culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Jorge Juan y Santacilia

A contribución dun grande científico ao desenvolvemento do Arsenal de Ferrol

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Naya Fernández, Salvador & Fraga Vázquez, Xosé A.
  • Data de alta: 21/12/2013

Extras de Jorge Juan y Santacilia: 

Extras sobre Jorge Juan y Santacilia:

Galeria


Retrato de Jorge Juan, obra de Manuel Salvador Carmona en 1773.
JorgeJuan_2_web.jpg
JorgeJuan_2_web.jpg
JorgeJuan_3_web.jpg
JorgeJuan_3_web.jpg
JorgeJuan_4_web.jpg
JorgeJuan_4_web.jpg

Como citar esta páxina:

  • Naya Fernández, Salvador & Fraga Vázquez, Xosé A. ([2013], “Jorge Juan y Santacilia”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 24/03/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=494
Untitled Document

Retrato de Jorge Juan, obra de Manuel Salvador Carmona en 1773.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Novelda (Alacant) 1713
  • Falecemento: Madrid 1773
Jorge Juan, científico, mariño e espía, foi cualificado por algúns como o científico español máis importante da Ilustración. Coñecido no estranxeiro como «o sabio español», interveu de xeito substancial na posta en marcha e desenvolvemento do Arsenal de Ferrol, o complexo científico-técnico e industrial máis relevante de Galicia. Asemade, defendeu o enclave do seu estratéxico porto e pretendeu facer del o mellor de tódolos tempos, deseñando tamén o Arsenal e a cidade. Esta obra foi considerada na súa época como a «Nona Marabilla do Mundo».

A reforma da Mariña no século XVIII

Ao remate da Guerra de Sucesión a nova Casa reinante en España, os Borbóns, inician unha serie de reformas que afectarían de xeito substancial á Mariña de guerra. A Coroa buscaba elevar o poder marítimo para atender ás necesidades derivadas do mantemento do imperio colonial e iso esixía dispoñer de navíos axeitados e oficiais ben formados e competentes. No mesmo ano no que naceu Jorge Juan creouse a Armada Real, que supuxo a unión das armadas de Indias, de Barlovento ou do Caribe, do mar do Pacífico Sur, de Filipinas e de Galeras, unificadas por José Patiño para formar a Mariña Real ou Armada Real. A figura de José Patiño, neto de galegos, como intendente xeral de mariña (1716-1726) e logo como Ministro de Mariña (1726-1736) foi clave na nova configuración dos novos estaleiros e no establecemento dos departamentos de Ferrol, Cádiz e Cartaxena en 1726. Estas novas instalacións dedicadas a construción naval denomináronse Reais Fábricas, e no caso de Ferrol a súa situación estratéxica foi determinante fronte a outras alternativas no Norte. A obra de Patiño foi continuada por Zenón de Somodevilla y Bengoechea, marqués de la Ensenada, quen ocupou a Secretaría de Mariña en 1743 e promoveu a Jorge Juan como responsable da nova construción naval mediante un cambio de modelo, o que se pode denominar «modelo Jorge Juan».

O proceso de modernización da Mariña de guerra formou parte das importantes reformas que o Despotismo ilustrado impulsou no Estado español, favorecendo a incorporación da vangarda cultural e científica europeas. Este salientable labor innovador plasmouse, no eido científico, sobre todo na segunda metade do século, nunha serie de reformas tendentes á introdución dunha Ciencia moderna e práctica. A renovación da docencia científica superior foi un dos aspectos básicos do proxecto ilustrado. Tentouse reformar a universidade, unha institución anacrónica, aristotélica e gremialista, que se mantiña á marxe da renovación científica. Pero, ante todo, apoiouse o desenvolvemento de institucións científicas situadas fóra do ámbito universitario, impulsoras das novas ciencias.

