culturagalega.org
Álbum de mulleres | Inicio
Inicio / Manuel Díaz Rozas

Manuel Díaz Rozas
A Coruña 1894 - A Coruña 1984
Inspector de ensino, pedagogo e membro do Seminario de Estudos Galegos
Untitled Document
Inicio
1907, Un ano para a
cultura científica
Indice alfabético
Castelao
Antonio Baltar
María Barbeito
Fermín Bouza Brey
Fernando Calvet Prats
José Casares Gil
Aniceto Charro Arias
Evaristo Correa Calderón
Pedro Couceiro
María Victoria Díaz Riva
Manuel Díaz Rozas
Rafael Dieste
Fernández de la Vega
Xosé Filgueira Valverde
Cruz Gallástegui
José García-Blanco
Gonzalo Gurriarán
José Gutiérrez del Arroyo
Luís Iglesias
Sara Leirós Fernández
Florentino López Cuevillas
Carmén López-Cortón
José Pérez López-Villamil
Eloy Luís André
Maruxa Mallo
Juan Martín Sauras
Manuel Martínez-Risco
Sofía Novoa
Roberto Nóvoa
Alejandro Otero
Paz Parada Pumar
Isidro Parga Pondal
Marcelino Pedreira
Vicente Risco
Ramón Rodríguez Somoza
Ernesto Seijo Espiñeira
Luciano Seoane
Ramón Sobrino Buhigas
Emilio Sotelo Rey
Paulino Suárez
Osorio- Tafall
Ramón Tenreiro
Olimpia Valencia
Manuel Varela Radío
Salvador Velayos
Eduardo Vincenti Reguera
Xoán Vicente Viqueira

Un proxecto de:

Consello da Cultura Galega

¿Comentarios?
redaccion@consellodacultura.org


ret_manuel-diaz-rozas.jpg Documento sin título
oco
 

Extras sobre Manuel Díaz Rozas

oco
frecha Artigo sobre Manuel Díaz Rozas en El País, Semanario Republicano de Galicia 1932 oco
oco
 
gal_107_01.jpg

Ver a galeria comentada

Bibliografía...

COSTA RICO, A., A reforma da educación (1906-1936), Ed. do Castro, Sada, 1996, pp. 38-49 e 205-226.



Entre o máis numeroso grupo dos inspectores de educación que existiu en Galicia a partir dos anos vinte quero facer notar o nome de Manuel Díaz Rozas, o inspector xefe da provincia da Coruña, director da Sección de Pedagoxía do SEG e quen nas Asambleas pro–Estatutarias do tempo da República e case en solitario, defendía a necesidade de descentralizar o sistema educativo español e de situar a educación como unha das competencias do Estatuto de Autonomía de Galicia. Tiña que ter algunha singularidade este personaxe que sendo Inspector aparecía en tarefas e compromisos como os citados. Aparecía como conferenciante en defensa do uso escolar do galego nas conferencias do SEG de Pontevedra de 1935; fora o responsable da posta en marcha das misións pedagóxicas da provincia da Coruña en 1932; escribía no Boletín de Vanguardia Pedagógica, editado na Coruña nos anos 1935 e 36. Indagando e preguntando, finalmente, co auxilio do mestre segoviano aclimatado en Ribadeo Don Gregorio Sanz, chegamos en 1990 na Mariña de Lugo a coñecer a uns sobriños de Don Manuel Díaz Rozas e a casa onde permaneceu case muda e quizais con pequenas alteracións a biblioteca e parte dos papeis do inspector e da súa dona, a tamén inspectora Cristina Pol, con vínculos familiares na Mariña. De feito, chegáramos a coñecer incidentalmente a Díaz Rozas nunha residencia de anciáns da súa cidade, pero sen que iso significara saber anteriormente do personaxe.

