ÁLBUM DA CIENCIA:
A elaboración desta nova versión do Álbum da Ciencia supón un esforzo investigador e divulgativo dun amplo equipo de especialistas. A dirección foi encomendada a Xosé A. Fraga Vázquez, da Sección de Ciencia, Natureza  e Sociedade do Consello, quen contou coa colaboración do coordinador desa Sección, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, na codirección, e de Alfonso Mato na coordinación e redacción.
Eusebio Bueno Martínez
Defensor da incorporación das Ciencias Naturais á Medicina e difusor da vacina en Galicia
Nacemento:Madrid 1774. Falecemento: Santiago de Compostela 1814
Autor/a da biografía: Xosé A. Fraga Vázquez
Data de alta: 15/05/2012

Ámbitos de ocupación: Medicina / Química /


Cursou estudos en Madrid, en establecementos extra universitarios difusores das novas ciencias. Estudou matemáticas e mecánica durante tres anos no Colexio Real de San Isidro, no que foi alumno do matemático Francisco Verdejo González (1757-1817), e adicou outros tres anos ao estudo da arquitectura na Academia de San Fernando. Seguiu, como colexial interno, os cursos do Colexio de Cirurxía de Madrid. Acadada a licenciatura en medicina, obtivo o doutorado en 1798. Un accidente sufrido nese tempo, unha caída, afectou seriamente á súa vida cotián e, ao parecer, adiantou a súa temperá morte.

Ese mesmo ano participou en Madrid nunha oposición á cátedra de Materia médica, Química y Farmacia, na que presentou o traballo: Dissertatio de carbonate potasae sive interne assumendo sive externe applicando. Non tivo éxito, pero axiña acadou a cátedra de Botánica do Colexio de Santiago, da que tomou posesión o 9 de decembro de 1799.

O Colexio de Cirurxía de Santiago de Compostela

O ministro Urquijo suprimiu en 1799 o ensino de Medicina das Facultades de Medicina e confiouno aos Colexios de Cirurxía Médica, creando as “Facultades reunidas”. A experiencia tivo escasa duración -rematou en 1801- e a partir dese ano os Colexios pasaron a chamarse só de Cirurxía e desenvolveron o seu labor como institucións non universitarias. O trienio liberal trouxo un novo intento de agrupamento do ensino da medicina, cirurxía e farmacia na Escuela Especial del Arte de Curar entre 1821 e 1823, momento no que rematou a actividade autónoma do Colexio de Santiago, institución que cos anos foi perdendo vigor.

Para poder acceder a unha valoración axeitada do papel modernizador do Colexio compostelán, debemos situarnos no contexto científico da Ilustración en Galicia (Fraga, 1997) e na complexa e difícil introdución das ciencias modernas na Universidade de Santiago (Sisto & Fraga, 1996). Durante moito tempo, a incorporación das novas disciplinas tivo un mero carácter formal, os cambios atoparon unha forte resistencia, centrada nas carencias de medios e no corporativismo universitario.

Os Colexios formaban parte dunha alternativa institucional diferenciada na política científica ilustrada. Representaban a recepción dos novos saberes prácticos e útiles, fronte ao coñecemento clásico e especulativo das aulas universitarias. O ensino recibido era innovador pola utilización de libros estranxeiros modernos, xuntas de colegas para debater, ensino práctico, exames periódicos, explicacións e probas realizadas no idioma oficial, non en latín (Fraga, 1999).

Actividade no Colexio de Cirurxía de Santiago, a introdución da vacina en Galicia

Bueno asumiu a cátedra de Botánica e tamén se encargou da docencia, pola ausencia do profesorado correspondente, da Química, Física xeral, Botánica e Mineraloxía, relacionadas coa Medicina. Cómpre subliñar, pois, que Eusebio Bueno foi introdutor da docencia desas disciplinas científicas, en concreto da Historia Natural e da Química, no ensino superior galego. Esa circunstancia xustificaría por si soa o interese histórico desta figura. Tamén ocupou o posto de cirurxián titular do Hospital de Santiago.

Eusebio Bueno e Francisco Vendrell de Pedralbes (1776-1850) foron os profesores máis salientables na vida da institución. Segundo Pedralbes, nas súas leccións de botánica Bueno foi un adiantado, explicando algunhas novidades antes de que penetraran en España: “las famosa obras de Sennebier y Brisseau-Mirbel” e "Ya en el primer año de su cátedra presentó un largo trabajo sobre la equivalencia o relación de todos los sistemas botánicos conocidos..."(Pedralbes, 1814: 5). Sobre as súas actividades indica que "Al propio tiempo ocupado en repetir ensayos químicos, halla el método más simple en la formación artificial del agua, quemando solo el gas hidrógeno al aire libre, del que robaba aquel el origen, para precipitarse unido en forma de agua pura y liquida" (Pedralbes, 1814: 5).