Primeiros pasos na Armada e participación na expedición para medir o meridiano

Jorge Juan procedía dunha familia acomodada. Ao quedar orfo de pai de neno, ocupouse da súa educación o seu tío, que era un influínte cabaleiro da Orde de Malta, o que posibilitaba os seus estudos nesa institución. Tentou ingresar na Academia de Gardas Mariñas de Cádiz aos dezaseis anos, pero debeu agardar seis meses debido a que non había vacantes, tempo no que asistiu como ouvinte. Adquiriu sona de alumno avantaxado e foi coñecido entre os seus compañeiros polo alcume de «Euclides». Como cadete participou na expedición contra Orán (1732) e na campaña de Nápoles (1734).

En 1734, Felipe V recibiu a solicitude do seu curmán, o rei Luís XV de Francia, para que unha expedición da Academie Royale des Sciences de París, formada por Louis Godin, Pierre Bouger e Charles M. de la Condamine, viaxase a Quito (Vicerreinado do Perú), a medir un arco de meridiano e obter o valor dun grao terrestre para comparar con outras medicións practicadas por Maupertius en Laponia e determinar con exactitude a forma da Terra. Hai que salientar que Francia non tiña posesións que abarcaran un grao do globo terráqueo nestas latitudes, e que para demostrar a diferenza entre a distancia dun grao de hemisferio preto do Ecuador e comparalo coa distancia preto dos polos, debía solicitar permiso a España. O monarca español aceptou a petición, pero decidiu que na expedición houbese participación española. Por Real Orde de 20 de Agosto de 1734 ordenaba escoller a dous oficiais competentes para que acompañasen e axudasen aos académicos franceses. Os elixidos foron, sorprendentemente, dous gardas mariñas, Antonio de Ulloa e Jorge Juan, que carecían de graduación militar, polo que se lles ascendeu a tenentes de navío. A experiencia situaría a Jorge Juan e Antonio de Ulloa nunha posición sobranceira no mundo da ciencia internacional.

A misión encomendada incluía a elaboración dun diario completo da viaxe e de todas as medidas físicas e astronómicas, cálculos de lonxitude e latitude, levantamento de planos e cartas, descrición de portos e fortificacións, análise de costumes, estudos de botánica e mineraloxía, e redacción dun informe segredo sobre a situación política e social dos vicerreinados, ademais dun control sobre os académicos franceses. Partiron de Cádiz o 26 de maio de 1735. A medición do grao de meridiano prolongouse desde 1736 a 1744.
As medicións realizadas por Jorge Juan foron de gran exactitude, construíndo aparatos topográficos específicos para poder facer medidas a gran distancia e salvar as montañas existentes entre Quito e Cuenca (cidades xa importantes no antigo Vicerreinado do Perú e hoxe pertencentes ao Estado de Ecuador). Os chamados «cabaleiros do punto fixo», fixeron un total de 42 triangulacións, para o que usaron a toesa francesa, a determinación exacta da forma terrestre, o que tamén tería gran importancia na propia construción do metro como medida de distancia universal avalada pola Asemblea constituínte francesa de 1791, e que como é sabido se definirá como a dez millonésima parte da distancia entre o polo e o Ecuador. Canto o informe segredo encargado a Jorge Juan e Ulloa, que recolle sobre todo feitos denunciables dos responsables do goberno e do clero en Quito, sería publicado en inglés en 1826 (Noticias Secretas de América, sobre el estado naval, militar y político del Perú y provincia de Quito) e empregado polo Goberno británico como elemento de desprestixio de España. O informe contén unha das primeiras estatísticas de poboación feitas en España, e tamén aquí se observa o traballo minucioso de Jorge Juan.

De volta, o mariño foi a París, onde coñeceu aos célebres astrónomos Marian, Clairaut e La Caille, e a Reaumur, inventor do termómetro, e a outros académicos que, en compañía de La Condamine e Bourguer, elixírono membro correspondente da Royale Academie des Sciences. En Madrid, morto Felipe V, foi recibido con indiferenza polas novas autoridades. Nesas circunstancias, a Jorge Juan presentáronlle o Marqués de la Ensenada, co que comezou unha fecunda colaboración.

