 |
Inicio /
Isidro Parga Pondal

Isidro Parga Pondal
Laxe 1900 -
Laxe 1986
O científico galego con maior proxección
Untitled Document
|
|
|
Documento sin título
 |
Bibliografía...
VIDAL ROMANÍ, J.R: Isidro Parga Pondal, vida e obra, Trasalba (Ourense), Ed. Publicacións da Fundación Otero Pedrayo. 1984
GURRIARÁN RODRÍGUEZ, RICARDO: Ciencia e conciencia Santiago, Servizo de Publicacións da USC. 2006
|
|
Ámbitos de ocupación:
Docente
Investigación / Científico
|
Isidro Parga Pondal procedía de dúas familias da burguesía galega de gran sona, preocupadas polo país. Era sobriño neto do vate Eduardo Pondal, por parte materna, e pola outra póla familiar era neto do médico hidrólogo Isidro Parga Abente, quen ía ser o seu principal referente e titor. Logo da prematura morte do seu pai, o seu avó conduciría a Isidro cara as ciencias experimentais.
Despois de facer o bacharelato no Instituto de Santiago, Parga Pondal marchou a Madrid a estudar Ciencias Químicas. Alá recibiría ensinanzas das primeiras fornadas de profesorado formado en Europa baixo o amparo da JAE, nun momento de grandes mudanzas formativas. A renovación metodolóxica, o ensino pegado ao laboratorio e a formación de equipos de traballo, entre outros, serían elementos que conformarían unha nova actitude docente e investigadora, da que Isidro se empapou naquela curta estadía na Universidade Central, e que logo vai facer propia cando axiña comece a exercer o labor docente. Logo de rematar a carreira en 1922, ao ano seguinte accede a unha auxiliaría na Universidade de Santiago para impartir Química Analítica na neonata Sección de Ciencias Químicas (decembro de 1922).
En tan só quince anos de docencia continuada, interrompida somentes en períodos de formación permanente no estranxeiro, Parga Pondal vaise converter nun dos innovadores máis importantes que tivo a vella institución compostelá. Chegou a impartir ata catro disciplinas diferentes. A constitución dun grupo de profesores mozos agrupados na nova facultade, sen os vellos vicios e a endogamia que había nas do lado, Parga xunto a Calvet, Martín Sauras e Luís Iglesias, por citarmos os máis significados, case todos formados nos principais centros científicos de referencia europeos, vai dar un importante pulo actitudinal á docencia universitaria regrada e pararegrada en Compostela. No seu haber quedou o cambio de relación entre alumnos e alumnas cos profesores, compartindo conxuntamente ocio e lecer instructivo, a incorporación da muller aos equipos de investigación e o achegamento das aulas compostelás á comunidade científica internacional, por significar o máis salientable. Esta última afirmación se pode contrastar ollando o Chemical Abstract, principal compendio da produción científica mundial, ou na revista da Sociedad Española de Física y Química, onde se observa como Parga e algúns dos profesores citados publican artigos científicos a carón dos seus discípulos e discípulas, multiplicando por cinco a cativa produción anterior dos cadros de persoal docente da Universidade de Santiago. En definitiva: un claro referente dinamizador e modernizador. Son claras as manifestacións de Parga sobre a situación docente naquel tempo: "En nuestros centros oficiales falta vida, realidad. Por causa de que tanto ellos (su organización) como la mayoría de sus profesores están petrificados. Salvo casos contados, en los que el profesor consigue por su esfuerzo personal cambiar incluso el espíritu de sus alumnos, luchando contra los demás claustrales, puede decirse que el profesor español, aún en el caso más favorable de poseer ciencia y capacidad, se apoltrona, escudado detrás de las leyes vigentes que él mismo defiende para su comodidad".
Complementariamente, Parga Pondal levaría a cabo un importante labor de concienciación “de país”, tanto entre o estudantado como cos seus colegas docentes, a través da súa intervención no Seminario de Estudos Galegos (1923), desde a Sección de Ciencias Naturais, atraéndoos cara a institución. Foi o principal impulsor das ciencias experimentais naquela senlleira corporación, tendo especial relevancia unha manchea de traballos publicados na súa revista Arquivos (un total de sete); desde 1929 xestionaría un laboratorio na sección citada (na área de xeoloxía e minería) e máis adiante crearía a subsección de xeoquímica (1932). En 1935 participou na Semana Cultural Galega de Porto, nunha iniciativa interdisciplinar entre as universidades, coa colaboración do SEG.
Casou cunha filla do propietario do Balneario de Mondariz, Enrique Peinador, ao igual ca outro docente santiagués, catedrático de fisioloxía García-Blanco, quen puxo en marcha unha sección da súa especialidade no SEG. Ambos, finalizando a década dos 20, xestionaban un laboratorio na estación balnearia. No terreo político adquiriu un gran compromiso militando no Partido Galeguista.
