culturagalega.org
Álbum de mulleres | Inicio
Inicio / Antonio Baltar

Antonio Baltar
Santiago 1906 - Bos Aires 1970
Médico comprometido cos valores culturais e políticos de Galicia
Untitled Document
Inicio
1907, Un ano para a
cultura científica
Indice alfabético
Castelao
Antonio Baltar
María Barbeito
Fermín Bouza Brey
Fernando Calvet Prats
José Casares Gil
Aniceto Charro Arias
Evaristo Correa Calderón
Pedro Couceiro
María Victoria Díaz Riva
Manuel Díaz Rozas
Rafael Dieste
Fernández de la Vega
Xosé Filgueira Valverde
Cruz Gallástegui
José García-Blanco
Gonzalo Gurriarán
José Gutiérrez del Arroyo
Luís Iglesias
Sara Leirós Fernández
Florentino López Cuevillas
Carmén López-Cortón
José Pérez López-Villamil
Eloy Luís André
Maruxa Mallo
Juan Martín Sauras
Manuel Martínez-Risco
Sofía Novoa
Roberto Nóvoa
Alejandro Otero
Paz Parada Pumar
Isidro Parga Pondal
Marcelino Pedreira
Vicente Risco
Ramón Rodríguez Somoza
Ernesto Seijo Espiñeira
Luciano Seoane
Ramón Sobrino Buhigas
Emilio Sotelo Rey
Paulino Suárez
Osorio- Tafall
Ramón Tenreiro
Olimpia Valencia
Manuel Varela Radío
Salvador Velayos
Eduardo Vincenti Reguera
Xoán Vicente Viqueira

Un proxecto de:

Consello da Cultura Galega

¿Comentarios?
redaccion@consellodacultura.org


re_baltar.jpg Documento sin título
baltar_dieste.jpg

Ver a galeria comentada

Bibliografía...

ISAAC DíAZ PARDO, “El doctor Antonio Baltar”, en La Voz de Galicia, outubro, 1970.

MARíA DíAZ REY, Antonio Baltar. O compromiso do exilio, Ediciós do Castro,

BOROBó, El fantasma de Valle Inclán, Ediciós do Castro, 1986.

ISAAC DíAZ PARDO, “Lembrando a Antonio Baltar, exiliado”, en El Correo Gallego, 5.07.1986.

XOSé NúñEZ BúA, Revoeira, Ir Indo, Vigo, 1999.

RICARDO GURRIARáN, Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Universidade de Santiago. Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, Santiago, 2006.



Ámbitos de ocupación:
Médico / Sanitario 


Membro dunha estirpe de médicos –o seu pai, o padronés Ánxel Baltar Cortés, foi director do Hospital de Santiago e pioneiro en técnicas cirúrxicas, ademais de protector da familia Castelao, e o seu irmán Ramón, pai tamén de dous cirurxiáns, foi director do Sanatorio Baltar e do Gran Hospital de Santiago-, Antonio Baltar Domínguez naceu en Santiago en 1906, onde estudou Medicina, aínda que tamén o fixo en París atraído pola escola de Histopatoloxía e na Universidade Complutense de Madrid, onde se licenciou. No ano 1933, xa especializado en Histoloxía patolóxica, ingresa no corpo de Médicos Inspectores Municipais de Santiago e pouco despois, becado pola Junta de Ampliación de Estudios, viaxa a Berlín para estudar na Pathologisches Institut Universitäts Frauenklinik cos profesores R. Meyer e W. Stoeckel e a Breslau ao Neurologisches Institut. Entre 1934 e 1936 desempeñou o cargo de profesor auxiliar de Histoloxía e Anatomía Patolóxica da Universidade de Santiago, ao mesmo tempo que concentraba as súas inquedanzas na creación da “Agrupación al Servicio de la República” de Compostela e na elaboración dos seus escritos publicados da Revista P.A.N. (Poetas Andantes e Navegantes) co pseudónimo de Antón Martín.

