ÁLBUM DA CIENCIA:
A elaboración desta nova versión do Álbum da Ciencia supón un esforzo investigador e divulgativo dun amplo equipo de especialistas. A dirección foi encomendada a Xosé A. Fraga Vázquez, da Sección de Ciencia, Natureza  e Sociedade do Consello, quen contou coa colaboración do coordinador desa Sección, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, na codirección, e de Alfonso Mato na coordinación e redacción.
Juan Lembeye y Lartaud
Pioneiro da ornitoloxía cubana
Nacemento:Ferrol (A Coruña) 1816. Falecemento: Culleredo (A Coruña) 1889
Autor/a da biografía: Díaz-Fierros Viqueira, Francisco
Data de alta: 11/01/2013

Ámbitos de ocupación: Zooloxía / Agronomía /


Procedía dunha familia de comerciantes de orixe francés na que existían membros destacados dos círculos liberais, como o caso do seu tío Vicente, membro dunha loxa masónica coruñesa. Familiar seu, incluso o seu pai, debeu ser tamén o Juan Lembeye que, segundo contan os da Asociación Galega de Patrimonio Industrial, era un “notable comerciante acomodado na vila de Ferrol desde 1762, comisionado de abastecemento dos Reais Arsenais e director da Real Compañía Marítima, entre outros importantes cargos”, ademais de propietario das Reais Fábricas das Aceas do Ponto (Concello de Narón), que morreu en 1823, empeñado e hipotecado.

Descoñécense as circunstancias da súa xuventude e do porque da súa emigración a Cuba, onde se sabe que xa se atopaba en 1840. Alí dedicouse ao ensino particular nunha academia de comercio que posuía, e no seu tempo de vagar ás Ciencias Naturais, que semella cultivou desde os primeiros tempos da súa chegada á Illa. Así mesmo, tamén se sabe que mantivo desde moi cedo amizade co ornitólogo alemán Gundlach e que pouco a pouco foi pasando dun autodidactismo espontáneo a unha formación cada vez máis baseada nos textos e teorías científicas, así como nos contactos con outros investigadores, como o xa nomeado Gundlach ou Felipe Poey. Semella que acadou unha posición desafogada e unha certa sona nos ambientes habaneiros.

A principios da década dos sesenta volveu a Galicia e estableceuse en Culleredo, abandonando tamén o cultivo das Ciencias Naturais. Desde entón as súas preocupacións científicas viraron cara a agronomía, facendo pequenas experiencias de cultivo nas que ensaiou o abonado racional e sobre todo os remedios contra a caries do trigo. En 1863 sabemos, pola Revista Económica (nº 62, 30/05/1863, p. 293), que experimentaba nas súas explotacións de Culleredo unha muxidoira mecánica que trouxera de Inglaterra o Sr. Pardo Bazán. Ese mesmo ano foi elixido concelleiro de Culleredo e no 1868, alcalde, cargo que exerceu ata 1871 e ao que volvería en 1889, uns meses antes de morrer. Parte do seu legado científico pasou ao Instituto de Ensino Medio de A Coruña, onde figuraban traballos manuscritos sobre entomoloxía, hoxe descoñecidos.

A súa obra máis salientable é o libro Aves de la Isla de Cuba (1850), na que fai a descrición de 132 especies, das que catro eran recollidas por primeira vez na literatura científica. Leva vinte bos gravados da Litografía de Marquier, sendo catro deles - os das especies descritas por primeira vez - totalmente orixinais. Realizou, así mesmo, traballos de entomoloxía, que se descoñecen, e dos que só se conserva unha colección de Himenópteros cubanos na Casa das Ciencias de A Coruña. Tamén publicou:
Consideraciones y consejos agrícolas para mejorar las cosechas de trigo en Galicia y perfeccionar los abonos (Santiago, 1873) e La Caries, inoculación esporádica de los trigos y medios de evitala (A Coruña, 1876).

A obra ornitolóxica de Lembeye non foi moi valorada no seu tempo, sendo cualificada, por exemplo, en Cuba, de "más agradable que útil", ou en España de "muy entretenida, pero de escaso valor científico". Unha valoración máis desapaixonada que a que se fixo no seu tempo e que se pode basear nas propias testemuñas de Gundlach e de Poey, a cualificarían como unha obra importante, con algúns erros, sen dúbida, mais que non superaban os de outras obras semellantes da época, e por enriba de todo cunha singular vocación didáctica que a converten nunha obra útil a destacar.

Os seus traballos agronómicos, escritos baixo o influxo do firme didactismo que caracteriza ao autor, están baseados sempre en experiencias agronómicas propias, ben deseñadas e controladas, o que fai que neste senso se distingan de moitas outras obras agronómicas escritas en Galicia pola época, que tiñan só unha base bibliográfica teórica.



Bibliografía:




Fontes impresas:

LEMBEYE Y LARTAUD, J. (1850): Aves de la Isla de Cuba, La Habana: Imprenta del Tiempo. Publicouse unha edición facsímile en alemaña, Berlin: W. Junk Libraire-éditeur, 1902 ; e outra en Galicia, Santiago: Xunta de Galicia, 1995.

LEMBEYE Y LARTAUD, J. (1873): Consideraciones y consejos agrícolas para mejorar las cosechas de trigo en Galicia y perfeccionar los abonos, Coruña: Tipografía de Eusebio Cascante; posteriormente fíxose outra edición: Santiago: Imprenta del Seminario Conciliar, 1885.

LEMBEYE Y LARTAUD, J. (1876): La caries: inoculación esporádica de los trigos y medio de evitarla, Coruña: Imprenta de D. Eusebio Cascante.


Bibliografía secundaria:

DÍAZ-FIERROS VIQUEIRA, F. (1995): Introducción á edición facsímile de Aves de la Isla de Cuba, de Juan Lembeye y Lartaud, Santiago: Xunta de Galicia.

Como citar esta páxina:
Díaz-Fierros Viqueira, Francisco ([2013], “Juan Lembeye y Lartaud”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 29/05/2023] [URL: http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=400

Máis información e materiales complementarios en http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=400

Un proxecto do
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar 
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202