Manuel Díaz Rozas (A Coruña, 1894-1984), logo de realizar estudios normalistas na Coruña continuounos na Escola Superior do Maxisterio en Madrid. En 1920 comezaba a ser profesor na Escola Normal de Zamora e pasaba deseguida como inspector á provincia da Coruña. En 1921 vai a Francia, Bélxica e Suiza nunha viaxe pedagóxica para a que se lle concedeu unha bolsa desde a Xunta de Ampliación de Estudios. Desde París desprázase a Londres, Oxford e Cambridge. Durante a Dictadura de Primo de Rivera é expedientado e enviado a Huelva polas súas actividades republicanas, podendo retornar á Coruña en 1930, ano este no que se lle concedeu outra bolsa para desprazarse a Francia, Bélxica, Suiza e Italia, para seguir amplíando a súa formación pedagóxica, podendo así, entre outros extremos entrar en contacto directo coas realización pedagóxicas de Decroly, e mesmo con Edouard Claparède en Xenebra.

No plano político, relaciónase Díaz Rozas coa “Agrupación al servicio de la República” de Ortega y Gasset, coa ORGA e cos galeguistas. En 1933 forma parte como independente da candidatura unitaria a diputados para o Congreso promovida polos republicanos, os socialistas e os galeguistas. Ao inicio da guerra civil queda inhabilitado para ocupar cargos e é enviado a Ávila, xunto coa súa dona. En 1941 sanciónano coa separación definitiva e non podería reingresar ata 1952 e fóra de Galicia. En 1976 en silencio morría Cristina Pol; en 1984 faríao de igual xeito Díaz Rozas.

En decembro de 1932 el e a súa dona con algún outros ensinantes crearan a “Sociedad Paidológica Gallega”, procurando realizar aquí algo do que Galí e outros facían en Cataluña, ou Faria de Vasconcelos en Portugal, e a propósito na Biblitoeca de Díaz Rozas están unha colección da catalana Revista de Psicología i Pedagogía e as obras do portugués. Unha Sociedade para fomentar e cultivar os estudos e investigacións paidolóxicas –psicopedagóxicas, diríamos hoxe- en Galicia, en ben da educación dos nenos galegos. Un antecedente do Laboratorio de Psicotecnia que en 1934 se puxo en marcha no seo do SEG baixo a atención de Antón Iglesias Vilarelle; un antecedente tamén da Sociedade de “Vanguardia Pedagógica” e do seu Boletín (1934 e 1935, respectivamente), tendo como iniciadores a Díaz Rozas, Gustavo Díaz Sánchez (como Presidente), José Toba, María L. Vicente, Josefina Teijeiro e Juan Pedreira Deibe.

Para todo iso, para os traballos da Sección de Pedagoxía do SEG e outros emprendimentos había que dotarse de recursos de investigación e as boas bibliotecas eran imprescindibles, así como os contactos internacionais. Todo isto foi atendido por Díaz Rozas que fixo intentos de conexión con P. Bovet e con Claparède en Xenebra, con Simón en París, e con Decroly en Bruxelas. E procurou dotarse dunha adecuada biblioteca. Un total de 2350 títulos e unha cifra superior de volumes, ademais de distintas coleccións de publicacións periódicas configuran a o seu fondo. Un fondo que quedou como agochado nunha casa aldeá ata máis alá da morte dos inspectores: un tesouro bibliográfico “fóra de circulación”, con libros de pedagoxía, de psicoloxía, de historia, de literatura, matemáticas, química, ciencias naturais, traballos manuais ou de filosofía, editados en castelán, pero tamén en alemán, en francés, en italiano, en inglés e até en catalán e eusquera. Ferrière, Montessori, Claparède, Decroly, Fröebel, Giner, Rein, Compayré, isto é, os grandes nomes da pedagoxía e da psicoloxía pedagóxica europea, alí estaban; dicionarios pedagóxicos en alemán, revistas en francés,… e ademais maletas con libros e revistas, cunha colección case enteira da Revista de Pedagogía de L. Luzuriaga; moi ben gardado aparecía o Boletín de Vanguardia Pedagógica e o Reglamento de la Sociedad Paidológica Gallega creada en 1932. A modernidade pedagóxica europea era, así, compartida na Galicia do primeiro tercio tamén por inspectores; no 36 esfarelaran todo. Manuel Díaz Rozas asimesmo tiña viaxado ao estranxeiro pola súa parte para coñecer de preto distintas experiencias pedagóxicas.

