culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Bernardo Lecocq Honesy

Un enxeñeiro militar no Río de la Plata

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fraga Vázquez, Xosé A.
  • Data de alta: 31/01/2014

Extras de Bernardo Lecocq Honesy: 

Extras sobre Bernardo Lecocq Honesy:

Galeria


Forte de Santa Teresa, a 300 km. de Montevideo, no que o enxeñeiro Bernardo Lecoc levou a cabo obras de reforzo en 1775.
Lecoqceditada.jpg
Lecoqceditada.jpg

Como citar esta páxina:

  • Fraga Vázquez, Xosé A. ([2014], “Bernardo Lecocq Honesy”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 17/10/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=500
Untitled Document

Forte de Santa Teresa, a 300 km. de Montevideo, no que o enxeñeiro Bernardo Lecoc levou a cabo obras de reforzo en 1775.

Datos biográficos:

  • Nacemento: A Coruña 1734
  • Falecemento: Montevideo 1820
Católicos procedentes de diversos países europeos chegaron, a causa das disputas relixiosas, como emigrantes a Galicia no século XVIII. Bernardo Lecocq procedía dunha familia destas características. Segundo certificación bautismal reproducida en Castro (1921), o seu pai, Pedro Lecocq, tenente de enxeñeiros, era natural de Landruy (hoxe Bélxica), e a nai, Juana Honesy, de Blee Water (Irlanda). Foi bautizado na igrexa de San Jorge de A Coruña co nome de Bernardo Joseph Escholastico.

Parece ser que estudou na Real Academia de las Tres Nobles Artes de San Fernando, de Madrid, precedente da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, institución na que xogou un papel relevante na súa posta en marcha o escultor galego de Noia Felipe de Castro. Incorporouse ao exército, en enxeñería, tendo como primeiro destino Cataluña, como “subteniente delineador”. A principios da década dos setenta aparece destinado na zona do Río de la Plata, onde viviría o resto da súa vida, figurando en 1772 como “Ingeniero Extraordinario” en Bos Aires, pasando a “Ordinario” en 1776. En 1787 ascendeu a “Ingeniero Segundo” e tenente coronel de infantería, despois, en 1792, a “ingeniero en Jefe”, en 1800 a “ingeniero director” e en 1802 a Brigadier de Infantería. En 1803 desempeñou a comandancia do Real Cuerpo de Ingenieros en reemprazo do enxeñeiro militar José García Martínez de Cáceres. En 1806 o gobernador de Montevideo, Ruiz Huidobro, solicitou unha licencia por enfermidade e Lecocq ocupou o posto interinamente. Ao regreso, designouno xefe da tropa do Cuerpo Volante de Extramuros de Montevideo, cidade na que residiu habitualmente, con diversas misións polo actual territorio uruguaio e algunha estadía en Bos Aires, por exemplo en 1801, cando exerceu interinamente as funcións de comandante de Enxeñeiros do Vicerreinado.

Deseño e execución de numerosas construcións

O enxeñeiro coruñés dirixiu a construción de diferentes instalacións e fortificacións militares, como o reforzamento do forte de Santa Teresa, ou o de San Miguel, o artillado da colonia de Sacramento, o estudo da fortificación da illa de Martín García e a construción do forte de “Santa Tecla” (actualmente situado en territorio brasileiro), unha fortificación con forma de pentágono irregular que foi destruída na “Guerra de las Naranjas” (1801) polas tropas portuguesas.

Interveu na dirección das obras de fortificación en Montevideo, incluída a “ciudadela” (demolida en 1836). Utilizou como referencia as propostas técnicas de Sébastien Le Prestre, Señor de Vauban, importante enxeñeiro militar. En 1791 presentou, en Montevideo, os planos para a construción da “Iglesia Matriz” e interveu na edificación da catedral. Cando o gobernador Olaguer y Feliu ordenou que se fusionaran os hospitais existentes para construír un máis amplo, encargouse dos planos. Por orde dos gobernadores Bustamante e Ruiz Huidobro realizou diversos proxectos para urbanizar unha parte da cidade de Montevideo cando, no segundo caso, ocupaba o posto de Enxeñeiro Comandante da praza.

Conflitos con Portugal, a comisión de límites

O establecemento dos límites fronteirizos entre as colonias portuguesas e españolas en América do Sur xerou conflitos ao longo de séculos. O “Tratado de Madrid” de 1750 (tamén chamado “de permuta”) pretendía resolver o problema e entrañaba a devolución a España da “Colonia de Sacramento” e a Portugal de varios territorios entre a rexión das “Misiones Orientales”, que incluían setes poboacións das “reducciones” xesuíticas. Os guaranís non estiveron de acordo con esa decisión e enfrontáronse aos exércitos luso e español.

