culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Rafael Areses Vidal

Os comezos da repoboación forestal en Galicia

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco
  • Data de alta: 28/03/2014

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco ([2014], “Rafael Areses Vidal”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 18/10/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=989
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Tui (Pontevedra) 1878
  • Falecemento: Pontevedra 1953
Era fillo do doutor en Farmacia Juan Areses, que tiña unha oficina de farmacia en Tui, e de Ramona Vidal, sobriña do tamén farmacéutico Manuel Amoedo. De seu pai tomou o interese polas Ciencias Naturais e a investigación científica, xa que o seu proxenitor ademais de ter bos coñecementos botánicos analizou as augas minerais de A Toxa, Villaza e Caldelas de Tui.

Estudou o bacharelato no Colexio que os xesuítas tiñan en Camposancos (A Guarda), onde recibiu clases do Padre Merino quen, segundo testemuña do propio Rafael Areses, deixou nel unha fonda pegada que influiría posteriormente na súa vocación cara os traballos forestais. A posición desafogada da familia permitiulle realizar os estudos de Enxeñería de Montes na “Casa de Oficios” do Escorial (Madrid), onde estaba instalada a Escola Especial por traslado desde Villaviciosa de Odón, en 1870. En 1902 rematou os estudos superiores e no mesmo ano, o 18 de agosto, fixo o ingreso no Corpo de Enxeñeiros de Montes. O día 26 dese mesmo mes foi enviado, como primeiro destino, a 1ª División Hidrolóxico-Forestal do Atlántico, baixo a dirección de Ricardo Acebal del Cueto. Suprimida a citada División no ano 1904, pasou ao Distrito Forestal de Pontevedra-Coruña. Previamente tiña conseguido revocar as ordes que o destinaban a Xaén (en 1904) e a Teruel (en 1906).

Primeiros traballos forestais

En 1906 recibiu o encargo de poñer en marcha o primeiro viveiro forestal de Galicia no monte Seixos Albos da parroquia de Areas (Tui). O seu obxectivo fundamental sería o de achegar plantóns para a Festa da Arbore que se quería promover en Galicia e que por mediación dos enxeñeiros forestais estábase a implantar en toda España. De feito, catro anos máis tarde, o 5 de abril de 1910, celebrouse en Tui a Festa da Árbore, que pode considerarse a primeira das realizadas en Galicia nos tempos modernos. Esta iniciativa fora promovida en 1888 polo forestal catalán Rafael Puig y Valls, tomando como base as escolas, para fomentar nelas, nun ambiente de festa, as plantacións e o amor polas árbores. A maioría dos forestais tomaron como propia esta iniciativa, adquirindo carácter oficial por un RD de 1914. Areses, nos anos anteriores á Festa, publicou catro traballos de propaganda exaltando o valor das árbores no xornal de Tui La Integridad.

No viveiro de Areas creou múltiples parcelas de ensaio e experimentación das máis variadas especies, sobre todo exóticas. Desde alí introduciu e difundiu en Galicia a acacia melanoxilon, o pinus radiata, a castanea crenata, o eucaliptus robusta e outras especies de carácter ornamental. Tamén desde alí, saíron plantóns para as primeiras repoboacións do distrito forestal, así como para as realizadas por particulares.

As primeiras repoboacións

No ano 1909 comezaron os traballos de repoboación dos montes de Santa Tegra, Aloia, Baiona e Oia, así como a creación do viveiro de Ourense. Poden considerarse que son estas as primeiras repoboacións feitas en Galicia dun xeito racional e planificado con especies de medra rápida como o piñeiro, que foi a especie dominante. Estes traballos, de todas maneiras, atoparían grandes dificultades na oposición dos veciños pola perda, entre outras cousas, do aproveitamento tradicional do monte, como o esquilmo e o pasto, así como a expulsión do gando destas zonas.

En 1919, Areses foi ascendido a enxeñeiro de 1ª e dous anos despois participou en Lleida na 6ª Asemblea de Repoboación, onde presentou estas primeiras experiencias galegas. En 1917, foi destinado ao distrito de Ourense-Lugo, posto no que estivo só un mes, volvendo de novo ao seu anterior destino.

O Congreso Forestal Galego

Os anos vinte foron de moita actividade polos traballos que emprendeu para a organización do Congreso Forestal Galego, proposto en 1920 pola Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago. O vicepresidente desta, Jacobo Díaz de Rábago, encargoulle estudar as medidas máis acaídas para a repoboación forestal de Galicia. Areses, a partir do Comité Executivo organizador, actuou practicamente como director técnico do Congreso. Tiña como obxectivos: o estudo dun amplo e completo Plan Forestal dos chamados “montes públicos” de Galicia; o fomento da riqueza pesqueira e a repoboación piscícola; impulsar a extensión e creación de novas vías de comunicación; e elaborar unha proposta para arbitrar os recursos económicos para levar a cabo o proxecto.

