culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Eloy Luis André

Destacado profesor e ensaísta singular nos campos da filosofía e da psicoloxía

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Costa Rico, Antón
  • Data de alta: 13/12/2013

Extras de Eloy Luis André: 

Extras sobre Eloy Luis André:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Costa Rico, Antón ([2013], “Eloy Luis André”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 24/11/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=492
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Mourazos, Verín (Ourense) 1878
  • Falecemento: Madrid 1935
Formación e actividade docente

Eloy Luis André estudou na escola pública de Vilardebós (Verín), no Colexio dos Escolapios de Celanova, no Instituto de Ourense e nas Universidades de Santiago e sobre todo na de Salamanca. Nesta última, onde foi alumno dalgúns destacados profesores, como foi o caso de Miguel de Unamuno, con quen mantería correspondencia posteriormente, acadou a licenciatura en Filosofía e Letras en 1897, logo do que pasou a realizar estudos de doutoramento na Universidade Central de Madrid. Doutorouse en 1899 na Universidade de Salamanca, tras varios premios e mencións honoríficas durante os estudos previos. A propia Universidade de Salamanca concedeulle unha axuda económica para realizar estudos de Filosofía Superior en Lovaina, París e Bruxelas durante o curso 1899-1900.

Instalado en Madrid, onde coñeceu entre outros a Giner de los Rios e a González Serrano, iniciou sen éxito a preparación de oposicións para cátedra universitaria. Si conseguiu acadar a de Instituto, sendo nomeado catedrático numerario en 1904, ano no que se incorporou ao Instituto de Ourense como profesor de psicoloxía e lóxica. En 1906 foi enviado polo Goberno español a Francia, a Bélxica e a Italia, para analizar a organización dos seus respectivos Ministerios de Fomento e as perspectivas de organización dos seus sistemas educativos. Nos anos seguintes solicitou bolsas –non concedidas- da Junta de Ampliación de Estudios para estudar psicoloxía e filosofía con Wundt, en Leipzig, e con Paulsen, en Berlín, non descartando, en último caso, desprazarse aos EEUU para formarse co psicólogo pragmatista W. James, tal como sinalou na súa petición.

Por fin, e cando xa comezara a formar un modesto Laboratorio de psicoloxía experimental no Instituto de Ourense, puido gozar dunha bolsa e dunha prórroga e viaxar así a Alemaña durante os cursos 1910-1911 e 1911-12, período despois do que retornará a Ourense, ata que en 1914 pasou ao Instituto de Toledo, mediante permuta con Antonio Losada Diéguez. Con outros profesores do claustro de Toledo organizou alí os cursos de Extensión universitaria (1916-1918), continuando a práctica de visitas escolares que iniciara no Instituto de Ourense e que incluíra, aquí, a visita de escolares á cidade de Porto. Entre 1915 a 1917 deu varias conferencias no Ateneo de Madrid, algunhas delas por disposición do Ministerio de Instrución pública, e outras na Universidad Popular de Madrid, na Universidad Central e no Centro Gallego de Madrid.

Desde Toledo, onde tamén comezou a formación dun pequeno laboratorio de psicoloxía experimental, intentaría sen éxito ser de novo profesor da Universidade Central (xa opositara contra Ortega en 1909). En 1918 accedeu ao Instituto de San Isidro de Madrid e en 1919, ao Cardenal Cisneros, tamén da capital, que sería o seu destino profesional definitivo ata a súa morte, acontecida en 1935.

Formación psicolóxica e filosófica en Alemaña trasladada a España

A súa acción docente en Ourense veríase interrompida, como sinalamos, en 1910, ao concedérselle una bolsa da Junta de Ampliación de Estudios para realizar durante dous semestres estudos de psicoloxía experimental en Alemaña. O 29 de xullo de 1910 comezaba esta formación en Leipzig baixo a guía do moi destacado profesor Wilhem Wundt (e a tutela directa do seu asistente, Paul Salow), quen desde o seu Laboratorio e cátedra universitaria promovía o estudo científico psicolóxico nunha vertente estruturalista, analítica e fundamentalmente estática; unha vertente valiosa polo que tiña de observación e estudo científico, pero que poucos anos despois sería desprazada paulatinamente tanto pola nova orientación gestaltista, como pola denominada psicoloxía funcional co seu tras fondo pragmatista e a súa concepción xenética e activista da conciencia, ámbito ao que André se aproximou lene mente (distanciándose un algo de Wundt e aproximándose a Eucken), ao situar na alma o fundamento da actividade psíquica, pois tamén Eloy Luís André defendía, ao contrario que Wundt, unha concepción activista da conciencia, na liña desenvolvida por Bergson e por William James.

