 |
Inicio /
Evaristo Correa Calderón

Evaristo Correa Calderón
Neira de Xusá 1899 -
Trives 1986
Pioneiro poeta vangardista galego e crítico literario especializado nos grandes escritores da Literatura española
Untitled Document
|
|
|
Documento sin título
 |
Bibliografía...
VV.AA.: Ronsel, Revista de Arte. Número conmemorativo del cincuentenario de su publicación (1924-1974).
CARBALLO CALERO, R.: Historia da Literatura Galega Contemporánea, Ed. Galaxia, 2ª edición, Vigo, 1975.
VV.AA.: Ronsel, edición facsímile, Ed. Sotelo Blanco, Barcelona, 1982.
PARDO DE NEIRA, X.: Evaristo Correa Calderón, a consolidación do nacionalismo galego e a introducción do vangardismo galego na literatura galega, en Boletín Galego de Literatura, Servicio de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade de Santiago de Compostela, 2000.
PARDO DE NEIRA, X.: Lugo: cultura e República. As manifestacións intelectuais dunha cidade galega entre 1931-1936, Ediciós do Castro, Sada, 2001.
PARDO DE NEIRA, X.: Evaristo Correa Calderón, Xunta de Galicia, colección A Nosa Memoria, 2003.
|
|
Ámbitos de ocupación:
Literario / Letras
|
Escritor, crítico literario e catedrático de Literatura española en diversos institutos de ensino secundario, que publicou as súas primeiras colaboracións en xornais e revistas galegas, aportou á literatura autóctona as primeiras mostras do vangardismo poético en lingua galega, que acompañaba dun activismo político de incuestionable tendencia nacionalista, do que daría cabo en 1936, ao estalar a guerra civil e afiliarse a Falanxe Española.
Fillo de Antonio Correa Fernández, prestixioso xinecólogo instalado en Lugo, tamén escritor e numerario das Academias de Medicina e Cirurxía de Madrid e Barcelona, Evaristo Correa Calderón naceu na casa patrucial de resonancias fidalgas de Neira de Xusá na beira decimonónica do ano -1899- que servía de ponte entre os séculos XIX e XX. Aínda moi novo fundou en Baralla o semanario El Eco e en Lugo dirixiu El Chiste Semanal e o tamén semanario De todo un poco, no que publicou os seus primeiros versos, Juvenilia, etc., todos eles intentos xuvenís, pero sendo estudante de bacharelato comezou a colaborar en La Idea Moderna, o daquela máis prestixioso xornal da cidade de Lugo, e adheriuse ao movemento das Irmandades da Fala.
Rematado o bacharelato, en 1917 asentouse en Madrid para cursar a carreira de Filosofía e Letras na Universidade Central e grazas aos contactos familiares, pero sobre todo con Xoán de Forcados, ingresou na mítica Residencia de Estudiantes, tan en sintonía coa Institución Libre de Enseñanza e coa Junta para Ampliación de Estudios, onde entablou amizade con Euxenio Montes, García Lorca, Rafael Alberti, Luís Buñuel, etc. Desde Madrid seguiu colaborando coa prensa galega, entrou en contacto cos cenáculos literarios do momento e imbuíuse da estética vangardista, especialmente do dadaísmo francés. Comezou a redacción dos Poemas Sinxelos, escritos na Residencia de Estudiantes entre 1917 e 1921, que se foron publicando en diversas entregas no xornal nacionalista A Nosa Terra e que supuxeron as primeiras mostras do vangardismo literario de Galicia.
Tras cinco anos en Madrid, en 1922 regresa a Lugo como funcionario do goberno civil e funda Ronsel, a importante revista que aínda que breve no tempo -publicou 6 números de maio a novembro de 1924- foi importante tanto no literario coma no plástico, e na que colaboraron os escritores e artistas vangardistas de primeira liña. Durante parte dos anos 1925 e 1926 exerceu de redactor xefe do xornal El Pueblo Gallego de Vigo, no que fixo populares as súas seccións “Arar y cantar” e “Los trabajos y los días”, artigos recollidos no libro Índice de utopías gallegas, publicado en 1929. Como en Madrid deixara inconclusos os estudos universitarios trasladouse a Santiago para licenciarse en Letras na especialidade de Historia en 1927, ano no que tamén ingresa no Seminario de Estudos Galegos coa lectura do traballo Estampa d´uma cidade galega n-o mil oitocentos carenta e tres.