Entre as obras de psicoloxía existentes podemos sinalar 67 títulos relacionados coa psicoloxía infantil, 20 coa psicofisioloxía, 18 volumes da primeira traducción das obras completas de Freud, e outros dedicados á psicoloxía esperimental, á psiquiatría infantil e outros campos. Entre eles, Le sentiment d’inferiorité chez l’enfant con dedicatoria persoal de Claparède, o primeiro dos Cahiers de Pedagogie Experimentale et de Pychologie de l’Enfant (1934), El alma del niño de Preyer, a Técnica de Psicología Experimental, o Psicoanálisis y la educación de Bovet, La naissance de l’intelligence (París, 1909), Le langage graphique de l’enfant de A. Descoeudres, Measurement of Intelligence de Godenough (1926), un Manual of Child Psichology, The Psychology and Pedagogie of Reading (1928), os Studies in the development of Young Children de Berkeley, diversos tomos da serie “Educational Psychology Monographs” da Universidade de Nova York, así como outros da serie monografica da “Society for Research in Child Development” de Washington.

Se falamos dos Diccionarios de Pedagoxía, entre outros e xunto ao Labor (1936), podemos citar o Lexikon der Pedagogik de Otto Willmann (1913), a Encyklopadie der gesammten Erziehungs und Unterrischsmefens editada en Gotha en 1859 con 11 tomos, ou a Real Encyklopädie der Erziehungs editada en Mainz en 1872.

Entre as publicacións periódicas, ademáis das xa citadas, alí encontramos varios exemplares do Boletín de Educación editado pola inspección coruñesa nos anos 1935 y 1936, El Magisterio Español (1923-1927), exemplares da Revista de Escuelas Normales, Le Travail manuel a l’êcole (1925-27), Le journal des educateurs (1932-35), L’éducation enfantine (1924-25 y 1932-34), La documentation pour l’image (1933-35), Les Humanités,…

Os Programmes officiels de l’enseigment dans la Republique des Soviets, La educación del hombre de Fröebel (en edición de 1913), a Pedagogía de Rein, o Manual de Pedagogía de Lay, corenta e tantos títulos da serie “Ciencia y Educación” de Ediciones La Lectura/Espasa Calpe, obras de Spencer, de Rousseau, de Galí, títulos de “La nueva educación” das publicacións de “La Revista de Pedagogía”, Compayré coa súa Organisation Pedagógique do 1900, Herbart, Luquet, L’autonomie des ecoliers de Ferriere, textos de Dottrens, referencias ao Plan Dalton e a Montessori, o The year book of Education de 1913, The Doctrine of formal Discipline in the light of Experimental Investigation (Baltimore, 1916), a Paidología de Barnés, Freinet coa súa L’imprimerie a l’école de 1927, Lombardo Rádice, Días Agudo, Vermeylen, Müller, Tolosa Latour, Santaló, Gesell, Dewey, Ballard, Terman, Faria, Comas, Decroly, Binet, Pestalozzi, Germain, Mercedes Rodrigo, Pieron, Bühler, Sully, Carmichael…, configurando, así, un fondo suficientemente considerable, aínda que non extenso nin sistemático; valioso polos autores, as edicións e os títulos, que sorprende en canto a súa modernidade e polo considerable número de obras en inglés, francés, alemán ou italiano. O máis valioso dos fondos histórico- pedagóxicos actualmente conservados en Galicia.


Díaz Rozas, reincorporado ao ensino nos anos cincuenta, tivo un silencioso desempeño profesional, como aconteceu nos demais casos de ensinantes sobre os que caera a pauliña da sospeita política da parte dos franquistas, pero en todo caso deixounos un legado de libros e actitudes ante os problemas e o desenvolvemento educativo de Galicia.
Autor/a da biobibliografía: Antón Costa


Untitled Document
 

Información
Arquivo
Eventos
Especiais
Temas do dia
Zona Cultura
Fin de Semana
Axenda
Certames
Biblioteca
Zona Rss
Soportais
LG3 - Literatura
RCG - Audio
AVG - Cine
BD - Banda Deseñada
Interactividade
Propostas de temas
Boletins
Enviar actos
Enviar certames

Correo da redacción
Mapa do Sitio
Axuda
Nós
O equipo do portal


Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org