobre a ciencia de núcleos modernizadores en diversas localidades galegas. Neste caso, estamos a falar dunha serie de pensadores e científicos con actividade na cidade de Pontevedra. Profesores como Antonio Valenzuela Ozores e Claudio Cuveiro e, sobre todo, como vimos, o avogado e xornalista Indalecio Armesto. Cómpre lembrar que o Instituto de ensino secundario da cidade do Lérez foi o primeiro de Galicia en recibir, no curso 1870-71, o libro A Orixe das especies, de Charles Darwin (Fraga Vázquez, 1992).


Premios e outras intervencións. Marcha para Bilbao. A colaboración na Ilustración Cantábrica e a dirección da Revista de Vizcaya

En 1881, a Academia Gaditana de Ciencias y Artes organizou un Certame científico, artístico e literario. Na sección de Ciencias o tema a tratar era: “Aplicaciones modernas de la electricidad”. O orixinal de Lois, “La palabra imposible, no puede emplearse en el lenguaje de la ciencia”, foi premiado. Posteriormente, a mesma institución premiouno por outro traballo alusivo ao tema, "La atmósfera". Tamén se lle atribúe o artigo "Pontevedra a la luz de la ciencia", publicado no xornal pontevedrés El Anunciador.

Nos primeiros anos oitenta trasladouse para Bilbao, pois no 1882 xa residía nesa cidade, onde exerceu a avogacía. Ese mesmo ano colaborou nunha interesante publicación, La Ilustración cantábrica, “Órgano oficial del Centro asturiano de Madrid”, dirixida por Manuel Martínez Murguía. Na revista publicará amenos textos de divulgación sobre temas variados: “El invierno”, “Recuerdos de Guernica”, “Actualidades científicas: las hazañas del "Gulf-stream” e “La caída de un cometa”. O dominio da escrita manifestase, unha vez máis, co premio que acadou no Concurso literario internacional de 1885 da Academia de Mont-Real (Toulouse). Obtivo a “Palma de oro de Prosa” por un texto que abordaba o tema sinalado: “Elogio de Antonio Trueba”, escritor bilbaíno. Parece ser que o texto premiado foi publicado posteriormente na Revista Bascongada.

Segundo Juaristi (2012), Lois fundou en xaneiro de 1885 a Revista de Vizcaya, publicación quincenal que salientaba pola súa calidade e pola participación nas súas páxinas de escritores relevantes, como Miguel de Unamuno e autores de tendencias moi diversas (“rexionalistas” vascos, positivistas, institucionistas próximos á Institución Libre de Enseñanza, etc.). Sabino Arana publicaría nela as Etimologías Euskérikas. Unamuno recomendoulle a Arana que a mercara, e así o fixo en 1886. Parece ser que Lois non era o propietario da revista, senón o director da mesma.
Non faltan na biografía de Octavio Lois mostras da súa incansable actividade e ampla iniciativa. Nese ámbito cómpre sinalar a redacción e publicación do Compendio foral de Vizcaya (Lois, 1886), que con 46 páxinas, foi editado no prelo daRevista de Vizcaya. O texto é o resultado da súa formación xurídica e interese polas propostas “rexionalistas”.

Divulgación do positivismo na Revista de España

Entre os anos 1884 e 1885 publicaría na Revista de España varios artigos baixo o título xeral de “Estudios populares de filosofía positiva” (Lois, 1884-85). Na publicación, das máis salientables da época, escribían Ortega Munilla, Pérez Lugín, Dicenta, Echegaray, Bacarisse, Escamilla, etc., polo que a pluma de Octavio Lois acadaba un evidente recoñecemento.

Pretendía difundir as ideas positivistas entre un público amplo. Nesa liña discute achegamentos ao coñecemento afastados do feito experimental, defendendo que «la percepción es la base de todo conocimiento» (Lois, 1884: 263) e aludindo á obra de Wilhelm Wundt, impulsor da psicoloxía experimental, e a Herbert Spencer. Asemade, animaba á resolución de cuestións prácticas e cuestionaba a Metafísica que «trata de resolver a priori las indescifrables incógnitas que rodean a la Materia» (Lois, 1884: 226). Entendía que o positivismo podía xogar un papel social estimable:«Que los pueblos pueden vivir civilizados, moralizados, libres, tranquilos y poseídos del espíritu de justicia: he aquí lo que constituye el verdadero ideal positivista»(Lois, 1885: 529). Na liña spenceriana non deixa de referirse á evolución: «Constituída la sociedad […] la ley de la herencia y de la selección natural en su más amplio sentido irán formando a la larga generaciones cada vez más moralizadas y más justas, al propio tiempo que la marcha del progreso seguirá su curso sobre el planeta, preparando la era de civilización y cultura a que aspira la humanidad» (Lois, 1885: 529).