As primeiras achegas que fixo Parga foron no terreo do estudo das algas mariñas, para logo axiña centrarse na análise mineral, na que sería a súa especialidade definitiva: a xeoquímica. En canto á formación permanente, Parga, desde a súa chegada a Santiago, amosou moito interese por ampliar coñecementos no estranxeiro. Logo dunha primeira tentativa baldía por obter unha bolsa da JAE, en 1924, pese a que ía avalada por Casares Gil e López Suárez, en 1929 consigue ser pensionado en Alemaña e Suíza, durante un ano. Estivo en Zúric na Escola Politécnica (Instituto de Mineraloxía e Petrografía) cos profesores Niggli, Burri, Parker e Jakob. Froito desta estadía publicou varios artigos en revistas científicas alemanas. Pouco antes da súa partida fixera un curso en Madrid para investigadores no Instituto de Investigaciones Físicas (Química-Física, Electroquímica e Electroanálise, dirixidos polo eminente catedrático Enrique Moles), que servira, tamén, para estreitar lazos de colaboración científica e formativa coa rede de laboratorios da JAE e con outros organismos asociativos. Froito destes contactos, unha das maiores preocupacións súas foi colmada: que os seus principais discípulos accedesen a ampliar a formación nas liñas de investigación que estaba abrindo Parga naquel momento; e que estes pasasen a engrosar o cadro de persoal docente da Universidade de Santiago, nun proceso de autoformación, coordenado coa política científica que emanaba do contorno da JAE. Como aconteceu con Zapata Zapata e José Vázquez Garriga, aínda que este último, finalmente, se quedase no Instituto Rockefeller. Finalizando 1932, Parga obtería outra bolsa dun ano de duración, neste caso do consorcio de empresarios da Industria Española de Cementos, para ir a Alemaña (Escola Técnica Superior de Berlín: Zement-Technisches Institut der Technisches Hochschule, con Kühl). Foi elixido entre vinte científicos españois e estranxeiros que optaban á bolsa para estudar a química dos cementos silicatados e a súa destrución por líquidos agresivos. Dos seus traballos naquel centro deixou constancia con varios artigos en revistas alemanas. Naquel momento xa era un investigador galego recoñecido, preocupado pola aplicación científica á industria. En 1930 fora distinguido co premio Alonso Barba, patrocinado pola Sociedad Española de Física y Química para motivar o fomento da investigación. Viña sendo asociado desta corporación desde os seus tempos de estudante en Madrid, e estreito colaborador. Ata un total de dez traballos publicou na súa revista, Anales, tres en colaboración con discípulas que formaban parte dos seus grupos de traballo; foi un dos principais impulsores do achegamento da muller á ciencia e a investigación.
En 1934 presenta en Madrid a súa tese de doutoramento (Quimismo de las manifestaciones magmático-cenozoicas de la Península Ibérica). En 1935 puxo en marcha o Laboratorio de Xeoquímica, coa colaboración da Fundación Nacional para Investigaciones Científicas y Ensayos de Reforma (era o laboratorio que recibira maior orzamento), xestionada por José Castillejo, cuñado de Juan López Suárez, dentro das iniciativas promovidas polo Instituto de Estudos Rexionais da Universidade de Santiago. Desde o un de xullo de 1936 era Secretario da Facultade de Ciencias. Poucos días despois, cos primeiros efectos da sublevación, foi expulsado da universidade por esquerdista e galeguista. Sendo suspendido primeiramente de emprego e soldo, logo sería separado do servizo definitivamente.
Logo da Guerra Civil, xa fóra do labor docente, ao que xamais volvería, proseguiu o seu labor investigador no seu Laxe natal (Laboratorio Xeolóxico de Laxe) estudando a fondo o subsolo galego, compaxinándoo coa iniciativa privada (Kaolines de Lage, 1938), e logo en Zeltia, desde onde comezou a industrialización do cemento galego. Tamén fixo excursións de investigación xeográfico-xeolóxicas, custeadas por Juan López Suárez (1939, con Aperribay e Hernández Pacheco). Mantivo un contacto permanente con científicos e institucións estranxeiras, que en moitas ocasións viñeron á súa casa, atraídos polo seus coñecementos. Desde Laxe seguiu irradiando saber creando escola, ata a súa morte.
En 1983 a Universidade de Santiago organizou un acto académico de desagravio co profesorado sancionado, no que Parga Pondal foi nomeado Doutor Honoris Causa, sendo reitor Suárez Núñez.
Isidro Parga Pondal foi un arquetipo da que podiamos chamar xeración perdida, que nace coincidindo no tempo coa chegada do século XX, e que remata coa efémera II República. Aquel capital humano e científico que posuían foi mesquinamente desaproveitado (excluídos) por terse comprometido sociopoliticamente co país e por participar na modernización da institución universitaria da que formaban parte.
Superou con amplitude a centena de publicacións, de variada temática dentro do terreo da mineraloxía e a cartografía. Para a obra anterior a 1950 ver Diccionario bio-bibliográfico de escritores (COUCEIRO FREIJOMIL, A., Santiago, 1954). Para a posterior, ver a GEG, voz Parga Pondal, realizada por Vidal Romaní.
Autor/a da biobibliografía: Ricardo Gurriarán Rodríguez
|
|
|