Na Memoria Técnica que redactou Areses hai que destacar as propostas para a ampliación das áreas de repoboación do distrito forestal de Coruña-Pontevedra, así como o máis concreto “Plan Provincial de Repoboación” para Pontevedra, que debería iniciarse en 1926. O Congreso, previsto para 1921, contaba co apoio do monarca, Alfonso XIII, o Ministro de Agricultura e os deputados galegos. De todas maneiras, o Congreso primeiro foi aprazado, pola imposibilidade da asistencia do Rei nas datas previstas como consecuencia da difícil situación política que atravesaba o país e, posteriormente, adiado “sine die” polo pasamento do presidente do Comité Executivo. Aínda así, os traballos técnicos de preparación do Congreso non ficaron no baleiro, pois serviron posteriormente para poñer en marcha outras iniciativas silvícolas, como foi o Plan de Repoboación que iniciou a Deputación de Pontevedra en 1926 e que se fixo seguindo as recomendacións de Areses na súa Memoria Técnica.

As primeiras repoboacións forestais provinciais

En 1925, a Deputación de Pontevedra presentou un proxecto de repoboación provincial, seguindo as propostas de Areses, no que se contemplaba xa a colaboración entre a entidade provincial e os concellos ao abeiro das novas competencias municipais. Cando saíu o Decreto-Lei estatal de Repoboación Forestal do ano 1926 non houbo máis que darlle pequenos retoques ao proposto inicialmente pola Deputación para poderse acoller a nova lexislación do Directorio Militar. O plan dividía a provincia en 15 zonas, agrupando diversos montes públicos de varios concellos. Prevíase a repoboación de 30.000 has. (o 7% da superficie provincial). Plantaríase un terzo da superficie de montes públicos, deixando os dous terzos restantes para satisfacer os aproveitamentos tradicionais de toxo, leñas, etc., así como as labores e o pastoreo. O monte debería ser explotado de forma múltiple, favorecendo a todos os sectores implicados. O proxecto dedícalle un detallado apartado á selección de especies, aconsellando como especie dominante o Pinus pinaster, polas súas características de rusticidade e medra rápida. O Quercus pedunculata (carballo), e o Castanea sativa (castiñeiro), aínda que fornecen dunha mellor madeira, pola súa medra lenta e sobre todo polas doenzas criptogámicas que presentaban, os reserva para pequenos rodais mesturados coas masas máis amplas de piñeiros.

Iniciouse a repoboación en xaneiro de 1927, acadando en dous anos 5.000 has., o que supón un bo nivel técnico que non foi superado ata a década dos sesenta. En 1929 esgotouse o crédito que presupostara a Administración estatal polo que se paralizaron as obras de repoboación, manténdose só uns traballos mínimos de conservación. De todas maneiras tivo tamén bastantes problemas coas parroquias, que sumados ao seu pensamento conservador e primoriverista , que nunca agachou, deu orixe a un expediente administrativo, a principios dos anos trinta, que ficou finalmente nunha simple amoestación.

Areses , nestes tempos non deixou o seu traballo de divulgación: pronunciou numerosas conferencias e publicou diversos folletos e artigos na prensa galega e nas revistas profesionais, como España Agraria ou Monte y Ríos. En 1935 participou en Madrid no Congreso de Enxeñería Rural e, cando ía ser trasladado a Lleida, ao comezo da Guerra Civil, evitou o cambio.

Hai que salientar tamén a colaboración de Rafael Areses, como socio activo e protector, no Seminario de Estudos Galegos (SEG). Na sesión da Comisión Directora da institución do 19 de outubro de 1931, leuse o seu traballo de ingreso, Antecedentes para la intensificación de la riqueza pastoral de los montes públicos de Pontevedra y de Coruña, ao tempo que se lle daban as grazas polo envío da súa obra Los incendios en los montes públicos, para a Biblioteca do Seminario. Medio mes despois, o 2 de novembro de 1931, enviaba ao SEG outro traballo, titulado En defensa del castaño.

A posguerra e os últimos anos

Rematada a Guerra, foi enviado a Valencia como Inspector da 4ª Rexión, onde actuou de xuíz instrutor. En 1940 volveu a Pontevedra como Inspector da 1ª Rexión, exercendo tamén como Delegado Provincial de Auxilio Social. En 1943 asistiu con Ignacio Echevarría ao Congreso de Ciencias Agrarias de Lisboa.

De singular importancia foi a súa participación, en 1944, no Congreso Agrícola Gallego celebrado en Santiago. Nel presentou un relatorio sobre repoboación forestal xeral, “Plan de intensificación inmediata para el desarrollo de la repoblación forestal hasta conseguir un mínimo de 5.000 hectáreas anuales por provincia. Desarrollo de la industria de la madera”, e foi o encargado de coordinar os traballos presentados polos catro distritos provinciais cos mesmos obxectivos pero referidos ás superficies provinciais. Asistiu a plana maior dos forestais españois e practicamente a totalidade dos galegos. Areses supervisou o nivel técnico dos relatorios e participou na redacción das conclusións, aínda que nelas non se recollía a totalidade do seu pensamento forestal, como o da compatibilidade da repoboación coa gandería e a agricultura e a necesidade de reservar un certo espazo (propoñía o 10%) para repoboación con frondosas.