O interese de Bueno polo coñecemento da natureza ponse de manifesto non só nos seus escritos. O noso autor mediu, durante uns anos, tres veces ao día, diferentes factores meteorolóxicos. Unha actividade característica de científicos da época interesados por unha ciencia cuantitativa. Asemade, segundo Pedralbes, confeccionou un herbario e unha colección de mineraloxía.

Difundiu en 1801 a vacina en Galicia (Danón, 1991). O médico agregado á embaixada española en París, Juan del Castillo, co naturalista Zea, que gozaba dunha pensión de estudos na capital francesa, remitiron a Madrid unha mostras de "pus vacinal". Rafael Costa de Quintana, catedrático do Colexio de Cirurxía de Madrid, foi designado para a súa distribución por España. Tras as primeiras probas en Madrid, en agosto de 1801, Costa remitiu unha partida do "pus vacinal" ao Colexio de Santiago, da que se fixo cargo Bueno, antigo alumno de Costa. Das primeiras experiencias dáse información nunha das regulamentarias Juntas Literarias do Colexio, a do 11 de novembro de 1802. Conta como as vacinacións foron iniciadas en agosto de 1801, a fins dese mes, o 27. Por outra banda, González Guitián e Galdo Fernández (1996) afirman que o médico Posse Roybanes levou a cabo a primeira vacinación galega na Coruña o 16 de agosto de 1801. En calquera caso, o que semella indiscutible é que Eusebio Bueno estivo na vangarda da difusión da vacina en Galicia.

Outra cuestión que cómpre subliñar é a participación de Bueno no intento de revitalizar a Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago. Concorreu ás actividades, pronunciou discursos e presidiu a sección de Agricultura. Parte dos seus escritos pasaron a formar parte da biblioteca do doutor Pedralbes, quen os doou á Academia de Medicina de Barcelona (Danón, 1998).

A defensa da incorporación das Ciencias Naturais á Medicina

A medicina atopábase, no tránsito do século XVIII ao XIX, nun período de confusión (Arquiola e Montiel, 1993). Unha das principais correntes modernizadoras, na pretensión de converter á medicina nunha verdadeira ciencia, consistiu na consideración positiva do inductivismo, o recurso aos achádeos das novas ciencias e á súa utilización como modelo. Nese camiño da medicina a prol da súa "dignificación científica” estivo Bueno e o seu amigo Pedralbes, que se manifestan favorables a estreitar a relación do saber médico co resto das ciencias e se amosan partidarios da incorporación destas no currículo. Bueno consideraba que “el estudio de la Historia Natural es tan necesario al Médico que sin el no se puede llamar tal el Profesor que está encargado de la salud de los hombres” (Bueno, 1800: 1). Pedralbes denominouno "médico naturalista".

A incorporación que Bueno reiteradamente reclama, das ciencias naturais á medicina, forma parte dunha concepción global deste autor sobre as necesidades da docencia e prácticas médicas do momento. Entende que os hospitais deben ser considerados como "Escuelas prácticas", onde os profesores e os practicantes deben estudar as doenzas no "libro abierto de la naturaleza". Defenderá ese ensino práctico da medicina, que lle leva a apostar pola experiencia da “Facultade reunida”, e a apoiar a política de bolseiros promovida desde o Goberno. Unha política que no tránsito do século XVIII ao XIX permitiu o acceso a importantes centros científicos europeos (especialmente franceses) de científicos españois en formación.

Semella, pois, que a posición de Bueno, coas súas peculiaridades, estaba moi próxima á que defendían importantes sectores partidarios dun cambio importante na docencia médica, superando os teoricismos e especulacións dominantes nos ámbitos universitarios tradicionais. Esa alternativa acadou concreción política en dous momentos de auxe liberal, na breve e singular presencia do ministerio de Urquijo e no trienio liberal. Un proxecto que na súa formulación política puido fracasar nas primeiras décadas do século XIX, pero que atopou a súa continuidade en momentos posteriores. Obviamente, a alternativa tivo detractores, especialmente entre os profesores universitarios de Medicina. Bueno era consciente da polémica e participa nela nunha inequívoca posición.

Por outra banda, Bueno expón unha visión moderna da Historia Natural, positiva, en consonancia co optimismo científico da época, lonxe de referencias metafísicas e que inclúe a consideración unitaria das ciencias, típica do pensamento ilustrado. Á vista da súa perspectiva científica, non nos pode sorprender que insista na relación ser humano-natureza. Fixoo no Discurso inaugural que leu en outubro de 1804, co título La relación íntima y recíproca de la Naturaleza entera y con el hombre sano y enfermo (Bueno, 1804). Trátase dunha das súas intervencións máís acabadas, cunha estrutura perfectamente organizada e unhas referencias coherentes e actualizadas. Neste sentido, cómpre salientar as referencias que fai no texto aos científicos máis relevantes do momento.