O reto da construción de buques modernos. Labor de espionaxe

A política científica ilustrada tentaba atender a algunhas demandas sociais e necesidades do aparello do Estado, superando o afastamento da revolución científica do XVII, que estivera ausente en España. Para iso recorreu á constitución de novas institucións científicas, a contratación de persoal estranxeiro axeitado e, mesmo, á espionaxe industrial. Jorge Juan colaborou de xeito relevante nesas tres liñas de traballo.

O “acceso” á tecnoloxía europea de vangarda supuxo para Jorge Juan que á volta da expedición americana se lle encomendara unha importante tarefa, acadar en segredo toda a información que puidera sobre a construción de buques por parte da inimiga Inglaterra, e contratar especialistas da construción naval para que viñeran a traballar a España (a misión incluía a recollida de información sobre a fabricación dos finos panos ingleses, o lacre, matrices de imprenta, máquinas para limpar portos, armamentos, merca de instrumentos de cirurxía para o Colegio de Cádiz, branqueo da cera, bomba de vapor que logo aplicaría por vez primeira en bombas de achique de auga para o dique de Cartaxena, o estudo da amalgama da prata para a futura aliaxe das moedas, etc.). En outubro de 1748 foi ascendido a capitán de navío e en novembro marchou para Cádiz, onde escolleu para acompáñalo a dous gardas mariñas, Solano e Mora. En marzo de 1749 chegaron a Londres, sendo recibidos polo embaixador Wall. Xantou con Wall, o duque de Bedford e o almirante Anson. Foi elixido membro da Royal Society de Londres. Observou os arsenais de Plymouth, Chathan e Portsmouth. En abril, Bedford descubriu a trama e ordenou detelo. Fuxiu a Francia, disfrazado de mariñeiro, nun mercante. En medio de moitas dificultades e vicisitudes a súa misión tivo éxito, pois contratou entre oitenta e cinco especialistas (algúns xa famosos construtores ingleses, como Richard Rooth, Thomas Hewett e John Harris), e obtivo valiosa información.

De volta en España, en xuño, presentouse na Corte de Madrid. Ascendido a capitán de navío, Ensenada deulle o máximo protagonismo no seu proxecto de construción naval. En xaneiro de 1751 reuniu en Madrid a todos os construtores navais, traballando con eles durante nove meses. Nun labor singular, estableceu o «Nuevo Plan de Construcción Naval», trazando planos de todos os buques e de todas as súas pezas. Renovou, pois, a construción naval, coa reforma dos diques e arsenais de Cartaxena, Cádiz e Ferrol e a implantación dun sistema propio de arquitectura naval.

Jorge Juan ideou un novo plan que, aprobado polo Rei en 1752, implantouse de modo xeral en todos os departamentos, organizando arsenais, construíndo diques en Ferrol e Cartaxena, contratando construtores como Bryant e Tournel. En 1752 o monarca nomeouno director da Academia de Gardas Mariñas. na que implantará o ensino máis avanzado da época. Fundará o Observatorio Astronómico de Cádiz.

En xuño de 1754 o Rei desígnao Ministro da Junta General de Comercio y Moneda, pero en xullo caeu en desgraza o Marqués de La Ensenada, o seu valedor. Jorge Juan arriscouse ao visítalo en xullo. Pasou o ano 1755 en Cádiz, onde reunía todos os xoves na súa casa a Asamblea Amistosa Literaria á que acudían personaxes como Luís Godín, José Aranda, Gerardo Henay, Diego Porcel, José Infante, Francisco Canibell, José Nájera, Francisco Iglesias, Pedro Virgili e José Carbonell, no que pretendía ser o embrión dunha futura Academia de Ciencias. En setembro de 1766 o rei Carlos III nomeouno Embaixador Extraordinario na Corte de Marrocos. O seu último posto foi o de director do Real Seminario de Nobles, en 1770.