Ao iniciarse a Guerra Civil, Antonio Baltar foi suspendido de emprego e soldo na Facultade de Medicina e vendo o futuro incerto que o agardaba por ter sido colaborador da República e declarado enemigode la patria preferiu exiliarse a América, onde a súa muller, Mireia Dieste, filla e sobriña respectivamente dos escritores Eduardo e Rafael Dieste, tiña casa familiar. Tras dous meses en Montevideo, o matrimonio trasládase a Arxentina e participa nas actividades dos intelectuais galeguistas exiliados. En 1937 revalidou o título de doutor en Medicina na Universidade da Prata e funda un sanatorio en Avellaneda co tamén santiagués Gumersindo Sánchez Guisande, catedrático de Anatomía que tivera que seguir o camiño paralelo do exilio en 1936, que dirixiu o tratamento clínico no tramo final da enfermidade de Castelao e, por designación do goberno da República no exilio, pronunciou o discurso necrolóxico na Chacarita.

De 1939 a 1947, Baltar organiza o Laboratorio de Anatomía Patolóxica do Centro Galego de Bos Aires, funda o Hogar Gallego para Ancianos en Donselaar, a 50 quilómetros da capital federal, institución que Baltar ideara para axudar aos compatriotas que envellecidos e desvalidos na Arxentina, ao mesmo tempo publicaba varios artigos sobre Ciencia e Cultura. Nunha das “Historias Verdadeiras” que publicou na revista Galicia Emigrante, agachado no pseudónimo Luis Estévez, explica el mesmo as razóns que o empuxaron a trasladarse á Patagonia a exercer como médico dos mineiros de Chos Malal, lugar illado do Neuquen, ao pé dos Andes: “O médico debe servir onde faga máis falla. En Buenos Aires haberá un médico por cada 300 habitantes, namentres que noutros sitios da Arxentina non chega a un por cada 1.000 kms cadrados. Como eu sempre tiven o anceio de rematar sendo médico rural na miña terra, e agora preséntaseme a ocasión de selo nesta onde atopei pan e liberdade”. Como lembra Núñez Búa (Revoeira, Homes, Feitos, Verbas, 1971): “Termando da saúde dos indios e mestizos, internándose nas serras por dous ou tres días para ir atender doentes, pasou tres anos a fío un médico galego que tiña feito cursos en universidades alemás, que se criou en pazos, que tiña na ría de Arousa, en Rianxo, praia de propiedade familiar con iate de recreo e que aos 24 anos tiña sido nomeado profesor da Universidade”.

Entre 1952 e 1953 exerce de secretario na Dirección Xeral de sanidade do Sur (Baía Branca). Ao ano seguinte é nomeado catedrático de Anatomía Patolóxica na Universidade de Cuyo (Mendoza), onde dirixiu o Laboratorio Anatomopatolóxico, pero en 1954 abandona a cátedra por atraerlle máis o aspecto social que desde o Ministerio de Sanidade pode exercer como director xeral de Sanidade de Cuyo na rama de medicina sanitaria e a loita anticancerosa. Logo traballou como patólogo en Bos Aires e aínda se especializou en Medicina Social da Organización Mundial da Saúde. Entre 1961 e 1964 coordinou un Plan Integral de Saúde de San Juan e estudou a organización da medicina social dos Andes Centrais e das serras pampánicas. Nos anos posteriores traballou na Coordinación Sanitaria Rexional en Córdoba.

Nos seus trinta anos de exiliado, o seu traballo profesional e científico non o arredou da constante preocupación polos valores culturais e do futuro político e social de Galicia. Relacionouse intimamente cos intelectuais galegos exiliados na Arxentina, sobre todo con Rafael Dieste con quen, máis alá da relación familiar polo casamento con Mireia, o unía unha grande amizade desde a mocidade, cando coincidían en Rianxo, onde a familia Baltar construíra unha casa de solaz sobre os cantís de Tanxil, presidida por unha monumental escultura granítica da Virxe de Guadalupe, labrada por Francisco Asorey. Así, en 1956 presidiu a Asociación Gallega de Universitarios, Escritores e Artistas (AGUEA), que organizou cursos de xeografía, historia, lingua e literatura galega, unha homenaxe a María Casares, coloquios sobre os problemas de Galicia coas intervencións de Paz Andrade, Rafael Dieste, Alberto Vilanova, Núñez Búa, Ramón de Valenzuela, unha velada necrolóxica dedicada a Carlos Maside, promoveu a exposición de Díaz Pardo en 1957 no Centro Lucense e, en 1959, un coloquio sobre A parroquia galega, dirixido por Otero Pedrayo. Como iniciativa da AGUEA, tamén dirixiu, xunto a Luís Seoane, a editorial Citania que nas súas coleccións “Martín Sarmiento”, “Idacio”, “Mestre Mateo”, “Dolmen de Dombate” e “Herba de namorar” publicou importantes libros de Parga Pondal, Paz Andrade, Cruz Gallástegui, González López, Díaz Pardo, Blanco Amor, Fernández del Riego, Luís Seoane, etc.