Explica o método que seguiría nas leccións: "El raciocinio guiado de la experiencia y analogía es la antorcha que dirige nuestros pasos". Parte de que "Todo lo que existe en el universo tiene relación con el hombre ya sirviéndole de excitante en sus acciones sanas ya en las morbosas". E pasa a un estudo dos distintos elementos naturais (aire, luz, seres vivos, minerais...). Na detallada exposición amosa un interese especial pola electricidade, en consonancia coa atención prestada na época por autores como Humboldt, Volta ou Galvani. Coidaba que o médico precisaba coñecer deses elementos naturais e que, por iso, debían ser obxecto de estudo. Reclama atención ao coñecemento detallado e cuantitativo dos factores naturais que inflúen no ser humano e insiste na súa importancia para a formación dos estudantes.




Bibliografía:



Fontes Documentais:

BUENO MARTÍNEZ, E. (1798): Dissertatio de carbonate potasae sive interne assumendo sive externe applicando Eusebius Bueno Martinez , Manuscrito de 23 pp conservado na Universidad Complutense de Madrid.

Nos “Papeles del Dr. Pedralbes”, Archivo de la Real Academia de Medicina de Catalunya (RAMC):

BUENO MARTÍNEZ, E. (1800): Discurso inaugural que en la avertura de cátedra de Historia natural y chimica dixe en el Real Colegio de la Facultad reunida de Santiago el día 6 del mes de Octubre del año de 1800. Eusebio Bueno Martínez. Introducción a la cátedra de Historia natural y Chimica que en el Real Colegio de la Facultad de Medicina y Cirugía reunidas leí en 6 de Octubre de 1800 caixa XXIV (V), 8.

BUENO MARTÍNEZ, E. (1804): Discurso inaugural que a la abertura del Curso sexto del R. Colegio de Cirugía-médica de Santiago, dixo el Dr. D. Eusebio Bueno Martínez el día 1º de Octubre de 1804. La relación íntima y recíproca de la Naturaleza entera y con el hombre sano y enfermo, caixa XXIII (IV), 26.

BUENO MARTÍNEZ, E. (1810): Informe presentado a la Rl. Junta del Grande y Rl. Hospl. de Santiago sobre el modo de tener un surtido de vendajes pa. la Curación de los Enfermos que entren el el por el Dr. Dn. Eusebio Bueno Martz. su cirujano titular, caixa XXI (II), a, 5.

BUENO MARTÍNEZ, E. (1812): Oración inaugural que a la abertura de Estudio general de Cirugía médica del Colegio nacional de Santiago leyó el Sr. Dn. Eusebio Bueno Martínez Catedrático de materia médica Chimica y Botánica del mismo. Octubre 19 del año 1812, caixa XXIV (V), 8.

PEDRALBES, Francisco (1814): Elogio del Dr. Dn. Eusebio Bueno, 17 abril 1814, caixa XXI (II), a, 8.

Bibliografía secundaria:

ARQUIOLA, E. & MONTIEL, L. (1993): La corona de las Ciencias Naturales. La medicina en el tránsito del siglo XVIII al XIX, Madrid: CSIC.

DANÓN, J. (1991): La introducción de la vacuna en Galicia, Actas del IX Congreso Nacional Historia Medicina, v. I: 147-149. Zaragoza.

DANÓN, J. (1993): El Real Colegio de Cirugía Médica de Santiago, Medicina&Historia, 46, XVI pp.

DANÓN, J. (1998): Los papeles del Dr. Pedralbes de la Real Academia de Medicina de Catalunya. Inventario, Barcelona: J. Uriach, Centro de Documentación de Historia de la Medicina.

FRAGA, X. A. (1997): Efectos en Galicia da renovación científica promovida por Sarmiento e outros ilustrados. A constitución da Academia de Gardas Mariñas e dos Colexios prácticos, O Padre Sarmiento e o seu tempo. Actas do Congreso, t. II: 405-425. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega-Universidade de Santiago Santiago de Compostela, Servicios Publicacións da Universidade de Santiago.

FRAGA, X. A. (1999): A innovación da Medicina impulsada desde o Colexio de Cirurxía de Santiago (1799-1820) nalgunhas intervencións de Eusebio Bueno e Francisco Pedralbes, Ingenium 6: 45-63.

GONZÁLEZ GUITIÁN, C. & GALDO FERNÁNDEZ, F. (1996): A Coruña en la Historia de la Viruela, A Coruña: Vía Láctea.

SISTO EDREIRA, R. & FRAGA, X.A. (1996): A recepción da Ciencia moderna na Universidade de Santiago, 1772-1845. A incorporación da Física e da Química e o labor dos Colexios prácticos, Ingenium, 5: 23-58.



Como citar esta páxina:
Xosé A. Fraga Vázquez ([2012], “Eusebio Bueno Martínez”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 07/12/2023] [URL: http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=288

Máis información e materiales complementarios en http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=288

Un proxecto do
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar 
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202