Facendo valer o título de licenciado e cos informes favorables de Américo Castro, co que partillara inquietudes no Centro de Estudios Históricos, e de López Suárez, disfrutou de axudas da Junta de Ampliación de Estudos para ir en 1927 de lector de español á École de Comerce e á de Instituteurs de Toulouse. Na cidade tolosana colaborou con André Cayatte na revista Tansit, na que publicou o ensaio Rose des vents de la poésie espagnole d´aujourd´hui, e coñeceu a Marcel Bataillon, que o levou a París para presentarlle a André Breton e Louis Aragon, que preparaban un dos seus manifestos surrealistas. En 1930, tamén por acordo da JAE, desempeñou o lectorado de Lingua e Literatura españolas na Universidade de Bucarest, onde comezou a interesarse pola situación da lingua xudea-hispánica nos países balcánicos, á que se continuaría dedicando máis tarde no Instituto de Estudios Sefardís, e sobre a que publicou parcialmente o seu inacabado estudo Corpus paremiológico judeo-español de los Balkanes. A longa traxectoria como profesor de bacharelato iniciouna en 1933 como catedrático de Lingua e Literatura Españolas no instituto de Almería, que continuou desempeñando nos de Lugo, Santander, As Palmas, Valladolid, Salamanca e Alcalá de Henares, onde se xubilou en 1969.
Deixándose influír por presións familiares e consellos de compañeiros de andainas literarias, en 1936, o mesmo 18 de xullo afiliouse á Falanxe e desertou para sempre do seu compromiso co nacionalismo galego e deixou de cultivar a literatura en galego. Así, foi xefe da sección de prensa e propaganda de Lugo, redactor xefe da publicación falanxista Azul, así coma colaborador da folla falanxista madrileña Arriba e da revista Escorial. Neste novo periplo, á parte da dedicación docente, Correa Calderón dedicouse aos estudos de crítica literaria que iniciou cos ensaios Intuición del Romanticismo, (1934) e Teoría de la Atlántida>, publicada primeiro na Revista de Occidente en 1936 e en 1959 como libro co título de Teoría de la Atlántida y otras historias fabulosas. Foron moi valorados os seus estudos sobre Mesonero Romanos, Zorilla, Emilia Pardo Bazán, Valle Inclán, Gómez de la Serna e Larra e foi profundo coñecedor da obra de Baltasar Gracián do que publicou as súas Obras Completas (1944) e Baltasar Gracián. Su vida y su obra (1970). Tamén dirixiu a “Biblioteca Anaya” da editorial do mesmo nome que en 1959 cofundou en Salamanca con Fernando Lázaro Carreter, co que tamén é coautor do libro Cómo se comenta un texto literario (1989).
Como creador literario, a súa obra en galego, ademais dos Poemas sinxelos dos seus primeiros anos publicou Luar. Contos galaicos (1923), Conceición singela do ceo (1924), novela curta con ortografía lusista como Ontes. Poemas (1925) e Margarida a da sonrisa da aurora (1927), conto de fadas para nenos. En castelán publicou en 1955 La noche céltica, basicamente os contos de Luar traducidos, e en 1983 De aquí a la primavera, novela da que estaba preparando a versión galega no momento da súa morte, ocorrida en 1986 en Trives, onde en 1944 casara en segundas nupcias con María Luísa Maldonado e Alvarado, VII marquesa de Castellanos e III de Trives.
Autor/a da biobibliografía: Xosé Ramón Fandiño Veiga
|
Obra
de Evaristo Correa Calderón
Luar. Contos galaicos 1923
Conceición singela do ceo 1924
Ontes. Poemas 1925
Margarida a da sonrisa da aurora 1927
Índice de utopías gallegas, Madrid, 1929.
Intuición del Romanticismo, Almería,1934.
Los costumbristas españoles, Madrid, 1950.
La noche céltica, 1955
La noche céltica, 1955
Teoría de la Atlántida y otras historias fabulosas, Madrid, 1959.
Baltasar Gracián. Su vida y su obra, Madrid, 1970.
De aquí a la primavera, 1983
Cómo se comenta un texto literario Salamanca, 1989.
|
|
|