Ao ano seguinte foi nomeado Presidente da 4ª Sección do Consejo Superior de Montes e, en 1948, xubilouse. De todas maneiras, continuou traballando ata a súa morte: participou con dúas comunicacións no II Congreso de Enxeñería Civil, publicou o libro Nuestros Parques y Jardines. Contribución al conocimiento de las plantas exóticas cultivadas en España, Galicia, Tomo I, Pontevedra (Madrid, 1953), e seguiu coas súas colaboracións na revista profesional Montes, na que publicou catro traballos.

O pensamento forestal

Os primeiros anos de traballo profesional de Areses coincidiron co cambio experimentado polos forestais españois na valoración do bosque. Dunha silvicultura xermánica, que predominou na segunda metade do dezanove e que consideraba as árbores como elementos fundamentais dun equilibrio natural nunha visión humboldtiana, pasouse a interpretar o bosque, sobre todo, como fornecedor de madeira. Deste xeito,valoráronse, por influencia do pensamento do todopoderoso Octavio Elorrieta, Director Xeral de Montes na Ditadura de Primo de Rivera, os beneficios das árbores de medra rápida. Así mesmo, houbo intentos de definir e aplicar unha silvicultura “mediterránea” onde se defendía a xestión privada do monte fronte á pública e a compatibilidade dos diferentes usos (agrícola, gandeiro, etc.) no espazo forestal. Así mesmo, destacábase a fraxilidade destes ecosistemas «tan fáciles de destruir como difíciles de reconstruir» (IX Congreso de Agricultura, Madrid, 1911).

Areses participou esencialmente deste xeito de interpretar o bosque, defendendo o predominio nas explotacións forestais das especies de medra rápida, como o piñeiro bravo, en quendas de corta de poucos anos. De todas maneiras non esqueceu de todo as especies tradicionais como o carballo e o castiñeiro, para as que propoñía unha repoboación selectiva nos sitios máis axeitados e, así mesmo, defendeu o valor das masas mixtas desde un punto de vista ecolóxico e sanitario. Por outra parte, interpretou a compatibilidade de usos que propoñían os defensores da silvicultura mediterránea, adaptándoa aos usos tradicionais de Galicia. Ben é certo que este pensamento forestal reflectido nos seus escritos, non parece que transcendera moito a realidade repoboadora, onde houbo un predominio asoballante da silvicultura intensiva con rendementos a curto prazo. Nos últimos tempos, semella que Areses foi máis sensible ás funcións sociais do bosque: defendeu, por exemplo, as valoracións estéticas do mesmo e propuxo harmonizar nas repoboacións «lo útil con lo bello».

Non se debe esquecer, tampouco, a orientación pedagóxica dos seus traballos, da que foi un afervoado defensor durante toda a súa vida. Definida por algúns como un xeito de “apostolado”, o certo é que Areses empregou todos os medios posibles para propagar os valores das árbores e mesmo chegou a gravar nos penedos do monte Aloia citas clásicas na defensa do arborado e do medio natural.



Bibliografía:




Fontes documentais:

ARESES VIDAL, R. (1921): Antecedentes para la intensificación de la riqueza pastoral de los montes públicos de Pontevedra y de Coruña, 32 folios mecanoscritos. Fondos do Seminario de Estudos Galegos, Instituto de Estudios Gallegos “Padre Sarmiento”.


Fontes impresas:

ARESES VIDAL, R. (1921): Memoria Técnica presentada al Congreso Forestal Gallego, Santiago: Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago.

ARESES VIDAL, R. (1944): Plan de intensificación inmedita del desarrollo de la repoblación forestal hasta conseguir un mínimo de 5.000 hectáreas anuales por provincia. Desarrollo de la industria de la madera, A Coruña: Jefatura Provincial del Movimiento.

ARESES VIDAL, R. (1953): Nuestros Parques y Jardines. Contribución al conocimiento de las plantas exóticas cultivadas en España, Galicia, Tomo I, Pontevedra, Madrid: Escuela Técnica Superior de Ingenieros de Montes.

ARESES VIDAL, R. (1999): La repoblación forestal, Pensamento forestal no século XX, edición ó coidado de Eduardo Rico Boquete, Santiago de Compostela: Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria de Galicia / Caixa Ourense.


Bibliografía secundaria:

DÍAZ-FIERROS, F. (2006): A cuestión ambiental en Galicia, Vigo: Galaxia.

RICO BOQUETE, E. (1997): Síntesis biográfica de un forestal gallego, Rafael Areses Vidal, Rev. Forestal Española, 16: 28-31.

ARESES VIDAL, R. (1999): La repoblación forestal, Pensamento forestal no século XX, edición ó coidado de Eduardo Rico Boquete, Santiago de Compostela: Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria da Xunta de Galicia / Caixa Ourense.

VV.AA. (2000): D. Rafael Areses Vidal. Biografía dun home dedicado ós bosques de Galicia, Santiago: Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.