 |
Inicio /
Gonzalo Gurriarán

Gonzalo Gurriarán
O Barco de Valdeorras 1904 -
Igualada 1975
Médico e investigador valdeorrés formado en Estrasburgo e pioneiro do asociacionismo montañeiro galego
Untitled Document
|
|
|
Documento sin título
 |
Bibliografía...
FANDIñO, X.R.: Juan López Suárez ou “Xan de Forcados”. Home de ciencia e impulsor das melloras culturais de Galicia, Ediciós do Castro, 2003. (coa colaboración de Ricardo Gurriarán)
GURRIARáN, R.: Gonzalo Gurriarán Gurriarán (1904-1975), Instituto de Estudios Valdeorreses, 2005.
DíAZ-FIERROS VIQUEIRA, F.: A cuestión ambiental en Galicia, Editorial Galaxia, 2006.
GURRIARáN, R.: Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Universidade de Santiago. Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, Santiago, 2006.
|
|
Ámbitos de ocupación:
Medicina
|
Procedente dunha familia vasca asentada nas actividades ferreiras de Valdeorras desde finais do século XVI, Gonzalo Gurriarán naceu no ano 1904 no Barco de Valdeorras, cando xa a familia abandonara os enxeños das ferrerías e se establecera no Barco de Valdeorras como vitivinicultores, comerciantes e banqueiros. Estudou os primeiros cursos do bacharelato en colexios do Barco, examinándose por libre no Instituto de León, e por decisión familiar mancomunada, xunto aos seus curmáns Xoaquín e Perucho, rematounos no Colexio Valldemía dos Maristas de Mataró. No curso 1919-20 superou o preparatorio da carreira de Medicina na Universidade de Valladolid, que rematou en Madrid. Logo dun primeiro ano na capital vivindo de pensión, por medio das amizades do seu tío, o médico Xosé Gurriarán, especialmente a de Xoán López Suárez, Gonzalo accede como alumno interno á Residencia de Estudiantes e participa de todas as actividades culturais e científicas nos laboratorios alí montados pola JAE. Ao mesmo tempo iníciase no deporte de montaña e asiste diariamente á Facultade, na que impartía clase un formidable equipo de científicos docentes formados en Europa baixo a tutela da Junta de Ampliación de Estudios. Manterá unha relación de alumno moi especial cos profesores Teófilo Hernando, Juan Negrín e Laureano Olivares, dos que aprendeu Terapéutica, Fisioloxía e Cirurxía.
Rematada a carreira en 1926, foron os Drs. Hernando e Olivares os que o convenceron de que o seu futuro pasaba por ampliar a súa formación no estranxeiro e López Suárez moveu os fíos institucionistas para lograr que a JAE avalase tal pretensión e conseguiu que esta o enviase a Estrasburgo. Chegou á capital da Alsacia en setembro de 1928 e púxose a traballar en Técnica Cirúrxica no Hospital Civil, primeiro co doutor Stölz e despois co Dr. Weiss, co que publicou os resultados das súas inventigacións, ao mesmo tempo que prepara a súa tese de doutoramento (Estudios experimentales sobre la obtención de la úlcera gastroduodenal), que en maio de 1930 defendeu en Madrid ante un tribunal composto polos doutores Simonena, Olivares, Negrín e Varela Radío.
Ante tal aproveitamento, a JAE renóvalle a confianza e concédelle unha bolsa para volver a Estrasburgo e a primeiros de 1931 intégrase na Clínica Cirúrxica B do Hospital da Facultade de Medicina e incorpora ás súas investigacións o gastrofotor, un aparello acabado de inventar en Austria polo medio do cal se obtiñan imaxes directas das paredes do estómago. Desta volta permaneceu en Francia ata 1933, ano no que regresa a Madrid e se vincula ao Instituto de Farmacobioloxía dirixido polo Dr. Hernando e ás sesións clínicas de diferentes profesores da Facultade de Medicina, recibe varios premios polas súas publicacións, foi nomeado axudante técnico cirúrxico do departamento de Farmacoloxía e Terapéutica da Facultade de Medicina. Abrirá unha consulta privada, e co hematólogo Luís Fanjul un laboratorio para a determinación de grupos sanguíneos e para facer transfusións de sangue.