Esta estadía en Alemaña, que se puido prolongar ata o verán de 1911, ao concedérselle una prórroga na súa bolsa, permitiulle acceder tanto a una intensa formación psicolóxica, como a profundar na filosofía idealista, marcada polas elaboracións de Krause e de Rudolf Eucken, un dos promotores do espiritualismo filosófico, situado baixo algunhas influencias derivadas de Fichte e de Krause, a quen visitou na Universidade de Jena e con quen mantería aínda posteriores contactos. A estadía tamén lle facilitou a consolidación dunha posición intelectual e argumentativa singular, de raíz e expresión idealista, así como a obtención dun coñecemento moi acaído sobre a actualidade pedagóxica alemana e as reformas en curso.

Desde Leipzig trasmitíulle a Domingo Barnés valiosa información sobre o Instituto de Psicoloxía e de Pedagoxía Experimental fundado pola Asociación de Profesores da cidade, realizou visitas a escolas e centros de formación do profesorado do que informará ao pontevedrés e Director Xeral de Instrución Primaria Eduardo Vincenti, seguiu cursos de psicoloxía filosófica e preparou a obra Mentalidad alemana.

Desde todos estes coñecementos Luís André proclamaría, a través de numerosos escritos e de varias intervencións, a necesidade dunha renovación cultural española que tivese presente as innovacións científicas e teóricas europeas. Unha renovación tamén necesariamente pedagóxica, razón pola que fixo unha firme reclamación a prol dunha educación pública e estatal. Desde dita posición opoñeríase á creación en 1917 do Instituto-Escuela, por consideralo un centro elitista e de minorías, ben que en tal oposición se albisquen aspectos de animadversión coas xentes da Institución Libre de Enseñanza, ao encontrarse Luis André distanciado do krausopositivismo e estar situado no exterior das redes de influencia da Institución.

En 1914 foi invitado oficialmente pola Comisión do Congreso Internacional de Educación Popular de Leipzig para tomar parte activa nos seus traballos. Luis André aínda tería ocasión de volver a Alemaña e tamén a outros países europeos, ao ser enviado polo Ministerio de Instrución Pública español para o estudo de diversos aspectos do desenvolvemento educativo e para redactar unha Memoria sobre estudios superiores de segunda enseñanza, visitando establecementos docentes de Francia, Bélxica, Alemaña e Suíza, tal como deixa constancia nas súas obras La cultura alemana e Educación de la Adolescencia, editadas as dúas en Madrid, en 1916, retomando alí o contacto co filósofo Rodolfo Eucken.

Científico e pensador

Eloy Luís André é sobre de todo un filósofo, pero tamén un psicólogo, de singular acento, que pretende analizar, con Wundt, diversos aspectos relacionados coa psicoloxía dos pobos (linguaxe, mitos, costumes) e coa súa evolución; un intelectual con dominio do alemán, do inglés, do francés e do portugués; un prolífico ensaísta e tradutor (Wundt, Eucken, Höffding); polemista, se for o caso, e sempre atento ás correntes contemporáneas de pensamento. Alguén que no plano filosófico buscaba restaurar no contexto español a especulación filosófica, tratando de superar tanto a neoescolástica balmesiana, como o discurso (no senso bourderiano) dos krausistas da Institución Libre de Enseñanza, identificándose el coa primeira posición filosófica krausista e facéndoo desde un enfoque entre idealista e positivista (entre os modelos neokantianos e Wundt), na procura do arraigamento en España dunha ‘filosofía científica’. Con Wundt elaborou o informe “Relacións do traballo mental coas diferentes formas da linguaxe falada”, e tamén un estudo titulado La curva de la melodía del lenguaje en las diferentes lenguas y dialectos, con resultados aos que aludiu Wundt na cuarta edición do seu texto sobre La psicología de los pueblos (1922). Dentro da súa preocupación pola renovación da conciencia nacional española, que como galego tamén especificou no caso galego, reflexionou sobre o españolismo e o galeguismo, sobre una posible ‘ética española’ e sobre o espírito (volgeist) do ‘pobo español’, procurando poñer a psicoloxía ao servizo da política, do dereito e da economía, tal como analizaron os estudosos da súa obra F. Blanco, Castro e De Castro.