Creación e relevancia do Arsenal de Ferrol

Como vimos, en 1726 decidiuse que Ferrol fose unha das tres sedes de Departamento naval. O Arsenal tivo unha instalación inicial na aldea de A Graña e foi trasladado en 1750 para Ferrol. A súa construción iniciouse en 1752 e rematou en 1770. A importancia estratéxica do enclave sería eloxiado polo ministro inglés William Pitt, ao que se lle atribúe a afirmación: «Se Inglaterra tivera nas súas costas un porto como o de Ferrol, e seu goberno cubriríao cunha muralla de prata» (Madoz, 1830). O desembarco, por iniciativa real, nunha pequena localidade galega do coñecemento e das técnicas de vangarda converteu a Ferrol no foco fundamental da cultura científica da Galicia do momento e no principal núcleo de poboación, constituíndo o Arsenal o complexo científico-técnico e industrial máis relevante do país galego. Esa estimulante conxuntura estivo acompañada dunha realidade social na que existía un gran afastamento entre o conxunto da poboación, traballadores e comerciantes, e as elites dirixentes.

A construción da base naval supuxo a construción do Estaleiro, do Arsenal do Parque e do Arsenal de diques. Un proceso que foi paralelo ao do deseño e desenvolvemento urbano. En 1750, baixo a dirección de Cosme Álvarez, asesorado polo enxeñeiro Joseph Petit de la Croix, comezaron as obras do Estaleiro de Esteiro, no monte que mira a Caranza, coa construción das doce gradas que se remataron en 1753. A construción das instalacións obedeceu a un urbanismo modélico e de nova traza. Os sillares de pedra do Arsenal do Parque e as partes de mampostería “real” nalgúns edificios do Arsenal dos diques «contribuyeron a aumentar la solidez y hermosura de los proyectos» (Rodríguez-Villasante, 1990: 507), salientando a «…enorme funcionalidad de los edificios de la Base Naval de Ferrol y su calidad artística» (Rodríguez-Villasante, 1990: 507), que introduciron en Galicia un novo concepto de edificio loxístico-industrial que representaba unhas proporcións e decoracións ao gusto da Europa ilustrada.

Ferrol, e o resto das bases navais españolas da segunda metade do século XVIII, supuxeron a superación do proceso artesanal de deseño e foron o resultado de detallados estudos previos e concepcións técnico-científicas modernas. Asemade, os técnicos da Mariña trouxeron innovacións no ámbito da enxeñería hidráulica, como os primeiros diques de carenar en seco, que se pechaban mediante comportas, ou as bombas de achicar auga e a máquina de vapor.

Coincidindo co remate do Arsenal del Parque iniciáronse as obras do Arsenal do Dique, obra de arquitectura hidráulica na que se construíron diques secos de carenar, «poniendo la tecnología de España al nivel más alto de la Ilustración europea» (Rodríguez-Villasante, 1990: 511). A iso seguiron, en 1765, os edificios da Teneduría e o gran Tinglado de Maestranzas (destinados a almacéns e obradoiros).

No proceso de modernización da Armada, en 1717 foi creada en Cádiz a Compañía e Academia de Gardas Mariñas. Pretendían atender ás necesidades de formación dunha oficialidade instruída en consonancia coas novas esixencias da navegación e da guerra. Estableceuse unha dobre estrutura, militar, Compañía, e docente, Academia, supeditada á primeira, pois o capitán da Compañía exercía o mando superior. En 1776, co novo ministro Pedro González de Castejón, tomouse a decisión de dividir a Academia en tres, Cádiz, Ferrol e Cartaxena. Este feito provocou a creación da academia ferrolá e axudou a impulsar a actividade do Departamento. O desenvolvemento do Arsenal e da Academia fixo que á cidade acudiran pilotos, astrónomos, matemáticos e outros especialistas.

Intervención de Jorge Juan na creación e desenvolvemento da base naval de Ferrol

Jorge Juan foi a figura clave do proceso construtivo, pois elaborou e supervisou todo o conxunto, ocupándose da dirección xeral e da coordinación das obras. O deseño e execución técnica estivo en mans dos enxeñeiros da mariña. Sánchez Bort desenvolvería, posteriormente, o proxecto, xeralmente con menos recursos.