O 18 de xullo de 1936, o Dr. Gurriarán iniciaba as vacacións estivais no Barco de Valdeorras, onde se desatou unha situación de inestabilidade extrema con enfrontamentos entre comunistas e falanxistas, depuracións e fuxidas ao monte. Gonzalo sen adscrición partidista concreta, no Barco era considerado “roxo” pola súa estreita vinculación con corporacións tan marcadamente republicanas como a Institución Libre de Enseñanza, a JAE e pola súa amizade con Juan Negrín. Tras os iniciais momentos de incerteza nos que permaneceu agachado en casa de varios familiares, en febreiro de 1937 logrou incorporase á liña bélica de vangarda como cirurxián sen militarizar en diversos hospitais de campaña da fronte de Madrid. Finalizada a contenda, sen terlle en conta os servizos prestados, ábreselle expediente de depuración, polo que, malia ser sobresaído, coartoulle as posibilidades de continuar desempeñando o seu prometedor traballo científico de antes do conflito. Xa que logo, en 1939 abriu unha consulta clínica e cirúrxica no Barco e exerceu a medicina privada de forma exclusiva ata 1948, ano no que entrou a ocupar unha praza na sanidade pública en Sobradelo de Valdeorras ao serlle recoñecida a oposición que desde 1928 tiña como médico de asistencia pública domiciliaria.
Máis alá da medicina, outra dimensión intelectual de Gonzalo Gurriarán foi a posta en valor, moi na liña cos principios institucionistas, dos valores e a beleza das serras valdeorresas. Xa en 1927 estaba afiliado ao Club Alpino Español e publicaba no seu órgano xornalístico, a revista Alpina, o artigo “Una excursión a Peña Trevinca”, no que, con áxil estilo descritivo, dá conta dos avatares da ascensión a esa cima. Así, en abril de 1944 fundou o Club Peña Trevinca-Montañeiros de Galicia para desenvolver o potencial turístico e recreativo valdeorrés e fomentar os deportes de montaña. Ademais de ocuparse das tarefas organizativas e burocráticas, Gurriarán coordinou e guiou aos excursionistas de fóra da bisbarra, divulgou as intencións do Club en artigos en diversos xornais galegos e madrileños, impulsou a construción do refuxio da Fonte da Cova, dotou ao local social do Barco dunha biblioteca con libros do montañismo complementados con outros sobre xeoloxía, flora, historia e xeografía de Galicia, promoveu actividades relacionadas coa reforestación da serra e a sensibilización sobre a masa arbórea en extinción e estruturou diversos ciclos de conferencias. Outra destacada actividade do Club e do febril entusiasmo que lle imprimía o biografiado foi a edición do Boletín do Club, do que, entre setembro de 1944 e decembro de 1950, se publicaron nove números.
Canso de ver como os seus esforzos a prol do montañismo e do esquí non frutificaban e desanimado pola falta de apoio, Gonzalo Gurriarán vai abandonando a súa intensa dedicación ás actividades montañeiras e sen a súa dirección, o Club Trevinca comeza a esmorecer, pero o afán asociativo de Gonzalo é tan forte que aínda lle quedan folgos para defender o conservacionismo naturista. Promovendo a participación cidadá e con artigos de prensa participou activamente na campaña de defensa do Lago de Sanabria que as empresas Ideam e Iberduero querían aproveitar para os seus intereses hidroeléctricos. Tamén promoveu e presidiu a Sociedad Deportiva de Caza y Pesca de Barco de Valdeooras e encabezou a Xunta Local de Construcións Escolares
En plenitude de facultades, tras 71 anos de intensa actividade científica, asociativa e deportiva, no transcurso dunha viaxe familiar a Cataluña, o doutor Gonzalo Gurrirarán morreu en 1975 en Igualada, vítima dun desafortunado accidente de tráfico.
Autor/a da biobibliografía: Xosé Ramón Fandiño
|
Obra
de Gonzalo Gurriarán
“Una excursión a Peña Trevinca”, en Alpina nº12. Madrid, 1927
“Sur un mèthode des séances d´obtenir des ulcères gastro-duodenaux experimentaux”. Comptes-rendus des séances de la Societé de Biologie. Tome CII, noº 26, páx. 48. En colaboración co Dr. Weiss. Outubro, 1929.
“Ulcères chroniques gastro-duodenaux experimentaux creés par la derivation de sucs alcalins duodenaux”. Archives da revista Des Maladies de l´Appareil Digestif et de la Nutrition, Tome XX, nº 1, páx. 63, janvier 1930. Masson Ed. Paris.
“Nouvelles recherches sur la pathogenie des ulcères”. Xunto cos doutores Weiss e Graves. Revista La Presse Mèdical, Paris, 12 decembro de 1931.
“Nuevas experiencias sobre la patogenia de las úlceras gastro-duodenales”, xunto cos doutores Weiss e Graves de Estrasburgo. En Archivos de Med. Cir. Y Esp. 1931-34-52, páx. 1177.
“Pathogénie de l´ulcère post-opératoire” ponencia para o XL “Congrés de l´Association Française de Chirurgie”, Paris, 5-10 octobre 1931.
“Hacia una sociedad gallega de montañeros” en El Ideal Gallego, 14.04.1944
|
|
|