Ámbitos de ocupación:
Docente
|
Esta profesora, nada en Redondela en 1897, despois de realizar os seus estudos na Escola Superior de Maxisterio en Madrid, e logo do seu desempeño docente en diversas escolas primarias, accedeu á docencia como profesora numeraria de Filosofía e de Psicoloxía na escola Normal de Ourense, onde coincidiría coas inspectoras de ensino primario Aurora Maceda López e Antonia Ortiz Currais.
No seu decurso profesional podemos rexistrar o seu ingreso no Seminario de Estudos Galegos en 1929, para o que defendeu un ensaio, escrito en castelán, arredor do significado intelectual do Padre Feijoo no contexto de ideas do século XVIII; un texto que con máis de cen páxinas será editado en 1935.
Foi peticionaria en 1933 dunha bolsa de estudos das concedidas pola JAE para o seu perfeccionamento profesional en Europa. Ao non concedérselle renovou a súa petición en 1935. A tales efectos, expoñía entre os seus méritos, as investigacións pedagóxicas realizadas en Madrid baixo a dirección do recoñecido profesor Anselmo González, un dos introdutores dos traballos del Alfred Binet en España en relación cos estudos sobre a intelixencia dos escolares, en torno á educación dos deficientes, con Luís Hoyos, sobre metodoloxía científica aplicada ao campo psico-pedagóxico e con Domingo Barnés, o mellor tratadista e coñecedor dos estudos paidolóxicos entre nós, na fronteira dos anos trinta.
Concedéuselle unha bolsa en 1935 para a realización dunha visita en grupo de profesores e inspectores, que usufructuou xunto coas tamén citadas Antonia Ortiz e Aurora Maceda, para un período de dous meses; visita que fixeron efectiva na primavera de 1936, podendo percorrer distintos países europeos e coñecer de preto importantes experiencias e realizacións pedagóxicas. En París puideron acudir ao Laboratorio de Psicoloxía e de Pedagoxía Experimental dirixido polo Doutor Simon, baixo o amparo da Universidade da Sorbona; visitaron varios centros escolares primarios que aplicaban concretamente a metodoloxía de traballo en grupos, formulada por Cousinet, unha das figuras máis destacadas internacionalmente dentro do movemento da Escola Nova; coñeceron tamén os importantes traballos realizados baixo a dirección do profesor Henri Pieron, un dos fundadores da psicoloxía científica en Francia, creador en 1928 do Institut National de Formation Professionnel, e director do extenso e colectivo Tratado de Psicoloxía Aplicada. O periplo de estudos continuou por Bruxelas, onde visitaron escolas que seguían a metodoloxía decrolyana, e foron participes das actividades desenvolvidas no campo da formación profesional por parte de M. Christiaens, o impulsor do Instituto de Orientación Profesional de Bélxica. Viaxaron, de seguida, a Holanda, para coñecer os traballos de organización escolar e de metodoloxía didáctica levados a cabo en Amsterdam. Como era habitual, o grupo pasou logo a Suiza, á cidade de Xenebra, sede do Instituto de Pedagoxía Jean Jacques Rousseau impulsado por Ed. Clapàrede desde 1912, onde seguiron diversas actividades académicas co profesrado de tal Instituto (Pierre Bovet e Lipmann, entre outros), ao tempo que visitaron tamén detidamente o colexio experimental Maison des Petits. A viaxe continuou logo para a cidade de Milán en Italia, como ocasión para achegarse ao coñecemento da organización das escolas infantís, segundo as metodoloxías que impulsaban as pedagogas irmás Agazzi e a internacionalmente recoñecida María Montessori.
Un tempo, pois, de intensa formación, que de seguro iría redundar nas actividades académicas desenvolvidas en Galicia por esta profesora normalista, que seguiu desempeñando os seus labores con posterioridade aos sucesos bélicos de 1936 na Escola Normal do Maxisterio feminina de Santiago de Compostela, cidade esta na que morrería en 1978. É do caso salientar que Sara Leirós deu tamén alguna manifestación durante o tempo do franquismo das súas inquedanzas intelectuales desde unha óptica católica e conservadora, sendo autora dunha breve publicística, abaixo citada, de novo arredor da figura de Feijoo, sobre a corrente filosófica do existencialismo en relación coa educación, e aínda mesmo dunha pequena obra poética en castelán, cunha pequeniña achega en lingua galega.
Autor/a da biobibliografía: Antón Costa Rico
|
Obra
de Sara Leirós Fernández
El Padre Feijoo. Sus ideas crítico-filosóficas, Santiago, Paredes, 1935
El existencialismo en la educación, Paredes, Santiago, 1959.
El Padre Feijoo: su magisterio. Antología de sus obras, La Voz de la Verdad, Lugo, 1967.
Por el camino, El Eco franciscano, Santiago, 1975.
|
|