Publicacións

Luís André foi un notable publicista: 30 libros (moitos deles voluminosos), seis obras traducidas desde o alemán e o francés e unha manchea de artigos na prensa e en revistas culturais, tamén en Galicia. Entre as traducións hai que mencionar as realizadas sobre as obras de Wundt Introducción a la Filosofía e Sistema de Filosofía Científica (nos anos 1911 e 1913, respectivamente), o Léxico de Filosofía, de A. Bertrand (París, 1908; Madrid, 1908), e a obra de H. Höffding Filósofos contemporáneos (Madrid, 1909), en traducións sempre acompañadas de introducións e notas complementarias.

Nos seus traballos son frecuentes as referencias á educación, á filosofía e á cultura alemana, da que foi un privilexiado observador e tamén un firme defensor, e como tal, xermanófilo, no contexto da Primeira Guerra Europea. Por iso, xunto á rigorosa información relativa á psicoloxía experimental, nos seus textos dáse conta tamén de notables consideracións e información relacionadas cos problemas educativos e pedagóxicos. O autor non esqueceu a súa pertenza nativa a Galicia, a onde viaxou con frecuencia desde que estivo destinado en Toledo e logo en Madrid, mantendo unha certa atención aos problemas económicos e culturais de Galicia e a súa defensa. Neste caso, as súas contribucións realizáronse sobre todo mediante artigos de prensa escritos en castelán e que logo reuniu na obra Galleguismo. Lucha por la personalidad nacional y la cultura (Ensayos) (Madrid, 1931): a favor do liberalismo democrático e contra o caciquismo; a favor da educación popular e da coeducación; e en defensa da conciencia nacional galega. Así se expresou en distintas ocasións e con anterioridade mesmo á IIª República nos xornais La República, de Ourense, e en El Pueblo Gallego de Vigo.




Bibliografía:




Fontes impresas:

A ampla relación dos textos elaborados por Eloy L. André e disposta no marco do “Proyecto de filosofía en español”, da Fundación Gustavo Bueno, que figura nun extra desta biografía, permite observar a súa capacidade ensaística e a súa laboriosidade. Dela extraemos a citación dos seus textos máis relevantes:

ANDRÉ, E. L. (1908): Léxico de filosofía, Alejo Bertrand, París: Librería de la Viuda de Ch. Bouret. Tradución.

ANDRÉ, E. L. (1909): Filósofos contemporáneos, Harald Höffding. Traducción, estudio crítico del autor y notas de Eloy Luis André, Madrid: Biblioteca Científico-filosófica, Daniel Jorro.

ANDRÉ, E. L. (1909): Cultura y democracia, La España Moderna , 245: 95-115.

ANDRÉ, E. L. (1910): Ética española. Problemas de moral contemporánea, Madrid: Imprenta de los Hijos de M. G. Hernández. Segunda edición, Madrid: Sucesores de Rivadeneyra, 1925.

ANDRÉ, E. L. (1911-12): Introducción a la Filosofía, Guillermo Wundt. Traducción de la quinta edición alemana y estudio sobre 'La Filosofía contemporánea en Alemania y la Filosofía científica de Wundt' por Eloy Luis André, Madrid: Daniel Jorro; 2 tomos.