Jorge Juan estivo na cidade de Ferrol só en tres ocasións, pero sempre en momentos determinantes. A primeira das visitas foi dende xullo a decembro de 1751. Durante a súa estancia sufriu un grave accidente na Graña, ao ser golpeado cunha “jarcia”, polo que lle foi asignado un secretario que conservaría durante a súa vida, Miguel Sanz, que será o encargado de velar pola súa memoria, escribindo a súa primeira biografía e ocupándose de que se reeditasen algunha das súas obras, como un tratado astronómico que no seu momento fora prohibido pola Inquisición.

O novo Estaleiro, rematado en 1753, produciría un conxunto de buques denominados “Apostolado”, que serían os primeiros construídos co sistema deseñado por Jorge Juan. Un destes barcos, o chamado “Guerrero”, estaría operativo durante 92 anos, participando en batallas como a do Morro da Habana ou no asedio de Cádiz e sendo un exemplo de fiabilidade na construción naval. Todo este sistema de construción importado por Jorge Juan, coñecido como sistema Inglés ou «modelo Jorge Juan», foi abandonado por outro chamado de Gautier (enxeñeiro francés que toma o relevo da construción naval en 1776). Á súa chegada a Ferrol, en 1776, Francisco Gautier impulsou un cambio de modelo. Nomeado director xeral de construcións e carenas en 1778, fixo unha “primeira reconversión naval” e despediu a 1.000 operarios da Real Maestranza ferrolá, equiparando a xastres e zapateiros a carpinteiros de ribeira e calafates, o que provoca unha das primeiras manifestacións de protesta do colectivo de profesionais ao Rei Carlos III. Nesta época a Real Maestranza de Ferrol estaba composta por 3.172 obreiros, sendo a maioría (1.169) carpinteiros de ribeira. O sistema Gautier marcou o declive da Armada española en favor da inglesa, xa que os ingleses incorporaron melloras na artillería dos barcos e maior robustez, o que permitía disparar dende maior distancia, mentres os españois tiñan que entrar coa infantería de mariña para conseguir as vitorias. O propio Jorge Juan, xa no seu retiro gaditano, anticipouse ao fracaso da Armada española en Trafalgar.

O deseño dos diques secos de carenar foi obra de Jorge Juan, «en la época que tomó personalmente la dirección de las obras (1753-54)» (Rodríguez-Villasante, 1990: 510), se ben « ... la realización de las obras correría a cargo de Francisco Llobet primero, y después de Julián Sánchez Bort, con distinto criterio» (Rodríguez-Villasante, 1990: 510). A base da obra dos diques foi a experiencia do Arsenal de Cartaxena en 1751. Jorge Juan e Sebastián Feringan acadaban o primeiro dique seco de carenar do Mediterráneo, «poniendo la tecnología de España al nivel más alto de la Ilustración europea» (Rodríguez-Villasante, 1990: 511).

Jorge Juan regresou por segunda vez á cidade departamental en 1753, pola morte repentina do director de obras, Cosme Álvarez, para facerse cargo do proxecto e nomear a Francisco Llobet director en 1754. Finalmente foi o primeiro responsable do corpo da Armada, Julián Sánchez Bort, o que retomou o proxecto, e impregnouno do espírito reformista europeo, xa que pese a súa xuventude estaba formado na academia francesa e coñecía gran parte da arquitectura europea da época. Con el proxectou Jorge Juan o dique grande de carena, a reforma da sala de Armas (edificio onde hoxe está a sede da cátedra Jorge Juan) e parte do barrio da Magdalena.

Os primeiros traballos de Sánchez Bort dedicáronse a rematar proxectos concibidos con anterioridade. En 1762, foi nomeado enxeñeiro director do Arsenal, modificou en profundidade todo o sector oriental, proxectando a porta principal do Arsenal, as casas do Construtor e Capitán de Maestranzas, o Presidio, a Teneduría, o gran Tinglado de Maestranzas e os diques da dársena, así como a rede de sumidoiros do novo Ferrol. O proxecto da «bomba de agotar con fuego los diques de carenar», orixinal de Jorge Juan, foi rematado por Bort e finalmente instalada nos estaleiros de Cartaxena, logo en Cádiz e finalmente en Ferrol.