Lecocq participou na expedición que en 1753 pretendía fixar os límites precisos da fronteira, pero en “Santa Tecla” foron rexeitados polos guaranís e as tropas deberon retirarse. Posteriormente, en 1773, foi na expedición do gobernador de Bos Aires, Juan José de Vértiz, e dirixiu a construción dun forte nese emprazamento.

O tema seguiu xerando conflitos e en 1777, España e Portugal asinaron un novo tratado. En base a iso, en 1781 Vértiz nomeou a Pedro Antonio Cerviño, de Campo Lameiro (Pontevedra), enxeñeiro xeógrafo da “Comisión de Límites” encargada de demarcar as fronteiras entre as posesións españolas e portuguesas, baixo a dirección do cartógrafo lucense José Varela y Ulloa. Dous anos despois incorporouse o militar e científico aragonés Félix de Azara. Lecocq participou na Comisión, sendo nomeado en 1783 enxeñeiro da “Primera de las Partidas” (Castro, 1921: 25). O labor iniciouse en febreiro de 1784 e Lecocq interveu durante seis anos.

Cando en 1800 se iniciou unha guerra entre España e Portugal, o vicerrei Joaquín del Pino mandou tropas á fronteira baixo o mando de Bernardo Lecocq. Levaba como axudante a José Artigas, futuro liberador do Uruguai. Estiveron na zona ata a sinatura da paz de Badaxoz en 1801.

Ataque inglés e proceso da independencia

Tras a vitoria sobre a armada hispano-francesa en Trafalgar, en 1806, os navíos de guerra ingleses iniciaron un ataque ao vicerreinado do “Río de la Plata”. Unha expedición desembarcou e tomou Bos Aires en xuño. En agosto, co liderato do capitán de navíio Santiago de Liniers, reconquistouse a cidade. Nomeado vicerrei, Liniers organizou un exército voluntario que sería o xerme do exército arxentino. Parte substancial dese continxente sería o denominado Tercio de Gallegos (“Tercio de Voluntarios Urbanos de Galicia”), constituído o 17 de setembro. O enxeñeiro Pedro Antonio Cerviño será o seu comandante e José Fernández de Castro segundo comandante. Entre os que seguiron a Cerviño figuraban Juan Carlos O'Donnell Figueroa, galego con ascendencia irlandesa, e o cadete Bernardino Rivadavia, quen sería, en 1826, o primeiro presidente arxentino.

Tras o desembarco de Bos Aires os británicos atacaron Montevideo. A Bernardo Lecocq, daquela Brigadier, Subinspector e Comandante de Enxeñeiros, encomendóuselle o mando das tropas de defensa. Non foi posible conter aos invasores, que tomaron Montevideo o 3 de febreiro de 1807, e Lecocq foi preso.

Coa invasión francesa de España en 1808, en Bos Aires, capital do vicerreinado, constituíse en 1810 un “Cabildo abierto” e iniciouse un proceso que remataría coa independencia da Arxentina. Lecocq foi convidado a asistir ao Cabido, pois era o segundo militar en xerarquía que se atopaba no Río de la Plata. Votou con Ruiz Huidrobo, que defendeu que cesara a autoridade do vicerrei e fose substituído polo Cabido, porén dependendo da representación lexítima en España de el-Rei. Cando se elixiu unha “Junta” que declararía a independencia nin el nin Huidrobo a obedeceron (González, 1976). Co país independente asistiu en 1812 á “Junta de Guerra” convocada polo primeiro Triunvirato.

Lecocq casou o 4 de xuño de 1792 con María del Pilar de Pérez Valdéz, crioula nada en Bos Aires que era viúva e con fillos. Un deles, Silvestre Blanco, foi, como deputado por Montevideo e presidente da “Asamblea General Constituyente”, o primeiro asinante (10 de setembro de 1829) da Constitución do “Estado Oriental del Uruguay”. Lecocq tivo dous fillos, Gregorio e Francisco. Este último chegou a a ser ministro de Facenda, xefe de Policía e senador.

A súa casa en Montevideo, situada en 25 de Agosto 590-600 e Juan Carlos Gómez 1587/1589, foi declarada Monumento Histórico Nacional por Resolución 1097/975 do 8 de xullo de 1975.




Bibliografía:




Bibliografía secundaria:

CASTRO Y LÓPEZ, M. de (1921): Lecocq, Buenos Aires: Est. Gráfico J. Estrauch.

GONZÁLEZ LÓPEZ, E. (1976): Ilustres coruñeses próceres de la independencia del Uruguay, Revista Instituto “José Cornide” de Estudios Coruñeses, 12: 179-205.

MARTÍN, M. H.; DE PAULA, A.; GUTIÉRREZ, R (1976):Los Ingenieros Militares y sus precursores en el desarrollo argentino, hasta 1930, Buenos Aires: Fabricaciones Militares.