ANDRÉ, E. L. (1912): La vida, su valor y significación, Rodolfo Eucken. Traducción y estudio crítico de las doctrinas del autor por Eloy Luis André, Madrid: Biblioteca Científico-filosófica, Daniel Jorro.

ANDRÉ, E. L. (1913): Sistema de Filosofía Científica, o sea, Fundamentos de Metafísica basada en las Ciencias Positivas, Guillermo Wundt. Traducido por Eloy Luis André, Madrid: Daniel Jorro; 2 tomos.

ANDRÉ, E. L. (1914): La mentalidad alemana. Ensayo de explicación genética del espíritu alemán contemporáneo, Madrid: Biblioteca científico-filosófica, Daniel Jorro.

ANDRÉ, E. L. (1916): La cultura alemana, Madrid: Daniel Jorro.

ANDRÉ, E. L. (1916): La educación de la adolescencia. Estudio crítico del estado de la segunda enseñanza y de sus reformas más urgentes, Madrid: Imprenta de 'Alrededor del Mundo'.

ANDRÉ, E. L. (1919): Sistema de filosofía de los valores, Toledo: Imprenta del Colegio de María Cristina.

ANDRÉ, E. L. (1919): Dos Idearios y dos Democracias. Democracia social revolucionaria y Democracia social conservadora, Madrid: Sucesores de Rivadeneyra.

ANDRÉ, E. L. (1920): Ética individual y social, por Eloy Luis y André, catedrático numerario del Psicología, Lógica, Ética y Rudimentos de Derecho en el Instituto del Cardenal Cisneros de Madrid, Segunda edición, Madrid: Imprenta de los Hijos de M. G. Hernández.

ANDRÉ, E. L. (1924): Nociones de Psicología experimental, Tercera edición, Madrid: Sucesores de Rivadeneya. Edición revisada, Madrid, 1931.

ANDRÉ, E. L. (1926): El espíritu nuevo en la educación española. Un informe y un voto particular sobre el Instituto-Escuela. Reformas urgentes en la Segunda enseñanza, Madrid: Sucesores de Rivadeneyra.

ANDRÉ, E. L. (1931): Galleguismo. Lucha por la personalidad nacional y la cultura (ensayos), Madrid: Imprenta de J. Murillo.

ANDRÉ, E. L. (1931): Españolismo. Prasologio. Pueblo y conciencia nacional, Madrid: Sucesores de Rivadeneyra.


Bibliografía secundaria:

Eloy Luís André é, sen dúbida, unha figura singular no panorama histórico da psicoloxía e da filosofía contemporánea española. Ten sido estudado con algún detemento ou referenciado con atención por parte de autores como Ramón Carande, Arias Santos (para deterse nas súas relacións con Unamuno), Ramón López (pensamento filosófico), Jesús Taboada e Thiebaut Luís-André (perfil biográfico), Helio Carpintero e Blanco Trejo (desde a psicoloxía). Como parte desta atención hai que anotar a Exposición que sobre a súa vida e obra se celebrou na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela en 1994, en co-organización coa Universidade Complutense de Madrid, do que da constancia o Catálogo da exposición bibliográfica e documental sobre Eloy Luís André (Santiago, Universidade: 1994).

BLANCO, F., CASTRO, J. & DE CASTRO, R. (1996): Eloy Luís André (1876-1935), SAIZ, M. SAIZ, D., Personajes para una historia de la psicología en España, Madrid: Pirámide; p. 253-266.

CASTRO, R. de; CASTRO, J. & SÁNCHEZ, R.: (1993): Una aproximación biográfica a la figura de Eloy Luis André (1876-1935) desde la historia de la Psicología, Rev. Hist. Psicología, 14, n. 3-4.

COSTA RICO, A. (1996): A reforma da educación (1906-1936). X. V. Viqueira e a historia da psicopoedagoxía en Galicia, Sada –A Coruña: Ediciós do Castro: p. 23-26 e 185-188.

LÓPEZ VÁZQUEZ, R. (1996): O pensamento rexeneracionista de Eloy Luis André (do europeísmo ó galleguismo), Santiago de de Compostela: Centro de Investigacións Ramón Piñeiro.