Coa caída do Marqués da Ensenada, en 1754, comezaron os problemas para o proxecto do gran Porto Real de Ferrol. Posteriormente, coa morte de Fernando VI en 1759 e a subida ao trono de Carlos III, que viña dende Nápoles e nomeou como capitán de Ferrol ao Conde de Vega Florida, reduciuse o orzamento notablemente e tivo que reformularse o proxecto tanto do Arsenal como do barrio da Magdalena, que será reducido a un terzo do proxectado nun principio por Llobet.

A última visita a Ferrol fíxoa Jorge Juan en 1761 (estivo un ano e sete días, segundo narra o seu secretario e biógrafo). Neste tempo acometeu o traslado das fábricas de “jarcias” de Sada a Ferrol, e tamén a cadea, que se colocou na entrada da ría para defensa de posibles ataques ingleses. O 5 de agosto de 1761 aprobouse o novo proxecto, que levaría finalmente a cabo Sánchez Bort coa supervisión de Jorge Juan. Esta Dársena ferrolá, coa parte da esquerda dedicada as manobras e a construción dos buques e a dereita a invernada da tropa, é a que se conserva hoxe en día e que diferenza a parte de construción ocupada por Navantia e a parte do Arsenal militar ocupada por Defensa. O Arsenal será aumentado nesta última visita co tinglado da Maestranza, que estaba pensado para unha revolucionaria forma de entender o traballo, sendo un dos primeiros lugares onde se fixo a distribución de tarefas e a racionalización do traballo.

Ademais das contribucións á construción dos arsenais reais e do seu papel como espía e xestor, hai que salientar o labor científico pedagóxico que desenvolveu Jorge Juan coa publicación do libro Compendio de Navegación para el uso de los Caballeros Guardia Marinas (1757), que recollía a súa experiencia en navegación e construción naval, e, sobre todo, da súa obra Exame Marítimo Teórico Práctico, que será traducida a varios idiomas e que está considerado como un dos mellores textos navais de tódolos tempos. Publicada durante a súa etapa como director do Real Seminario de Nobles de Madrid, en 1771, a obra está dividida en dous volumes: o primeiro dedicado á mecánica do buque, e o segundo a súa construción e manobra.




Bibliografía:




Fontes documentais e impresas:

Pode consultarse a produción bibliográfica de Jorge Juan nun dos extras que acompañan a esta biografía.


Bibliografía secundaria:

ANCA ALAMILLO, A. (2003): Jorge Juan y el Arsenal del Ferrol, Fundación Jorge Juan.

FRAGA, X. A. (1997): Efectos en Galicia da renovación científica promovida por Sarmiento e outros ilustrados. A constitución da Academia de Gardas Mariñas e dos Colexios prácticos, O Padre Sarmiento e o seu tempo. Actas do Congreso, Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, Universidade de Santiago; t. II: 405-425.

GRANADOS, J. (2011): Un arsenal para el rey; Ferrol en el Antiguo Régimen (SS. XVI-XVIII), NALGURES, VII: 55-171.

MADOZ, P. (1830): Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de ultramar, V. 8, Madrid.

RODRÍGUEZ-VILLASANTE, J. A. (1990): La construcción de Arsenales durante la Ilustración. El Arsenal de Ferrol, Fernández, J & González (editores), Ciencia, Técnica y Estado en la España ilustrada, Zaragoza: Ministerio de Educación y Ciencia/Sociedad Española de Historia de las Ciencias y de las Técnicas; p. 499-516.

SÁNCHEZ-CARRIÓN, J. M. (2006): François Gautier in Spain 1765-1782, Actas International Congress: Technology of the ships of Trafalgar, an homage to their designers and constructors, Madrid-Cádiz, ETSIN, 3-5 de noviembre de 2005. Madrid.

VARIOS (2005): Ferrol cidade da Ilustración, Cadernos Ateneo Ferrolán, 17-18. A Coruña: Deputación Provincial.

VIGO TRASANCOS, A. (1984): Arquitectura y urbanismo en el Ferrol del siglo XVIII, Santiago: Colexio Oficial de Arquitectos.