Pouco despois da celebración do Primeiro Congreso da Emigración Galega celebrado en Bos Aires en 1956, organizado polo Consello de Galiza, no que presentou un relatorio titulado A Emigración Galega e a Cultura, Antonio Baltar viaxa a Galicia co encargo da AGUEA de poñer en marcha un proxecto que, como continuador do Seminario de Estudos Galegos, se dedicase á investigación socio económica. As xestións de Baltar non foron ben acollidas polos intelectuais do interior e, ademais, a policía aconselloulle aos familiares de Baltar que, para evitar problemas, o convencesen de que abandonase Galicia. Tamén colaborou estreitamente con Díaz Pardo e Seoane no proxecto do Laboratorio de Formas de Galicia que incluía a restauración de Sargadelos e a creación dun Museo Galego de Arte Contemporánea. Baltar, que fora nomeado por Carlos Maside presidente da comisión de testamentarios da súa obra, tratou de que o Museo promovido polo LF no Castro de Samoedo (Sada) incorporase a maior parte da súa obra, o que deu lugar a que este Museo leve o apelativo de Carlos Maside.

Antonio Baltar Domínguez morreu dun paro cardíaco en setembro de 1970 no Hospital Ribadavia de Bos Aires, a onde o trasladaran poucas horas desde Córdoba para ser intervido. “A mi me ha quedado una gran tristeza, pero de esas tristezas que construyen”, díxolle Eladio Dieste ao seu irmán Rafael en carta datada en Montevideo poucos días despois da morte do amigo e marido da sobriña de ambos.


Autor/a da biobibliografía: Xosé Ramón Fandiño Veiga


Obra de Antonio Baltar
 
“Drama del padre y del hijo estudiante, en P.A.N., 1935.

“Epistolario. Un caso de conciencia española", en P.A.N., 1935.

Comentario sobre “Biología y Democracia” de Juan Cuatrecasas, en De Mar a Mar, 1943.

“Lembranza”, en Vieiros, 1945.

“Río Hortega y su obra”, en Correo Literario, 1945.

“Recordando a Castelao”, en A Nosa Terra, 1950.

“Festa e trasmutazón nos Andes”, en Galicia Emigrante, 1955.

“Táboas para un cadaleito”, en Galicia Emigrante, 1955.

“Un gallego cumple su ciclo”, en Galicia Emigrante, 1955.

“A tola. Historia verdadeira de amor e soedade”, en Galicia Emigrante, 1956.

“Justicia y folklore”, en Galicia Emigrante, 1956.

“Isaac Díaz Pardo”, en Galicia Emigrante, 1957.

“Un coloquio antre galegos”, en Galicia Emigrante, 1957.

“A emigración galega e a cultura”, en Actas do I Congreso da Emigración Galega, Consello de Galiza, 1959.

“Encol dun museo circulante de fotografías de obras de arte, dibuxos en grabados”, en Actas do I Congreso da Emigración Galega, Consello de Galiza, 1959.

“Galeguismos”, en Vieiros, 1965.

Introducción para o catálogo da exposición “Carlos Maside en Galicia 1966-1967”, en Catálogo exposición “Carlos Maside. Galicia 1966-1967 Coruña, 1966.

Untitled Document
 

Información
Arquivo
Eventos
Especiais
Temas do dia
Zona Cultura
Fin de Semana
Axenda
Certames
Biblioteca
Zona Rss
Soportais
LG3 - Literatura
RCG - Audio
AVG - Cine
BD - Banda Deseñada
Interactividade
Propostas de temas
Boletins
Enviar actos
Enviar certames

Correo da redacción
Mapa do Sitio
Axuda
Nós
O equipo do portal


Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org