Ao ano seguinte publicaría estes artigos, engadindo algún inédito, nun libro editado en Bilbao co significativo título de: Lo accesible y lo inaccesible. Estudios populares de filosofía positivista (Lois, 1886).




Bibliografía:




Fontes documentais:

Octavio Lois Amado, Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela (AHUS), cartafol 695/expediente nº 1.


Fontes impresas:

LOIS, O. (1877): Observaciones al artículo de la señora Doña Emilia Pardo Bazán sobre el calórico, Revista Compostelana, 16: 121-123.

LOIS, O. (1881): Recreaciones científicas, Pontevedra: Tip. J. A. Antúnez.

LOIS, O. (1882): El invierno, La Ilustración cantábrica, 4, 2: 21 (18 enero 1882).

LOIS, O. (1882): Recuerdos de Guernica, La Ilustración cantábrica, 4, 4: 39-40 (8 feb. 1882).

LOIS, O. (1882): Actualidades científicas: las hazañas del "Gulf-stream", La Ilustración cantábrica, 4, 12: 137 (28 abril 1882).

LOIS, O. (1882): La caída de un cometa, La Ilustración cantábrica, 4, 19: 224 (8 julio 1882).

LOIS, O. (1884-1885): Estudios populares de filosofía positiva, Revista de España, 1884, XCVII: 249-273; XCIX: 77-100; CI: 225-246; 1885, CII: 30-50; CIII: 509-529.

LOIS, O. (1886): Lo accesible y lo inaccesible. Estudios populares de filosofía positivista, Bilbao: Tip. Busto

LOIS, O. (1886): Compendio foral de Vizcaya, Bilbao: Imprenta de la Revista de Vizcaya.

LOIS, O. (1887): Apuntes para el folk-lore gallego: el urco, Galicia, 2: 97-101 (A Coruña, febreiro 1882).


Bibliografía secundaria:

ARMESTO, I. (1878): Discusiones sobre la Metafísica, Pontevedra: Imprenta R. Quintáns.

BARREIRO BARREIRO, X. L. (1985): O positivismo liberal-conservador de Octavio Lois, Ágora. Papeles de Filosofía, 5: 261-267.

BARREIRO BARREIRO, X. L. (2009): O evolucionismo en Pontevedra. Octavio Lois e Indalecio Armesto, O Darwinismo en Galicia, Santiago de Compostela: Universidade; p. 79-103.

FRAGA VÁZQUEZ, X. A. (1992): Bioloxia na Galiza na segunda metade do século XIX (1868-1903): ensino, divulgación, debates, produción, institucionalización e recepción de novidades, Santiago de Compostela: Universidade.

JUARISTI, J. (2012): Miguel de Unamuno, Madrid: Taurus.

LOPEZ OTERO, J. (1899): El periodismo en Pontevedra, Pontevedra: Imp. de Rogelio Quintans.

NÚÑEZ RUIZ, D. (1975): La mentalidad positiva en España: desarrollo y crisis, Madrid: Túcar.

NÚÑEZ RUIZ, D. (1977): El darwinismo en España, Madrid: Castalia.

PARDO BAZÁN, E. (1876): La ciencia amena I., Revista Compostelana, 3: 17-18; La Ciencia amena II. El calórico, Revista Compostelana, 4: 25-27; La Ciencia amena III. El calórico, Revista Compostelana, 6: 41-43; La Ciencia amena IV. El calórico, Revista Compostelana, 7: 49-51; La Ciencia amena V. La luz, Revista Compostelana, 8: 57-59; La Ciencia amena VI. La luz, Revista Compostelana, 9: 65-67; La Ciencia amena VII. La luz, Revista Compostelana, 10: 73-75; La Ciencia amena VIII. La luz, Revista Compostelana, 11: 81-83; La Ciencia amena IX. La electricidad, Revista Compostelana, 12: 89-91; (1877): La Ciencia amena X. La electricidad, Revista Compostelana, 13: 97-99; La Ciencia amena XI. La circulación del movimiento, Revista Compostelana, 14: 105-107; (1877): Apología sobre "El Calórico", Revista Compostelana, 17: 129-131.